Guía de procedementos e servizos

IN219A

Subvención ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Cidadáns, Empresas e profesionais

Convocatoria 2017 - Prazo pechado: 03/03/2017 00:00 - 03/04/2017 23:59

. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a dinamización e revitalización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (200.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro de 2013, L352/1).

3. En concreto, considéranse actuacións subvencionables dentro desta liña de axudas as recollidas no punto 3.1, sempre que estas sexan realizadas e efectivamente pagadas entre o 1 de xaneiro de 2017 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 18.

En función da súa especial natureza e, por teren unha continuidade ininterrompida, tamén se considerarán actuacións subvencionables aquelas actuacións realizadas a partir do 1 de novembro de 2016 ata o 31 de decembro de 2016.

3.1. Actuacións subvencionables.

3.1.1. Serán subvencionables os proxectos que teñan por finalidade acadar a dinamización e revitalización dos centros comerciais abertos a través de:

a) Dinamización comercial mediante a realización de campañas de promoción, a publicidade das campañas de promoción en medios de comunicación ou en soportes publicitarios, así como a elaboración de material promocional das actuacións desenvolvidas. No caso de que o material promocional sexan bolsas, o importe máximo da subvención por este concepto será de 3.000 euros.

O desenvolvemento de campañas de dinamización ou actuacións encamiñadas á promoción das vendas deberán presentarse dentro dun proxecto de incentivación ao consumo en que se amose a participación directa dos establecementos comerciais asociados.

b) Desenvolvemento de sistemas de fidelización a través de servizos dirixidos á clientela cuxa finalidade sexa aumentar as vendas, atraer a novas persoas consumidoras e satisfacer a clientela.

c) Sinalización comercial externa, a través de elementos identificativos da área comercial.

d) Mellora da competitividade comercial a través das seguintes actuacións:

d.1) Proxectos de creación ou posta en funcionamento e consolidación de centrais de compras e servizos.

d.2) Creación de redes de comunicación.

d.3) Xornadas técnicas e congresos en materia de comercio.

e) Os gastos imputables ás unidades xerenciais, que cumpran os requisitos establecidos no artigo 3.1.3, e derivados da formulación, execución e seguimento do proxecto obxecto da subvención.

Só serán subvencionables por este concepto recollido na letra e) aqueles proxectos que inclúan, ademais, dúas actuacións das descritas nas letras a) e b) deste punto.

3.1.2. Serán subvencionables os proxectos que teñan por finalidade acadar a dinamización e rexeneración das prazas de abastos a través das seguintes actuacións:

a) Instalacións e equipamentos do mercado e das praceiras e dos praceiros.

b) Desenvolvemento de sistemas de fidelización a través de servizos complementarios cuxa finalidade sexa aumentar as vendas, atraer novas persoas consumidoras e satisfacer a clientela.

c) Sinalización comercial que deberá aterse aos seguintes requisitos de cor de fondo dos postos respecto de cada un dos seguintes produtos:

Fondo azul. Para os postos de venda de peixe.

Fondo vermello. Para os postos de venda de carne.

Fondo verde. Para os postos de venda de froitas e verduras.

Fondo amarelo. Para os postos de venda de lácteos, ovos e panadaría.

d) Dinamización comercial mediante a realización de campañas de promoción, publicidade en medios de comunicación ou en soportes publicitarios, así como a elaboración de material promocional das actuacións desenvolvidas. No caso de que o material promocional sexan bolsas, o importe máximo da subvención por este concepto será de 3.000 euros.

O desenvolvemento de campañas de promoción ou actuacións encamiñadas á promoción das vendas deberán presentarse dentro dun proxecto de incentivación ao consumo en que se amose a participación directa das praceiras e dos praceiros.

e) Os gastos imputables ás unidades xerenciais derivados da formulación, execución e seguimento do proxecto obxecto da subvención.

f) Accións de mellora da competitividade comercial como xornadas técnicas ou formación que contribúan á capacitación técnica dos praceiros, á optimización da imaxe das prazas e á mellora do servizo aos clientes.

4. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada.

De acordo co disposto no punto 7 do devandito artigo, os gastos financeiros, os de asesoría xurídica ou financeira, os gastos notariais e rexistrais, periciais e os gastos de garantía bancaria poderán ser subvencionables se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a adecuada preparación ou execución desta.

Así mesmo, de conformidade co disposto no punto 9 do devandito artigo, serán admisibles como gastos subvencionables os orixinados polas unidades xerenciais, incluídos os custos de persoal e de funcionamento, tendo en conta que as devanditas unidades resultan indispensables para a axeitada preparación, avaliación e execución do proxecto subvencionable. Non obstante o anterior, o importe máximo da subvención destinada aos custos de persoal non será superior a 15.000 euros, incluído o custo salarial do xerente e a Seguridade Social.

Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o 1 de xaneiro de 2017 e a data límite establecida no artigo 18 destas bases reguladoras, coa excepción dos gastos efectuados en 2016 de acordo co establecido no punto 3.

En ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

5. Segundo o artigo 29.8 da Lei 9/2007, en ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

Así mesmo, non serán subvencionables:

- Os regalos promocionais nin os custos relativos a axudas de custo, desprazamentos, nin a realización de cócteles e actos análogos.

- As campañas de dinamización, promoción ou calquera outra actuación que teña exclusivamente por finalidade o patrocinio, colaboración ou axuda económica que comporten actividades lúdicas, turísticas, de exaltación gastronómica, deportivas ou similares, sen relación co fomento da actividade comercial e sen a participación directa dos establecementos comerciais asociados.

- As bolsas que non sexan biodegradables e/ou reutilizables.

- Os gastos da asesoría externa en contía superior a 2.500 euros de subvención.

Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases:

- As asociacións de vendedores das prazas de abastos, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas, e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.

- As agrupacións de persoas físicas e xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica, constituídas para os únicos efectos de compartir a unidade xerencial prevista nos puntos 3.1.1.e) e 3.1.2.e) do artigo 1, e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.

Cando se trate de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, deberanse facer constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que aplicará cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

- As asociacións de comerciantes de carácter territorial, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia, que leven a cabo proxectos de interese e transcendencia en centros comerciais abertos.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Dirección Xeral de Comercio e Consumo

Subdirección Xeral de Innovación e Ordenación Comercial

Edificios Administrativos. San Caetano, 3º planta

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981545557

Fax: 981545541

http://economiaeindustria.xunta.es

Subdirección Xeral de Innovación e Ordenación Comercial

Prazo de presentación: PECHADO

03/03/2017 00:00 - 03/04/2017 23:59

Un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos, terán a consideración de centros comerciais abertos as agrupacións de establecementos comerciais definidas no artigo 24 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, que conten, en todo caso, cunha unidade de xestión profesionalizada que deberá cumprir os seguintes requisitos:

- A unidade xerencial deberá ter contratada a unha persoa física mediante un contrato laboral, que en ningún caso poderá ser membro da asociación nin formar parte dos seus órganos de goberno e que desenvolverá funcións de xestión, contabilidade, información e asesoramento aos comerciantes e dinamización do comercio.

Prestar servizos de atención ás persoas usuarias un mínimo diario de 6 horas en horario comercial.

Estas unidades xerenciais poderán ser compartidas entre dous ou máis centros comerciais abertos.

Ademais, o CCA deberá cumprir, polo menos, catro dos seguintes cinco requisitos mínimos e, en todo caso, o establecido na letra c):

a) Estar en concellos con poboación superior aos 10.000 habitantes, de acordo co establecido na normativa pola que se declaren oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do padrón municipal referidas a 1 de xaneiro de 2016.

b) Dispoñer dun grao de concentración comercial alto, é dicir, no espazo onde se desenvolve debe haber polo menos 100 comercios, os cales deberán compartir un sinal de identidade conxunto tanto a nivel urbanístico como comercial.

c) Contar como adheridos polo menos co 50 % dos comercios existentes na súa delimitación territorial.

d) Presentar unha diversidade de oferta comercial, con predominio da oferta especializada en equipamento persoal.

e) Integrar os principais eixes comerciais da vila.

Non poderán ser beneficiarios destas axudas as empresas en crise, conforme a definición prevista no artigo 2, número 18, do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE do 26 de xuño de 2014, L 187/1).

  • Xunto coa solicitude deberá presentarse a seguinte documentación:

    • a) Acta e estatutos de constitución e modificacións posteriores, se é o caso, e acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente, así como o NIF da entidade solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa verificación.

    • b) Poder suficiente da persoa representante da entidade solicitante, e copia do seu documento nacional de identidade, só no caso de denegar expresamente a súa consulta no sistema de verificación de datos de identidade.

    • c) No caso de estar exento do imposto sobre o valor engadido (IVE), documentación acreditativa da mencionada exención.

    • d) Memoria de cada unha das actividades para as que se solicita subvención, que incluirá, polo menos, a súa descrición, obxectivos, localización e calendario de realización, así como o número e características dos participantes e beneficiarios.

    • e) Copia da acta da sesión en que se informen os asociados do proxecto para o cal se solicita a subvención.

    • f) Orzamento detallado de gastos previstos para a realización de cada unha das actividades para as cales se solicita subvención, segundo o anexo VII, e factura ou, na súa falta, factura pro forma da actividade ou adquisición que se subvenciona de quen vaia subministrar o ben ou prestar o servizo, coa desagregación de conceptos e contías, así como o plan de financiamento do proxecto.

      Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo, do 14 de novembro, para o contrato menor (50.000 euros no suposto de execución de obra ou 18.000 euros nos demais supostos), o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

      A elección entre as ofertas presentadas, que deberá achegarse na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Considerando o anterior, deberá achegarse a documentación disposta nos parágrafos seguintes:

      • f.1) Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas detalladas dos investimentos sobre os que se solicita a axuda, obtidos dos provedores seleccionados pola entidade solicitante, con independencia da contía dos investimentos.

      • f.2) Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas que non foron seleccionadas pola entidade solicitante para a realización do proxecto.

      • f.3) Memoria económica xustificativa da elección dos provedores, nos seguintes casos:

        f.3.1) Cando a elección do provedor non recaia na oferta económica máis vantaxosa, das tres que como mínimo obtivo a entidade solicitante.

        f.3.2) Cando polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

        Non existe a obriga de presentar esta memoria xustificativa cando a elección do provedor recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivo a entidade solicitante.

        As ofertas presentadas e os provedores elixidos supoñen unha documentación vinculante para o desenvolvemento do proxecto no caso de ser entidade beneficiaria da axuda.

        Non se considerarán subvencionables, parcial ou totalmente, aqueles investimentos dos que non se presente documentación económica completa conforme o aquí recollido.

    • g) Orzamento do exercicio corrente da entidade asociativa, sen incluír as partidas para as cales se solicita a subvención.

    • h) Orzamento liquidado pola entidade asociativa no ano 2016.

    • i) Certificado expedido pola persoa que exerza a secretaría ou representación da entidade que acredite o número de membros asociados dados de alta e número de comercios retallistas, dos que se achegará relación detallada e actualizada, con inclusión do nome da persoa titular e do establecemento, así como as epígrafes do IAE en que figura dado de alta, enderezo postal e telefónico, concretando, se é o caso, as empresas ou entidades participantes no proxecto e actuacións que se van desenvolver.

    • j) Transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento das cotas aboadas polos comercios asociados no ano 2016, nos cales queden claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento.

    • k) Formalización do anexo V, relativo ás unidades xerenciais, acompañado da documentación que nel se sinala, de ser o caso.

    • l) No caso das agrupacións a que se refire o artigo 3, punto 1.1.2, deberá achegarse o compromiso de execución asumido por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles. Nomeamento da persoa representante ou apoderada única da agrupación con poderes suficientes para cumprir as obrigas que lle corresponden á agrupación e copia do seu documento nacional de identidade, só no caso de denegar expresamente a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade.

    • m) Informe da mesa local de comercio correspondente, sobre o proxecto de dinamización comercial obxecto de solicitude de concesión de subvención, de conformidade co disposto no artigo 3.b) do Decreto 183/2011, do 15 de setembro, polo que se regulan as mesas locais de comercio.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

  • As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

    Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

    Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

  • A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

    Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

  • Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

    Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

  • No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • No prazo de presentación de solicitudes, entenderase que o prazo vence o día cuxo ordinal coincida co que serviu de partida, que é o de publicación no DOG e, se é festivo, o primeiro día hábil seguinte.

Prazo de resolución: Cinco meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orden de 7 de febrero de 2017 por la que se establecen las bases reguladoras para la concesión, en régimen de concurrencia competitiva, de las subvenciones a las asociaciones de comerciantes sin ánimo de lucro para la dinamización de los centros comerciales abiertos y plazas de abastos de Galicia, y se procede a su convocatoria (DOG nº 43 del 2 de marzo de 2017).

Outros procedementos relacionados

CO301B

Bonos Activa comercio.

Prazo aberto: 20/05/2025 00:00 - 31/12/2025 23:59

FA300A

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300B

Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300C

Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano