Guía de procedementos e servizos

IG422B

Axudas para o desenvolvemento do Plan de Misións Comerciais das pemes 2023, susceptibles de ser cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2023 - Prazo pechado: 15/03/2023 08:00 - 17/04/2023 14:00

Consellería de Economía e Industria

Incentivar e estimular o comercio exterior galego e a internacionalización das pemes galegas.

O obxectivo principal do Plan de Misións Comerciais das pemes é conseguir a internacionalización real das pemes galegas e propiciar a comercialización dos seus bens e servizos nos mercados exteriores. 

As actuacións que engloban o Plan de Misións Comerciais das pemes están dirixidas a:

a) Aumentar a base de empresas exportadoras.

b) Fomentar e consolidar a presenza de empresas galegas nos mercados internacionais.

c) Conseguir unha maior diversificación, tanto sectorial coma xeográfica das exportacións, incorporando novos mercados e produtos aos procesos de internacionalización das empresas galegas.

d) Difundir a cultura da internacionalización como ferramenta de progreso e competitividade.

Empresas.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape

Complexo Administrativo San Lázaro, s/n

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 900815151

Fax: 981558844

Email: informa@igape.es

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape

Prazo de presentación: PECHADO

15/03/2023 08:00 - 17/04/2023 14:00

O prazo de presentación de solicitudes de axuda (código de procedemento IG422B) iniciarase o día seguinte ao da finalización do prazo de adhesión das entidades colaboradoras e será dun mes contado desde as 8.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o devandito prazo dun mes, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito. Neste caso informarase do pechamento adiantado do prazo de solicitude a través da páxina web do Igape e no Diario Oficial de Galicia.

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que cumpran a definición de pemes (microempresas, pequenas e medianas empresas) segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014 da Comisión, incluídas as pemes con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos. O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas para as que se propón a concesión da axuda teñen a condición de peme.

b) Que teñan domicilio social e algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que estean dadas de alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización, deberá facerse antes do remate do prazo de fin de execución da actuación, a través do procedemento do Igape IG192.

d) Os beneficiarios deberán contar con presenza nos medios dixitais internacionais e, como mínimo, cunha páxina web con versión en inglés.

e) Os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser beneficiario da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

f) Que cumpran a normativa de axudas de minimis segundo o previsto no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013), para as empresas do sector pesqueiro no Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño de 2014), e para as empresas do sector agrícola no Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013).

g) Que estean ao día de pagamentos debidos ás cámaras.

h) As empresas participantes nunha mesma acción non deberán ter vinculación entre si de ningún tipo para poder optar á subvención, no caso de que participen nunha acción dúas empresas vinculadas só unha delas poderá optar á subvención. Enténdese por vinculación calquera participación dunha empresa tanto directa como indirecta na xestión, control ou capital social doutra. A vinculación faise extensiva á relación de membros de órgano de goberno, directivos ou xestores.

2. Mediante a presentación da solicitude de participación na acción, os beneficiarios aceptan a tramitación a través da entidade colaboradora, que será, así mesmo, a encargada de informar puntualmente o interesado sobre o estado da súa petición, os dereitos e obrigas desta, e das notificacións recibidas de acordo co establecido no artigo 16.2. O Igape porá á disposición deste programa unha aplicación no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual para os efectos de cubrir o cuestionario de solicitude de participación electronicamente.

 Forma e lugar de presentación das solicitudes e documentación complementaria.

1. Dentro do prazo establecido na convocatoria, para presentar a solicitude de axuda, as entidades colaboradoras deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do proxecto para o cal solicita a subvención e o orzamento de gastos a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

Deberase xuntar como documento a este formulario electrónico a convocatoria para a selección das pemes segundo o modelo do anexo VI.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

No devandito formulario electrónico a entidade colaboradora realizará as seguintes declaracións:

a. Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

b. Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, cando proceda.

c. Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.

d. Que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

e. Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación.

As solicitudes de axuda presentaranse mediante formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo II a estas bases a título informativo. No formulario será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas e concederánselles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal se terán por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivo.

2. Unha vez xerada a solicitude, deberá presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo II), que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

3. Os solicitantes por esta vía electrónica deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

d) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación electrónica, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

4. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 27 de febreiro de 2023 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para o desenvolvemento do Plan de misións comerciais das pemes 2023 susceptibles de ser cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (código de procedemento IG422B), así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión (código de procedemento IG422A), e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 46 do 7 de marzo de 2023).

    • Extracto da Resolución do 27 de febreiro de 2023 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para o desenvolvemento do Plan de misións comerciais das pemes 2023 susceptibles de ser cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (código de procedemento IG422B), así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión (código de procedemento IG422A), e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 46 do 7 de marzo de 2023).

    • Resolución do 28 de agosto de 2024 pola que se dá publicidade dos beneficiarios das axudas concedidas por este instituto durante o primeiro e o segundo trimestres de 2023 (DOG nº 173 do 9 de setembro de 2024).

Outros procedementos relacionados

FA300A

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300B

Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300C

Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300D

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa prestamista inmobiliaria, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano