Guía de procedementos e servizos

IN414C

Subvencións Plan Renove de electrodomésticos.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 20/04/2021 00:00 - 30/09/2021 23:59

Consellería de Economía e Industria

Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións para a renovación de electrodomésticos en vivendas situadas en Galicia por parte de persoas físicas que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución.

Actuacións que se subvencionan.

1. As actuacións que se subvencionan son a renovación de electrodomésticos en vivendas sitas na Comunidade autónoma de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

Son subvencionables a substitución de electrodomésticos das tipoloxías indicadas na seguinte táboa por outros novos da mesma tipoloxía e con etiqueta de clasificación enerxética establecidos na mesma táboa, segundo a clasificación vixente a partir de marzo de 2021 (Regulamento (UE) 2017/1369 do Parlamento Europeo e do Consello). No caso das placas de cociña, é subvencionable a substitución da placa preexistente de calquera tecnoloxía por outra nova de indución total (placas que teñan soamente tecnoloxía de indución, non mixtas). Para acceder á subvención hai que entregar o electrodoméstico retirado a un xestor autorizado.

Electrodomésticos subvencionables

Frigorífico e frigorífico-conxelador con clasificación enerxética A, B, C ou D

Conxelador con clasificación enerxética A, B, C ou D

Lavadora A, B ou C

Lavalouza A, B ou C

Placas de cociña de indución total (soamente tecnoloxía de indución, non mixtas)

2. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados dentro do prazo para a execución da instalación establecido no artigo 24 das bases reguladoras.

En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado nin o importe da subvención superar o custo do equipamento.

3. As solicitudes para a renovación de electrodomésticos presentaranse a través das entidades colaboradoras.

As persoas físicas que realicen algunha das actuacións establecidas no artigo 3 destas bases reguladoras nunha vivenda sita na Comunidade Autónoma de Galicia.

Obrigas das persoas beneficiarias.

1. Son obrigas das persoas beneficiarias as establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en particular, as seguintes:

a) Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

b) Xustificar ante o Inega, a través da entidade colaboradora, cando proceda, que cumpre cos requisitos ou condicións que determinan a concesión da axuda, no prazo sinalado na convocatoria ou, excepcionalmente, o que se sinale na resolución, cando esta sexa consecuencia da estimación dun recurso.

c) Acreditar ante a entidade colaboradora, con anterioridade á presentación da solicitude da axuda, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

d) Realizar o pagamento das facturas antes da data en que deban presentarse ante o Inega. Este pagamento debe estar debidamente documentado tal e como se establece no artigo 16 destas bases reguladoras.

e) Cando non poida executar o proxecto, deberá desistir da súa solicitude.

f) O beneficiario está obrigado a respectar o destino do investimento, polo menos, os dous (2) anos posteriores á data da resolución de pagamento final, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso en que se aplicarán estes.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, que poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Toda referencia ás actuacións subvencionadas en publicacións, actividades de difusión, páxinas web e, en xeral, calquera medio de difusión deberán incluír o símbolo e logotipo da Xunta de Galicia e do Inega, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)

R/ Avelino Pousa Antelo, 5 San Lázaro

15707  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981541500

Email: inega.info@xunta.gal

www.inega.gal

Presencialmente,previa cita no teléfono 981541500

Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)

Prazo de presentación: PECHADO

20/04/2021 00:00 - 30/09/2021 23:59

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 20 de abril de 2021 ás 9.00 horas e rematará o 30 de setembro de 2021 ou cando se esgoten os fondos.

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas que realicen algunha das actuacións establecidas no artigo 3 destas bases reguladoras nunha vivenda sita na Comunidade Autónoma de Galicia. Para ser beneficiario terá que tramitar a súa solicitude a través dalgunha das entidades colaboradoras adheridas que figuren na lista que se publique na páxina web do Inega (www.inega.gal).

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os requisitos para obter a condición de persoa beneficiaria deberanse cumprir, o máis tardar, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Forma de presentación de solicitudes.

1. As solicitudes serán subscritas directamente polas entidades colaboradoras.

Na páxina web do Inega (www.inega.gal) estará dispoñible unha listaxe de entidades colaboradoras adheridas a esta convocatoria de axudas.

2. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), e na páxina web do Inega (www.inega.gal), de conformidade ao establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas entidades colaboradoras.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

A aplicación solicitará a inclusión da documentación necesaria e xerará a solicitude do beneficiario. Cada entidade colaboradora só poderá ter unha única sesión aberta.

3. A solicitude (anexo IV) imprímese obrigatoriamente desde a aplicación informática.

A entidade colaboradora presentará telematicamente desde a aplicación a solicitude de axuda unha vez asinada polo representante, mediante o formulario normalizado accesible desde a citada aplicación informática e que se xunta como anexo IV. Previamente a presentar a solicitude, a aplicación permitirá imprimir o documento de representación conforme o anexo V, que deberá ser asinado polo solicitante, dixitalizado e xuntarse á solicitude da axuda.

4. Os fondos solicitados e os vixentes poderán visualizarse en todo momento a través da aplicación informática. Unha vez presentada unha solicitude, a aplicación informática descontará a contía de axuda correspondente ao expediente dos fondos dispoñibles. Por tanto, a axuda máxima que se conceda ao expediente estará limitada pola axuda indicada na solicitude inicial.

De chegarse a esgotar os fondos dispoñibles, as seguintes solicitudes presentadas incluiranse nunha listaxe de espera; no momento da presentación, a aplicación informática, informará da posición que ocupa a solicitude na listaxe de espera.

As inadmisións, desistencias, denegacións, renuncias e minoracións de solicitudes con fondos asignados liberarán fondos que poderán ser reasignados aos expedientes que se atopen en listaxe de espera segundo a orde de prelación que lles corresponda.

5. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Unha vez presentada a solicitude, reservaranse os fondos asociados á axuda durante o prazo de execución previsto no artigo 24. Se neste prazo non se presenta a solicitude de pagamento indicada no artigo 15, entenderase que o solicitante desiste da súa solicitude e que perde o dereito á reserva de fondos, os cales se reasignarán ás solicitudes que eventualmente se atopen na listaxe de espera segundo a orde de prelación que corresponda.

Documentación complementaria.

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

– Autorización para a representación segundo o anexo V.

Respecto á obriga de acreditar o cumprimento das obrigas tributarias e da seguridade social coa Administración Pública da Comunidade Autónoma, coa Administración do Estado e coa Seguridade Social, no caso de que as subvencións non superen os 3.000 euros individualmente e se concedan con cargo aos créditos orzamentarios do capítulo VII (transferencias de capital destinadas a familias e institucións sen fin de lucro), substituirase pola declaración responsable do solicitante de estar ao día, segundo o disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Esta declaración esta incluída no formulario de solicitude (anexo IV) onde di «A persoa solicitante ou representante declara».

Forma de presentación da documentación complementaria.

1. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recollidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das entidades colaboradoras presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As entidades colaboradoras responsablilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos (10MB) ou teña un formato non admitido, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.

4. Todos os trámites administrativos que as entidades colaboradoras deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

Comprobación de datos.

1º Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE, da persoa solicitante cando sexa unha persoa física.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

2º No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3º Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 16 de marzo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a renovación de electrodomésticos, en réxime de concorrencia non competitiva, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria para a anualidade (DOG nº 59 do 29 de marzo de 2021).

    • Extracto da Resolución do 16 de marzo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a renovación de electrodomésticos, en réxime de concorrencia non competitiva, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria para a anualidade (DOG nº 59 do 29 de marzo de 2021).

Outros procedementos relacionados

FA701A

Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA701B

Modificación da Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IG500A

Novacións modificativas nos préstamos concedidos polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) nos diversos programas instrumentados ao abeiro do decreto 133/2002

IN201B

Obtención/renovación do obradoiro artesán

Tramitar en liña

Aberto todo o ano