Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
CT213A
Subvencións a festivais de artes escénicas e de música.
Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Esta resolución, en desenvolvemento das funcións e dos obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), ten por obxecto establecer e aprobar as bases reguladoras das subvencións para o apoio a festivais de artes escénicas e de música de carácter profesional celebrados en Galicia que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector e aprobar a súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT213A).
Normativa aplicable.
A normativa aplicable a estas subvencións axustarase ao disposto nesta resolución, á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións; á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como aos preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións; á Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; á Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, e á demais normativa de xeral aplicación.
1. Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas (autónomas) e xurídicas privadas e as súas agrupacións domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea, ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia, que leven a cabo algún dos festivais descritos no obxecto da convocatoria e que cumpran as condicións e os criterios establecidos nestas bases. Para a modalidade B (festivais de artes escénicas), poderán presentarse, ademais, as entidades locais galegas.
2. As entidades locais galegas poderán presentar a súa solicitude individual ou conxuntamente, como agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou outra fórmula similar. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.
3. Será requisito para a concesión de subvencións ás entidades locais que estas cumprisen o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, o que deberán acreditar antes da concesión, segundo o previsto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades galegas.
4. As fundacións que se acollan a esta convocatoria non poderán percibir subvencións nin axudas públicas da Agadic se non cumpren coa obriga de presentarlle as contas ao protectorado, segundo o establecido no artigo 38.3 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.
5. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, as persoas solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estaren incursas en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo I desta convocatoria.
Xunta de Galicia
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)
Cidade da Cultura. Monte Gaiás, s/n
15707 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881996077\ 881996078
Fax: 881996080
Email: agadic@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
25/03/2022 00:00 - 25/04/2022 23:59
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Para optar a estas axudas, os festivais terán que cumprir os seguintes requisitos:
Modalidade A (festivais de música):
a) O festival debe celebrarse nas datas comprendidas entre o 1 de novembro do ano 2021 ata o 31 de outubro do ano 2022. Enténdense incluídos aqueles festivais iniciados ata o 31 de outubro de 2022 que desenvolvan a maior parte da actividade neste período.
b) O festival ten que ter realizado un mínimo de 2 edicións, excluída a edición obxecto desta convocatoria.
c) O festival ten que desenvolverse dentro dun único período de quince días; e dous dos días, como mínimo, deben ser consecutivos.
d) O festival ten que ter un orzamento mínimo de contratación artística do 30 % do orzamento subvencionable.
e) O festival debe programar un mínimo de seis grupos.
f) Un mínimo do 80 % dos concertos teñen que ser con entradas de pagamento.
Modalidade B (festivais de artes escénicas):
a) O festival debe celebrarse nas datas comprendidas entre o 1 de novembro do ano 2021 ata o 31 de outubro do ano 2022. Enténdense incluídos aqueles festivais iniciados ata o 31 de outubro de 2022 que desenvolvan a maior parte da actividade neste período.
b) O festival ten que ter realizado un mínimo de 2 edicións, excluída a edición obxecto desta convocatoria.
c) O festival ten que ter un orzamento mínimo de contratación artística do 40 % do orzamento subvencionable.
d) O festival debe programar un mínimo de seis compañías e, en ningún caso, se poden incluír funcións da Rede Galega de Teatros e Auditorios.
e) A programación de compañías maioritariamente compostas por artistas que desenvolvan principalmente a súa actividade profesional en Galicia debe representar, como mínimo, o 30 % do orzamento de contratación profesional artística do festival, agás no caso daqueles festivais que polas súas características intrínsecas non poidan acadar esta porcentaxe e así se xustifique debidamente na memoria do proxecto.
f) Un mínimo do 60 % das representacións escénicas teñen que ser con entradas de pagamento, excepto os festivais da rúa.
En materia de subcontratación, observarase o establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, que establecen que unicamente se subcontratará total ou parcialmente a actividade subvencionada cando a normativa reguladora da subvención así o prevexa e no suposto de que tal previsión non figure ata o 50 % do seu importe.
En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo do proxecto subvencionado, non acheguen valor engadido ao seu contido.
Solicitudes.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
– Certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade se a persoa solicitante é persoa xurídica.
– Estatutos rexistrados e escrituras de constitución validamente inscritos no Rexistro Mercantil ou o que corresponda.
– Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.
2. As persoas solicitantes deberán presentar a seguinte documentación específica:
Ademais dos requisitos para acceder á subvención (anexo II), as persoas solicitantes deberán presentar a seguinte documentación complementaria segundo a modalidade á que opten:
A. Modalidade A: festivais de música.
A.1. Anexo III: programación do festival para o que se solicita subvención.
A.2. Memoria da traxectoria e evolución do festival, que contemple aqueles aspectos que a Comisión terá en conta para a valoración do punto B.1 dos criterios artísticos para a modalidade A (festivais de música), así como aqueloutros que a persoa solicitante considere para a mellor defensa da epígrafe.
A.3. Memoria do festival correspondente á última edición realizada con indicación e explicación das seguintes epígrafes:
A.3.1. Interese artístico da programación realizada.
A.3.2. Interese estratéxico para o sector: liñas e accións dirixidas ao fomento e promoción do sector musical galego levadas a cabo.
A.3.3. Repercusión na creación e fomento de públicos. Accións realizadas.
A.3.4. Actividades complementarias: liñas e iniciativas levadas a cabo dirixidas ao fomento e promoción do sector cultural galego (representacións de artes escénicas, accións no ámbito audiovisual e artes plásticas, obradoiros, concursos, encontros...). Para a súa valoración, as actividades deben estar descritas e non só identificadas.
A.4. Memoria do proxecto para o cal se solicita subvención, que inclúa as seguintes epígrafes:
A.4.1. Interese cultural e artístico, relevancia e singularidade do proxecto e obxectivos.
A.4.2. Melloras con respecto a edicións anteriores.
A.4.3. Potencialidade do plan de comunicación, con indicación das estratexias de difusión e promoción do proxecto, as accións que se pretenden realizar e o gasto estimado para esta partida.
A.5. Anexo V: memoria económico-financeira, que inclúa o orzamento completo e detallado do investimento subvencionable, no cal figuren todos os gastos subvencionables sinalados na base décimo sétima e a previsión de ingresos. A memoria incluirá o orzamento desagregado, con e sen IVE.
B. Modalidade B: festivais de artes escénicas.
B.1. Memoria do festival en edicións anteriores, que inclúa separadamente o tratamento das seguintes epígrafes:
B.1.1. Antigüidade do festival.
B.1.2. Recoñecementos acadados.
B.1.3. Interese artístico das programacións.
B.1.4. Interese estratéxico para o sector: liñas e iniciativas dirixidas ao fomento e promoción do sector escénico galego.
B.1.5. Repercusión, incidencia e impacto no territorio.
B.2. Memoria do proxecto para o cal se solicita subvención, que inclúa as seguintes epígrafes:
B.2.1. Interese cultural e artístico, relevancia e singularidade do proxecto e obxectivos.
B.2.2. Duración do festival (anexo IV).
B.2.3. Producións, coproducións ou residencias do festival (anexo IV).
B.2.4. Estreas absolutas no festival (anexo IV).
B.2.5. Repercusión na creación e fomento de públicos.
B.2.6. Actividades complementarias: liñas e iniciativas dirixidas ao fomento e promoción do sector cultural galego (concertos, obradoiros, concursos, certames, encontros...) realizadas polo festival. Para a súa valoración, as actividades deben estar descritas e non só identificadas.
B.2.7. Plan de comunicación: estratexias de difusión e promoción do proxecto.
B.3. Viabilidade técnica e económica do proxecto: memoria económico-financeira que inclúa o orzamento completo e detallado do investimento subvencionable, no cal figuren todos os gastos subvencionables sinalados na base décimo sétima, e a previsión de ingresos. A memoria incluirá o orzamento desagregado, con e sen IVE (anexo V).
B.4. Compromiso de produción, coprodución ou residencia en que consten as condicións económicas e/ou técnicas.
B.5. Para as solicitudes conxuntas presentadas por entidades locais, memoria de aforro de custos respecto da presentación de modo individual.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados ao efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.
4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña a súa consulta.
– DNI ou NIE da persoa solicitante.
– DNI ou NIE da persoa representante.
– NIF da entidade solicitante.
– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.
– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.
– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
– Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
– Consulta de concesións de subvencións e axudas.
– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
– Consulta de concesións pola regra de minimis.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase de xustificación
- Declaración de axudas (Anexo VI)
- Memoria económico-financiera. Xustificación (Anexo V)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 10 de marzo de 2022 pola que se aproban as bases xerais de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a festivais de artes escénicas e de música, e se aproba a convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 58 do 24 de marzo de 2022).
-
Extracto da Resolución do 10 de marzo de 2022 pola que se aproban as bases xerais de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a festivais de artes escénicas e de música, e se aproba a convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 58 do 24 de marzo de 2022).
-
Resolución do 7 de febreiro de 2023 pola que se dá publicidade das axudas concedidas durante o ano 2022 (DOG nº 32 do 15 de febreiro de 2023).
-
Outros procedementos relacionados
Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .
Aberto todo o ano
Autorización de actuación arqueolóxica.
Aberto todo o ano
Proposta de avaliación de documentos
Aberto todo o ano
Proposta de eliminación de documentos
Aberto todo o ano