Guía de procedementos e servizos

IN848D

Axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia (Plans de Innovación).

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2020 - Prazo pechado: 20/02/2020 00:00 - 18/06/2020 23:59

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación dirixidas ás microempresas, pequenas e medianas empresas, destinadas ao financiamento das actividades integradas en plans de innovación que lles permitan o fortalecemento naquelas áreas que sexan relevantes para a sistematización e internacionalización dos procesos de innovación da empresa, e estean aliñados coas prioridades establecidas na RIS3 para Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse as devanditas axudas para o ano 2020 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IN848D), axustándose as axudas concedidas no marco da presente resolución ao establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as microempresas, pequenas e medianas empresas, conforme as definicións contidas no artigo 2, con domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as que se solicitan a axuda.

Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como daqueloutras específicas que se indican nesta convocatoria, os beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigados a:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención e acreditalo ante o órgano concedente, así como o cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nas normas reguladoras, na convocatoria e na resolución de concesión ou documento no que se establecen as condicións de axuda.

b) Xustificar ante a Axencia Galega de Innovación, de acordo co previsto nestas bases de convocatoria e na normativa reguladora de subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinan a concesión e desfrute da subvención.

c) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto de casos previstos na Lei 9/2007.

d) Subministrar á Administración, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

e) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión, ás comprobacións do artigo 125.5 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello e, se é o caso, dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Comunicar á Axencia Galega de Innovación a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

g) Desenvolver as actividades do Plan de innovación na Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Solicitarlle á Axencia Galega de Innovación autorización para realizar aquelas modificacións no desenvolvemento das actuacións aprobados que estean suxeitas á previa autorización. A realización de modificacións non autorizadas no orzamento financiable suporá a non admisión das cantidades desviadas.

i) Dar publicidade ás axudas recibidas nos contratos de servizos, así como en calquera outro convenio ou contrato relacionado coa execución da actuación, incluída a subcontratación, e en axudas, publicacións, relatorios, equipos, material inventariable e actividades de difusión de resultados financiadas con elas, mencionando expresamente a súa orixe e o cofinanciamento con fondos estruturais da Unión Europea. Ademais, deberán publicar a concesión da axuda na páxina web da empresa e mantela actualizada. Concretamente, na documentación, carteis, propaganda ou publicacións que se elaboren para a súa difusión pública deberá figurar o logotipo da Axencia Galega de Innovación e a frase «Subvencionado pola Axencia Galega de Innovación», así como «cofinanciado no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020». Así mesmo, deberá informarse que foi apoiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

As instrucións detalladas relativas ás obrigas de publicidade da axuda estarán á disposición na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa epígrafe de axudas.

j) Realizar un evento de difusión á finalización do Plan de innovación, para expoñer os resultados e logros acadados non suxeitos a confidencialidade. Este evento realizarase como máximo 6 meses despois da finalización do Plan de innovación. No evento poñerase de manifesto o apoio do Feder e da Axencia Galega de Innovación ao Plan de innovación.

k) Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos estruturais da Unión Europea, en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, punto 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013, o beneficiario deberá, durante a realización da operación:

1. Recoñecer o apoio do Feder á operación mostrando en todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo o emblema da Unión, así como unha referencia á Unión Europea, e unha referencia ao Fondo que dá apoio á operación e ao lema «Unha maneira de facer Europa».

2. Informar o público do apoio obtido do Feder durante a realización do Plan de innovación facendo unha breve descrición na web da empresa, de xeito proporcionado ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados e destacando o apoio financeiro da Unión.

3. Colocar, nun lugar ben visible para o público, por exemplo á entrada das dependencias da empresa, un cartel informativo de tamaño mínimo A3. O cartel indicará o nome e o obxectivo principal da operación. Elaborarase de acordo coas características técnicas adoptadas pola Comisión no Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

4. No caso de persoal de nova contratación para a empresa, a mención expresa no contrato ao cofinanciamento Feder no marco do eixe 1 do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (obxectivo específico 1.2.1) e a presente convocatoria.

Para o resto de persoal dedicado ás actividades do plan, a empresa deberá comunicar por escrito ao traballador que parte do seu salario está a ser cofinanciado con fondos Feder no marco do eixe 1 do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (obxectivo específico 1.2.1) e incluirá unha mención expresa a presente convocatoria e a porcentaxe de imputación do seu tempo ás actividades do plan.

m) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos realizados ao abeiro desta resolución; e conservar toda a documentación relativa a esta subvención durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas que estean incluídos os gastos da operación (artigo 125.4.d) e 140.1 do Regulamento 1303/2013.

n) Facilitar cantos datos resulten necesarios para a avaliación do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou outros instrumentos relacionados coa medición da innovación.

No marco do Plan de avaliación da RIS3 Galicia, desenvolverase un seguimento específico das axudas concedidas. Este seguimento estará baseado na compilación de información acerca dos resultados económicos e científico-técnicos obtidos polas entidades beneficiarias, así como o seu nivel de satisfacción co apoio recibido. Para tales efectos, e por indicación da Axencia Galega de Innovación, durante a execución e á finalización da axuda (ex-post), os beneficiarios deberán proporcionar información relativa a unha serie de indicadores entre os que se incluirán indicadores xerais e específicos de I+D+I e os de produtividade do Plan de innovación.

ñ) Asistir a unha xornada formativa impartida pola Axencia Galega de Innovación sobre as obrigas desta axuda e outros aspectos relacionados cos obxectivos da Axencia para o cal será convocado expresamente con antelación. Á dita xornada deberá acudir, como mínimo, unha persoa pertencente á plantilla do beneficiario vinculada ás tarefas de innovación.

o) Calquera outra obriga imposta de maneira expresa aos beneficiarios na resolución de concesión ou no documento no que se establecen as condicións da axuda.

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Axencia Galega de Innovación (GAIN)

R/ Airas Nunes, s/n (Conxo)

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981957008 / 881999529

Fax: 981957007

Email: servizos.gain@xunta.ga

http://gain.xunta.gal

Axencia Galega de Innovación (GAIN)

Prazo de presentación: PECHADO

20/02/2020 00:00 - 18/06/2020 23:59

Continúa o prazo de presentación de solicitudes ata o 18 de xuño de 2020 ás 13:00h, nos termos previstos na Orde da Consellería de Economía, Emprego e Industria, do 6 de maio de 2020.

Amplíase  o prazo de solicitudes ata o 31 de maio nos termos previstos na Resolución da Axencia Galega de Innovación, do 2 de abril de 2020.

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses e un día contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

- Os beneficiarios das axudas deberán contar con capacidade administrativa, financeira e operativa suficiente para a execución da axuda que se lles conceda, cuxas condicións se determinarán no Documento que Establece as Condicións da Axuda (DECA), conforme o disposto no artigo 20 da presente resolución.

- Non poderán adquirir a condición de beneficiarios destas axudas:

a) As microempresas, pequenas e medianas empresas, que xa resultaran beneficiarias do Programa InnovaPeme nas resolucións de concesión do ano 2017 (Resolución do 11 de novembro de 2017; DOG núm. 232) e do ano 2019 (Resolución do 29 de xullo de 2019; DOG núm. 153).

b) As microempresas, pequenas e medianas empresas incluídas nalgunha das seguintes rúbricas da Clasificación Nacional de Actividades Económicas-CNAE-2009:

– Sección J. Información e comunicacións: quedan excluídas como beneficiarias as empresas das divisións 61: telecomunicacións; 62: programación, consultaría e outras actividades relacionadas coa informática; e 63: servizos de información.

c) As asociacións, as fundacións e, en xeral, as entidades sen ánimo de lucro.

d) As entidades e sociedades públicas con personalidade xurídica propia vinculadas ou dependentes das administracións públicas, así como aquelas pertencentes á administración institucional, calquera que sexa a Administración na que se integren.

e) Calquera ente, organismo ou entidade con personalidade xurídica propia, que se teñan creado especificamente para satisfacer necesidades de interese xeral que non teñan carácter industrial ou mercantil, sempre que un ou varios suxeitos pertencentes ao sector público financien maioritariamente a súa actividade, controlen a súa xestión, ou nomeen máis da metade dos membros do seu órgano de administración, dirección ou vixilancia, de acordo co establecido no artigo 3.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

f) As microempresas, pequenas e medianas empresas en crise conforme a definición contida no artigo 2.

g) As microempresas, pequenas e medianas empresas que están suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

h) As microempresas, pequenas e medianas empresas nas que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007.

As solicitudes presentaranse, obrigatoriamente, por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo III) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude (anexo III) a seguinte documentación:

a) Memoria técnica do Plan de innovación proposto, que incluirá a desagregación do seu orzamento, segundo o guión-modelo que se inclúe como anexo IV, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal e páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa epígrafe de axudas.

b) Copia do informe de benchmarking de innovación INNOBENCH, que poderá obter no enlace http://www.zfv.es/innobench/ e que servirá de referencia para a avaliación da idoneidade do plan.

c) Para os efectos de determinar a condición de peme.

• Documentación xustificativa da declaración completa do Imposto sobre Sociedades do último exercicio pechado; balance e conta de resultados do último exercicio pechado e informe de auditoría financeira, se procede. No caso de empresas de nova creación, previsión de balance e conta de resultados do primeiro ano de funcionamento.

• Documentación xustificativa para efectos de comprobación do número de empregados do solicitante, podendo ser esta o informe do número medio anual de traballadores en situación de alta ou calquera outro documento acreditativo emitido pola Seguridade Social.

• No caso de pequenas e medianas empresas asociadas ou vinculadas no capital ou nos dereitos de voto por outra ou outras, en contía igual ou superior ao 25 por 100, deberase achegar a seguinte documentación das empresas que participen na solicitante: escritura de constitución debidamente rexistrada e as súas posteriores modificacións, acreditación do número de persoas que ocupa a empresa, o volume de negocios e/ou un balance xeral anual que permita clasificar a empresa como «pequena ou mediana»; así como as relacións de asociación ou vinculación no capital ou nos dereitos de voto que, en contía igual ou superior ao 25 por 100, puidesen existir entre a empresa solicitante e outras empresas, de acordo cos criterios establecidos no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do TFUE.

Se estas empresas pola súa vez estivesen participadas por outras empresas ou participasen noutras, igualmente, deberase achegar de todas elas os documentos sinalados no parágrafo anterior.

No caso de non ter traballadores dados de alta no réxime xeral de Seguridade Social, achegarase documento acreditativo emitido por la Seguridade Social e declaración responsable do representante legal da entidade de non ter traballadores.

d) Certificación actualizada do Rexistro Mercantil, na que se especifique a data de constitución, o obxecto social, capital, sede social e clasificación CNAE. Poderase substituír o dito certificado pola presentación das escrituras de constitución da empresa solicitante e as súas modificacións posteriores debidamente rexistradas.

e) No caso de ter concedida algunha axuda para proxectos de I+D+i, copia da resolución de concesión das últimas tres anualidades.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) NIF da entidade representante.

c) DNI/NIE da persoa representante que asine a solicitude.

d) Poder do representante que presenta a solicitude inscrito no rexistro competente.

e) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

h) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

i) Concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os devanditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A Axencia Galega de Innovación realizará as comprobacións documentadas necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do referido Regulamento (UE) nº 651/2014, e que non incorren en ningunha das circunstancias enumeradas no punto 3 do artigo 2 desta convocatoria, para considerar unha empresa en crise.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 25 maio de 2020 pola que se modifica parcialmente a Resolución do 28 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de innovación enmarcados en prioridades estratéxicas da RIS3, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (Diario Oficial de Galicia do 8 de febrero), (DOG nº 106 do 2 de xuño de 2020).

    • Orde do 6 de maio de 2020 pola que se acorda a continuación de determinados procedementos relativos á concesión de subvencións indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos públicos no ámbito desta consellería durante a vixencia do estado de alarma (DOG nº 90 do 11 de maio de 2020).

    • Resolución do 31 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de innovación enmarcados en prioridades estratéxicas da RIS3, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (DOG nº 34 do 19 de febreiro de 2020).

    • Extracto da Resolución do 31 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de innovación enmarcados en prioridades estratéxicas da RIS3, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (DOG nº 34 do 19 de febreiro de 2020).

    • Corrección de erros. Orde do 6 de maio de 2020 pola que se acorda a continuación de determinados procedementos relativos á concesión de subvencións indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos públicos desta consellería durante a vixencia do estado de alarma (DOG nº 96 do 19 de maio de 2020).

    • Resolución do 15 de setembro de 2020 pola que se adxudican as axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia (programa Innova Peme), a través do financiamento das actividades integradas en plans de innovación enmarcados en prioridades estratéxicas da RIS3, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, convocadas pola Resolución desta axencia do 31 de decembro de 2019 (Diario Oficial de Galicia número 34, do 19 de febreiro de 2020). (DOG núm. 196, do 28 de setembro de 2020)

    • Resolución do 7 de decembro do 2020 pola que se dá publicidade do encargo á empresa pública Empresa Tecnologías y Servicios Agrarios, S.A. S.M.E. S.P., como medio propio personificado, das tarefas de apoio na xestión de diversas axudas (códigos de procedemento IN848C, IN848D, IN858A e IN852A).(DOG núm. 9 do 15 de xaneiro de 2021).

Outros procedementos relacionados

FA701A

Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA701B

Modificación da Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF504E

Actividade comercial portuaria de subministro de combustible a buques, e outras instalacións fixas e móbiles, mediante medios móbiles terrestres.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IG534D

Novacións de débedas

Prazo aberto: 07/02/2025 09:00 - 30/12/2025 14:00