Guía de procedementos e servizos

FA301A

Inscrición no Rexistro administrativo de distribuidores de seguros e reaseguros da Comunidade Autónoma de Galicia dunha persoa corredora de seguros, modificación de datos ou solicitude de cancelación.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Aberto todo o ano

Consellería de Facenda e Administración Pública

Sobre o procedemento

Inscrición no rexistro administrativo de distribuidores de seguros e reaseguros da Comunidade Autónoma de Galicia dunha persoa corredora de seguros, modificación de datos ou solicitude de cancelación.

Persoas corredoras de seguros.

Xunta de Galicia

Consellería de Facenda e Administración Pública

Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro

Subdirección Xeral de Política Financeira

Servizo de Supervisión e Inspección de Entidades e Mediadores de Seguros

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981545162/ 981545165/ 981544089

Email: mediadores.seguros.facenda@xunta.gal

Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: Aberto todo o ano

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A inscrición no Rexistro Administrativo de Distribuidores de Seguros e Reaseguros da Comunidade Autónoma de Galicia ten carácter obrigatorio. Será necesaria a inscrición no rexistro con carácter previo ao inicio da actividade de distribución de seguros e reaseguros.

  • Inscrición dun axente de seguros vinculado, dun corredor de seguros ou de reaseguros, persoa física ( 30.41.02)
  • Inscrición dunha sociedade de axencia de seguros ou dun operador de banca-seguros, exclusivos ou vinculados, dunha sociedade de corredoría de seguros ou de reaseguros ( 30.41.03)
  • Inscrición de cargos de administración e de dirección responsables das actividades de mediación de seguros ou de reaseguros das sociedades de axencia de seguros ou dos operadores de banca-seguros, exclusivos ou vinculados, de corredoría de seguros ou de reaseguros (por cada alto cargo) ( 30.41.04)
  • Inscrición de calquera outro acto inscribible ou pola modificación dos inscritos (por cada un deles) ( 30.41.05)

Pode realizar o pago destas taxas na Oficina Virtual Tributaria.

Solicitudes

1. O procedemento FA301A, de inscrición no Rexistro Administrativo de Distribuidores de Seguros e Reaseguros da Comunidade Autónoma de Galicia dunha persoa corredora de seguros, modificación de datos ou solicitude de cancelación, iniciarase por solicitude da persoa directamente interesada ou da persoa representante, de ser o caso.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

4. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria

1. Coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

a) Documento acreditativo da representación, de ser o caso.

b) Programa de actividades conforme o previsto no anexo II, anexando a seguinte información e/ou documentación:

– Ramos de seguros e clase de riscos en que se proxecta mediar.

– Principios reitores e ámbito de actuación.

– Estrutura da organización que inclúa os sistemas de comercialización.

– Medios materiais e persoais: información sobre oficinas e sucursais e copia do modelo de contrato mercantil de colaboración, no caso de prever a contratación de colaboradores externos e acreditación do curso de formación superado, de acordo co exixido na Resolución do 3 de xuño de 2021, da Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións.

– Mecanismos adoptados para a solución de conflitos por queixas e reclamacións dos clientes: documento no que se designe ao titular do departamento ou servizo de atención ao cliente ou da persoa ou entidade contratada externamente para o desempeño das funcións, de ser o caso, e, se procede, da persoa defensora do cliente dos corredores de seguros e dos corredores de reaseguros, cos datos do enderezo e enderezo electrónico, curriculum vitae do titular do departamento ou servizo de atención ao cliente ou, de ser o caso, do defensor do cliente, incorporando expresamente os detalles relativos aos seus coñecementos e experiencia en funcións relacionadas coa actividade de mediación en seguros privados, declaración relativa á honorabilidade comercial e profesional, asinada polo titular do departamento ou servizo de atención ao cliente, ou, de ser o caso, do defensor do cliente, facendo constar que veu observando unha traxectoria persoal de respecto ás leis mercantís ou outras que regulan a actividade económica e a vida dos negocios, así como as boas prácticas comerciais e financeiras; regulamento de funcionamento que se vai aplicar e documento que recolla a aprobación, por parte da persoa corredora ou órgano de administración da sociedade de corretoría, do regulamento de funcionamento.

– Plan de ingresos e gastos para os tres primeiros exercicios sociais, en particular, os gastos xerais correntes e as previsións relativas a primas de seguros que se van distribuír, xustificando estas, así como a adecuación a estas dos medios e recursos dispoñibles.

– No caso de incorporar ao proxecto algunha carteira de seguros, deberase xuntar o certificado da compañía, expedido nunha data non superior a dous meses á data da solicitude, na que se faga constar: i) a identificación da persoa que expide o certificado. ii) a identificación do titular da carteira. iii) indicación do número de pólizas e importe de primas intermediadas, desagregado por ramos. iv) No caso de estar a exercer como axente de seguros, o consentimento da entidade aseguradora para modificar a posición mediadora na devandita carteira.

c) Datos das persoas administradoras e altos cargos conforme o anexo IV. Débese citar e presentar a acreditación do curso de formación superado, de acordo co exixido no Real decreto 287/2021, do 20 de abril, e na Resolución do 3 de xuño de 2021, da DGSFP.

d) Declaración de honorabilidade comercial e profesional das persoas socias con participación significativa, das persoas administradoras, da persoa responsable da actividade de distribución ou, de ser o caso, das persoas que forman parte do órgano de dirección responsable da actividade de distribución de conformidade con anexo V.

e) Declaración de honorabilidade comercial e profesional das persoas que participan directamente na distribución de seguros asinada pola persoa distribuidora de conformidade co anexo VI.

f) Capacidade financeira. Este requisito pódese acreditar mediante a presentación de precontratos ou certificados nos que figuren os pactos expresos coas entidades aseguradoras, ou ben, mediante a contratación dunha póliza de seguro de caución ou dun aval bancario. Para o cálculo do importe a contratar utilizarase o anexo VII. Para a solicitude de inscrición é suficiente coa presentación do compromiso da aseguradora de prestar a garantía ou o xustificante de ter solicitado o aval, selado pola entidade financeira.

g) Información relativa á xestión de fondos de clientes de acordo cos datos bancarios solicitados no anexo VIII.

h) Declaración de non incorrer en incompatibilidade de conformidade co anexo IX.

i) Programa de formación continua aplicable segundo o artigo 157.1.e) do Real decreto lei 3/2020, do 4 de febreiro.

j) Seguro de responsabilidade civil profesional ou outra garantía financeira polos importes mínimos establecidos no Real decreto lei 3/2020, do 4 de febreiro. Para a solicitude de inscrición é suficiente coa presentación do documento no que a entidade que vai asumir a garantía se compromete a aceptar a cobertura do risco e a emitir a póliza.

k) Xustificación do aboamento das taxas correspondentes cos seguintes códigos: 30.41.02 Inscrición dun axente de seguros vinculado, dun corredor de seguros ou de reaseguros, persoa física; 30.41.03 Inscrición dunha sociedade de axencia de seguros ou dun operador de banca-seguros, exclusivos ou vinculados, dunha sociedade de corretoría de seguros ou de reaseguros; 30.41.04 Inscrición de cargos de administración e de dirección responsables das actividades de mediación de seguros ou de reaseguros das sociedades de axencia de seguros ou dos operadores de banca-seguros, exclusivos ou vinculados, de corretoría de seguros ou de reaseguros (por cada alto cargo); 30.41.05 Inscrición de calquera outro acto inscribible ou pola modificación dos inscritos (por cada un deles).

2. As persoas xurídicas interesadas que pretendan operar como corredoras de seguros deberán achegar, ademais, coa solicitude a seguinte documentación:

a) Copia da escritura ou do documento de constitución como sociedade mercantil ou cooperativa, e de ser o caso, das modificacións posteriores, inscritas no Rexistro Mercantil ou no Rexistro de Cooperativas, respectivamente. Nos estatutos sociais deberá constar, dentro do apartado correspondente ao obxecto social, a actividade de distribución como persoa corredora de seguros. Cando a sociedade sexa por accións, estas deberán ser nominativas.

b) Declaración de socios e de comunicación de transmisión de participacións significativas, de ser o caso, conforme o anexo III, xuntando a seguinte información e/ou documentación:

– Datos de accións ou participacións sociais.

– Identidade das persoas accionistas ou socias que posúan no corredor unha participación directa ou indirecta ou das persoas que posúan vínculos estreitos coa persoa corredora de seguros.

– Na transmisión de accións ou participacións significativas: i) Identidade das persoas accionistas ou socias que pretendan adquirir unha participación directa ou indirecta do 10 % ou superior dos dereitos de voto ou do capital; ii) situación do capital, unha vez que se leve a cabo a transmisión de accións ou participacións significativas; iii) acreditación da vixencia dos seguros de caución ou aval e de responsabilidade civil profesional no caso de que non estean acreditados no momento da solicitude; iv) novo programa de actividades segundo o anexo II se a operación de transmisión supón o 50 % ou máis do capital social; v) declaración de honorabilidade comercial e profesional de quen se propón adquirir ou incrementar as participacións e das persoas que se relacionan no anexo V, de ser o caso; vi) identificación e acreditación dos coñecementos e aptitudes dos altos cargos mediante o anexo IV, de ser o caso.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recollidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. Neste caso deberá achegar a documentación correspondente.

Se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

5. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

6. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

7. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

8. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

 Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante, DNI ou NIE da persoa representante e NIF da entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado nos anexos I ou XI e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. No caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Positivo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 4 de maio de 2022 pola que se regula o Rexistro Administrativo de Distribuidores de Seguros e Reaseguros da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 94 do 16 de maio de 2022).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

CO301B

Bonos Activa comercio.

Prazo aberto: 27/03/2026 00:00 - 15/12/2026 23:59

FA300A

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300B

Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300C

Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano