Guía de procedementos e servizos

IN501A

Axudas para a organización de accións formativas non regradas e de divulgación que impulsen o coñecemento, a competitividade e a innovación da industria forestal de Galicia.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 18/06/2021 00:00 - 19/07/2021 23:59

Consellería de Economía e Industria

1. Esta resolución ten por obxecto a aprobación das bases reguladoras das axudas para a organización de accións formativas non regradas e de divulgación que impulsen o coñecemento e destaquen a importancia estratéxica da industria forestal, a competitividade, o deseño, a innovación e o desenvolvemento sustentable, en concordancia coa Estratexia de formación e coa Axenda de Impulso da Industria Forestal, e proceder á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2021, para o desenvolvemento de proxectos tractores e proxectos singulares (código de procedemento IN501A).

2. A finalidade desta resolución é mellorar e reforzar as habilidades profesionais para incrementar a competitividade e o coñecemento en todas as fases da cadea de valor, así como colaborar coa finalidade das asociacións do sector. Estas axudas teñen como obxectivo estratéxico contribuír a unha concienciación colectiva baseada na percepción da industria forestal como unha industria estratéxica, innovadora, moderna e peza esencial na transición ao novo modelo de economía circular, favorecendo a participación dos axentes clave na divulgación da utilidade da madeira e dos seus produtos derivados.

Proxectos subvencionables.

1. Nos termos desta resolución, tanto no caso de proxectos tractores como singulares, serán subvencionables os proxectos que integren actividades de carácter formativo non regrado, así como actividades de carácter divulgativo que promovan a industria forestal de Galicia como unha industria estratéxica e de futuro.

2. Os proxectos recollerán:

a) A organización de actividades formativas non regradas, tales como cursos ou pílulas formativas relacionados coa industria forestal. En concreto, subvencionaranse exclusivamente as actividades que aborden as seguintes temáticas:

a.1) Formación específica non regrada:

1º. Habilidades e coñecementos na xestión de aproveitamentos madeireiros, na xestión de aproveitamentos non madeireiros tales como a resina (quedan excluídos os alimentarios como fungos, froitos, mel, aromatizantes e medicinais), en tratamentos silvícolas e na utilización de maquinaria forestal.

2º. Habilidades no manexo de maquinaria de primeira transformación, así como do coñecemento dos procesos industriais de serra, secado, clasificación da madeira e tratamentos preventivos e curativos da madeira que contribúan á súa valorización comercial.

3º. Habilidades no manexo de maquinaria de segunda transformación, control numérico CNC, así como no desenvolvemento de proxectos de instalación e amoblamento.

4º. Incorporación do deseño como ferramenta de innovación e diferenciación nos produtos de madeira ao longo de toda a cadea de valor e, en particular, na carpintaría e o moble.

5º. Deseño e cálculo de estruturas de madeira, mecanización, montaxe, así como reparación, rehabilitación e intervencións en estrutura de madeira.

6º. Competencias profesionais para a caracterización e clasificación de madeiras locais.

a.2) Formación non regrada de carácter transversal:

1º. Seguridade e saúde laboral nos procesos da cadea de valor da industria forestal que incorpore as novidades tecnolóxicas da industria e que permita a reciclaxe profesional neste ámbito. Quedan excluídos os cursos de nivel básico establecidos no Regulamento dos servizos de prevención (Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro).

2º. Competencias para o manexo de software e TIC no ámbito da industria forestal.

3º. Habilidades directivas e formación en métodos de xestión, dirección, comercialización e márketing.

4º. Implantación de procesos de certificación forestal (FSC e PEFC), dilixencia debida, así como métodos para monitorizar a orixe e o destino da madeira.

b) Organización de actividades de divulgación: xornadas, conferencias, seminarios, charlas ou visitas instrutivas en colexios, universidades ou outros centros, ou en xeral calquera acción de divulgación sobre a industria forestal. En concreto, subvencionaranse exclusivamente as actividades que aborden as seguintes temáticas:

1º. Difusión das vantaxes ambientais do uso da madeira e da súa contribución á sustentabilidade e á economía circular, así como das ferramentas que facilitan a súa cuantificación e comunicación: análise do ciclo de vida, ecodeseño, etiquetaxes ambientais, etc.

2º. Novos usos da madeira na construción.

3º. Materiais derivados da madeira, as súas últimas innovacións e aplicacións.

4º. Necesidade de certificación (PEFC e FSC) da xestión forestal, implantación da cadea de custodia e dilixencia debida, así como métodos para monitorizar a orixe e o destino da madeira.

5º. Nova demanda de produtos madeireiros: valorización e aproveitamento da biomasa para a produción de enerxía.

6º. O papel da muller na industria forestal: perfís profesionais, impacto e impulso de novas vocacións.

Poderán ser persoas beneficiarias sempre que, con anterioridade á publicación desta resolución, cumpran as condicións e os requisitos establecidos nela:

a) As asociacións, organizacións, fundacións de interese galego e entidades sen ánimo de lucro que teñan base asociativa e sexan representativas ou relacionadas coa cadea de valor da industria forestal.

b) As agrupacións empresariais innovadoras (AEI) representativas ou relacionadas coa cadea de valor da industria forestal.

c) Os colexios profesionais cando as actividades subvencionables se correspondan co seu obxecto e cos fins sociais, segundo o disposto nos seus estatutos.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Axencia Galega da Industria Forestal

Avda. Fernando de Casas Novoa, 38 (San Lázaro)

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881995472/ 881995473/ 881995474/ 881995479

Email: xera.ceei@xunta.gal

Axencia Galega da Industria Forestal

Prazo de presentación: PECHADO

18/06/2021 00:00 - 19/07/2021 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao de publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución.

1. Con carácter xeral, as entidades beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Estar legalmente constituídas e rexistradas nos rexistros competentes e estar ao día nos deberes referidos ao depósito de documentos e á inscrición de acordos nos devanditos rexistros.

b) Non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin ter pendentes de pagamento débedas coa Comunidade Autónoma, así como estar ao día nos seus deberes tributarios e coa Seguridade Social.

c) Realizar as actividades obxecto da axuda no ámbito territorial de Galicia.

d) Ter domicilio social e actividade en Galicia, con data anterior á publicación da presente resolución.

2. As entidades solicitantes poderán concorrer ás axudas de maneira individual ou conxuntamente con outras das sinaladas no parágrafo primeiro deste artigo.

2.1. No caso de proxectos individuais, unicamente poderá presentarse unha solicitude por entidade (ben sexa proxecto tractor ou ben singular). En caso de presentar máis dunha solicitude individual, terase en conta a presentada en último lugar e procederase á inadmisión das restantes presentadas.

2.2. No caso de proxectos conxuntos, non hai límite de presentación de solicitudes por entidade.

Neste caso, todas estas entidades solicitantes quedan obrigadas solidariamente ao cumprimento dos deberes que deriven da concesión da subvención e ao cumprimento do establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Ademais, as entidades solicitantes deben compartir polo menos o 80 % das actividades propostas e deberán facer constar os compromisos de execución asumidos por cada unha das entidades solicitantes, así como o importe da subvención que se aplicará por cada unha delas, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias. En calquera caso, deberá nomearse unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poder suficiente para cumprir os deberes que, como entidade beneficiaria, corresponden á agrupación.

Solicitude.

1.As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considérase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e firma admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. No formulario de solicitude (anexo I) inclúense as seguintes declaracións responsables:

a) Declaración responsable do solicitante de todas as axudas solicitadas e concedidas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.

b) Declaración responsable de que todos os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

c) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Declaración responsable de estar ao día no pago de deberes por reintegro de subvencións, conforme ao artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Declaración responsable de que a empresa non está inmersa nun proceso de concurso de acredores.

g) Declaración responsable de que desenvolverá en Galicia as actividades que ten asignadas no proxecto para o cal se solicita a axuda.

h) Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal solicita a axuda.

i) Declaración responsable de que ningún dos provedores nin relatores están asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorren neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras destas axudas.

Documentación complementaria.

1. As entidades interesadas deberán presentar obrigatoriamente coa solicitude a seguinte documentación:

a) Copia dos estatutos da entidade solicitante na que figure o seu obxecto social. Cada entidade presentará a documentación que se indica neste apartado, no caso de solicitudes conxuntas.

b) Certificación do rexistro competente que acredite a súa inscrición nel, así como que están ao día no cumprimento dos deberes referidos ao depósito de documentos e inscrición de acordos nos devanditos rexistros.

c) Documentación que acredite, por calquera medio válido en dereito, a representación coa que actúa a persoa que asina a solicitude.

d) Anexo II (pluralidade de solicitantes) para presentar por cada solicitante a maiores do que figura no anexo I, só no caso de solicitudes conxuntas. O devandito anexo II integra, ademais, a autorización á entidade sinalada como representante para a presentación da solicitude en nome do resto.

e) Documento no que se acorde a colaboración entre as entidades solicitantes, a designación da que as representa, as tarefas e os compromisos económicos e/ou materiais asumidos por cada unha delas para a execución das actividades, e o importe da subvención solicitado por cada unha, no caso de solicitudes formuladas conxuntamente por varias entidades.

g) Documentación xustificativa da colaboración na realización das actividades, que inclúa a experiencia e antigüidade do docente na materia para impartir, no caso de actividades nas que participen como docentes profesorado de universidades, expertos ou expertas de centros de innovación, ou profesionais de recoñecida traxectoria.

h) Proxecto no que se recollan as actividades formativas non regradas e de divulgación de cada entidade, que será asinado pola persoa que exerza a representación legal da entidade. Para cada acción ou actividade incluída no índice do proxecto deberá entregarse a seguinte documentación, xunto coa documentación complementaria necesaria, e seguindo a estrutura que se indica a seguir:

1º. Memoria explicativa do proxecto segundo o anexo III (unha soa memoria por solicitude).

2º. Actividades a desenvolver conforme ao anexo IV (cubrir un anexo por cada actividade).

3º. Orzamentos detallados cos gastos e ingresos segundo o anexo V (cubrir un anexo por cada edición).

4º. Certificado de exención do IVE ou da porcentaxe de pro rata, se é o caso.

5º. Orzamento de ingresos para cada unha das actividades realizadas, se é o caso.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario presentar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou devanditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistema electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias presentadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vai a presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos establecidos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) Alta no IAE ou certificado da Axencia Estatal de Administración Tributaria.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Certificación de estar ao día nos deberes tributarios coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

e) Certificación de estar ao día nos deberes coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

f) Certificación de estar ao día nos deberes coa Consellería de Facenda.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado na solicitude de inicio (anexo I ou II, segundo corresponda), así como enviar os devanditos documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, despois de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 2 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2021, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas para a organización de actividades formativas non regradas e de divulgación que impulsen o coñecemento, a competitividade e a innovación da industria forestal de Galicia (DOG nº 114 do 17 de xuño de 2021).

    • Extracto da Resolución do 2 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2021, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas para a organización de actividades formativas non regradas e de divulgación que impulsen o coñecemento, a competitividade e a innovación da industria forestal de Galicia (DOG nº 114 do 17 de xuño de 2021).

    • Resolución do 23 de novembro de 2021 pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Resolución do 2 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2021, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas para a organización de accións formativas non regradas e de divulgación que impulsen o coñecemento, a competitividade e a innovación da industria forestal de Galicia (DOG nº 230 do 30 de novembro de 2021).

Outros procedementos relacionados

ED301A

Autorización de centros privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

ED301C

Autorización de centros privados para impartir ensinanzas artísticas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

ED301F

Autorización de centros de ensinanzas de técnicos deportivos.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

ED330H

Rexistro de librarías. Axudas para adquirir libros de texto e material escolar.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano