Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IN417Z
Subvencións para proxectos de mellora enerxética nas empresas - Programa Bono Enerxía Peme
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Economía e Industria
1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións para a realización de proxectos de mellora enerxética, destinadas a pemes e autónomos con actividade económica no campo do comercio, hostalaría ou artístico-recreativo, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución.
2. Convócanse para o ano 2021, en réxime de concorrencia non competitiva, segundo o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as subvencións para a mellora enerxética (en diante, Bono enerxía peme). As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude, do cal se fará publicidade na aplicación informática que se utiliza na xestión das axudas.
Xustifícase a excepcionalidade porque nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial en promover proxectos que fomenten un mellor uso da enerxía e contribúan a reactivar sectores de actividade fortemente afectados polas restricións derivadas da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 que, cumprindo os requisitos especificados nas presentes bases, se poidan levar adiante en Galicia. Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de maneira continuada.
3. As presentes axudas destinadas a empresas incardínanse no réxime de axudas de minimis, establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis; no Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola, e no Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xullo de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura.
Neste caso deberase garantir que, de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector do transporte de mercadoría por estrada, este límite redúcese a 100.000 €. Para as empresas do sector da pesca, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 30.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 20.000 € durante calquera período de tres exercicios.
Proxectos subvencionables.
1. Son proxectos subvencionables os investimentos en equipamentos consumidores de enerxía ou elementos que contribúan a unha xestión enerxética eficiente incluídos nas seguintes tipoloxías de actuación:
a) Bono envolvente: elementos de control solar (toldos ou láminas de control solar e/ou térmico. Só serán subvencionables toldos de cor branca e/ou negra e variantes destas cores).
b) Bono iluminación: renovación de equipamentos de iluminación interior e/ou exterior, incluídos rótulos e escaparates, por outros que utilicen tecnoloxía LED e os elementos de control asociados.
c) Bono instalacións eléctricas: mellora da eficiencia enerxética en instalacións eléctricas que garanta unha subministración con calidade e fiabilidade (renovación de transformadores, incorporación ou renovación de sistemas de alimentación ininterrompida, compensación de enerxía reactiva, instalación de filtros economizadores ou similares).
d) Bono equipamento: renovación do equipamento consumidor de enerxía como cafeteiras, lavalouzas, lavadoras, secadoras, pasadoras de ferro, vending, mobles frigoríficos, autoservizo e calquera equipamento de consumo enerxético propio do establecemento, sempre que se poida acreditar unha cualificación enerxética B ou superior. Cando non se dispoña dun sistema de etiquetaxe oficial poderase utilizar como referencia outro sistema, como Eurovent ou similar. Deberá xustificarse a retirada do equipamento existente e a súa entrega a un xestor autorizado.
e) Bono climatización: equipamentos que permitan reducir o consumo de enerxía das instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria. Esta medida inclúe exclusivamente as instalacións fixas con potencia superior a 5 kW destinadas á climatización, ventilación e/ou produción e consumo de auga quente sanitaria do establecemento; quedan fóra do seu ámbito os equipamentos móbiles e os non permanentes para a climatización de terrazas e outros espazos abertos ao público. Inclúense equipamentos de xeración que teñan unha cualificación enerxética B ou superior (cando non se dispoña dun sistema de etiquetaxe oficial poderase utilizar como referencia outro sistema, como Eurovent ou similar); tamén serán subvencionables a incorporación de recuperadores de calor, de sistemas de arrefriamento gratuíto, e a mellora dos illamentos, sistemas de movemento de fluídos caloportadores e de regulación e control (sistemas de regulación en función de medicións de CO2 ou da temperatura exterior, billas economizadoras accionadas mediante infravermellos e outros).
f) Bono inmótica: sistemas domóticos e/ou inmóticos que permitan xestionar a enerxía e o gasto enerxético de forma máis eficiente.
2. A mellora enerxética debe describirse axeitadamente na memoria técnica a que se fai referencia no artigo 10 destas bases reguladoras. Non se considerarán válidos os proxectos que non detallen axeitadamente os equipamentos que se pretende instalar e o fundamento da mellora enerxética en relación coa situación inicial.
3. Os proxectos que se presenten deberán ser técnica, xurídica, económica e financeiramente viables.
As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos que teñan domicilio social ou centro de traballo en Galicia.
Obrigas dos beneficiarios.
Son obrigas dos beneficiarios, sen prexuízo das demais obrigas que figuran no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:
1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.
2. Xustificar ante o Inega o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.
3. Dispoñer da capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se concede a axuda.
4. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuase o Inega, así como a calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, as comprobacións e verificacións que realicen o organismo intermedio, a autoridade de xestión e a autoridade de control e, de ser o caso, os órganos de control da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e outras instancias de control, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
5. Comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e sempre con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
6. Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado por un período mínimo de tres anos unha vez rematado o proxecto.
7. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta axuda e conservar a documentación xustificativa relativa aos gastos financiados durante un prazo de tres anos.
8. En cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no caso de promoción ou difusión pública que as persoas beneficiarias realicen da actuación subvencionada por calquera soporte, deberá constar o cofinanciamento con fondos da Xunta de Galicia a través do Instituto Enerxético de Galicia, que se efectuará incorporando de forma visible o símbolo e logotipo da Xunta de Galicia e do Inega.
9. En relación coa publicidade do financiamento, durante a realización do proxecto e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento ou emprego, o beneficiario deberá informar o público do apoio obtido do Inega, Xunta de Galicia: a) facendo unha breve descrición no seu sitio da internet, no caso de que dispoña dun, da operación, de maneira proporcional ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados e destacando o apoio financeiro do Inega; b) colocando, polo menos, un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), en que mencionará a axuda financeira nun lugar ben visible para o público. O Inega facilitará modelos aos beneficiarios a través da súa páxina web.
10. Reintegrar os fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería de Economía e Industria
Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)
Dirección Inega
Xerencia do Inega
Rúa Avelino Pousa Antelo nº 5, San Lázaro
15703 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981953543
Email: Inega.info@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
14/04/2021 00:00 - 06/08/2021 23:59
Segundo a Resolución do 16 de xuño de 2021 (DOG nº 119 do 24 de xuño de 2021), amplíase o prazo de presentación de solicitudes ata o día 6 de agosto de 2021.
1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos que teñan domicilio social ou centro de traballo en Galicia e cuxa actividade estea incluída entre as seguintes seccións do CNAE 2009:
– Sección G: comercio por xunto e polo miúdo, divisións de 45 a 47 incluídas.
– Sección I: hostalaría, divisións de 55 a 56 incluídas.
– Sección R: actividades artísticas, recreativas e de entretemento, divisións de 90 a 93 incluídas.
2. Os requisitos para obter a condición de beneficiarios deberanse cumprir, como máis tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.
Persoas e entidades excluídas destas axudas.
1. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en que concorra algunha das causas de exclusión previstas no artigo 1 do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, no artigo 1 do Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola, e no artigo 1 do Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xullo de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura.
3. Non poderán obter a condición de beneficiarias as empresas suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
Forma de presentación das solicitudes.
1. As solicitudes subscribiranas directamente os interesados ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.
2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
No ámbito do sector público autonómico estarán obrigados a relacionarse a través de medios electrónico para realizar calquera tramite dun procedemento administrativo os traballadores autónomos e traballadoras autónomas para os trámites e actuacións que realicen no exercicio da súa actividade profesional, de acordo co establecido no artigo 10.1 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.
A publicación dos formularios da solicitude no DOG faise unicamente para efectos informativos.
3. Para formular a solicitude e que esta sexa válida, ademais de cubrir o correspondente formulario cos datos de identificación do solicitante e xerais da actuación (anexo I da solicitude), deberase achegar, a través da aplicación, a seguinte documentación mínima:
– Poder de representación da persoa que presenta a solicitude (anexo II).
– Memoria técnica do proxecto segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal).
4. Os fondos solicitados e os validados polo Inega poderán visualizarse en todo momento a través da aplicación informática. Unha vez presentada unha solicitude, a aplicación informática descontará dos fondos dispoñibles a contía de axuda correspondente ao expediente.
De chegarse a esgotar os fondos dispoñibles, as seguintes solicitudes presentadas incluiranse nunha lista de espera; no momento da presentación, a aplicación informática informará da posición que ocupa a solicitude na lista de espera. As inadmisións, desistencias, denegacións, renuncias e minoracións de solicitudes con fondos asignados liberarán fondos que poderán ser reasignados aos expedientes que se atopen en lista de espera segundo a orde de prelación que corresponda.
5. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.
Documentación complementaria.
1. A documentación complementaria da solicitude deberá incluír unha parte administrativa e unha parte técnica. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Documentación administrativa:
i. Poder de representación da persoa que presenta a solicitude (anexo II).
ii. Documento oficial en que conste o código CNAE correspondente á actividade da empresa, tal como declaración censual, declaración de vida laboral, imposto de actividades económicas, etc. Tamén se aceptarán os documentos en que aparezan as actividades incluídas no IAE que correspondan coas seccións do CNAE 2009.
iii. As empresas que non se atopen obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público presentarán a documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente.
iv. Copia do documento que acredite a existencia dun centro de traballo en Galicia ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
v. As empresas deben achegar declaración responsable emitida polo representante da empresa en que se indique a cualificación como empresa autónoma, ou ben se indiquen as empresas asociadas ou vinculadas, incluíndo os datos de participación respectivos.
vi. Cando o investimento sen IVE da actuación non sexa superior a 15.000 €, o beneficiario deberá achegar unha oferta que avale o orzamento do proxecto e, no caso de que o investimento sen IVE sexa superior a 15.000 €, deberá presentar as tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, debe ter solicitado o solicitante.
Neste último caso, o beneficiario deberá solicitar e achegar ao Inega, como mínimo, o contido de 3 ofertas de distintos provedores; non se aceptará como válido o certificado, informe ou documento similar en que se indique que se cumpriu co dito trámite de solicitar as 3 ofertas, pois o que debe achegarse é copia do contido de cada unha das ofertas.
A elección dunha das ofertas fundamentarase sempre en criterios de aforro. Ademais, será necesario achegar como xustificación unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa, que terá que incluír unha comparación das especificacións técnicas dos elementos ofertados e o motivo da elección.
Non será necesario presentar as 3 ofertas se polas especiais características dos gastos que se subvencionan non existe no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten; neste suposto, o beneficiario deberá prestar declaración expresa motivada en tal sentido.
As ofertas deberán conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, enderezo, e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe por concepto (especificando se inclúe ou non IVE) e a descrición técnica dos elementos ofertados.
b) Documentación técnica:
i. Memoria técnica do proxecto segundo modelo «Memoria técnica ME» dispoñible na web do Inega (www.inega.gal).
ii. Fotografías da instalación actual, incluíndo cando proceda a placa de características técnicas dos equipamentos sobre os cales se actúa. As fotografías deberán vir identificadas coa estancia en que se atopan.
iii. Características técnicas dos equipamentos para os que se solicita a axuda subministradas polo fabricante (catálogo, certificado ou ficha técnica do fabricante), onde se inclúan datos da produtividade do equipamento e do seu consumo e rendemento enerxético.
iv. Etiquetaxe que acredite unha cualificación enerxética B ou superior, no caso de renovación de equipamentos do Bono equipamento ou Bono climatización, que así o requiran.
v. Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente achegar para a correcta avaliación do proxecto.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, de non se poderen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos (10 Mb) ou teña un formato non admitido, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.
5. Os interesados poderán consultar na aplicación informática e na Carpeta cidadá-A miña sede, accesibles desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente e a documentación presentada.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) Certificado de alta no imposto de actividades económicas.
b) Certificacións de estar ao día no pagamento coa AEAT, a Seguridade Social e a Facenda autonómica.
c) DNI/NIE da persoa solicitante.
d) NIF da entidade solicitante.
e) Consulta dos administradores da sociedade, cando se trate dunha persoa xurídica.
f) NIF da entidade representante.
g) DNI/NIE da persoa representante.
h) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.
i) Concesión de subvencións e axudas.
j) Concesións pola regra de minimis.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Tramites administrativos posteriores á presentación de solicitude.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electrónicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 18 de marzo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes con actividade de comercio, hostalaría ou artístico-recreativas (programa Bono enerxía peme), anualidade 2021 (DOG nº 68 do 13 de abril de 2021).
-
Extracto da Resolución do 18 de marzo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes con actividade de comercio, hostalaría ou artístico-recreativas (programa Bono enerxía peme), anualidade 2021 (DOG nº 68 do 13 de abril de 2021).
-
Resolución do 4 de maio de 2021 pola que se modifica a Resolución do 18 de marzo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes con actividade de comercio, hostalaría ou artístico-recreativas (programa Bono enerxía peme), anualidade 2021 (DOG nº 87 do 10 de maio de 2021).
-
Resolución do 16 de xuño de 2021 pola que se acorda a ampliación dos prazos de solicitude e de execución e xustificación dos investimentos establecidos na Resolución do 18 de marzo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes con actividade de comercio, hostalaría ou artístico-recreativas (programa Bono enerxía peme), anualidade 2021 (DOG nº 119 do 24 de xuño de 2021).
-
Resolución do 1 de outubro de 2021 pola que se amplía o crédito orzamentario establecido na Resolución do 18 de marzo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes con actividade de comercio, hostalaría ou artístico-recreativa (programa Bono enerxía peme), anualidade 2021 (DOG nº 195 do 8 de outubro de 2021).
-
Resolución do 17 de xaneiro de 2022 pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Resolución do 18 de marzo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes con actividade de comercio, hostalaría ou artístico-recreativa (programa Bono enerxía peme), anualidade 2021 (DOG nº 17 do 26 de xaneiro de 2022).
-
Outros procedementos relacionados
Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Aberto todo o ano
Modificación da Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Aberto todo o ano
Actividade comercial portuaria de subministro de combustible a buques, e outras instalacións fixas e móbiles, mediante medios móbiles terrestres.
Aberto todo o ano
Novacións de débedas
Prazo aberto: 07/02/2025 09:00 - 30/12/2025 14:00