Guía de procedementos e servizos

IN118A

Bolsa de formación no Instituto Galego do Consumo e da Competencia para o programa de traballo do Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais

Convocatoria 2020 - Prazo pechado: 14/01/2020 00:00 - 13/02/2020 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Sobre o procedemento

1. As bolsas de formación no Instituto Galego do Consumo e da Competencia para o programa de traballo do Consello Galego de Consumidores e Usuarios teñen como obxectivo contribuír á formación práctica de titulados superiores en materia de consumo.

2. As bolsas que se convoquen desenvolveranse dentro do programa de traballo do Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

3. O programa de formación incluirá a colaboración nas actividades do Consello Galego de Consumidores e Usuarios e nas súas tarefas conexas, como a elaboración de estudos, a participación no desenvolvemento das funcións atribuídas a ese órgano, a actualización da bases de datos e a intervención na preparación daqueles informes que o Consello Galego de Consumidores e Usuarios deba emitir no exercicio das súas funcións. O programa formativo poderá estenderse a todas aquelas actividades realizadas no Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

4. Así mesmo, o Consello Galego de Consumidores e Usuarios nomeará unha persoa titora responsable das actividades de formación que desenvolverá a persoa bolseira.

5. O programa formativo desenvolverase ao longo do ano 2020 cunha duración máxima de doce meses, contado desde a data da incorporación da persoa bolseira ata o 30 de decembro de 2020.

Non se concederán bolsas para suplir baixas ou renuncias por tempo inferior a un mes.

A persoa beneficiaria da bolsa terá as seguintes obrigas:

a) Aceptar por escrito as normas e obrigas establecidas nas bases reguladoras e na convocatoria da bolsa dentro do prazo de 5 días posteriores á notificación da resolución de concesión.

b) Presentar, xunto coa aceptación da bolsa, declaración de non percibir outras subvencións, bolsas, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria das persoas interesadas, segundo o modelo do anexo III.

c) Presentar, xunto coa aceptación da bolsa, declaración responsable coa conta bancaria onde deba aboarse a bolsa, segundo o modelo do anexo III.

d) Presentar, xunto coa aceptación da bolsa, certificación médica acreditativa de non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles coa realización das funcións que se desenvolverán.

e) Incorporarse á bolsa na data sinalada na resolución de concesión e cumprir un horario de trinta e cinco horas semanais, de acordo coa distribución que lle asine o Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

f) Xustificar o cumprimento dos requisitos establecidos.

g) Cumprir co programa de formación establecido cuns niveis de rendemento satisfactorios, presentando os traballos e informes que determine a Instituto Galego do Consumo e da Competencia. Así mesmo, deberá asistir ás actividades que este centro considere convenientes para a súa formación.

h) Non desenvolver outras tarefas que dificulten o cumprimento das súas obrigas como persoa bolseira.

i) Manter a confidencialidade e a reserva sobre a totalidade dos documentos que lle sexan confiados ou sexan elaborados en cumprimento das súas funcións como persoa bolseira. Esta confidencialidade é extensible a calquera dato que puidese coñecer con ocasión da realización da bolsa, especialmente os de carácter persoal, que non poderá copiar ou utilizar cun fin distinto ao da bolsa, nin tampouco ceder a outros nin sequera para efectos de estudo, consulta ou divulgación.

j) Comunicarlle ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia a obtención doutras bolsas ou axudas, así como calquera outra alteración dos requisitos impostos ás persoas beneficiarias para o outorgamento destas bolsas.

k) Comunicarlle a súa renuncia ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia con dous días de antelación á data de cesamento, no caso de que se produza con posterioridade ao inicio da formación.

l) Presentar ante o Instituto Galego do Consumo e da Competencia, no prazo dun mes a partir da finalización da formación, unha memoria detallada das actividades realizadas, na cal especificará o programa formativo desenvolvido e os obxectivos acadados.

m) Desfrutar dun período de vacacións de vinte e dous días hábiles ou o tempo proporcional ao período de desfrute da bolsa.

n) As demais que, con carácter xeral, se establecen no artigo 11 da Lei de subvencións de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Instituto Galego de Consumo e da Competencia (IGC)

Avda. Gonzalo Torrente Ballester, nº 3, 1-5, baixo

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981545545/ 981545416

Email: cooperacion.igc@xunta.gal

http://consumo.xunta.gal

Desde o resto do Estado: 902 12 00 12

Instituto Galego de Consumo e da Competencia (IGC)
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

14/01/2020 00:00 - 13/02/2020 23:59

O prazo de presentación será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que remata o último día do mes.

Poderán optar á concesión desta bolsa as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

a) Ter nacionalidade española ou ser nacional de calquera Estado membro da Unión Europea, así como estar domiciliada/o na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Acreditar un coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4. Só se lle concederá validez ás titulacións ou aos cursos homologados polos órganos competentes en materia de política lingüística.

c) Estar en posesión dalgún título universitario de licenciado/a ou de grao en dereito. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes e ter rematados os estudos conducentes a el no ano 2007 ou posterior. Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros españois non estatais deberán estar homologados ou recoñecidos e producir plenos efectos xurídicos na data de presentación da solicitude.

d) Non gozar na actualidade de calquera outra bolsa ou axuda, salvo o subsidio por desemprego.

e) Non ter sido persoa beneficiaria desta mesma bolsa en convocatorias anteriores por un tempo superior a oito meses.

f) Non ter emprego remunerado nin percibir a prestación por desemprego.

g) Non padecer ningunha enfermidade nin limitación física ou psíquica que imposibilite o cumprimento das súas obrigas como bolseiro/a.

h) Non incorrer en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

i) Non incorrer en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Debido á capacidade técnica das persoas físicas beneficiarias da presente bolsa, que deben reunir a condición de tituladas universitarias, considérase que teñen acceso e dispoñibilidade suficiente aos medios electrónicos necesarios para realizar todos os trámites electronicamente no presente procedemento.

2. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación académica oficial, na cal conste a nota media do expediente académico da titulación universitaria con que concorre.

b) Curriculum vitae, no cal se relacionen os estudos cursados e, se é o caso, a experiencia profesional.

c) Documentos acreditativos de todos os méritos alegados no curriculum vitae.

d) Xustificante do pagamento dos dereitos de expedición da titulación correspondente, se é o caso.

e) Títulos obtidos no estranxeiro ou en centros españois non estatais, se é o caso.

f) Certificado de Celga 4 ou equivalente non expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüistica.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado de residencia con data de última variación padroal da persoa solicitante.

d) Certificado do Celga 4 ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

e) Título/s universitario/s de licenciado ou grao. No caso de títulos obtidos no estranxeiro ou en centros españois non estatais, será necesario presentar o documento orixinal ou unha copia.

f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT para a solicitude de axudas e subvencións.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Atriga para percibir axudas ou subvencións.

i) Certificado do importe de prestación por desemprego, percibido na data actual.

j) Certificado de situación actual de desemprego.

k) Certificado da condición de bolseiro.

l) Certificado das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, Incapacidade Temporal e Maternidade.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución: Tres meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Corrección de erros. Orde do 6 de maio de 2020 pola que se acorda a continuación de determinados procedementos relativos á concesión de subvencións indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos públicos desta consellería durante a vixencia do estado de alarma (DOG nº 96 do 19 de maio de 2020).

    • Orde do 6 de maio de 2020 pola que se acorda a continuación de determinados procedementos relativos á concesión de subvencións indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos públicos no ámbito desta consellería durante a vixencia do estado de alarma (DOG nº 90 do 11 de maio de 2020).

    • Resolución do 16 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, mediante a tramitación anticipada de gasto, dunha bolsa de formación para o programa de traballo do Consello Galego de Consumidores e Usuarios, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (DOG nº 7 do 13 de xaneiro de 2020).

    • Extracto da Resolución do 16 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, mediante a tramitación anticipada de gasto, dunha bolsa de formación para o programa de traballo do Consello Galego de Consumidores e Usuarios, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (DOG nº 7 do 13 de xaneiro de 2020).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

CO401A

Reclamación/reclamación e denuncia en materia de consumo.

CO401B

Denuncia en materia de consumo.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

ED011A

Actualización e/ou modificación do expediente do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte ensinanzas non universitarias en centros dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Aberto todo o ano

ED301A

Autorización de centros privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano