Guía de procedementos e servizos

ED012A

Participación no concurso xeral de traslados dos corpos de persoal docente non universitario dependente da consellería competente en materia de educación.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2023 - Prazo pechado: 14/11/2023 00:00 - 04/12/2023 23:59

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Convocar o concurso xeral de traslados dos corpos docentes non universitarios dependentes da consellería competente en materia de educación.

Modalidade de participación voluntaria.

1. Poderá participar con carácter voluntario neste concurso de traslados.

a) O persoal funcionario que está en situación de servizo activo con destino definitivo en centros dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, sempre que, de conformidade co establecido na disposición adicional sexta da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e no artigo 12.1 do Real decreto 1364/2010, do 29 de outubro, transcorresen ao final do presente curso académico, polo menos, dous anos desde a toma de posesión do último destino definitivo.

b) O persoal funcionario que se encontre en situación de servizos especiais declarada desde centros actualmente dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, sempre que transcorresen ao final do presente curso académico, polo menos, dous anos desde a toma de posesión do último destino definitivo.

c) O persoal funcionario que estea en situación de excedencia voluntaria concedida pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia.

Se se trata do suposto de excedencia voluntaria por interese particular recollida no artigo 173 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, só poderán participar se ao finalizar o curso escolar en que se realicen as convocatorias transcorrese un ano desde que pasaron a esta situación e dous anos desde que obtiveron o destino definitivo en que lle foi concedida, se for o caso, a excedencia.

d) O persoal funcionario que se encontre en situación de suspensión declarada desde centros actualmente dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, sempre que ao finalizar o presente curso escolar transcorrese o tempo de duración da sanción disciplinaria de suspensión.

2. Para os efectos previstos no punto 1 entenderase como data de finalización do curso o 31 de agosto de 2024.

3. As persoas que desexen exercer un dereito preferente para a obtención de destino deberán aterse ao que se determina nas bases décimo sexta, décimo sétima e décimo oitava desta convocatoria.

Modalidade de participación forzosa.

1. Está obrigado a optar ás prazas anunciadas nesta convocatoria, dirixindo a súa solicitude á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades nos termos indicados na base vixésima, o persoal funcionario que se encontre nalgunha das situacións que se indican a seguir:

a) Persoal funcionario que, procedente da situación de excedencia ou suspensión de funcións, reingresasen con destino provisional no ámbito de xestión da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades con anterioridade á data de publicación desta convocatoria.

No suposto de que non participen no presente concurso ou non soliciten suficiente número de prazas vacantes, adxudicaráselles de oficio destino definitivo en prazas que poidan ocupar de acordo coas especialidades das que sexa titular ou, no caso do corpo de mestres, teña recoñecida, en centros situados na Comunidade Autónoma.

De non se lles adxudicar destino definitivo, permanecerán na situación de destino provisional.

b) O persoal funcionario que se encontre na situación de excedencia forzosa ou suspensión de funcións con perda do posto de destino e que, cumprida a sanción, non obtiver un reingreso provisional, e que fose declarado nestas situacións desde un centro dependente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

O persoal funcionario incluído no parágrafo anterior, no suposto de non participar no presente concurso, ou se participando non solicitase suficiente número de centros dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades en que corresponde impartir ensinanzas ao seu corpo, cando non obtivese destino definitivo, quedará na situación de excedencia voluntaria, prevista no artigo 173 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

c) O persoal funcionario que, estando adscrito a prazas no exterior, deba reincorporarse ao ámbito territorial de xestión da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades no curso 2023/24, ou que, despois de reincorporarse en cursos anteriores, non tivese obtido un destino definitivo.

O profesorado que desexe exercer o dereito preferente á localidade previsto no artigo 17.1.e) do Real decreto 1364/2010, do 29 de outubro, deberá solicitar, de conformidade co establecido na base décimo oitava desta convocatoria, todas as prazas a que poida optar en virtude das especialidades das que sexa titular ou teña recoñecidas, correspondentes aos centros da localidade en que tiveron o seu último destino definitivo. No caso de que non obteñan destino, quedarán adscritos provisionalmente á devandita localidade.

d) O persoal funcionario que tivese perdido o seu destino definitivo en cumprimento de sentenza ou resolución de recurso, ou por encontrarse en situación de desprazado por falta de horario ou suprimido do posto que desempeñaba con carácter definitivo.

O profesorado que no curso académico 2023/24 estea desprazado do seu centro de destino definitivo por falta de horario participará no concurso cos mesmos dereitos que o profesorado suprimido, sen prexuízo da prioridade establecida no artigo 17 do Real decreto 1364/2010, do 29 de outubro.

A situación de desprazado por falta de horario acreditarase mediante certificación da dirección do centro educativo co visto e prace da Inspección educativa, agás que xa figurasen nos anexos da Resolución do 2 de agosto de 2023 (DOG do 22 de agosto), da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se adxudican definitivamente os destinos provisionais para o curso académico 2023/24 ao profesorado, entre outros, que resulta desprazado por falta de horario.

Este profesorado poderá exercer o dereito preferente ao centro, á localidade e á zona educativa na forma que se indica nas bases décimo sexta e décimo oitava.

O persoal docente do corpo de mestres que exerza este dereito preferente farao con carácter forzoso á localidade en que estaba situado o seu centro de destino, no caso de que exista outro ou outros centros na localidade; pola contra, participará á localidade na que teña recoñecido o dereito preferente como consecuencia da escolarización do alumnado. Pode participar con carácter voluntario a unha ou máis localidades da zona do seu ámbito, e, neste suposto, pode priorizar no punto de peticións estas localidades sobre as que o acredita o dereito.

O persoal docente en situación de suprimido ou desprazado por falta de horario que cumpra co deber de participar no concurso de traslados e que exerza o dereito preferente á localidade ou zona educativa en que se encontraba o seu centro, non será destinado de oficio.

Así mesmo, este persoal docente que non exerza o dereito preferente, mentres cumpra co deber de participar no concurso de traslados, non será destinado de oficio mentres non se cumpran as seis convocatorias previstas no Decreto 140/2006, do 31 de agosto.

Esta letra d) resultaralle tamén de aplicación ao profesorado pertencente ao corpo, para extinguir, de profesores técnicos de formación profesional que sexa ou estea suprimido ou desprazado por falta de horario.

e) O persoal funcionario que, con perda da praza docente que desempeñaba con carácter definitivo, pasase a prestar servizos en postos non docentes da Administración pública, mantendo a súa situación de servizo activo no corpo docente, sempre que cesase nos devanditos postos e obtivese un destino provisional en centros dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

f) O profesorado con destino provisional que durante o curso 2023/24 estea a prestar servizos en centros dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades sempre que accedese ao corpo por convocatoria de procedemento selectivo realizada pola Comunidade Autónoma de Galicia. Este persoal funcionario está obrigado a solicitar prazas da especialidade ou especialidades das cales sexa titular ou teña recoñecidas de acordo coas bases desta convocatoria.

Ao profesorado incluído neste punto que non concurse ou que facéndoo non solicite suficiente número de prazas vacantes, adxudicaráselle de oficio destino definitivo en postos a que poida optar polas especialidades de que sexa titular ou teña recoñecidas en centros situados na Comunidade Autónoma.

No caso de non obter destino definitivo, serán destinados provisionalmente pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, polo procedemento que se estableza.

g) O persoal funcionario en prácticas que superou o procedemento selectivo pola quenda libre ou reserva de persoas con discapacidade convocado pola Orde do 5 de decembro de 2022.

Ao profesorado que, debendo participar por este punto, non presente solicitude ou que participando non solicite suficiente número de centros, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades adxudicaralle de oficio destino definitivo en prazas que poida ocupar segundo as especialidades das que sexa titular ou, se é o caso, destino provisional.

2. As persoas participantes no concurso pola letra g) do número anterior farano con cero puntos.

O destino que puidese corresponderlles estará condicionado, se é o caso, á superación da fase de prácticas e ao nomeamento como persoal funcionario de carreira.

3. Quedan exceptuados da obrigatoriedade de concursar:

O profesorado desprazado do centro cando nel teña destino definitivo un profesor ou profesora da mesma especialidade nacido/a antes do 31 de agosto de 1960. Se existise máis dun profesor desprazado, non estará obrigado a concursar o que teña maior dereito, conforme os criterios establecidos no Decreto 140/2006, do 31 de agosto, polo que se determinan os criterios de perda do destino definitivo polas funcionarias e funcionarios docentes.

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos

Subdirección Xeral de Recursos Humanos

Servizo de Profesorado de Ed. Secundaria, de Formación Profesional e de Réxime Especial

Edificio administrativo San Caetano s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981545494

Email: persoal.secundaria@edu.xunta.gal

http://www.edu.xunta.gal/portal/

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos

Subdirección Xeral de Recursos Humanos

Servizo de Profesorado de Educación Infantil e Primaria

Edificio administrativo San Caetano s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981545495

Email: persoal.primaria@edu.xunta.gal

www.edu.xunta.gal

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos

Prazo de presentación: PECHADO

14/11/2023 00:00 - 04/12/2023 23:59

O prazo de presentación de solicitudes do concurso de traslados, mediante o procedemento normalizado ED012A, será desde o día 14 de novembro ata o 4 de decembro de 2023, ambos os dous incluídos. Finalizado este prazo, non se admitirá ningunha nova solicitude nin a modificación das presentadas e os seus termos terán carácter vinculante para as persoas solicitantes. Así mesmo, tampouco se admitirá ningunha documentación complementaria alegada mediante o procedemento ED011A, de conformidade co establecido na epígrafe 2.2 da base vixésima, unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes do concurso de traslados.

Requisitos específicos para determinadas prazas.

1. Requisitos para cubrir determinadas prazas dos centros plurilingües.

Para acceder ás prazas dos centros plurilingües o profesorado das especialidades correspondentes deberá acreditar, como mínimo, o nivel B2 do marco común europeo da lingua correspondente, acreditado cunha das titulacións que se publican como anexo da Orde de 18 de febreiro de 2011, modificada pola Orde de 21 de xuño de 2016, pola que se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas do profesorado para impartir nunha lingua estranxeira áreas, materias ou módulos non lingüísticos nos centros docentes públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional  e Universidades (DOG de 26 de abril de 2011 e 7 de xullo de 2016). Será válido, así mesmo, o certificado de nivel intermedio expedido polas Escolas Oficiais de Idiomas, equivalente ao nivel B2 do marco común europeo de referencia das linguas, expedido conforme ao plan de estudos aprobado polo Real decreto 1041/2017, do 22 de decembro.

2. Requisito de acreditación de coñecemento da lingua galega.

Nas especialidades de Educación Infantil, Primaria, Ciencias Sociais –Xeografía e Historia- do corpo de mestres, nas de Xeografía e Historia, Bioloxía e Xeoloxía e en todas as especialidades do corpo de profesores de ensino secundario referentes á formación profesional específica e en todas as especialidades do corpo de profesores especialistas en sectores singulares de formación profesional e en todas as especialidades do corpo de catedráticos de música e artes escénicas, será requisito imprescindible posuír o certificado de lingua galega (Celga 4), ter superado o curso de perfeccionamento de lingua galega, ter a validación correspondente ou telo superado a través de proba libre ou ter o nivel avanzado de galego da Escola Oficial de idiomas das ensinanzas reguladas polo Real Decreto 1629/2006, do 29 de decembro ou o nivel Intermedio B2 das ensinanzas reguladas polo Real decreto 1041/2017, de 22 de decembro. Para estes únicos efectos entenderase que reúnen este requisito os que superasen, no ano que accederon á fase de prácticas, a proba de coñecementos de lingua galega no procedemento selectivo de acceso ao corpo de mestres, profesores de ensino secundario, profesores especialistas en sectores singulares de formación profesional, profesores de escolas oficiais de idiomas, profesores de música e artes escénicas, profesores e mestres de taller de artes plásticas e deseño, ou no acceso a calquera dos corpos de catedráticos.

Forma de participación.

1. As solicitudes (anexo I) presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal (código de procedemento ED012A).

As solicitudes tamén poderán cubrirse na páxina web https://www.edu.xunta.gal/cxt e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Na solicitude consignarase o código do corpo e da especialidade que figuran nas bases desta convocatoria. Cando se concurse por máis dunha especialidade, o persoal concursante presentará unha única solicitude e, no suposto de participar no concurso de traslados por máis dun corpo, presentarase unha solicitude por cada corpo en que participa. No caso de presentar máis dunha solicitude do mesmo tipo, soamente se admitirá a última presentada na sede electrónica da Xunta de Galicia neste procedemento normalizado.

2. Documentación complementaria.

Non será necesaria a presentación de documentación complementaria xunto coa solicitude de participación no concurso de traslados. Con todo, o persoal concursante deberá proceder do modo que se indica a seguir:

2.1. Persoal concursante con expediente actualizado.

De conformidade co establecido no artigo 4.3 da Orde do 2 de xuño de 2021 pola que se regulan o contido, uso e acceso ao expediente do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006 (código de procedemento ED011A), todos os datos, tanto de identificación como académicos e profesionais, que obren no expediente empregaranse na tramitación e valoración de requisitos e méritos nos correspondentes procesos, entre outros, de provisión de postos de traballo, de xeito que non é necesaria a súa xustificación.

O persoal concursante poderá verificar todos os méritos que constan no seu expediente mediante a lapela que permite o acceso ao expediente persoal desde a solicitude de participación no concurso xeral de traslados. Así mesmo, na solicitude de participación do concurso poderá comprobar aqueles méritos que se consideran para os efectos de baremo desta convocatoria así como a puntuación total e por apartados, epígrafes e subepígrafes, de ser o caso, que se lle outorga.

Para estes efectos, a baremación da epígrafe 4.1 do anexo XVIII desta convocatoria para o corpo de inspectores de educación e das epígrafes 6.1 e 6.3 do anexo XVII para os restantes corpos é a outorgada pola Comisión de Avaliación para o persoal que participou no concurso de traslados convocado pola Orde do 8 de novembro de 2010 (DOG do 16 de novembro) ou nas convocatorias seguintes. No suposto de estar de acordo coa puntuación outorgada, deberá marcar a opción «Acóllome ao baremo do último concurso en que participei» na solicitude de actualización do expediente e non será necesaria, neste caso, a presentación desta solicitude de actualización. No caso de posuír nestas epígrafes novos méritos perfeccionados con posterioridade á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes da última convocatoria pola que participaron ou, se con carácter excepcional, o persoal interesado discrepa da puntuación outorgada nelas, deberá proceder segundo o establecido na subepígrafe 2.2.1 desta base para o persoal concursante sen expediente actualizado.

De estar conforme coa puntuación outorgada, o persoal concursante unicamente deberá presentar a solicitude de participación no concurso xeral de traslados de acordo co establecido no ordinal primeiro desta base.

2.2. Persoal concursante con expediente sen actualizar.

No prazo de presentación de solicitudes establecido na base vixésimo segunda desta orde, o persoal docente que participe no concurso de traslados e non teña o seu expediente actualizado, ademais de presentar a solicitude de participación no concurso por medios electrónicos (código de procedemento ED012A), deberá presentar a solicitude de actualización e/ou modificación do expediente xunto coa documentación xustificativa, de acordo co establecido no artigo 7 da Orde do 2 de xuño de 2021 pola que se regula o contido, uso e acceso ao expediente do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006 (código de procedemento ED011A).

Para optar a prazas dos centros plurilingües deberá constar o título ou certificado acreditativo da competencia lingüística do idioma correspondente no expediente do persoal concursante.

2.2.1. Alegacións aos méritos recollidos nas epígrafes 4.1 do anexo XVIII e 6.1 e 6.3 do anexo XVII.

A baremación destas epígrafes é a outorgada pola Comisión de Avaliación para o persoal que participou no concurso de traslados convocado pola Orde do 8 de novembro de 2010 (DOG do 16 de novembro) ou nas convocatorias seguintes.

No suposto de posuír nestas epígrafes novos méritos perfeccionados con posterioridade á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes da última convocatoria pola que participaron, deberán marcar a opción «Acóllome ao baremo pero desexo alegar publicacións posteriores ao último concurso en que participei» na lapela correspondente da solicitude de actualización do expediente e, ademais de presentar a solicitude de participación no concurso por medios electrónicos (código de procedemento ED012A), deberán presentar tamén por medios electrónicos a solicitude de actualización e/ou modificación do expediente xunto coa documentación xustificativa, de acordo co establecido no artigo 7 da Orde do 2 de xuño de 2021 pola que se regula o contido, uso e acceso ao expediente do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006 (código de procedemento ED011A).

Se con carácter excepcional o persoal interesado discrepa da puntuación outorgada nestas epígrafes, deberá marcar na lapela correspondente da solicitude de actualización do expediente a opción «Non me acollo ao baremo e quero volver alegar todo» e, ademais de presentar a solicitude de participación no concurso por medios electrónicos (código de procedemento ED012A), deberá presentar tamén por medios electrónicos a solicitude de actualización e/ou modificación do expediente xunto coa documentación xustificativa de acordo co establecido no artigo 7 da Orde do 2 de xuño de 2021 pola que se regula o contido, uso e acceso ao expediente do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006 (código de procedemento ED011A). Neste concreto suposto, no procedemento con código ED011A, deberá achegar xunto coa solicitude toda a documentación para a cal solicita baremación relativa a estas epígrafes.

No tocante á presentación dos arquivos electrónicos relativos á devandita documentación xustificativa, deberá aterse aos requirimentos técnicos soportados pola sede electrónica da Xunta de Galicia, que poden consultarse na lapela de presentación: «Presentar documentación de gran tamaño: consulte como proceder cos documentos de gran tamaño e en distintos formatos», que figura na guía de procedementos e servizos correspondente ao procedemento con código ED011A.

2.3. Incorporación das novas alegacións ao expediente persoal.

A Comisión baremadora a que se fai referencia na base vixésimo cuarta será a competente para a verificación da documentación presentada no procedemento con código ED011A e posterior incorporación ao expediente do persoal docente, sen prexuízo do establecido no artigo 6.1 da Orde do 2 de xuño de 2021 no relativo ás competencias de recoñecemento, certificación e rexistro das actividades de formación do profesorado.

A nova baremación resultante dos méritos alegados reflectirase no baremo do concurso de traslados cando as novas alegacións sexan validadas, de ser o caso, por esta comisión, e poderá ser consultada polo persoal concursante na lapela do baremo existente na solicitude de participación do concurso.

3. Comprobación de datos.

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI/NIE da persoa solicitante ou representante.

3.2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

3.3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. O persoal participante forzoso que nunca obtivo o seu primeiro destino definitivo poderá acollerse a non ter puntuación no concurso, marcando esta opción na lapela de baremación. Neste caso, participará no concurso unicamente coa puntuación que corresponda polas subepígrafes 1.1.2 e 1.2.1 do baremo que se publica como anexo XVII a esta orde.

5. Aínda cando se concorra a prazas de diferentes especialidades, soamente poderá obterse un único destino.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 24 de outubro de 2023 pola que se convoca concurso de traslados entre o persoal funcionario docente dos corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario, escolas oficiais de idiomas, música e artes escénicas, artes plásticas e deseño, profesores especialistas en sectores singulares de formación profesional, mestres de taller de artes plásticas e deseño, mestres, inspectores ao servizo da Administración educativa e inspectores de educación (DOG nº 215 do 13 de novembro de 2023).

    • Resolución do 22 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se resolve definitivamente o concurso de traslados entre persoal funcionario docente dos corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario, escolas oficiais de idiomas, música e artes escénicas, artes plásticas e deseño, profesores especialistas en sectores singulares de formación profesional, mestres de taller de artes plásticas e deseño, mestres, inspectores ao servizo da Administración educativa e inspectores de educación (DOG nº 72 do 12 de abril de 2024).

Outros procedementos relacionados

ED011A

Actualización e/ou modificación do expediente do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte ensinanzas non universitarias en centros dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Aberto todo o ano

ED517B

Inscrición no proceso de avaliación e acreditación das competencias profesionais.

Aberto todo o ano

ED010A

Comisión de servizos do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte docencia en centros dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional en atención a situacións de conciliación da vida familiar e laboral.

Prazo pechado: 23/05/2025 00:00 - 05/06/2025 23:59

ED010B

Comisión de servizos do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, en centros dependentes da consellería de educación, universidade e formación profesional en atención a situacións persoais especiais por motivos de saúde.

Prazo pechado: 23/05/2025 00:00 - 05/06/2025 23:59