Guía de procedementos e servizos

MR360G

Axudas para a adquisición da maquinaria específica

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Empresas e profesionais

Convocatoria 2020 - Prazo pechado: 31/07/2020 00:00 - 31/08/2020 23:59

Consellería do Medio Rural

A presente orde de convocatoria ten por obxecto convocar para o ano 2020 a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para o establecemento de novas plantacións de lúpulo, a reconversión e a mellora das plantacións existentes (procedemento administrativo MR360F) e a adquisición de maquinaria específica para a mecanización do dito cultivo (procedemento administrativo MR360G).

As axudas recollidas nesta orde teñen como finalidade fomentar a produción do cultivo do lúpulo con novas plantacións, a reconversión e a mellora das plantacións existentes e a súa mecanización para asegurar o futuro do sector do lúpulo, evitar a tendencia ao abandono e adecuar a produción á demanda da industria, garantir a súa permanencia, rendibilidade e viabilidade a longo prazo.

1. Poderán ser beneficiarias das axudas que se regulan nesta orde:

Liña B) Axudas para a adquisición de maquinaria específica:

a)  As sociedades cooperativas e as súas agrupacións ou unións.

b) Sociedades Agrarias de Transformación (SAT).

c) Asociacións de Produción Integrada en Agricultura (Aprias).

d) Outras agrupacións agrarias sen personalidade xurídica propia baseadas nun pacto contractual, recoñecido pola autoridade competente e subscrito por un mínimo de sete persoas físicas titulares de explotacións agrarias, aínda que excepcionalmente e en casos concretos, debidamente xustificados polas características do equipo para subvencionar, poderán reducirse os compoñentes destas agrupacións.

e) Agrupacións de produtores ou agricultores individuais que teñan unha superficie cultivada de lúpulo que faga viable a adquisición.

f) As persoas físicas ou xurídicas con experiencia no ámbito da actividade agraria ou que conten co nivel de capacitación profesional suficiente e requirido pola autoridade competente e que presenten un proxecto viable desde o punto de vista técnico e económico.

Poderanse presentar solicitudes conxuntas entre varios beneficiarios para a adquisición de maquinaria agrícola e equipos específicos, grupos de presión e maquinas ou instrumentos de modernización e mellora dos sistemas de seca da flor de lúpulo xa existentes e a súa instalación sempre e cando non supere o máximo por persoa beneficiaria establecido no artigo 38 do Real decreto 284/2019, do 22 de abril.

As persoas beneficiarias deberán cumprir así mesmo as seguintes obrigacións:

1º. Manter as máquinas e equipos subvencionados en uso e propiedade do beneficiario por un período mínimo de cinco (5) anos. Non poderán solicitarse no devandito período axudas para a adquisición de maquinaria de similares funcións á xa subvencionada.

2º. Inscribir as máquinas e equipos subvencionados, cando proceda, no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola. A inscrición realizarase cunha anotación á marxe, así como na cartilla de inscrición, precisando que debe permanecer no patrimonio do beneficiario durante cinco (5) anos a partir da data de inscrición.

3º. As persoas físicas ou xurídicas, que se dediquen á realización de traballos agrícolas a terceiros, que soliciten a subvención deberán comprometerse, polo menos durante os cinco (5) primeiros anos, a dedicar como mínimo un 75 % das súas horas anuais de funcionamento, en explotacións alleas aos titulares da sociedade.

4º. Contrato de comercialización de lúpulo en vigor.

5º. Presentar unha memoria do Plan de viabilidade de adquisición de maquinaria segundo anexo VI, onde se xustifique a adquisición desta.

6º. Comunicar inmediatamente á autoridade competente a finalización da execución das medidas aprobadas.

7º. Acreditar ante a autoridade competente a titularidade ou disposición por un período non inferior a cinco anos dunha superficie cultivada de lúpulo que faga viable a adquisición da maquinaria agrícola e equipos específicos subvencionados.

8º. A explotación de lúpulo deberá estar inscrita no Reaga e, no caso de cooperativas, sociedades agrarias de transformación (SAT) ou outras agrupacións agrarias, que os seus socios ou membros sexan titulares de, polo menos, en conxunto, de tres das devanditas explotacións.

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias

Servizo de Sanidade e Produción Vexetal

Rúa dos Irmandiños, s/n. Salgueiriños

Teléfono: 881997441

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Prazo de presentación: PECHADO

31/07/2020 00:00 - 31/08/2020 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

a) Ter a condición de peme conforme o anexo I do Regulamento (CE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

b) Non ter a consideración de empresa en crise conforme a definición establecida no artigo 2 do Regulamento (CE) nº 702/2014.

c) Estar ao día no cumprimento das súas obrigacións tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, e da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

- Non poderán obter a condición de beneficiarios aqueles solicitantes en quen concorra algunha das circunstancias previstas na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

- Serán obrigacións do beneficiario, ademais das previstas na presente orde e a correspondente orde de bases, as establecidas no artigo 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados (anexo I ou anexo II, segundo a liña que se solicite) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación de solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As persoas físicas con capacidade técnica e dedicación profesional suficiente terán a obriga de relacionarse a través de medios electrónicos, consonte o artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e o artigo 10.1.a) e artigo 10.3 da Lei 4/2019, de administración dixital de Galicia.

2. Non serán admitidas a trámite as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido nesta convocatoria e resolverase a súa inadmisión, que deberá ser notificada aos interesados nos termos previstos no artigo 40 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na presente convocatoria, o órgano competente requirirá ao interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días, indicándolle que se non o fixese se lle terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Documentación que achegará coa solicitude

1. Sen prexuízo da achega de calquera outro documento e información que a persoa interesada puidese presentar para resolver sobre o outorgamento da subvención ou as que puidese solicitar a Administración, o beneficiario deberá xuntar á solicitude de subvención, en cada caso, a documentación que se indica a continuación:

a) No caso de entidade xurídicas, copia da documentación de constitución da entidade e xustificación do carácter de agricultor/a novo/a dos seus membros, se procede.

b) En caso de solicitude colectiva, relación de socios, segundo o anexo IX.

c) No caso de que a persoa beneficiaria non sexa propietario da superficie incluída na solicitude, deberá achegar o documento de autorización expresa do propietario para realizar os investimentos previstos ou teña un contrato de arrendamento, parcería ou outra forma xurídica de disposición das parcelas a duración será inferior a cinco (5) anos desde a data da solicitude.

d) Declaración de superficies de lúpulo e/ou maquinaria incluída na solicitude, segundo anexo III.

e) Cando solicita a liña A, memoria valorada na que describa a viabilidade do investimento ou a actuación xunto co Plan de establecemento de novas plantacións do anexo IV, ou Plan de reconversión varietal ou mellora que se pretenda acometer, segundo o anexo V correspondente, que deberá conter, como mínimo, os seguintes aspectos: situación das parcelas obxecto do Plan, con referencia Sixpac; nº plantas por escallo/ rizomas/plantón; estruturas e instalacións do soporte guiado, sistema de rega e superficie que se vai cultivar en cada parcela e, no caso de non actuar na totalidade da parcela, bosquexo acoutado da superficie motivo da actuación.

f) Cando solicita a liña B, proxecto viable desde un punto de vista técnico e económico xunto co Plan de viabilidade de adquisición de maquinaria segundo o anexo VI.

g) Cando o importe individualizado do ben subvencionable supere a contía de 15.000 euros, o beneficiario deberá achegar como mínimo tres ofertas (facturas pro forma) de diferentes provedores, agás que polas especias características daquel non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministre.

h) Se procede, documento que acredite a representación da persoa que subscribe a solicitude.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante.

d) Certificación de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT.

e) Certificación de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificación de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.

g) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

h) Concesión de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado nos formularios de inicio (anexos I e II) e no anexo IX, e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 10 de xullo de 2020 pola que se convocan as axudas ao sector do lúpulo na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020 (DOG núm. 152 do 30 de xullo de 2020).

    • Extracto da Orde do 10 de xullo de 2020 pola que se convocan as axudas ao sector do lúpulo na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020 (DOG núm. 152 do 30 de xullo de 2020).

  • Ámbito Estatal
    • Real decreto 284/2019, do 22 de abril, polo que se establecen as disposicións de aplicación da regulamentación da Unión Europea no sector do lúpulo e se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas estatais de minimis destinadas ao dito sector (BOE nº 107 de 4 de maio de 2019).

Outros procedementos relacionados

FA701A

Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA701B

Modificación da Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF504E

Actividade comercial portuaria de subministro de combustible a buques, e outras instalacións fixas e móbiles, mediante medios móbiles terrestres.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IG534D

Novacións de débedas

Prazo aberto: 07/02/2025 09:00 - 30/12/2025 14:00