Orientámolo/a, paso a paso, para presentar unha solicitude no rexistro electrónico
MT402A - Programa de axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a particulares.
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública, para o ano 2023, para a concesión das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a persoas físicas (código de procedemento MT402A).
Os seus principais obxectivos son aumentar a sensibilidade cidadá en relación coas alteracións ou impactos con relación á paisaxe, é dicir, en que diversas actuacións xeraron transformacións que deterioraron o carácter ou a calidade da paisaxe, así como sensibilizar e fomentar a colaboración cidadá en coordinación coas administracións públicas.
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Obxecto e réxime das subvencións
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a corrección de impactos paisaxísticos, todo isto en congruencia cos valores paisaxísticos recollidos no Catálogo das paisaxes de Galicia e os obxectivos e criterios que expresan as directrices da paisaxe de Galicia (código de procedemento MT402A).
2. En concreto, poderán ser obxecto de subvención as seguintes actuacións:
a) Actuacións de restauración e/ou revestimento de elementos de fachada.
Poderanse subvencionar actuacións correctoras consistentes no revestimento de paramentos que actualmente están rematados con materiais ou solucións construtivas que poidan resultar inadecuadas para quedar vistas, como podería ser a fábrica de ladrillo, de bloques de formigón, o formigón ou morteiro de cemento.
Poderán incluírse, igualmente, aqueloutras actuacións consistentes na renovación do acabamento dos paramentos cegos de fachadas, carpintarías ou cerrallarías exteriores, que supoñan un impacto paisaxístico como consecuencia do deficiente estado de conservación ou da tonalidade e/ou da intensidade da actual cor de acabamento.
Considérase deficiente estado de conservación aquel en que se atopen os elementos de fachada como consecuencia de patoloxías construtivas tales como descascados, humidades ou manchas permanentes; quedan excluídas de forma expresa as deficiencias estéticas que se resolvan con labores de limpeza.
Considérase que a tonalidade ou a intensidade da cor produce un impacto paisaxístico cando non se adecúa aos criterios establecidos na Guía de cor e materiais de Galicia.
Poderán ser subvencionables as actuacións sobre fachadas de cachotaría ou cantaría que precisen a aplicación ou renovación dos morteiros de rexuntado. En ningún caso se subvencionarán chapados de pedra en cerramentos total ou parcialmente executados con muros de cachotaría ou cantería vista. Os materiais e as cores que se empreguen deberán adaptarse en todo caso aos criterios da Guía de cor e materiais de Galicia.
Queda expresamente excluída de subvención, con carácter xeral, a substitución de carpintarías e cerrallarías exteriores, así como o picado de recebos existentes en fachadas de cachotaría para deixar vista a pedra, sen prexuízo de que poidan ser obxecto de actuacións de renovación de acabamento.
Considerarase unha única excepción en relación coa substitución de carpintarías e elementos de cerrallaría: poderá considerarse a subvención da actuación cando se trate de actuacións sobre arquitecturas tradicionais, en que se propoña a renovación de elementos orixinais de inviable reparación ou a substitución de elementos instalados posteriormente e pouco adecuados aos valores arquitectónicos da edificación ou construción. En todo caso, admitiríase exclusivamente a instalación de carpintarías tradicionais de madeira ou elementos de cerrallaría de fundición de idénticas características ás orixinais.
b) Remate, renovación e/o substitución do acabamento exterior de cubertas.
Poderanse subvencionar actuacións correctoras de impactos paisaxísticos derivados de situacións en que as cubertas das edificacións se atopan en deficiente estado de conservación ou presentan solucións construtivas ou materiais de acabamento que poderían ser considerados como inadecuados. Poderá ser subvencionable a substitución de cubertas de placas de fibrocemento e/ou doutros materiais discordantes cos valores paisaxísticos da contorna onde se sitúa a edificación.
Considéranse incluídas entre as actuacións subvencionables as unidades de obra imprescindibles para o soporte (non estrutural), remate ou renovación das cubertas. Queda excluída de forma expresa a renovación de elementos estruturais (soportes, vigas, pontóns,…), así como as deficiencias estéticas que se resolvan con labores de limpeza.
Para o novo acabamento exterior das cubertas daquelas edificacións situadas en contornas rurais empregarase preferentemente tella cerámica ou lousados de lousa ou cuarcita (en función do material tradicional da comarca), aínda que poden empregarse outros materiais e solucións acordes coas características arquitectónicas da edificación, autorizables de acordo coa normativa de aplicación vixente e que ofrezan un adecuado resultado estético. Para tal fin deberanse aplicar os criterios da Guía de cor e materiais de Galicia.
Queda expresamente excluída de subvención a substitución de cubertas de tella cerámica ou lousa por outras solucións con outros materiais de acabamento. As novas cubertas executadas con tella cerámica ou lousa deberán respectar as características formais da cuberta orixinal, tanto en xeometría como en dimensión das pezas de cubrición.
c) Recuperación, restauración e/ou revestimento de muros de peche de terreos.
Poderán ser obxecto de subvención as actuacións consistentes no revestimento de muros de peche executados con fábrica de ladrillo ou bloques de formigón, sen revestir. O novo revestimento poderá realizarse con pintura (con ou sen recebado previo) ou con morteiros indicados en todo caso para quedar vistos; aplicaranse preferentemente tonalidades brancas ou grises/pardas moi claras. Tamén poderán realizarse chapados de pedra acorde coas características da zona. En todos os casos as actuacións deberán axustarse aos criterios da Guía de cor e materiais de Galicia e da Guía de caracterización e integración paisaxística de valados.
Tamén poderá ser obxecto de subvención a redución da altura dos citados muros, mediante a supresión de fileiras de bloques ou de elementos prefabricados de formigón como celosías ou balaustradas. Nestes casos deberán executarse as solucións que garantan o adecuado acabamento e remate construtivo do elemento.
Así mesmo, poderá ser obxecto de axuda o pintado das portas, portais ou cerrallarías exteriores integradas nos peches de parcelas que supoñan un impacto paisaxístico como consecuencia do deficiente estado de conservación ou da tonalidade e/ou a intensidade da actual cor de acabamento. As cores que se empreguen deberán adaptarse aos criterios da Guía de cor e materiais de Galicia. Queda expresamente excluída de subvención a substitución destas carpintarías e cerrallarías.
Serán igualmente subvencionables as actuacións destinadas á recuperación, restauración ou arranxo de muros de pedra tradicionais, co obxecto de evitar o potencial impacto paisaxístico que produciría a súa perda e/ou o seu mal estado de conservación.
As actuacións deberán respectar a tipoloxía e morfoloxía orixinal do muro en cada caso, e deberanse empregar os mesmos materiais e técnicas con que foron construídos. En todo caso, non será subvencionable, para completar os paramentos destes muros de cachotaría ou cantaría tradicional vistas, a execución de chapados de pedra ou outros revestimentos, agás os recebos de morteiro tradicionais acordes coas características cromáticas do resto do elemento e cos criterios da Guía de cor e materiais de Galicia e cos da Guía de caracterización e integración paisaxística de valados.
3. Todas as actuacións deberán aplicar os criterios e recomendacións da Guía de cor e materiais de Galicia das doce grandes áreas paisaxísticas de Galicia, así como no caso dos muros de cerramento, a Guía de caracterización e integración paisaxística de valados (publicadas na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda), ademais de axustarse ás condicións que veñan impostas pola normativa municipal e sectorial aplicable.
Gastos subvencionables
1. De acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles gastos que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e sexan efectivamente realizados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución. En ningún caso o custo de adquisión dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
2. Ao abeiro do regulado nestas bases, serán gastos subvencionables os seguintes:
a) Gastos necesarios para a axeitada execución das actuacións subvencionadas, tales como, entre outros, os materiais e a man de obra.
b) Gastos correspondentes a honorarios facultativos devindicados pola redacción dos proxectos técnicos precisos para a execución das actuacións, así como pola dirección facultativa das obras e o custo dos estudos necesarios para a súa realización. Estes custos xerais asociados aos investimentos que se efectúen non poderán superar o 10 % do investimento subvencionable.
c) Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se subvencionarán os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.
3. Sen prexuízo de calquera outra actuación que non se considere subvencionable como consecuencia do previsto nesta resolución ou na normativa xeral de subvencións, en ningún caso serán subvencionables:
a) Os gastos correntes de funcionamento da persoa beneficiaria.
b) Equipamento e materiais non funxibles de segunda man.
c) Actuacións de mantemento que se realicen periodicamente para manter o recurso ou o elemento sobre o cal se propón a actuación en perfecto uso ou estado.
4. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os xuros, as recargas e as sancións administrativas e penais, nin os gastos dos procedementos xudiciais.
Poderán ser beneficiarias desta subvención as persoas físicas titulares dun inmoble ou ben sobre o que pretendan realizar algunha/s das actuacións establecidas no ordinal segundo da presente resolución.
1. Só caberá presentar unha solicitude por persoa e ben. Cada solicitude poderá conter varias actuacións.
2. A persoa solicitante deberá ser propietaria do terreo, inmoble ou ben en que se pretende realizar as actuacións e deberá acreditar a plena dispoñibilidade destes, como mínimo durante o período en que se manteñen as obrigas que asume o beneficiario da axuda previstas no punto 19º.
Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e acreditarase, na fase de solicitude, mediante a sinatura da correspondente declaración responsable de propiedade e plena dispoñibilidade incluída no anexo I.
Na fase de xustificación, e no caso de tratarse de copropiedades, debe achegarse a autorización de todos os copropietarios relativa á realización da actuación para a cal se solicita a axuda. Todo isto sen prexuízo das comprobacións que se poidan realizar para tal efecto desde o Instituto de Estudos do Territorio e que poden comprender a solicitude da documentación acreditativa da titularidade ao interesado con carácter previo á xustificación.
3. Todas as actuacións deberán contar, sempre e en todo caso, coa comunicación previa ou, de ser necesaria, a correspondente licenza municipal. Todo isto sen prexuízo dos restantes informes ou autorizacións, municipais ou sectoriais, que sexan precisos.
Para estes efectos, o cumprimento do dito requisito acreditarase na fase de xustificación, sen prexuízo da declaración responsable na fase de solicitude.
4. Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da persoa solicitante, incluída no anexo I da presente resolución.
5. O incumprimento de calquera das condicións ou requisitos establecidos neste punto constituirá causa de inadmisión da solicitude ou de perda do dereito a cobrar a axuda, sen prexuízo de calquera outra que poida derivar da normativa aplicable.
Xunta de Galicia
Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda
Instituto de Estudos do Territorio (IET)
San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981541755
Email: secretaria.iet@xunta.gal
Instituto de Estudos do Territorio (IET)
Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (DOG nº 214 do 5 de novembro de 1999).
Corrección de erros.-Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (DOG nº 218 do 11 de novembro de 1999).
Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 20 do 29 de xaneiro de 2009).
Corrección de erros.-Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 61 do 30 de marzo de 2009).
Lei 3/2009, do 23 de xuño, pola que se modifica o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG nº 126 do 30 de xuño de 2009).
Resolución do 21 de novembro de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a persoas físicas, e se establece a súa convocatoria para o ano 2023, tramitado como expediente anticipado de gasto (DOG nº 11 do 17 de xaneiro de 2023).
Extracto da Resolución do 21 de novembro de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a persoas físicas, e se establece a súa convocatoria para o ano 2023, tramitado como expediente anticipado de gasto (DOG nº 11 do 17 de xaneiro de 2023).
Resolución do 23 de maio de 2023 pola que se dá publicidade ao esgotamento de crédito da convocatoria efectuada pola Resolución do 21 de novembro de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a persoas físicas, e se establece a súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento MT402A), tramitado como expediente anticipado de gasto (DOG nº 110 do 12 de xuño de 2023).
Resolución do 2 de xuño de 2023 pola que se dá publicidade da relación das axudas concedidas ao abeiro da Resolución do 21 de novembro de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a persoas físicas, e se establece a súa convocatoria para o ano 2023, tramitado como expediente anticipado de gasto (DOG nº 115 do 19 de xuño de 2023).
Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións (BOE nº 276 de 18 de novembro de 2003)
Real Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións (BOE nº 176 do 25 de xullo de 2006).
Corrección de erros do Real Decreto 887/2006, de 21 de xulio, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións (BOE nº 270 de 11 de noviembre de 2006).
Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (BOE nº 171 do 18 de xullo de 2007).
Lei 39/2015, da 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas (BOE nº 236 do 2 de outubro de 2015).
Prazo de presentación: PECHADO
18/01/2023 00:00 - 17/02/2023 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
Forma de presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, que irá acompañado dos documentos que se especifican no punto 8º.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fora realizada a emenda.
2. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3. Para os efectos da concesión das axudas, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes, validamente presentadas, na sede electrónica da Xunta de Galicia ata que se esgote o orzamento da convocatoria. Considérase data de presentación válida aquela en que o expediente sexa presentado completo e nel conste a solicitude, correctamente cuberta, e toda a documentación complementaria exixida na presente resolución. Así mesmo, considerarase esgotado o orzamento cando se efectúe o rexistro da última solicitude de axuda que totalice o importe total do crédito desta convocatoria. Nese caso, e sempre antes da data máxima sinalada neste punto, poderán seguirse rexistrando solicitudes en lista de reserva provisional, as cales serán atendidas por rigorosa orde de entrada, supeditadas a que se produzan desestimacións ou revogacións das solicitudes de axuda previas. O esgotamento do crédito comportará a inadmisión de todas aquelas solicitudes que se instrúan con posterioridade, do mesmo xeito que se inadmitirán todos aqueles expedientes que non teñan entrada na sede electrónica de Galicia a través do procedemento MT402A.
Non serán admitidas a trámite, en ningún caso, as solicitudes presentadas fóra do prazo e de forma distinta á que se establece nesta resolución.
5. A presentación da solicitude implica a aceptación, por parte de quen a formule, dos termos desta convocatoria.
6. Do mesmo xeito, a presentación da solicitude implica a sinatura da declaración responsable asinada pola persoa solicitante ou polo seu representante, incluída no anexo I desta resolución, na cal se fará constar:
a) O conxunto de todas as axudas solicitadas ou recibidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta resolución, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos e o compromiso de comunicar de contado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración ou, na súa falta, declaración de non ter presentado ningunha outra solicitude de axuda para as mesmas actuacións.
b) Que o beneficiario se encontra ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento débedas coa Comunidade Autónoma nin é debedor por resolución de procedencia de reintegro, de conformidade co previsto no artigo 20.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 11.i) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao tratarse de subvencións que non superan os 3.000 € euros individualmente e se conceden con cargo aos créditos orzamentarios do capítulo VII, Transferencias de capital destinadas a familias e institucións sen fins de lucro.
c) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
d) Que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
e) Que non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiaria dunha subvención, particularmente as referidas a estar ao día nas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións.
f) Que cumprirá a normativa estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, cando proceda.
g) Que se compromete a cumprir as obrigas e os requisitos que se sinalan no punto 19º das bases reguladoras.
h) Que as actuacións para as cales se solicita subvención teñen a consideración de gastos subvencionables e non estaban iniciadas con anterioridade á publicación da convocatoria destas axudas.
i) Que, no caso de que sexa preceptivo, se compromete, de non contar con eles, a solicitar o preceptivo título habilitante de natureza urbanística (licenza ou comunicación previa, segundo o caso), así como os informes ou autorizacións sectoriais que resulten preceptivos.
j) Que é titular e ten a plena dispoñibilidade sobre os terreos e inmobles en que se van desenvolver as actuacións durante un período que, como mínimo, garanta o cumprimento das obrigas previstas no punto 19º e, para o caso de que existise unha copropiedade, o compromiso de obter a autorización de todos os copropietarios para o desenvolvemento da actuación obxecto da axuda.
k) Que os materiais e acabamentos propostos son conformes coas indicacións que se recollen nas guías a que se fai referencia no punto 2º.
Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar co anexo I de solicitude, debidamente cuberto, a seguinte documentación:
a) Acreditación da representatividade suficiente para actuar en nome da persoa solicitante.
b) Memoria descritiva das actuacións propostas, que deberá ter o detalle suficiente para describir adecuadamente as súas características, a súa medición e o seu orzamento. A información achegada debe ser suficiente para permitir o cálculo do orzamento de hipotéticas execucións parciais.
c) Reportaxe fotográfica do ben sobre o cal se vai actuar, en que se aprecie o elemento ou elementos obxecto da actuación. Deberá presentarse, como mínimo, unha fotografía de conxunto de cada unha das fachadas, cubertas ou muros a que se refiran as actuacións para as que se solicita subvención, así como as fotografías de detalle que sexan precisas.
d) De conformidade co previsto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable sexa igual ou superior á contía de 40.000 €, prevista para o contrato menor, o beneficiario deberá presentar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños límite establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial (gravado nun soporte físico tipo CD, DVD ou dispositivo extraíble) dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos
Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
1. DNI/NIE da persoa solicitante.
2. DNI/NIE persoa representante.
3. NIF da entidade representante.
4. Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
5. Consulta de concesións de subvencións e axudas.
6. Consulta da titularidade catastral.
No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos correspondentes.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude, deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Máis información
Localice o procedemento ou servizo na guía de procedementos e servizos, consulte a información do trámite e revise a documentación obrigatoria para presentar a solicitude que figura na pestana "Presentación" no apartado "Documentación para a presentación".
No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles modelos en formato PDF para aqueles documentos para os que se precisan. Se os necesita:
- Primeiro descargue no seu equipo os modelos PDF (asegúrese de que están descargados, non abertos no navegador).
- A continuación cubra os modelos. Se algunha táboa ten filas e non son suficientes pode engadilas nese documento descargado.
- Por último garde ou imprima en versión PDF un arquivo electrónico de cada modelo cuberto.
- Asine o documento, se así se require.
- Para finalizar anexe o modelo ou modelos en PDF na súa presentación.
No caso de que o procedemento non figure na guía, poderá empregar a solicitude xenérica.
Prema en "Tramitar en liña" para iniciar o trámite electrónico.
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Agora xa está dentro do seu espazo persoal "A miña sede".
Cubra o formulario e lembre que pode gardalo para recuperalo máis adiante desde o apartado "Os meus borradores" de "A miña sede".
Cando o teña cuberto, prema en "Continuar".
Anexe a documentación que queira presentar xunto co formulario. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Pode consultar como enviar ficheiros que non teñen o tamaño ou o formato aceptados por esta sede.
Asine o formulario e a documentación que quere entregar.
Pode facelo cun certificado electrónico empregando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá no seu móbil.
Descargue o xustificante da presentación.
Poderá tamén acceder a este documento desde o apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede".
Consulte como proceder cos documentos de gran tamaño e en distintos formatos
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Lembre que este servizo soamente estará disponible desde o espazo "A miña sede" da sede electrónica e naqueles procedementos que teñan habilitados trámites electrónicos posteriores á solicitude cando así o estableza a súa norma reguladora.
Prepare os arquivos electrónicos necesarios e comprobe que utiliza formatos compatibles coa sede: .bmp, .ce3, .cex, .csv, .cte, .dbf, .doc, .docx, .dwg, .dxfn, .hexhash, .inp, .jpg, .ods, .odt, .pd2, .pdf, .pdl, .png, .prj, .shp, .shx, .tiff, .txt, .xls, .xlsx, .xml, .tgd, .kmz, .kml e .gpx
O tamaño máximo do conxunto de documentos achegados a unha presentación en esta sede é de 100 MB, e non se admiten arquivos comprimidos.
Comprobe o tamaño total do conxunto de documentos que precisa achegar:
- Se é inferior a 100 MB pode achegar todos os documentos á solicitude
- Se é superior a 100 MB separe os arquivos de máis de 100 MB, agrupe o resto en subconxuntos de documentos que non superen os 100 MB e proceda segundo os seguintes pasos
- Presente a solicitude achegando un subconxunto de documentos de menos de 100 MB.
- Repita o trámite de achega de documentación separada da solicitude para cada un dos subconxuntos restantes de documentos, seguindo estes pasos:
- Unha vez finalizada a presentación acceda ao apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede", seleccione o expediente da solicitude que acaba de realizar, pulse na opción "Accións" e seleccione "Achega de documentación separada da solicitude".
- Cubra o formulario e pulse en "continuar"
- Achegue o seguinte subconxunto de documentos
- Asine e complete a achega de documentación separada
- Repita este proceso para cada subconxunto de documentos de menos de 100 MB
Se algún arquivo supera individualmente os 100 MB:
- Proceda segundo se explica nos pasos anteriores para o resto de arquivos
- Descargue no seu equipo o modelo xenérico para a achega de documentación separada
- Cubra o modelo, indicando o expediente ou número de rexistro de entrada da solicitude electrónica realizada e a unidade responsable do procedemento
- Imprima o modelo e presénteo de forma presencial, xunto coa documentación en formato físico -CD, DVD, USB-, en calquera das oficinas de rexistro
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase inmediata á notificación da resolución
- Acordo de renuncia ao dereito de cobro da axuda (Anexo II)
- Fase de xustificación
- Solicitude de pagamento da axuda (Anexo III)
- Declaración de axuda/s solicitada/s ou concedida/s (Anexo IV)
Máis información
Consulte como responder a un requirimento de emenda de documentación
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos. Na pestana "Presentación", no apartado "Documentación para a presentación" figura o listado de documentos requiridos para a presentación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos. Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede". Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365. Busque o expediente relacionado co requirimento e seleccione no menú "Acción" da dereita a opción "Emenda ao requirimento".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Emenda ao requirimento" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a emenda utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario indicando os datos ou documentos achegados para a emenda.
Anexe os documentos que queira presentar. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a emenda.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da emenda.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Coñeza como achegar documentación xustificativa a un expediente en curso
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Na pestana "Despois da presentación", no apartado "Xustificación" figura o listado de documentos requiridos para a xustificación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos.
Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede".
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Busque o expediente para o que precisa achegar documentación xustificativa. No menú "Acción" que aparece á dereita seleccione a opción "Achega de documentación xustificativa".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Achega de documentación xustificativa" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a xustificación utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario.
Indique os documentos que achega para a xustificación.
Anexe os documentos que queira presentar para a xustificación. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a xustificación.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da xustificación.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Todos os seus expedientes, presentacións e borradores en "A miña sede"
Para xestionar os seus expedientes o primeiro que debe facer é acceder o seu espazo persoal premendo en "A miña sede" e, a continuación, identificarse empregando calquera dos certificados admitidos nesta sede ou Chave365.
Poderá ver na súa bandexa de entrada os seus últimos expedientes, presentacións e borradores.
Verá en pantalla información detallada de cada expediente ou presentación (número de expediente/rexistro, código e nome do procedemento etc.).
Se desexa ver todos os seus expedientes e presentacións, prema no botón "Ver todos/Buscar".
Ao acceder á pantalla de busca, pode buscar expedientes ou borradores por distintos criterios ou localizalos directamente se coñece o código de acceso.
Poderá realizar accións concretas sobre un expediente (achegar documentación adicional, mellorar unha solicitude, modificar os seus datos de notificación etc.) desde:
- A bandexa de entrada dos seus últimos expedientes, presentacións e borradores, premendo o botón "Acción" da columna "Que podo facer?"
- O detalle do expediente electrónico, premendo directamente nas accións dispoñibles da columna "Que podo facer?"