Guía de procedementos e servizos

MR362A

Axudas á nova participación de agricultores en réximes de calidade.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2020 - Prazo pechado: 14/02/2020 00:00 - 18/08/2020 23:59

Consellería do Medio Rural

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas á nova participación de agricultores en réximes de calidade no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, así como proceder a súa convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2020 (código de procedemento MR362A).

Para a convocatoria de 2020 serán atendibles os gastos imputados á campaña que comprende o período que vai do 1 de maio de 2019 ata o 30 de abril de 2020.

Gastos subvencionables e contía das axudas

1. Serán subvencionables os custos fixos ocasionados pola inscrición nun réxime de calidade e a cota anual de participación no dito réxime, incluídos, de ser o caso, os custos dos controis necesarios para comprobar o cumprimento do prego de condicións do réxime. Non se considerarán subvencionables os custos internos ou de autocontrol.

No caso das persoas beneficiarias por comezaren nunha nova orientación produtiva dentro da produción ecolóxica, os gastos deberán estar relacionados con esa nova orientación produtiva.

2. A contía da axuda será do 100 % dos gastos subvencionables realizados, sen superar os 3.000 euros anuais por explotación, durante un período máximo de cinco anos.

3. Non se tramitarán expedientes cuxa contía non supere os 50 €.

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas ou xurídicas, titulares de explotacións agrarias que cumpran a condición de agricultor activo conforme o establecido no artigo 9 do Regulamento (UE) núm. 1307/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e no capítulo I do título II do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, e que participen por primeira vez nalgún dos réximes de calidade dos produtos agroalimentarios definidos na letra b) do artigo 2 e recollidos no PDR de Galicia 2014-2020. En todo caso, a data da alta no réxime de calidade ten que ser posterior ao 18 de novembro de 2015, data de aprobación do PDR de Galicia 2014-2020 e anterior á data límite do período subvencionable que se defina en cada convocatoria.

2. No caso do programa de calidade relativo á produción ecolóxica, tamén terá a consideración de nova participación aquela que se refira a agricultores/as que, tendo previamente actividade no dito programa, inicien a actividade de produción ecolóxica con destino ao mercado en relación con algunha nova orientación produtiva. En todo caso, esta nova orientación produtiva debe ter unha dimensión económica suficiente para superar a consideración de actividade de autoconsumo. Para estes efectos, no anexo III recóllense, para distintas orientacións produtivas, os valores que se deben superar para considerar que a actividade ten vocación comercial e, polo tanto, está por riba dos valores do mero autoconsumo.

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Axencia Galega Da Calidade Alimentaria (AGACAL)

Área de Calidade Alimentaria

Departamento de Promoción da Calidade Agroalimentaria

Avenida do Camiño Francés, nº 10

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981540063

Fax: 981540018

Axencia Galega Da Calidade Alimentaria (AGACAL)

Prazo de presentación: PECHADO

14/02/2020 00:00 - 18/08/2020 23:59

Reanúdase o prazo de presentación de solicitudes dende o 01-06-2020 ata o 18-08-2020 en virtude do disposto no artigo 9 do Real Decreto 537/2020, de 22 de maio, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE núm.145 de 23 de maio de 2020).

Mantense aberto o prazo de presentación de solicitudes ata 31-05-2020, según os termos establecidos na resolución de 25 de maio de 2020 do Director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

Mantense aberto o prazo de presentación de solicitudes ata 26-05-2020, según os termos establecidos na resolución de 15 de maio de 2020 do Director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

O prazo para a presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 15 de maio de 2020.

Non poderán ter a consideración de beneficiarios aqueles solicitantes que non cumpran os requisitos que se establecen para eles no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En particular, non se concederán nin pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia (Consellería de Facenda).

De acordo co establecido no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2020 e co previsto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, a acreditación do cumprimento das obrigas tributarias, coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma poderá ser realizada mediante unha declaración responsable do solicitante no caso de que as axudas que se concedan non superen por beneficiario ou beneficiaria e axuda o importe de 1.500 euros.

1. As solicitudes presentaranse anualmente en formulario dirixido á Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) conforme o anexo I desta orde, acompañado da documentación complementaria que se indica no artigo 7.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) No caso de solicitantes persoas xurídicas, documentación acreditativa da condición de representante da persoa que asina a solicitude.

b) Certificación do consello regulador correspondente que acredite que se trata dun agricultor que participa por primeira vez no réxime de calidade e indique a data de incorporación ao dito réxime. Poderase utilizar o modelo de certificación que figura no anexo II.

c) No caso de agricultores que solicitan a axuda por iniciar a actividade nunha nova orientación produtiva en agricultura ecolóxica, certificación do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) conforme esta nova orientación produtiva acada a dimensión mínima que se establece no anexo III. Poderase utilizar o modelo de certificación que figura no anexo IV.

d) No caso de solicitantes que participan nalgún outro réxime de calidade, certificación do consello regulador correspondente que acredite a súa inscrición. Poderase utilizar o modelo de certificación que figura no anexo V.

Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Estar ao día das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Estar ao día das obrigas coa Seguridade Social.

e) Estar ao día das obrigas coa Facenda autonómica.

f) Documentación fiscal que acredite os ingresos agrarios percibidos no período impositivo dispoñible máis recente.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A aplicación e verificación da figura de agricultor activo realizarase segundo o establecido no capítulo I do título II do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para recadar da Axencia Estatal da Administración Tributaria a información fiscal necesaria. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar a documentación fiscal que acredite os ingresos agrarios no período impositivo dispoñible máis recente e toda aquela outra documentación que fose necesaria para acreditar a dita condición. No caso particular de solicitantes persoas xurídicas, sempre deberá declarar na solicitude o total de ingresos agrarios percibidos no período impositivo dispoñible máis recente. O órgano xestor despois de verificar os datos declarados solicitará, se o considera necesario, a documentación xustificativa dos ingresos declarados.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 16 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á nova participación de agricultores en réximes de calidade, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento MR362A) (DOG nº 30 do 13 de febreiro de 2020).

    • Extracto da Resolución do 16 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á nova participación de agricultores en réximes de calidade, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento MR362A) (DOG nº 30 do 13 de febreiro de 2020).

    • Resolución do 28 de xaneiro de 2021 pola que se dá publicidade das subvencións concedidas ao abeiro da Resolución do 16 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á nova participación de agricultores en réximes de calidade, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020.(DOG núm. 28 do 11 de febreiro de 2021).

Outros procedementos relacionados

MR101B

Solicitude de certificados de propiedade ou de transmisión da propiedade en concentración parcelaria

Aberto todo o ano

MR203A

Autorización para impartir cursos de manipulador aplicador de produtos fitosanitarios.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR203B

Carné de usuario profesional de produtos fitosanitarios.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR237C

Inicio de actividade/baixa/modificación na sección de explotacións acollidas ao réxime de venda directa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano