Orientámolo/a, paso a paso, para presentar unha solicitude no rexistro electrónico
MT975N - Subvencións a entidades locais galegas para o financiamento de actuacións destinadas ao fomento da prevención, reutilización e recollida en proximidade de residuos municipais. Fondos do Programa de Economía Circular e PIMA Residuos 2022/2023.
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de subvencións, polo procedemento de concorrencia competitiva, ás entidades locais e agrupacións de entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións destinadas ao fomento da prevención e a reutilización, e a recollida de residuos especiais de competencia municipal en puntos de proximidade (código de procedemento MT975N), ao tempo que se fai pública a súa convocatoria para os anos 2022 e 2023.
2. Son liñas subvencionables as seguintes:
• Liña 1. Actuacións destinadas á creación de espazos públicos de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios diversos (mobles, roupa, pequenos electrodomésticos, xoguetes...), coa finalidade de alongar a vida útil dos materiais e obxectos, previndo a xeración de residuos domésticos e a eliminación.
• Liña 2. Actuacións destinadas á instalación de puntos limpos de proximidade para favorecer a recollida separada de distintos fluxos de residuos.
Actuacións subvencionables e requisitos .
1. Ao abeiro desta orde de axudas serán subvencionables as actuacións que se citan a seguir para cada liña de axuda.
a) Liña 1. Actuacións destinadas á creación de espazos públicos de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios diversos (mobles, roupa, pequenos electrodomésticos, xoguetes...), coa finalidade de alongar a vida útil dos materiais e obxectos, previndo a xeración de residuos domésticos e a eliminación.
Serán subvencionables as actuacións destinadas á creación de espazos públicos de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios diversos (mobles, roupa, pequenos electrodomésticos, xoguetes...), coa finalidade de alongar a vida útil dos materiais e obxectos, previndo a xeración de residuos domésticos e a eliminación.
Este servizo municipal poderá prestarse ben nun espazo habilitado para o efecto ou ben ampliando os servizos que prestan os puntos limpos existentes na nosa Comunidade, adaptando as instalacións para que se poidan desenvolver estas actividades. Dentro destes espazos públicos pódense diferenciar tres tipos de actividades: autorreparación (nas especialidades que dispoña o servizo: electricidade, carpintaría, téxtil...) intercambio de obxectos e comunicación ambiental.
Deberá presentarse un proxecto en que se inclúan os tipos de obxectos e utensilios que se recibirán no espazo para a súa autorreparación, así como as condicións de intercambio.
En particular, serán actuacións subvencionables ao abeiro deste punto os proxectos que teñan por obxecto:
a) A adecuación de espazos para a habilitación das actividades de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios diversos dentro das instalacións dun punto limpo ou noutros locais municipais.
b) Os elementos de almacenamento adecuado tanto para os obxectos e utensilios recibidos como para os produtos recuperados (gaiolas, andeis ou armarios...).
c) O equipamento básico e ferramentas para o desenvolvemento das actividades de reparación e intercambio (bancos de traballo, andeis, armarios, mesas, cadeiras, contedores, básculas, ferramentas manuais, ferramentas e máquinas eléctricas portátiles ou mesmo un único equipamento informático sempre que se xustifique o seu destino á actuación subvencionable descrita neste punto).
d) A realización de traballos de adecuación da instalación eléctrica ou doutras subministracións necesarias para o correcto desenvolvemento da actuación no espazo municipal.
e) A adquisición de software e hardware para o control e a rastrexabilidade dos obxectos e utensilios recuperados e dispoñibles para o intercambio.
f) Actuacións de formación para os traballadores do espazo.
g) Actuacións de comunicación para o fomento do uso do espazo de autorreparación e intercambio unha vez creado.
h) Elementos de información (carteis, paneis ou sinalización) sobre as condicións de almacenamento dos obxectos de intercambio e as instrucións para a autorreparación de obxectos.
b) Liña 2. Actuacións destinadas á instalación de puntos limpos de proximidade para favorecer a recollida separada de distintos fluxos de residuos.
Para os efectos da presente convocatoria, teñen a consideración de residuos especiais de competencia municipal aqueles residuos que carecen de sistemas ordinarios de recollida pero que son susceptibles de recuperación ou necesitan recollerse separadamente debido ás súas especiais características (aceites vexetais usados, téxtiles, voluminosos, etcétera).
En particular, serán subvencionables accións dirixidas á implantación de puntos limpos de proximidade mediante:
a) Adquisición de puntos limpos de proximidade, con diferentes compartimentos para a recollida de distintos fluxos de residuos que carecen de sistemas ordinarios de recollida, sempre que se xustifique que cumpren os obxectivos deste servizo.
b) Adquisición de ferramentas informáticas (incluído software) para o seguimento da rastrexabilidade dos residuos recollidos.
c) Adquisición de elementos de información no propio punto limpo de proximidade sobre as condicións de entrega adecuada dos residuos, tales como carteis, paneis ou sinalización (máximo 1.000,00 €).
2. Os proxectos que se presenten para optar á presente convocatoria deberán observar os seguintes requisitos:
a) Os proxectos presentados dentro da liña 1 deberán incluír a realización de campañas de comunicación que teñan como obxectivo fomentar a participación cidadá nas actividades incluídas neles; considéranse gastos subvencionables ata un importe máximo de 5.000,00 €.
b) Os proxectos presentados deberán incorporar elementos de compra pública verde ou ecolóxica. A prestación de servizos ou a compra de materiais, ferramentas, equipamentos ou medios de recollida e transporte deberán incluír criterios ecolóxicos acordes cos obxectivos ambientais relacionados co cambio climático, a utilización dos recursos e a produción e o consumo sustentables (ecodeseño, emprego de materiais reciclados e/ou reciclables, eficiencia enerxética, redución de emisións, redución da pegada de carbono, economía circular, entre outros) que contribúan a reducir o seu impacto ambiental.
c) Para os proxectos presentados dentro da liña 1, a entidade local deberá comprometerse ao cumprimento da normativa sectorial en materia de residuos destas instalacións, así como á solicitude ou modificación da súa autorización e correspondente inscrición no Rexistro de Produtores e Xestores de Galicia, segundo sexa necesario.
d) Para subvencionar a implantación de puntos limpos de proximidade (liña 2), a entidade local deberá acreditar o destino dos residuos recollidos, ben a través dun acordo cunha instalación de punto limpo fixa autorizada ou ben directamente a través de acordos con xestores de residuos autorizados. Por outra banda, a entidade local deberá comprometerse ao cumprimento da normativa sectorial en materia de residuos.
Gastos subvencionables .
1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de forma indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.
2. En particular, non serán gastos subvencionables os seguintes:
a) Os gastos non xustificados correctamente ou que non sexan obxecto de subvención, así como os gastos non imputables ao investimento.
b) O imposto sobre o valor engadido.
c) Os gastos financeiros derivados do investimento.
d) Os investimentos realizados mediante contrato de arrendamento financeiro ou leasing.
e) Os gastos de persoal.
f) Os premios ou agasallos non relacionados coa actuación e/ou innecesarios.
g) Os custos asociados aos servizos de recollida e o tratamento dos residuos municipais.
h) Os custos de asesoramento técnico, realización de pregos ou pagamento de taxas administrativas.
i) Respecto dos bens de equipamento de segunda man, estes serán subvencionables cando se cumpran os requisitos seguintes:
1º. Que conste unha declaración do vendedor sobre a orixe dos bens e sobre que non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria.
2º. O prezo non poderá ser superior ao valor de mercado e deberá ser inferior ao custo dos bens novos similares; estes aspectos acreditaranse mediante certificación de taxador independente.
j) Non se financiarán alugueres nin o pagamento de servizos a terceiros.
k) No caso de que o proxecto, ou determinados conceptos del, afecten fluxos de residuos cubertos pola responsabilidade ampliada do produtor, non será financiable a parte atribuíble á responsabilidade ampliada do produtor.
l) Así como todos aqueles gastos que figuren no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como non subvencionable.
3. As entidades solicitantes poderán subcontratar a totalidade da actuación subvencionable, de conformidade co disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. O beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.
Deberase observar o disposto na normativa aplicable en materia de contratación pública vixente na tramitación do procedemento de contratación e, se é o caso, respecto de contrato menor con adxudicación directa.
As entidades locais municipais e supramunicipais e agrupacións de entidades locais de Galicia.
1. Poderán ser beneficiarias as entidades locais municipais e supramunicipais e agrupacións de entidades locais de Galicia, de conformidade coas competencias que lles correspondan en materia de xestión de residuos. Se a entidade ten as competencias en materia de xestión de residuos delegadas noutra entidade, será esta última a que poderá solicitar estas axudas.
2. No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de entidades locais, observarase o establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no tocante, en particular, á identificación dos compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, do importe de subvención que se aplicaría a cada un deles que terán, igualmente, a condición de beneficiarios, así como en relación co necesario nomeamento da entidade local que actuaría como representante da agrupación para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación.
Os concellos agrupados terán, en todo caso, a condición de entidade beneficiaria, polo que para poder conceder a subvención solicitada todos eles teñen que cumprir os requisitos, condicións, obrigas e compromisos establecidos nesta orde. A falta de acreditación do cumprimento dalgún requisito por parte dalgunha das entidades participantes suporá a inadmisión da solicitude conxunta cando afecte a entidade que ten a representación; nos outros casos, manterase a validez da solicitude sempre que se comunique por escrito a exclusión do concello afectado polo incumprimento, dentro do prazo concedido para o efecto.
3. Unha entidade local non pode concorrer á convocatoria de maneira simultánea e para a mesma actuación de maneira individual e a través da entidade supramunicipal ou agrupación en que se integre. De darse o caso, inadmitirase a solicitude que, de conformidade coa data de presentación, fose posterior no tempo.
4. Para poderen ser beneficiarias destas axudas as entidades locais deberán ter presentado as contas a que se refire o artigo 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, do exercicio orzamentario que corresponda, no Consello de Contas de Galicia.
5. Non poderán ter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Xunta de Galicia
Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda
Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático
Subdirección Xeral de Coordinación Ambiental
Servizo de Xestión Ambiental
Edificio Administrativo de San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981541743
Email: axudas.cmaot@xunta.gal
Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático
Orde do 7 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións destinadas ao fomento da prevención, reutilización e recollida en proximidade de residuos municipais, cofinanciadas polos fondos do Programa de economía circular e do Plan de impulso ao ambiente-PIMA residuos, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2022 e 2023 (DOG nº 118 do 21 de xuño de 2022).
Extracto da Orde do 7 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións destinadas ao fomento da prevención, reutilización e recollida en proximidade de residuos municipais, cofinanciadas polos fondos do Programa de economía circular e do Plan de impulso ao ambiente-PIMA residuos, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2022 e 2023 (DOG nº 118 do 21 de xuño de 2022).
Corección de erros. Orde do 7 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións destinadas ao fomento da prevención, reutilización e recollida en proximidade de residuos municipais, cofinanciadas polos fondos do Programa de economía circular e do Plan de impulso ao ambiente-PIMA residuos, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2022 e 2023 (DOG nº 136 do 18 de xullo de 2022).
Orde do 24 de outubro de 2022 pola que se modifica a Orde do 7 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións destinadas ao fomento da prevención, reutilización e recollida en proximidade de residuos municipais, cofinanciadas polos fondos do Programa de economía circular e do Plan de impulso ao ambiente-PIMA residuos, e se procede á súa convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para os anos 2022 e 2023 (DOG nº 206 do 28 de outubro de 2022).
Resolución do 11 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, pola que se dá publicidade das axudas concedidas a entidades municipais ao abeiro da Orde do 7 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións destinadas ao fomento da prevención, reutilización e recollida en proximidade de residuos municipais, cofinanciadas polos fondos do Programa de economía circular e do Plan de impulso ao ambiente-PIMA residuos, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2022 e 2023 (DOG nº 219 do 17 de novembro de 2022).
Orde do 23 de novembro de 2022 pola que se amplía o prazo de xustificación das subvencións convocadas ao abeiro da Orde do 7 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións destinadas ao fomento da prevención, reutilización e recollida en proximidade de residuos municipais, cofinanciadas polos fondos do Programa de economía circular e do Plan de impulso ao ambiente-PIMA residuos, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2022 e 2023 (DOG nº 227 do 29 de novembro de 2022).
Prazo de presentación: PECHADO
22/06/2022 00:00 - 21/07/2022 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.
Solicitudes .
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, http://sede.xunta.gal (código de procedemento MT975N). Este formulario xúntase como anexo I a estas bases.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
2. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3. As solicitudes poderan ser presentadas individualmente por un concello, no exercicio da competencia que ten asumida na materia, ou conxuntamente por máis dunha entidade local, ben sexa por medio de entidades de carácter supramunicipal que pola súa vez teñen a consideración de entidade local, ben baixo a modalidade de agrupación de entidades locais.
No caso de solicitudes conxuntas presentadas baixo a modalidade de agrupación, farase constar na propia solicitude, no parágrafo destinado á identificación do solicitante, a referencia a «Agrupación de» seguida da identificación das entidades de que se trate.
4. Unha entidade local deberá presentar tantas solicitudes como actuacións desexe realizar; polo tanto, se desexa concorrer ás dúas liñas, deberá presentar dúas solicitudes independentes, unha solicitude por cada liña de actuación.
5. As solicitudes (anexo I) serán subscritas directamente polas persoas que exerzan a súa representación. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.
No caso de solicitudes formuladas por agrupacións de entidades locais, a entidade local designada para actuar como representante deberá xuntar, ademais da documentación requirida ao abeiro do artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, un documento en que se deixe constancia de que as persoas representantes das entidades locais participantes autorizan a presentación da solicitude.
6. Para o caso de dificultades técnicas ou no caso de requirir máis información, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pon á disposición dos interesados o seguinte enderezo de correo electrónico: axudas.cmaot@xunta.gal
Documentación complementaria .
1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a documentación que se sinala:
a) Acreditación do nomeamento do representante da entidade solicitante.
b) Certificación do acordo adoptado polo órgano competente en que conste a decisión da entidade ou entidades locais de solicitar a subvención ao abeiro destas bases reguladoras (anexo II).
c) Certificación de que a entidade solicitante remitiu ao Consello de Contas de Galicia as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigada. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes (anexo II).
d) No suposto de que a entidade local achegue fondos ao proxecto/actividade/actuación para a que se solicita subvención, para os efectos do establecido en relación cos criterios de valoración, achegarase tamén declaración responsable en que se faga constar que se dispón de crédito suficiente no orzamento da entidade local para o pagamento da parte proposta para o cofinanciamento pola súa banda.
e) No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de entidades locais, deberán xuntar:
1º. Documentación xustificativa da persoa ou entidade local designada para actuar como representante para formular a solicitude presentada.
2º. Identificar a relación de entidades locais participantes.
3º. Xustificación, de ser o caso, de que as persoas representantes das entidades locais participantes autorizan a presentación da solicitude, así como no relativo á remisión das contas do último exercicio orzamentario a que legalmente están obrigadas ao Consello de Contas (anexo II).
4º. Os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación.
5º. O importe de subvención que se vai aplicar por cada entidade membro da agrupación.
f) No caso de solicitudes relativas á liña 1, de Actuacións destinadas á creación de espazos públicos de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios diversos, deberán presentar:
1. Anexo I.a. Documentación específica do procedemento. Liña 1-creación de espazos públicos de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios diversos, debidamente cuberto.
2. Memoria técnica liña 1, de Actuacións destinadas á creación de espazos públicos de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios diversos. Un único arquivo co contido establecido no número 2 do artigo 7 das bases reguladoras.
3. Documentación acreditativa que xustifique o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 3, número 2, para a liña 1-creación de espazos públicos de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios diversos.
4. Documentación que considere oportuna para os efectos do establecido no artigo 14 desta orde para a liña 1 de Actuacións destinadas á creación de espazos públicos de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios diversos, co fin de que a Comisión de Avaliación poida avaliar o cumprimento ou non dos criterios fixados para a valoración e relación das solicitudes presentadas ou declaración responsable, de ser o caso, que permita deixar constancia do seu cumprimento.
g) No caso de solicitudes relativas á liña 2, de Actuacións destinadas á instalación de puntos limpos de proximidade para favorecer a recollida separada de distintos fluxos de residuos, deberán presentar:
1. Anexo I.b. Documentación específica do procedemento. Liña 2-Puntos limpos de proximidade, debidamente cuberto.
2. Memoria técnica liña 2, de Puntos limpos de proximidade. Un único arquivo co contido establecido no número 2 do artigo 7 das bases reguladoras.
3. Acreditación do destino dos residuos recollidos no punto limpo de proximidade, ben a través dun acordo cunha instalación de punto limpo fixa ou ben directamente a través de acordos con xestores de residuos autorizados. De ser o caso, o punto limpo deberá dispor da autorización de xestor de residuos ou, polo menos, ter realizado a solicitude de autorización.
4. Compromiso de cumprimento da normativa sectorial sectorial en materia de residuos.
5. Documentación acreditativa que xustifique o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 3, número 2, para a liña 2, de Puntos limpos de proximidade.
6. Documentación que considere oportuna para os efectos do establecido no artigo 14 desta orde para a liña 2, de Puntos limpos de proximidade, co fin de que a Comisión de Avaliación poida avaliar o cumprimento ou non dos criterios fixados para a valoración e relación das solicitudes presentadas ou declaración responsable, de ser o caso, que permita deixar constancia do seu cumprimento.
2. Xunto coa solicitude deberase presentar unha memoria do proxecto ou actuación para a que solicita a subvención, que deberá conter unha descrición clara das actividades que se vaian desenvolver, tanto desde o punto de vista técnico como económico, así como os datos e a información requirida para o tipo de actuación ou actuacións para as que se solicita a axuda e segundo o que se sinala a seguir.
A memoria do proxecto deberá incluír, como mínimo, os seguintes contidos:
a) Tipoloxía e nome do proxecto.
b) Breve descrición do proxecto presentado.
c) Identificación e datos de contacto do responsable técnico.
d) Introdución e diagnose da situación actual na materia do proxecto dentro do ámbito local de actuación.
e) Obxectivos do proxecto e das súas actuacións (materiais necesarios, tipo e cantidade). Será precisa neste punto a referencia ás melloras ou beneficios ambientais que se procuran co proxecto.
f) Descrición detallada do proxecto, ámbito de actuación, poboación e sectores ou axentes implicados, obxectivos cuantitativos (incluíndo a estimación das emisións de gases de efecto invernadoiro evitadas e das toneladas de residuos que contribuirán ao cumprimento dos obxectivos) e cualitativos, así como a programación temporal (cronograma) para o desenvolvemento do proxecto en correspondencia coas previsións de gastos incluídas no orzamento que se remita e tendo en conta o recollido nestas bases reguladoras. No caso da liña 2, deberase describir a operativa de traballo que se vai implantar (localización dos puntos limpos de proximidade, frecuencia de recollida, etc.).
g) O plan de actuación deseñado deberá incluír unha xustificación pormenorizada dos materiais, actuacións e recursos propostos de conformidade cos gastos subvencionables ao abeiro desta orde.
h) En particular para a liña 1 de espazos de autorreparación e intercambio de obxectos, sinalaranse as actuacións de comunicación previstas, así como os seus custos estimados de conformidade co requirido no artigo 3, número 2.
i) Indicadores e medidas de seguimento, e resultados esperados (residuos recollidos ou evitados, en quilogramos, por tipoloxía de residuos).
j) Orzamento detallado que deberá identificar os conceptos polos que se concorre na convocatoria chegando á desagregación a nivel de importes unitarios, de ser o caso, e tendo en conta o establecido nestas bases reguladoras en relación co período subvencionable e os prazos para a xustificación. No caso de agrupacións de entidades locais, no orzamento figurará que importe correspondería a cada unha delas.
Toda a documentación técnica debe ser presentada nun único documento, que se titule do seguinte xeito: «Memoria_técnica_Liña1» ou «Memoria_técnica_Liña2» en función da liña de axudas solicitada.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
6. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediario de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
7. Así mesmo, os proxectos que opten ás subvencións que se rexen polas presentes bases reguladoras deberán acompañarse da documentación acreditativa que xustifique o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 3, número 2.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes .
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos .
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT.
d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.
f) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.
g) Consulta doutras subvencións ou axudas concedidas á entidade solicitante.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Máis información
Localice o procedemento ou servizo na guía de procedementos e servizos, consulte a información do trámite e revise a documentación obrigatoria para presentar a solicitude que figura na pestana "Presentación" no apartado "Documentación para a presentación".
No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles modelos en formato PDF para aqueles documentos para os que se precisan. Se os necesita:
- Primeiro descargue no seu equipo os modelos PDF (asegúrese de que están descargados, non abertos no navegador).
- A continuación cubra os modelos. Se algunha táboa ten filas e non son suficientes pode engadilas nese documento descargado.
- Por último garde ou imprima en versión PDF un arquivo electrónico de cada modelo cuberto.
- Asine o documento, se así se require.
- Para finalizar anexe o modelo ou modelos en PDF na súa presentación.
No caso de que o procedemento non figure na guía, poderá empregar a solicitude xenérica.
Prema en "Tramitar en liña" para iniciar o trámite electrónico.
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Agora xa está dentro do seu espazo persoal "A miña sede".
Cubra o formulario e lembre que pode gardalo para recuperalo máis adiante desde o apartado "Os meus borradores" de "A miña sede".
Cando o teña cuberto, prema en "Continuar".
Anexe a documentación que queira presentar xunto co formulario. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Pode consultar como enviar ficheiros que non teñen o tamaño ou o formato aceptados por esta sede.
Asine o formulario e a documentación que quere entregar.
Pode facelo cun certificado electrónico empregando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá no seu móbil.
Descargue o xustificante da presentación.
Poderá tamén acceder a este documento desde o apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede".
Consulte como proceder cos documentos de gran tamaño e en distintos formatos
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Lembre que este servizo soamente estará disponible desde o espazo "A miña sede" da sede electrónica e naqueles procedementos que teñan habilitados trámites electrónicos posteriores á solicitude cando así o estableza a súa norma reguladora.
Prepare os arquivos electrónicos necesarios e comprobe que utiliza formatos compatibles coa sede: .bmp, .ce3, .cex, .csv, .cte, .dbf, .doc, .docx, .dwg, .dxfn, .hexhash, .inp, .jpg, .ods, .odt, .pd2, .pdf, .pdl, .png, .prj, .shp, .shx, .tiff, .txt, .xls, .xlsx, .xml, .tgd, .kmz, .kml e .gpx
O tamaño máximo do conxunto de documentos achegados a unha presentación en esta sede é de 100 MB, e non se admiten arquivos comprimidos.
Comprobe o tamaño total do conxunto de documentos que precisa achegar:
- Se é inferior a 100 MB pode achegar todos os documentos á solicitude
- Se é superior a 100 MB separe os arquivos de máis de 100 MB, agrupe o resto en subconxuntos de documentos que non superen os 100 MB e proceda segundo os seguintes pasos
- Presente a solicitude achegando un subconxunto de documentos de menos de 100 MB.
- Repita o trámite de achega de documentación separada da solicitude para cada un dos subconxuntos restantes de documentos, seguindo estes pasos:
- Unha vez finalizada a presentación acceda ao apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede", seleccione o expediente da solicitude que acaba de realizar, pulse na opción "Accións" e seleccione "Achega de documentación separada da solicitude".
- Cubra o formulario e pulse en "continuar"
- Achegue o seguinte subconxunto de documentos
- Asine e complete a achega de documentación separada
- Repita este proceso para cada subconxunto de documentos de menos de 100 MB
Se algún arquivo supera individualmente os 100 MB:
- Proceda segundo se explica nos pasos anteriores para o resto de arquivos
- Descargue no seu equipo o modelo xenérico para a achega de documentación separada
- Cubra o modelo, indicando o expediente ou número de rexistro de entrada da solicitude electrónica realizada e a unidade responsable do procedemento
- Imprima o modelo e presénteo de forma presencial, xunto coa documentación en formato físico -CD, DVD, USB-, en calquera das oficinas de rexistro
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase de xustificación
- Solicitude de pagamento e declaración (Anexo IV)
- Solicitude de pagamento anticipado (Anexo V)
Máis información
Consulte como responder a un requirimento de emenda de documentación
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos. Na pestana "Presentación", no apartado "Documentación para a presentación" figura o listado de documentos requiridos para a presentación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos. Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede". Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365. Busque o expediente relacionado co requirimento e seleccione no menú "Acción" da dereita a opción "Emenda ao requirimento".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Emenda ao requirimento" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a emenda utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario indicando os datos ou documentos achegados para a emenda.
Anexe os documentos que queira presentar. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a emenda.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da emenda.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Coñeza como achegar documentación xustificativa a un expediente en curso
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Na pestana "Despois da presentación", no apartado "Xustificación" figura o listado de documentos requiridos para a xustificación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos.
Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede".
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Busque o expediente para o que precisa achegar documentación xustificativa. No menú "Acción" que aparece á dereita seleccione a opción "Achega de documentación xustificativa".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Achega de documentación xustificativa" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a xustificación utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario.
Indique os documentos que achega para a xustificación.
Anexe os documentos que queira presentar para a xustificación. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a xustificación.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da xustificación.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Todos os seus expedientes, presentacións e borradores en "A miña sede"
Para xestionar os seus expedientes o primeiro que debe facer é acceder o seu espazo persoal premendo en "A miña sede" e, a continuación, identificarse empregando calquera dos certificados admitidos nesta sede ou Chave365.
Poderá ver na súa bandexa de entrada os seus últimos expedientes, presentacións e borradores.
Verá en pantalla información detallada de cada expediente ou presentación (número de expediente/rexistro, código e nome do procedemento etc.).
Se desexa ver todos os seus expedientes e presentacións, prema no botón "Ver todos/Buscar".
Ao acceder á pantalla de busca, pode buscar expedientes ou borradores por distintos criterios ou localizalos directamente se coñece o código de acceso.
Poderá realizar accións concretas sobre un expediente (achegar documentación adicional, mellorar unha solicitude, modificar os seus datos de notificación etc.) desde:
- A bandexa de entrada dos seus últimos expedientes, presentacións e borradores, premendo o botón "Acción" da columna "Que podo facer?"
- O detalle do expediente electrónico, premendo directamente nas accións dispoñibles da columna "Que podo facer?"