Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IN417Z
Subvencións para proxectos de mellora enerxética nas empresas - Programa Bono Enerxía Peme.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Economía e Industria
1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións para a realización de proxectos de mellora enerxética, destinadas a pemes e autónomos con actividade económica no campo do comercio, hostalería, artístico-recreativa e outros servizos, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución (código de procedemento IN417Z).
2. Convócanse para o ano 2022, en réxime de concorrencia non competitiva, segundo o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as subvencións para a mellora enerxética (en diante Bono enerxía peme). As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada da solicitude no rexistro, do que se fará publicidade na aplicación informática que se utiliza na xestión das axudas.
Xustifícase a excepcionalidade porque nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial en promover proxectos que fomenten un mellor uso da enerxía e contribúan a reactivar sectores de actividade fortemente afectados polas restricións derivadas da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 e actual carestía dos produtos enerxéticos que, cumprindo os requisitos especificados nas presentes bases, se poidan levar adiante en Galicia. Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de maneira continuada.
3. As presentes axudas destinadas a empresas incardínanse no réxime de axudas de minimis, establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis; no Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola, e no Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xullo de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura.
Neste caso deberase garantir que, de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector do transporte de mercadoría por estrada, este límite redúcese a 100.000 €. Para as empresas do sector da pesca, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 30.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 20.000 € durante calquera período de tres exercicios.
Proxectos subvencionables.
1. Son proxectos subvencionables os investimentos en equipamentos consumidores de enerxía ou elementos que contribúan a unha xestión enerxética eficiente incluídos nas seguintes tipoloxías de actuación:
a) Bono envolvente: elementos de control solar (toldos ou láminas de control solar e/ou térmico. Só serán subvencionables toldos de cor branca e/ou negra e variantes destas cores). En ningún caso serán subvencionables os elementos que incorporen publicidade.
b) Bono iluminación: renovación de equipamentos de iluminación interior e/ou exterior, incluídos rótulos e escaparates, por outros que utilicen tecnoloxía LED e os elementos de control asociados.
c) Bono instalacións eléctricas: mellora da eficiencia enerxética en instalacións eléctricas que garanta unha subministración con calidade e fiabilidade (renovación de transformadores, incorporación ou renovación de sistemas de alimentación ininterrompida, compensación de enerxía reactiva, instalación de filtros economizadores ou similares).
d) Bono equipamento: renovación do equipamento consumidor de enerxía como cafeteiras, lavalouzas, lavadoras, secadoras, pasadoras de ferro, vending, mobles frigoríficos, autoservizo e calquera equipamento de consumo enerxético propio do establecemento, sempre que se poida acreditar unha cualificación enerxética B ou superior. Cando non se dispoña dun sistema de etiquetaxe oficial, poderase utilizar como referencia outro sistema, como Eurovent ou similar. Aqueles equipamentos para os cales non exista sistema de cualificación enerxética poderán ser subvencionables se acreditan este aspecto e xustifican que o novo equipamento previsto ten unha eficiencia enerxética superior ao substituído. Deberá xustificarse a retirada do equipamento existente e a súa entrega a un xestor autorizado.
e) Bono climatización: equipamentos que permitan reducir o consumo de enerxía das instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria. Esta medida refírese exclusivamente ás instalacións fixas, destinadas á climatización e/ou produción e consumo de auga quente sanitaria do establecemento; quedan fóra do seu ámbito os equipamentos móbiles e os non permanentes para a climatización de terrazas e outros espazos abertos ao público. Os novos equipamentos deberán ser de potencia térmica nominal superior a 5 kW e ter unha cualificación enerxética B ou superior. Cando non se dispoña dun sistema de etiquetaxe oficial, poderase utilizar como referencia outro sistema, como Eurovent ou similar. Aqueles equipamentos para os cales non exista sistema de cualificación enerxética poderán ser subvencionables se acreditan este aspecto e xustifican que o novo equipamento previsto ten unha eficiencia enerxética superior ao substituído. Tamén serán subvencionables a incorporación de recuperadores de calor, de sistemas de arrefriamento gratuíto, a mellora dos illamentos da instalación de climatización, sistemas de movemento de fluídos caloportadores e de regulación e control (sistemas de regulación en función de medicións de CO2 ou da temperatura exterior, billas economizadoras accionadas mediante infravermellos e outros).
f) Bono inmótica: sistemas domóticos e/ou inmóticos que permitan xestionar a enerxía e o gasto enerxético de forma máis eficiente. No caso de sistemas de telemedida intelixentes que permiten monitorizar as instalacións e detectar consumos anómalos, consideraranse elixibles se incorporan algún tipo de actuador ou automatismo, por exemplo enviando alarmas que advirtan de situacións non desexadas. Se só miden e analizan non se consideran elixibles.
2. A mellora enerxética debe describirse axeitadamente na memoria técnica a que se fai referencia no artigo 10 destas bases reguladoras. Non se considerarán válidos os proxectos que non detallen axeitadamente os equipamentos que se pretende instalar e o fundamento da mellora enerxética en relación coa situación inicial.
3. Os proxectos que se presenten deberán ser técnica, xurídica, económica e financeiramente viables.
Investimentos subvencionables.
1. Os proxectos que non cumpran cos requisitos técnicos mínimos recollidos no artigo 2 destas bases reguladoras non serán subvencionables.
2. Considéranse custos subvencionables:
a) Os custos de investimento necesarios para a consecución dunha ou varias das diferentes tipoloxías de mellora enerxética definidas no artigo 2 das bases reguladoras.
b) A realización do proxecto, a dirección de obra, a adquisición e instalación dos equipamentos, obra civil, soportes e proteccións, tanto eléctricas como mecánicas, así como calquera outro elemento necesario para o correcto deseño e funcionamento da instalación reformada.
3. Non se consideran custos subvencionables:
a) Os gastos de legalización.
b) O imposto sobre o valor engadido (IVE).
c) Os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
d) Non serán subvencionables as operacións de mantemento (simple reposición de lámpadas, reposición de elementos funxibles...).
e) As instalacións de xeración eléctrica fotovoltaica.
4. En ningún caso serán subvencionables as instalacións/equipamentos que xa fosen obxecto de axuda en anos anteriores.
5. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.
1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos que teñan domicilio social ou centro de traballo en Galicia e cuxa actividade estea incluída entre as seguintes seccións do CNAE 2009:
– Sección G: comercio por xunto e polo miúdo, divisións 45 a 47 incluídas.
– Sección I: hostalaría, divisións 55 a 56 incluídas.
– Sección R: actividades artísticas, recreativas e de entretemento, divisións 90 a 93 incluídas.
– Sección S: outros servizos, só as divisións 95 e 96.
2. Os requisitos para obter a condición de beneficiarios deberanse cumprir, como máis tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.
Xunta de Galicia
Consellería de Economía e Industria
Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)
Dirección Inega
Xerencia do Inega
Rúa Avelino Pousa Antelo, nº 5 - San Lázaro
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981541523
Email: inega.info@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
06/04/2022 00:00 - 31/08/2022 23:59
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de agosto de 2022.
1. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en que concorra algunha das causas de exclusión previstas no artigo 1 do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, no artigo 1 do Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola, e no artigo 1 do Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xullo de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura.
3. Non poderán obter a condición de beneficiarias as empresas suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
Solicitudes.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
A publicación dos formularios da solicitude no DOG faise unicamente para efectos informativos.
Os autónomos presentarán as súas solicitudes por medios electrónicos, para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da súa actividade profesional, como establece o artigo 10.1, letra a), da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.
Documentación complementaria.
1. A documentación complementaria da solicitude deberá incluír unha parte administrativa e unha parte técnica. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación obrigatoria:
a) Documentación administrativa:
i. Poder de representación da persoa que presenta a solicitude (anexo II).
ii. Documento oficial en que conste o código CNAE correspondente á actividade da empresa, tal como declaración censual, declaración de vida laboral, imposto de actividades económicas, etc. Tamén se aceptarán os documentos en que aparezan as actividades incluídas no IAE que correspondan coas seccións do CNAE 2009.
iii. Cando o investimento sen IVE da actuación sexa inferior a 15.000 €, o beneficiario deberá achegar unha oferta que avale o orzamento do proxecto e, no caso de que o investimento sen IVE sexa superior ou igual a 15.000 €, deberá presentar as tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, debe solicitar o solicitante.
Neste último caso, o beneficiario deberá solicitar e achegar ao Inega, como mínimo, o contido de 3 ofertas de distintos provedores; non se aceptará como válido o certificado, informe ou documento similar en que se indique que se cumpriu co dito trámite de solicitar as 3 ofertas, pois o que debe achegarse é a copia do contido de cada unha das ofertas.
A elección dunha das ofertas fundamentarase sempre en criterios de aforro. Ademais, será necesario achegar como xustificación unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa, que terá que incluír unha comparación das especificacións técnicas dos elementos ofertados e o motivo da elección.
Non será necesario presentar as 3 ofertas se, polas especiais características dos gastos que se subvencionan, non existe no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten; neste suposto, o beneficiario deberá prestar declaración expresa motivada en tal sentido.
As ofertas deberán conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, enderezo, e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe por concepto (especificando se inclúe ou non IVE) e a descrición técnica dos elementos ofertados.
iv. As empresas deben achegar declaración responsable emitida polo representante da empresa que asina a solicitude, en que se indique a cualificación como empresa autónoma, ou ben as empresas asociadas ou vinculadas, incluíndo os datos de participación respectivos.
v. As empresas que non se atopen obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público ou que non teñan o domicilio social en Galicia presentarán:
a. Documentación acreditativa da constitución.
b. Documento público acreditativo do poder con que actúa o representante da empresa.
Non é necesario no caso de que o solicitante sexa unha empresa pública.
vi. Copia do documento que acredite a existencia dun centro de traballo en Galicia ou a realización de algunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Documentación técnica:
i. Memoria técnica do proxecto segundo o modelo Memoria técnica ME dispoñible na web do Inega (www.inega.gal).
ii. Fotografías da instalación actual incluíndo, cando proceda, a placa de características técnicas dos equipamentos sobre os que se actúa. As fotografías deberán vir identificadas coa estancia en que se atopan.
iii. Características técnicas dos equipamentos para os que se solicita a axuda subministradas polo fabricante (catálogo, certificado ou ficha técnica do fabricante), onde se inclúan datos da produtividade do equipamento e do seu consumo e rendemento enerxético.
iv. Etiquetaxe que acredite unha cualificación enerxética B ou superior, no caso de renovación de equipamentos do Bono equipamento ou Bono climatización, que así o requiran.
v. Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente achegar para a correcta avaliación do proxecto.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, de non se poderen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos (10MB) ou teña un formato non admitido, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.
5. Os interesados poderán consultar na aplicación informática e na carpeta cidadá – A miña sede, accesibles desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente e a documentación presentada.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) Certificado de alta no imposto de actividades económicas.
b) Certificacións de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.
c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.
e) DNI/NIE da persoa solicitante.
f) NIF da entidade solicitante.
g) Consulta dos administradores da sociedade.
h) NIF da entidade representante.
i) DNI/NIE da persoa representante.
j) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.
k) Concesión de subvencións e axudas.
l) Concesións pola regra de minimis.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitude.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 1 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes con actividade de comercio, hostalaría, artístico-recreativas e outros servizos (programa Bono enerxía peme), anualidade 2022 (DOG nº 66 do 5 de abril de 2022).
-
Extracto da Resolución do 1 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes con actividade de comercio, hostalaría, artístico-recreativas e outros servizos (programa Bono enerxía peme), anualidade 2022 (DOG nº 66 do 5 de abril de 2022).
-
Resolución do 7 de xullo de 2022 pola que se amplía o prazo de solicitudes e o de execución e xustificación dos investimentos establecidos na Resolución do 1 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes con actividade de comercio, de hostalaría, artístico-recreativas e outros servizos (programa Bono enerxía peme), anualidade 2022 (DOG nº 133 do 13 de xullo de 2022).
-
Resolución do 27 de xullo de 2022 pola que se amplía o crédito orzamentario establecido na Resolución do 1 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes con actividade de comercio, hostalaría, artístico-recreativas e outros servizos (programa Bono enerxía peme), anualidade 2022 (DOG nº 148 do 4 de agosto de 2022).
-
Resolución do 6 de marzo de 2023 pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Resolución do 1 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes con actividade de comercio, hostalaría, artístico-recreativa e outros servizos (programa Bono enerxía peme), anualidade 2022 (DOG nº 51 do 14 de marzo de 2023).
-
Outros procedementos relacionados
Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Aberto todo o ano
Modificación da Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Aberto todo o ano
Actividade comercial portuaria de subministro de combustible a buques, e outras instalacións fixas e móbiles, mediante medios móbiles terrestres.
Aberto todo o ano
Novacións de débedas
Prazo aberto: 07/02/2025 09:00 - 30/12/2025 14:00