Guía de procedementos e servizos

IG408B

Préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 07/05/2021 00:00 - 30/12/2021 23:59

Consellería de Economía e Industria

Publicar as bases reguladoras dos préstamos directos do Igape para o financiamento empresarial en Galicia, e convocar os ditos préstamos para o ano 2021 en réxime de concorrencia non competitiva.

Empresas.

Obrigas dos beneficiarios.

1. Son obrigas dos prestameiros:

a) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións do préstamo, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión da operación financeira.

b) Executar o proxecto ou actuación que fundamenta a concesión do préstamo no prazo establecido no acordo de concesión.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e/ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en particular a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas. Para tal fin, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos financiables, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control, durante, polo menos, 4 anos desde a concesión do préstamo.

d) Comunicar ao Igape a solicitude e/ou obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades financiadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da axuda. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. En ningún caso o importe da axuda poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, supere os límites máximos de intensidade da axuda que sexan de aplicación.

e) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos financiados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados.

f) No caso de que non poida realizarse o proxecto para o cal se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

g) Proceder ao reintegro anticipado da operación financeira e, se é o caso, da subvención bruta equivalente implícita, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Ademais do anterior, para as modalidades de préstamo que teñan axuda implícita:

– Achegar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4. da devandita lei.

– As demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape

San Lázaro. Complexo Administrativo

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 900815151/ 981541147

Email: informa@igape.es

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape

Prazo de presentación: PECHADO

07/05/2021 00:00 - 30/12/2021 23:59

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de decembro de 2021, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

1. Poderán ser beneficiarias dos préstamos regulados nestas bases aquelas empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Realicen unha iniciativa empresarial nun centro de traballo, obxecto do proxecto de investimento, localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Cumpran as condicións establecidas especificamente para a correspondente modalidade de préstamo, conforme os requisitos que se detallan no anexo I.

c) Acheguen para o proxecto de investimento unha contribución financeira mínima do 25 % do proxecto, exenta de calquera tipo de apoio público.

2. Para as modalidades de préstamo especificamente indicadas no anexo I, poderán ser tamén beneficiarias as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, agrupacións de interese económico, as sociedades civís e comunidades de bens que cumpran os requisitos do anterior número 1. Cando non teñan personalidade xurídica, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como no acordo de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe das axudas que se van aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiaria correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarios dos préstamos:

a) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

b) As empresas en crise. Para estes efectos, terase en conta a definición de empresa en crise establecida nas Directrices sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación Comisión 2014/C 249/01) ou normativa que a substitúa.

c) As entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007.

Forma e lugar de presentación de solicitudes.

1. Para presentar a solicitude, a entidade solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita o préstamo, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es, dentro do prazo establecido na convocatoria.

Deberá cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador do documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de préstamo.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo VII.1), que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas que este sexa erróneo (sexa porque teña un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, concedéndolles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal se lles terá por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivo.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Os solicitantes por esta vía electrónica deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá anexar necesariamente un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante de recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) A documentación específica sinalada no anexo I para cada modalidade de préstamo.

b) Informe detallado da Central de Información de Riscos do Banco de España (CIR) correspondente ao último período dispoñible, consistente nun arquivo en formato PDF asinado electronicamente que o solicitante deberá obter da Oficina Virtual do Banco de España (actualmente no enderezo da internet https://sedeelectronica.bde.es).

c) En caso de persoas xurídicas:

1º. Escritura/acta de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e as súas modificacións posteriores.

2º. Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.

3º. Contas anuais, auditadas, se é o caso, correspondentes ao último exercicio pechado.

4º. Balance e conta de resultados recentes, asinados polos administradores.

d) No caso de persoas físicas ou comunidades de bens: copias das declaracións de IVE: resumo anual do exercicio anterior e liquidacións periódicas do exercicio corrente.

e) Copia da declaración de solicitude de impacto ambiental, ou declaración responsable de non ter que realizala, se é o caso.

f) En caso de actividades situadas en zonas naturais protexidas, descrición completa das actividades afectadas, ou declaración responsable de non estar as actividades situadas en zonas naturais protexidas.

g) Se é o caso, proxecto técnico elaborado para a obtención da correspondente licenza urbanística no caso de proxectos que inclúan gastos de obra civil e cando sexa preceptiva a dita licenza (construción ou reforma de nave, oficinas, locais comerciais, etc.). Exceptúase da necesidade de presentación de proxecto técnico a execución de obras ou instalacións menores.

h) Relación detallada dos investimentos que se van realizar, distinguindo entre bens novos e usados.

i) Copia do contrato de aluguer/concesión/superficie do inmoble obxecto do proxecto de investimento, se é o caso.

j) Complementariamente, o Igape poderá solicitar a achega, con carácter facultativo, daqueloutra documentación xustificativa para os efectos de valoración do risco.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, o Igape poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE).

 f) Certificado de estar ao día nas obrigacións tributarias coa AEAT.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.

i) Certificado da renda do último exercicio no caso de persoas físicas ou comunidades de bens.

j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

k) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo VII.1) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 23 de abril de 2021 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras de préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 85 do 6 de maio de 2021).

    • Extracto da Resolución do 23 de abril de 2021 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras de préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 85 do 6 de maio de 2021).

    • Resolución do 26 de novembro de 2021 pola que se modifica a Resolución do 23 de abril de 2021 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras de préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 234 do 7 de decembro de 2021).

    • Resolución do 19 de setembro de 2022 pola que se dá publicidade dos beneficiarios das axudas concedidas durante o terceiro e cuarto trimestres de 2021 (DOG nº 194 do 11 de outubro de 2022).

    • Resolución do 27 de setembro de 2022 pola que se dá publicidade dos beneficiarios das axudas concedidas durante o primeiro trimestre de 2022 (DOG nº 194 do 11 de outubro de 2022).

Outros procedementos relacionados

FA300A

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300B

Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300C

Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300D

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa prestamista inmobiliaria, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano