Guía de procedementos e servizos

ED013A

Participación no concurso de traslados específico entre o persoal funcionario docente do corpo de mestres para cubrir prazas de xefatura do departamento de orientación nos colexios públicos de educación infantil e primaria e de educación primaria dependentes da consellería competente en materia de educación.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2023 - Prazo pechado: 05/12/2023 00:00 - 28/12/2023 23:59

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Convocar concurso de traslados específico entre o persoal funcionario docente do corpo de mestres para cubrir prazas de xefatura do departamento de orientación en colexios públicos de educación infantil e primaria ou de educación primaria.

Poderá participar na presente convocatoria:

a) O persoal funcionario de carreira do corpo de mestres que estea en situación de servizo activo con destino definitivo en centros dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, sempre que, de conformidade co establecido na disposición adicional sexta.6 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e no artigo 12.1 do Real decreto 1364/2010, do 29 de outubro, transcorresen ao rematar este curso académico polo menos dous anos desde a toma de posesión do último destino definitivo.

Entendese incluído o persoal funcionario de carreira desta consellería que estea en comisión de servizos fóra desta comunidade autónoma.

b) Así mesmo, poderá participar o persoal funcionario de carreira do corpo de mestres en expectativa de destino nun centro dependente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

c) O persoal funcionario de carreira do corpo de mestres que, estando adscrito a prazas no exterior, deba incorporarse ao ámbito territorial de xestión da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades no curso 2024/25.

d) O persoal funcionario de carreira do corpo de mestres dependente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que estea en situación de excedencia por coidado de familiares ou servizos especiais.

e) O persoal funcionario de carreira do corpo de mestres que estea en situación de excedencia voluntaria concedida pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia. Se se trata do suposto de excedencia voluntaria por interese particular recollida no artigo 173 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, só poderá participar se ao finalizar o curso escolar en que se realice a convocatoria transcorrese un ano desde que pasou a esta situación e dous anos desde que obtivo o destino definitivo en que lle foi concedida, se for o caso, a excedencia.

f) O persoal funcionario en prácticas do corpo de mestres que superou o procedemento selectivo pola quenda libre ou reserva de persoas con discapacidade convocado pola Orde do 5 de decembro de 2022 e anunciado mediante a Resolución do 12 de decembro de 2022 (DOG núm. 242, do 22 de decembro).

As persoas participantes no concurso por esta alínea f) farano con cero puntos.

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos

Subdirección Xeral de Recursos Humanos

Servizo de Profesorado de Educación Infantil e Primaria

Edificio administrativo San Caetano s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981545495

Email: persoal.primaria@edu.xunta.gal

www.edu.xunta.gal

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos

Prazo de presentación: PECHADO

05/12/2023 00:00 - 28/12/2023 23:59

O prazo de presentación de solicitudes do concurso específico, mediante o procedemento normalizado ED013A, será de quince (15) días hábiles computados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Finalizado este prazo non se admitirá ningunha nova solicitude nin a modificación das presentadas e os seus termos terán carácter vinculante para as persoas solicitantes. Así mesmo, tampouco se admitirá ningunha documentación complementaria alegada mediante o procedemento ED011A, de conformidade co establecido na número 2 da base quinta, unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes do concurso específico

Será requisito imprescindible posuír o certificado de lingua galega 4 (Celga 4), ou ter superado o curso de perfeccionamento de lingua galega, ou ter a validación correspondente ou telo superado a través de proba libre ou posuír o nivel avanzado de galego da escola oficial de idiomas das ensinanzas reguladas polo Real decreto 1629/2006, do 29 de decembro, ou o nivel intermedio B2 das ensinanzas reguladas polo Real decreto 1041/2017, do 22 de decembro. Para estes únicos efectos, entenderase que reúnen este requisito as persoas que superaron a proba de coñecemento da lingua galega no procedemento selectivo de acceso ao corpo de mestres.

1. Forma de participación.

1. As solicitudes (anexo I) presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (código de procedemento ED013A).

As solicitudes tamén poderán cubrirse na páxina web http://www.edu.xunta.gal/cxt e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

No caso de presentar máis dunha solicitude do mesmo tipo soamente se admitirá a última presentada na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Documentación complementaria.

Non será necesaria a presentación de documentación complementaria xunto coa solicitude de participación no concurso de traslados específico. Non obstante, o persoal concursante deberá proceder do modo que se indica a seguir:

2.1. Persoal concursante con expediente actualizado.

De conformidade co establecido no artigo 4.3 da Orde do 2 de xuño de 2021 pola que se regulan o contido, uso e acceso ao expediente do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006 (código de procedemento ED011A), todos os datos, tanto de identificación como académicos e profesionais que figuren no expediente empregaranse na tramitación e valoración de requisitos e méritos nos correspondentes procesos, entre outros, de provisión de postos de traballo, de xeito que non é necesaria a súa xustificación.

O persoal concursante poderá verificar todos os méritos que figuran no seu expediente mediante a pestana que permite o acceso ao expediente persoal desde a solicitude de participación no concurso de traslados específico. Así mesmo, na solicitude de participación do concurso poderá comprobar aqueles méritos que se consideran para os efectos de baremo desta convocatoria, así como a puntuación total e por apartados, epígrafes e subepígrafes, de ser o caso, que se lle outorga.

Para estes efectos, a baremación das epígrafes 6.1 e 6.3 do anexo II é a outorgada pola Comisión de Avaliación para o persoal que participou no concurso de traslados convocado pola Orde do 8 de novembro de 2010 (DOG do 16 de novembro) ou nas convocatorias seguintes. No suposto de estar de acordo coa puntuación outorgada deberá marcar a opción de «Acóllome ao baremo do último concurso no que participei» na solicitude de actualización do expediente e non será necesario neste caso a presentación desta solicitude de actualización. No caso de posuír nestas epígrafes novos méritos perfeccionados con posterioridade á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes da última convocatoria pola que participaron ou se, con carácter excepcional, o persoal interesado discrepa da puntuación outorgada nestas, deberá proceder segundo o establecido na subepígrafe 2.2.1 desta base para o persoal concursante sen expediente actualizado.

De estar conforme coa puntuación outorgada, o persoal concursante unicamente deberá presentar a solicitude de participación no concurso específico de acordo co establecido no punto primeiro desta base.

2.2. Persoal concursante con expediente sen actualizar.

No prazo de presentación de solicitudes establecido na base sexta desta orde, o persoal docente que participe no concurso específico e non teña o seu expediente actualizado, ademais de presentar a solicitude de participación no concurso específico por medios electrónicos (código de procedemento ED013A), deberá presentar a solicitude de actualización e/ou modificación do expediente xunto coa documentación xustificativa de acordo co establecido no artigo 7 da Orde do 2 de xuño de 2021 pola que se regulan o contido, uso e acceso ao expediente do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006 (código de procedemento ED011A), excepto no suposto de que xa tivese presentado electronicamente a devandita solicitude de actualización en relación co concurso xeral de traslados e non posúa ningún outro mérito máis para engadir.

2.2.1. Alegacións aos méritos recollidos nas epígrafes 6.1 e 6.3 do anexo II.

A baremación destas epígrafes é a outorgada pola Comisión de Avaliación para o persoal que participou no concurso de traslados convocado pola Orde do 8 de novembro de 2010 (DOG do 16 de novembro) ou nas convocatorias seguintes.

No suposto de posuír nestas epígrafes novos méritos perfeccionados con posterioridade á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes da última convocatoria pola que participou deberá marcar a opción de «Acóllome ao baremo pero desexo alegar publicacións posteriores ao último concurso en que participei» na pestana correspondente da solicitude de actualización do expediente e, ademais de presentar a solicitude de participación no concurso específico por medios electrónicos (código de procedemento ED013A), deberá presentar tamén por medios electrónicos a solicitude de actualización e/ou modificación do expediente xunto coa documentación xustificativa de acordo co establecido no artigo 7 da Orde do 2 de xuño de 2021 pola que se regulan o contido, uso e acceso ao expediente do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006 (código de procedemento ED011A), excepto no suposto de que xa tivese presentado electronicamente a devandita solicitude de actualización en relación co concurso xeral de traslados e non posúa ningún outro mérito máis para engadir.

Se, con carácter excepcional, o persoal interesado discrepa da puntuación outorgada nestas epígrafes, deberá marcar na pestana correspondente da solicitude de actualización do expediente a opción de «Non me acollo ao baremo e quero volver alegar todo» e, ademais de presentar a solicitude de participación no concurso específico por medios electrónicos (código de procedemento ED013A), deberá presentar tamén por medios electrónicos a solicitude de actualización e/ou modificación do expediente xunto coa documentación xustificativa de acordo co establecido no artigo 7 da Orde do 2 de xuño de 2021 pola que se regulan o contido, uso e acceso ao expediente do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006 (código de procedemento ED011A), excepto no suposto de que xa tivese presentado electronicamente a devandita solicitude de actualización en relación co concurso xeral de traslados e non posúa ningún outro mérito máis para engadir. Neste concreto suposto, no procedemento con código ED011A deberá achegar xunto coa solicitude toda a documentación para a cal solicita baremación relativa a estas epígrafes.

No tocante á presentación dos arquivos electrónicos relativos á antedita documentación xustificativa, deberá aterse aos requirimentos técnicos soportados pola sede electrónica da Xunta de Galicia, que poden consultarse na pestana Presentación: «Presentar documentación de gran tamaño: consulte como proceder cos documentos de gran tamaño e en distintos formatos», que figuran na guía de procedementos e servizos correspondente ao procedemento con código ED011A.

2.3. Incorporación das novas alegacións ao expediente persoal.

A Comisión de Baremación será a competente para a verificación da documentación presentada no procedemento con código ED011A e posterior incorporación ao expediente do persoal docente, sen prexuízo do establecido no artigo 6.1 da Orde do 2 de xuño de 2021 no relativo ás competencias de recoñecemento, certificación e rexistro das actividades de formación do profesorado.

A nova baremación resultante dos méritos alegados reflectirase no baremo do concurso específico cando as novas alegacións sexan validadas, de ser o caso, pola Comisión de Baremación e poderá ser consultada polo persoal concursante na pestana «Baremo» existente na solicitude de participación do concurso.

3. Comprobación de datos.

3.1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI/NIE da persoa solicitante ou representante.

3.2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

3.3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 21 de novembro de 2023 pola que se convoca concurso de traslados específico entre persoal funcionario docente do corpo de mestres para cubrir prazas de xefatura do departamento de orientación nos colexios públicos de educación infantil e primaria, de educación primaria e de educación especial dependentes desta consellería (DOG nº 230 do 4 de decembro de 2023).

    • Resolución do 15 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se publica a adxudicación definitiva de destinos do concurso de traslados específico entre persoal funcionario docente do corpo de mestres para cubrir prazas de xefatura do departamento de orientación nos colexios públicos de educación infantil e primaria, de educación primaria e de educación especial dependentes desta consellería (DOG nº 60 do 25 de marzo de 2024).

Outros procedementos relacionados

ED011A

Actualización e/ou modificación do expediente do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte ensinanzas non universitarias en centros dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Aberto todo o ano

ED517B

Inscrición no proceso de avaliación e acreditación das competencias profesionais.

Aberto todo o ano

ED010A

Comisión de servizos do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte docencia en centros dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional en atención a situacións de conciliación da vida familiar e laboral.

Próxima apertura: 14/07/2025 00:00 - 22/07/2025 23:59

ED010B

Comisión de servizos do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, en centros dependentes da consellería de educación, universidade e formación profesional en atención a situacións persoais especiais por motivos de saúde.

Prazo pechado: 23/05/2025 00:00 - 05/06/2025 23:59