Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
ED431G
Axudas para a acreditación, estruturación e mellora de centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Esta orde establece as condicións para a concesión, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, da acreditación da excelencia (científica, técnica ou artística) así como das axudas para a estrutura, mellora e o apoio dos centros de investigación do SUG.
Poderán ser beneficiarias das axudas desta orde as universidades públicas do SUG e destinaranas aos centros de investigación do SUG que obteñan a acreditación en excelencia (científica, técnica ou artística) ou a consideración de Centro de Investigación Colaborativo nesta convocatoria.
No caso dos centros ou institutos de investigación interuniversitarios, deberán nomear a entidade que exercerá, para os efectos desta convocatoria, a representación única, tanto na coordinación como na interlocución ante a Secretaría Xeral de Universidades, e será a que reciba e xustifique a subvención. Non se admitirá documentación relativa á solicitude ou xustificación dun Centro ou Instituto de Investigación interuniversitario presentada por unha entidade que non exerza a súa representación. Non obstante, as universidades públicas do SUG agrupadas ou asociadas terán, en todo caso, a condición de entidade beneficiaria, polo que para poder conceder a subvención solicitada todos eles teñen que cumprir os requisitos, as condicións, as obrigacións e os compromisos establecidos nesta resolución, nos termos establecidos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A falta de acreditación do cumprimento dalgún requisito por parte dalgunha das entidades participantes suporá a inadmisión da solicitude.
Xunta de Galicia
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Secretaría Xeral de Universidades
Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria
Servizo de Planificación e Estruturación da Investigación
San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881995150/ 881995156
Email: promocioncientifica.educacion@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
08/11/2023 00:00 - 07/12/2023 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación e se este fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
As solicitudes que presenten as universidades deberán cumprir na data de peche da convocatoria os seguintes requisitos:
1. Que a proposta presentada estea conformada por un centro de investigación que se atope nalgún dos seguintes casos:
a) Que obtivese financiamento na convocatoria realizada ao abeiro da Orde de 19 de setembro de 2019, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión en réxime de concorrencia competitiva das axudas para a acreditación, estruturación e mellora de centros de investigación do Sistema universitario de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder); e tivese superado o procedemento de avaliación final definido na Instrución 2/2022 da Secretaría Xeral de Universidades para iniciar o procedemento de avaliación do rendementos dos centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia, financiados ao abeiro das axudas para a acreditación, estruturación e mellora dos ditos centros, convocadas en 2019.
b) Que obtivese unha axuda no programa estatal de Centros Severo Ochoa ou María de Maeztu, e que estea vixente na data de peche desta convocatoria.
c) Que cumpra os seguintes requisitos:
c.1) Cumprir os seguintes requisitos respecto á creación, organización e gobernanza (c.1.a, c.1.b e c.1.c):
c.1.a) Ter sido creado con data anterior ao 1 de xaneiro de 2022. No caso dos centros de investigación do SUG interuniversitario, o convenio de colaboración ou acordo específico deberá ter data anterior ao 1 de xaneiro de 2022.
c.1.b) Dispoñer dun plan estratéxico activo e contar cunha estrutura básica de goberno (Órgano Reitor, Comité Asesor Científico Externo (SAB) e o/a director/a científico) en funcionamento, con anterioridade á publicación desta convocatoria.
c.1.c) Indicar caracterización como centro ou instituto de investigación segundo o artigo 5 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario galego, e declaración de que a súa creación e regulación resulta conforme o estipulado na lexislación vixente e que cumpre os preceptos legais e procedementos requiridos para a creación dun centro ou instituto de investigación.
c.2) Cumprir, polo menos, un destes dous criterios (c.2.a ou c.2.b) no ámbito dos proxectos e o financiamento:
c.2.a) Ter polo menos dez (10) proxectos competitivos activos, nos que o orzamento asignado ao centro sexa igual ou superior a 150.000 € cada un, ou ter, polo menos, cinco (5) proxectos competitivos activos, nos que o orzamento asignado ao centro sexa igual ou superior a 300.000 € cada un, no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2020 e o 31 de decembro de 2022. Indicarase o orzamento total dos proxectos e o orzamento asignado ao centro, tanto total como anualizado. Non se incluirán proxectos de Proba Concepto, que será solicitado nos requisitos de transferencia.
c.2.b) Ter ingresos medios anuais por actividades de I+D iguais ou superiores a 2 millóns de euros (ou superior a 1,2 millóns € cando se trate de grupos das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades ou Ciencias Sociais e Xurídicas), no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2020 e o 31 de decembro de 2022.
c.3) Cumprir, polo menos, un dos seguintes criterios de produción científica e transferencia (c.3.a ou c.3.b) no período do 1 de xaneiro de 2020 e o 31 de decembro de 2022:
c.3.a) Artigos en publicacións incluídas en SCOPUS ou Web of Science: polo menos 8 publicacións no D1 de media nos período 2020-2022. No caso dos grupos das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas consideraranse artigos en publicacións ERIH, IN-REC, IN-RECJ, DICE e LATINDEX.
c.3.b) Transferencia: dispoñer, polo menos, de 3 probas concepto ou de 5 IPs licenciadas ou 3 spin off no período 2020-2022. Poderán ser empresas creadas antes do 1 de xaneiro de 2020, sempre que teñan actividade probada desde esa data ata o momento da solicitude.
2. Que o centro estea permanentemente constituído por un mínimo de 10 investigadores/as garantes de acordo co definido no artigo 2 desta convocatoria. No caso de que algunha das persoas propostas cause baixa deberá substituírse por outra de análoga traxectoria ou ben valorar se o centro pode continuar co seu desempeño coa nova composición. Os centros deberán comunicar estas modificacións á Secretaría Xeral de Universidades que resolverá ao respecto destes cambios.
3. O conxunto do persoal investigador unicamente poderá estar adscrito e formar parte dun único centro no ámbito do SUG. O persoal de apoio administrativo e de servizos non estará suxeito a esta limitación, pero, en todo caso, haberá de constar o seu tempo de dedicación.
4. Que as dependencias do centro de investigación estean perfectamente delimitadas, identificadas e fisicamente diferenciadas no seo das propias universidades e localizadas en Galicia.
5. Que presenten as memorias e os seus proxectos estratéxicos de investigación con base en hipóteses que poderán ser reformuladas durante a vixencia da axuda, sempre co acordo favorable da Secretaría Xeral de Universidades, e que incluirán os contidos que se detallan no artigo 8 desta orde.
Solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado ED431G (anexo II), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365. (htps://sede.xunta.gal/chave365).
Nas solicitudes de axuda realizaranse as seguintes declaracións, que estarán incluídas no dito formulario (anexo II):
a) Que a entidade non solicitou nin se lle concedeu ningunha outra axuda para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes ou das entidades vinculadas ou dependentes delas. De ser o caso indicar se ten solicitadas, concedidas ou pendentes de resolución, outras axudas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, ou das entidades vinculadas ou dependentes delas.
b) Que os grupos e/ou os/as investigadores/as individuais que integran o centro non forman parte de ningunha outra solicitude.
c) Que a entidade solicitante se compromete a comunicar inmediatamente cantas axudas solicite ou obteña coas mesmas finalidades que as establecidas nesta convocatoria doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data da presente declaración.
d) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
e) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
f) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos apartados 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
g) Estar ao día do pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
h) Que a entidade solicitante asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicarlle ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.
i) Que a entidade solicitante cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular a normativa en materia de subvencións.
Documentación complementaria.
As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
1. Certificado emitido pola entidade á que pertence o centro de investigación do cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 4 desta orde. En calquera momento, a Secretaría Xeral de Universidades poderá requirir os comprobantes dos méritos certificados das solicitudes seleccionadas. En caso de detectarse falsidade nalgún mérito, o órgano instrutor correspondente adoptará as oportunas medidas legais. A referencia dos contidos mínimos obrigatorios destes certificados está dispoñible no enderezo web https://www.edu.xunta.gal/
2. No caso dos centros ou institutos de investigación interuniversitarios, deberán presentar adicionalmente:
a) O convenio de colaboración ou acordo específico que permita a concorrencia a esta convocatoria, asinado polas universidades participantes.
b) O anexo II bis, asinado por todas as universidades que formen parte do Centro ou Instituto de Investigación interuniversitario, no que deberá nomearse á entidade que exercerá, para os efectos desta convocatoria, a representación única, tanto na coordinación como na interlocución ante a Secretaría Xeral de Universidades, e será a que reciba e xustifique a subvención e consignará os restantes datos e declaracións solicitadas nesta convocatoria.
3. Memoria descritiva da traxectoria e proxección estratéxica do centro de investigación: O dito documento debe describir, de xeito cualitativo e cuantitativo, a evolución e os principais logros obtidos polo centro no pasado e os principais obxectivos e o plan previsto para acadalos no período 2023–2027. O formato obrigatorio desta memoria está dispoñible no enderezo web https://www.edu.xunta.gal/
4. Certificación da universidade solicitante de todo o persoal adscrito ao centro ou instituto de investigación, con indicación da data de adscripción e dedicación, conforme o modelo dispoñible no enderezo web https://www.edu.xunta.gal/. Deberá entregarse folla de cálculo en formato editable e pdf asinado pola universidade.
5. Certificación da universidade solicitante da persoa que ocupará a dirección científica do centro de investigación, indicando data de nomeamento e duración do mandato.
6. Declaración responsable sobre o cumprimento do principio DNSH, segundo modelo indicado no anexo III. No caso dos Centros Interuniversitarios, deberá entregarse un anexo por cada unha das entidades integrantes do centro e compromiso da entidade beneficiaria de prever e realizar as accións oportunas para asegurar que os subcontratistas, se é o caso, cumpran este principio.
7. No caso de que o centro de investigación acceda a esta convocatoria por cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 4.1.b) ou 4.1.c) desta convocatoria, certificación da universidade coa descrición textual e expresión gráfica dos espazos asignados ao centro de investigación, con indicación expresa de se son de uso exclusivo ou de uso compartido (indicando neste último caso de maneira aproximada a porcentaxe deste uso compartido para cada espazo).
Toda a documentación indicada nos puntos anteriores irá asinada pola autoridade que representa legalmente á universidade correspondente. O certificado de cumprimento dos requisitos mínimos e a memoria sinalada no punto 3 serán asinados ademais pola persoa que teña a dirección científica do centro de investigación que executará a axuda, esta documentación que acompaña a solicitude deberá cubrirse segundo os modelos dispoñibles na internet no enderezo http://www.edu.xunta.gal
8. No caso de que o importe do IVE non sexa recuperable, deberase presentar un certificado da Axencia Tributaria AEAT relativo á exención de IVE ou documentación que evidencie a suxeición ao réxime de prorrata e a porcentaxe aplicable no último exercicio.
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa representante.
b) Certificado acreditativo de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
c) Certificado acreditativo de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
d) Certificado acreditativo de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración da Comunidade Autónoma.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o esixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Cinco meses.
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 24 de outubro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, da acreditación da excelencia (científica, técnica ou artística) e das axudas para a estrutura, a mellora e o apoio aos centros de investigación do Sistema universitario de Galicia, susceptibles de seren cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2021-2027, e se convocan para o exercicio 2023 (DOG nº 211 do 7 de novembro de 2023).
-
Extracto da Orde do 24 de outubro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, da acreditación da excelencia (científica, técnica ou artística) e das axudas para a estrutura, a mellora e o apoio aos centros de investigación do Sistema universitario de Galicia, susceptibles de seren cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2021-2027, e se convocan para o exercicio 2023 (DOG nº 211 do 7 de novembro de 2023).
-
Resolución do 19 de abril de 2024 pola que se conceden as axudas da anualidade 2023 da Orde do 24 de outubro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, da acreditación da excelencia (científica, técnica ou artística) e das axudas para a estrutura, mellora e o apoio aos centros de investigación do Sistema universitario de Galicia para o exercicio 2023 (DOG nº 85 do 30 de abril de 2024).
-
Resolución do 19 de abril de 2024 pola que se conceden as axudas da Orde do 24 de outubro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, da acreditación da excelencia (científica, técnica ou artística) e das axudas para a estrutura, a mellora e o apoio aos centros de investigación do Sistema universitario de Galicia, susceptibles de seren cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2021-2027, e se convocan para o exercicio 2023 (DOG nº 85 do 30 de abril de 2024).
-
Outros procedementos relacionados
Aprobación de centros e institutos de investigación do sistema universitario de Galicia
Aberto todo o ano
Homologación e/ou validación de títulos e estudos estranxeiros de ensinanzas non universitarias.
Aberto todo o ano
Equivalencia de estudos estranxeiros coa escolaridade dos cursos 2º ou 3º de educación secundaria obrigatoria para efectos laborais ou profesionais.
Aberto todo o ano
Programa Ignicia proba de concepto.
Prazo aberto: 29/04/2025 00:00 - 28/05/2025 23:59