Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
CT404E
Modernización e xestión sustentable das infraestruturas das artes escénicas e musicais.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
1. Estas bases teñan por obxecto determinar as condicións polas cales se regulará a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, da Axencia Galega das Industrias Culturais, para a modernización e xestión sustentable das infraestruturas das artes escénicas e musicais, ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) 2021/241, e a súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CT404E).
2. Estas subvencións serán tramitadas e concedidas en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos seguintes principios:
a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.
b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.
c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.
3. Estas subvencións son incompatibles co financiamento doutros fondos estruturais da UE ou outras axudas da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e dos seus organismos dependentes para o mesmo proxecto, pero compatibles con outras axudas do resto dos departamentos da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade.
4. Estas axudas son compatibles co mercado interior segundo o disposto no artigo 107, número 3, do Tratado, de conformidade co disposto no artigo 53 do Regulamento UE 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación cos artigos 107 e 108.
5. En ningún caso a suma dos importes das axudas concedidas ao abeiro desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas, ingresos ou recursos doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais supere a intensidade da normativa comunitaria.
Establécense dúas categorías de entidades beneficiarias desta convocatoria:
Categoría 1. As persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas titulares, arrendatarias ou posuidoras de calquera outro título de dispoñibilidade de espazos escénicos e/ou musicais abertos ao público, situados na Comunidade Autónoma, habilitados legalmente para organizar espectáculos escénicos e musicais ao vivo con público.
Categoría 2. As entidades públicas que integran a Administración local, de conformidade co disposto no artigo 3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e os seus organismos dependentes titulares, arrendatarios ou posuidores de calquera outro título de dispoñibilidade de espazos escénicos e musicais abertos ao público situados en Galicia, habilitados legalmente para organizar espectáculos escénicos e musicais ao vivo con público.
Xunta de Galicia
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)
Cidade da Cultura. Monte Gaiás, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881996077/ 881996078
Email: agadic@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
05/11/2022 00:00 - 27/12/2022 23:59
Segundo a Resolución do 29 de novembro de 2022 (DOG nº 230 do 2 de decembro de 2022), amplíase o prazo de presentación de solicitudes en 15 días hábiles máis desde o día seguinte á publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.
1. A presente convocatoria non será aplicable ás empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.
De acordo co artigo 2, número 18, do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, nesta convocatoria poderán ser beneficiarias as empresas que non se atopaban en crise no momento do estudo das solicitudes presentadas tras o remate do prazo da súa presentación, circunstancia que será comprobada pola Agadic.
2. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas subvencións:
a) As asociacións, fundacións ou outras formas xurídicas sen ánimo de lucro, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas que carezan de personalidade xurídica propia, tales como comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado.
b) As persoas ou entidades públicas ou privadas en que concorra algunha das circunstancias ou prohibicións indicadas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursas nas devanditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado, que figura no anexo II.
3. Os beneficiarios, ademais, deberán cumprir os seguintes requisitos:
Categoría 1. Persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas:
a) Ter social ou estatutariamente como obxecto social a organización ou desenvolvemento de espectáculos de artes escénicas ou musicais no suposto de persoas xurídicas.
b) Documentación acreditativa da propiedade do inmoble, arrendamento ou calquera outro título válido en dereito de dispoñibilidade do espazo escénico ou musical sobre o cal se vai realizar o investimento da axuda solicitada.
c) Dispor da licenza de actividade adecuada á actividade escénica ou musical que habilite o espazo para o desenvolvemento da súa actividade aberta ao público.
d) Cumprir os requisitos e condicións establecidos nesta convocatoria e na normativa xeral de subvencións na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
Categoría 2. Entidades públicas que integran a Administración local e organismos dela dependentes:
a) Contar cun establecemento en propiedade ou ser arrendatario ou posuír calquera outro título de dispoñibilidade do espazo escénico ou musical, na Comunidade Autónoma de Galicia habilitado para o desenvolvemento da actividade escénica musical profesional aberta ao público. Quedan excluídos espazos como pavillóns polideportivos, salóns de conferencias ou espazos similares que non reúnan as condicións necesidades para o desenvolvemento da actividade profesional.
b) A Administración local deberá ter cumprido o deber de remisión ao Consello de Contas de Galicia das últimas contas xerais do orzamento 2020. E, no suposto de agrupacións ou asociacións de concellos, deberán cumprir con este requisito todos eles.
Solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria.
As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:
Categoría 1. Persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas.
1.1. Documentación administrativa:
1.1.1. Certificado do acordo social da solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade, se a persoa solicitante é persoa xurídica.
1.1.2. Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro mercantil ou no que corresponda, se a persoa solicitante é persoa xurídica.
1.1.3. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.
1.1.4. Declaración de axudas (anexo V).
1.2. Documentación específica:
1.2.1. Ficha resumo-memoria técnica do proxecto (anexo III). A memoria deberá indicar o nome do espazo, incluída a lista de material técnico existente, non poderá superar as 10 follas de extensión e deberá conter como máximo 3.500 palabras.
1.2.2. Plan económico financeiro/orzamento desagregado (anexo IV).
1.2.3. Licenza municipal do espazo escénico ou musical.
1.2.4. Documentación acreditativa da capacidade permitida no espazo.
1.2.5. Documentación acreditativa do total de actuacións profesionais realizadas no espazo nos últimos tres anos.
1.2.6. Documentación acreditativa do volume de contratación estable ou temporal en nómina entre o 31 de decembro de 2021 e a data de publicación desta convocatoria.
1.2.7. Copia da escritura de propiedade, contrato de alugueiro ou outros documentos válidos en dereito que amose a dispoñibilidade do espazo por parte da persoa solicitante.
Categoría 2. Entidades públicas que integran a Administración local e organismos delas dependentes.
2.1. Documentación administrativa:
2.1.1. Certificación emitida e asinada electronicamente pola persoa responsable da secretaría da entidade, ou cargo asimilable, en que se faga constar o acordo adoptado polo órgano competente para solicitar a subvención.
2.1.2. Normas de creación e estatutos de constitución, no suposto de entidades do sector público.
2.1.3. Acreditación do cumprimento de remisión ao Consello de Contas das contas xerais do exercicio 2020, no suposto de entidades locais.
2.1.4. No suposto de entidades do sector público, a rendición de contas anuais ante o seu órgano de goberno.
2.2. Documentación específica:
2.2.1. Ficha resumo-memoria técnica do proxecto (anexo III). A memoria deberá indicar o nome do espazo, incluída a lista de material técnico existente, non poderá superar as 10 follas de extensión e deberá conter como máximo 3.500 palabras.
2.2.2. Documentación acreditativa da capacidade permitida no espazo.
2.2.3. Documentación acreditativa do total de actuacións profesionais realizas no espazo nos últimos tres anos.
2.2.4. Documentación acreditativa do persoal e/ou das empresas de servizos contratadas desde o 31 de decembro de 2021 ata a data de publicación desta convocatoria.
2.2.5. Plan económico financeiro/orzamento desagregado (anexo IV).
2.2.6. Certificado do secretario ou cargo asimilable da entidade solicitante en que manifeste a propiedade do inmoble onde se vai realizar o investimento ou, de ser o caso, da documentación que acredite a súa dispoñibilidade.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron achegados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento, consultarase automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta.
– DNI ou NIE da persoa solicitante.
– NIF da entidade solicitante.
– DNI ou NIE da persoa representante.
– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.
– Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.
– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
– Consulta de concesión de subvencións e axudas.
– Consulta de concesión pola regra de minimis.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
- Fase de solicitude
- Ficha resumo-memoria técnica do proxecto (Anexo III)
- Plan económico financieiro / orzamento (Xustificación) Categoría 2.(Anexo IV)
- Solicitude (Anexo II)
- Ficha resumo-memoria técnica do proxecto. Categoria 2 (Anexo III)
- Declaración de axudas (Anexo V)
- Plan económico financieiro / orzamento (Anexo IV)
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 20 de outubro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións á modernización e xestión sustentable das infraestruturas das artes escénicas e musicais, ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento UE 2021/241, e se convocan para o ano 2023 (DOG nº 210 do 4 de novembro de 2022).
-
Extracto da Resolución do 20 de outubro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións á modernización e xestión sustentable das infraestruturas das artes escénicas e musicais, ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento UE 2021/241, e se convocan para o ano 2023 (DOG nº 210 do 4 de novembro de 2022).
-
Resolución do 29 de novembro de 2022 pola que se amplían os prazos de solicitude, de remate do período subvencionable e de xustificación, e se modifica o artigo 6 da Resolución do 20 de outubro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións á modernización e xestión sustentable das infraestruturas das artes escénicas e musicais, ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) número 2021/241, e se convocan para o ano 2023 (DOG nº 230 do 2 de decembro de 2022).
-
Resolución do 17 de abril de 2023 pola que se amplía o crédito orzamentario da Resolución do 20 de outubro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións á modernización e xestión sustentable das infraestruturas das artes escénicas e musicais, ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento UE 2021/241, e se convocan para o ano 2023 (DOG nº 78 do 24 de abril de 2023).
-
Resolución do 11 de setembro de 2023 pola que se modifica a Resolución do 20 de outubro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións á modernización e xestión sustentable das infraestruturas das artes escénicas e musicais, ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento UE 2021/241, e se convocan para o ano 2023 (DOG nº 177 do 18 de setembro de 2023).
-
Resolución do 29 de xaneiro de 2024 pola que se dá publicidade das axudas concedidas durante o ano 2023 (DOG nº 27 do 7 de febreiro de 2024)
-
Outros procedementos relacionados
Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .
Aberto todo o ano
Xuventude Crea.
Prazo pechado: 30/08/2025 00:00 - 29/09/2025 23:59
Axudas para intervencións arqueolóxicas en conxuntos históricos, zonas arqueolóxicas ou xacementos catalogados ou inventariados
Prazo pechado: 29/08/2025 00:00 - 30/09/2025 23:59
Subvencións á produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos.
Prazo pechado: 15/02/2025 00:00 - 20/03/2025 23:59