Orientámolo/a, paso a paso, para presentar unha solicitude no rexistro electrónico
CT207K - Axudas para a promoción dos videoxogos.
1. Estas bases teñen por obxecto determinar as condicións polas cales se regulará a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, da Axencia Galega das Industrias Culturais para a promoción dos videoxogos, ao abeiro do programa Hub da industria creativa galega e proceder á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT207K).
2. Estas subvencións serán tramitadas e concedidas en réxime de concorrencia competitiva, de acordo cos seguintes principios:
a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.
b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.
c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.
3. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) núm. 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.
4. Finalidades.
a) Permitir o desenvolvemento, produción, edición, distribución e/ou comercialización de proxectos do sector do videoxogo.
b) Permitir xerar emprego, fomentando o desenvolvemento, a profesionalización e a vertebración do sector dos videoxogos, así como fomentar a presenza da muller na industria e impulsar a consecución da igualdade de xénero.
c) Determinar unha estratexia de comunicación e márketing para aumentar a visibilidade dos videoxogos que responden ás características das condicións e requisitos establecidos nestas bases.
d) Estimular a participación do sector privado e o mecenado cultural para o desenvolvemento de videoxogos.
5. Terán a consideración de proxectos subvencionables aqueles proxectos dirixidos ao desenvolvemento dun videoxogo en todo o seu proceso de creación, deseño e programación, comercialización, distribución e difusión, na súa fase de prototipo, sempre que:
a) Non estea vinculado á promoción ou publicidade dunha marca empresarial.
b) Non sexa un videoxogo xa publicado.
Para os efectos desta convocatoria, enténdese por:
– Prototipo: unha primeira versión funcional xogable dun videoxogo, de contido limitado con respecto ao que sería o videoxogo terminado, pero que permite avaliar as súas dinámicas e a súa calidade representativa para mostrar o produto final (demo vs. vertical slice).
– Videoxogo publicado: aquel que está dispoñible ao público na súa versión final, en calquera formato, físico ou dixital, e por calquera medio, gratuíto ou de pagamento.
– Distribución: a colocación do videoxogo nas canles tradicionais existentes, como PC, consolas, móbil, TV ou plataformas streaming e as canles emerxentes para a industria como cloud gaming e outras.
6. Os proxectos poden dirixirse a unha das dúas modalidades:
a) Modalidade A. Son os proxectos que deben presentar un orzamento mínimo subvencionable de máis de 200.000,00 euros.
b) Modalidade B. Son os proxectos que deben presentar un orzamento mínimo subvencionable de 40.000 euros ata 200.000 euros.
Gastos subvencionables .
1. Terán a consideración de gastos subvencionables os que, de forma indubidable, respondan á natureza da actividades subvencionada, realizados e pagados entre o día seguinte ao da presentación da solicitude destas axudas e o 1 de xullo de 2023, tales como:
a) Custos de persoal ou servizos profesionais asociados á programación, artes gráficas, deseño do xogo, deseño narrativo, creación de música, son e efectos, probas de validación e calidade, produción ou tradución. Consideraranse subvencionables os gastos de persoal que subscribisen un contrato específico, conforme unha categoría laboral asignada para a realización da actividade subvencionada, así como os contratos de profesionais para a realización de tarefas vinculadas ao proxecto nos ámbitos anteriormente descritos.
b) Custos de ferramentas de hardware e software necesarios para o desenvolvemento do videoxogo, como compra de licenzas ou canons se a súa característica é de ben consumible e a súa única utilidade o proxecto presentado. Para o caso de que puider ter outros usos polo valor que correspondería á súa amortización, de conformidade co previsto no artigo 12 da Lei 27/20214, do 27 de novembro, de imposto de sociedades, polo seu uso no período de execución do proxecto. En ningún caso o custo de adquisición poderá ser superior ao valor de mercado.
c) Gastos derivados da presentación do proxecto en eventos, feiras e encontros profesionais do sector dos videoxogos, ademais da inscrición, de ser o caso. O custo de aloxamento e manutención non poderá superar o importe de 150 euros/día.
2. De conformidade co artigo 29.7 da Lei de subvencións de Galicia, non serán gastos subvencionables os gastos relativos a impostos indirectos, en concreto o importe do imposto sobre o valor engadido e outros impostos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda, os xuros debedores de contas bancarias e demais gastos financeiros, os xuros, as recargas e as sancións administrativas e penais, nin os gastos de procedementos xudiciais. Tampouco terán a consideración de gastos subvencionables os gastos administrativos ou de mantemento formal da empresa, como gastos en xestorías, notarías ou similares.
3. A estes gastos seralles de aplicación o previsto na Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020 e a HAC/114/2021, do 5 de febreiro, que a modifica.
4. Só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados e pagados dentro do período de execución indicado na resolución da concesión da axuda, respectando sempre o período subvencionable incluído nesta convocatoria.
Exceptúanse desta regra xeral aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior por axustárense aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas de seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. A entidade subvencionada quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos do seu pagamento antes de finalizar o mes en que á persoa beneficiaria lle corresponde liquidar eses gastos.
As empresas e persoas traballadoras autónomas do sector dos videoxogos.
1. Poderán optar a estas subvencións as empresas e persoas traballadoras autónomas do sector dos videoxogos que conten cunha oficina ou sucursal permanente na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia, polo menos durante un ano previo a esta convocatoria.
2. Así mesmo, as persoas beneficiarias deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme), segundo a definición contida no Regulamento (UE) núm. 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DOUE-L-2014-187/1), en función dos seus efectivos e do seu volume de negocio e do seu balance anual.
Así, microempresa é a que ocupa menos de 10 persoas, cun volume de facturación e balance xeral anual menor ou igual a dous millóns de euros; pequena empresa é aquela empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocio anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; mediana empresa é unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocio anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance anual non excede os 43 millóns de euros.
O órgano xestor realizará as comprobacións necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme.
3. Non poderán ter a consideración de persoas beneficiarias:
a) As empresas ou persoas traballadoras autónomas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.
b) As agrupacións de interese económico.
c) As asociacións e outras figuras sen ánimo de lucro e as empresas e outros entes públicos.
d) As persoas en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, as persoas solicitantes declararán non estar incursas en tales circunstancias, consonte o establecido no anexo II desta convocatoria.
5. As persoas solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Posuír os dereitos de propiedade intelectual que permitan desenvolver correctamente o proxecto proposto nesta convocatoria, así como as autorizacións ou permisos necesarios para poder crealo e desenvolvelo, para o caso de que o proxecto en cuestión se basease nalgún tipo de dereito intelectual preexistente ou alleo á persoa solicitante.
b) Presentar unha única solicitude por empresa e para un único proxecto.
c) Desenvolver a súa actividade dentro da UE. No suposto de que o beneficiario a desenvolva fóra, perderá o dereito ao cobramento da axuda e deberán reintegrar as cantidades percibidas indebidamente.
Xunta de Galicia
Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)
Cidade da Cultura. Monte Gaiás, s/n
15707 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881996077/ 881996078
Email: agadic@xunta.gal
Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)
Resolución do 21 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a promoción de videoxogos ao abeiro do programa Hub da industria creativa galega, financiadas ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2022 (DOG nº 96 do 19 de maio de 2022).
Extracto da Resolución do 21 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a promoción de videoxogos ao abeiro do programa Hub da industria creativa galega, financiadas ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2022 (DOG nº 96 do 19 de maio de 2022).
Resolución do 7 de febreiro de 2023 pola que se dá publicidade das axudas concedidas durante o ano 2022 (DOG nº 32 do 15 de febreiro de 2023).
Prazo de presentación: PECHADO
20/05/2022 00:00 - 20/06/2022 23:59
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
Solicitudes .
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3. Na solicitude (anexo II) a persoa solicitante ou representante terá que facer as seguintes declaracións responsables:
3.1. Que a entidade solicitante posúe os dereitos de propiedade intelectual que lle permiten desenvolver correctamente o proxecto proposto nesta convocatoria, así como as autorizacións ou permisos necesarios para poder crealo e desenvolvelo, para o caso de que o proxecto en cuestión se basease nalgún tipo de dereito intelectual preexistente ou alleo á persoa solicitante.
3.2. Declaración responsable de que os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos, e acepta as condicións e obrigas recollidas para cada liña de axudas nesta convocatoria.
3.3. Declaración responsable de que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
3.4. Declaración responsable de que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3.5. Declaración responsable de que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e de reembolso de préstamos ou anticipos concedidos con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
3.6. Declaración responsable de que a persoa solicitante coñece que os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorren neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, nin no artigo 43 do regulamento que desenvolve a citada lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, tendo en conta, ademais, o disposto no Regulamento (UE) núm. 651/2014 sobre empresas vinculadas.
3.7. Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que solicita a axuda.
3.8. Declaración responsable de que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.
3.9. Declaración responsable de que conservará toda a documentación relativa a esta subvención durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación (artigo 125.4.d) e 140.1 do Regulamento 1303/2013).
3.10. Declaración responsable de que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.
3.11. Declaración responsable de que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación.
3.12. Declaración responsable de ser peme. O organismo xestor realizará as comprobacións necesarias para garantir que as empresas teñan a dita condición.
Documentación complementaria .
1. Deberá achegarse xunto coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación complementaria:
1.1. Documentación administrativa:
a) Certificado do acordo social da solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine e nome da entidade, se a persoa solicitante é persoa xurídica.
b) Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro mercantil ou o que corresponda, se a persoa solicitante é persoa xurídica.
c) Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.
d) Copia da documentación acreditativa de que cada proxecto é obra orixinal e de posuír os dereitos suficientes do guión, obra literaria ou calquera outro medio que requira a obtención de dereitos ou opción de compras sobre eles.
1.2. Documentación técnica:
A persoa solicitante deberá achegar un dossier (anexo III) relativo ao proxecto que deberá conter, nun máximo de 20 páxinas, polo menos, os seguintes:
a) Descrición do proxecto. A persoa solicitante deberá describir o proxecto, en cuestións como: concepto, historial de versións, a mecánica do xogo, o estado dos xogos, interfases, niveis, guión, progreso, contido (personaxes, habilidades, escenarios...), música, imaxes e calquera outro aspecto que considere relevante para a mellor comprensión do proxecto.
b) Descrición das características técnicas e artísticas do proxecto. Trátase de coñecer o alcance da innovación e novidade do proxecto, polo que a persoa solicitante deberá incluír cuestións como: orixinalidade do guión, do concepto e do contido do xogo; optimización; simulación física; técnica de representación gráfica e realización; inmersión e uso do 2D/3D, así como calquera outro aspecto que considere relevante para pór en valor a contribución do proxecto ao mundo do videoxogo.
c) Ficha técnica do equipo onde se reflicta un breve currículo de cada unha das persoas que o forman, así como as funcións que asume cada unha delas e o tempo de traballo dedicado ao proxecto.
d) Plan de produción, en que indique as distintas fases e prazos do desenvolvemento do proxecto e expresamente, o momento en que se considera que se conseguirá o prototipo xogable do videoxogo, así como a data de finalización completa do videoxogo.
e) Orzamento de gastos de desenvolvemento do proxecto, segundo o modelo do anexo IV.
f) Plan de financiamento do proxecto, onde se indicarán, de ser o caso, as distintas fontes de financiamento e un plan de negocio.
g) Calquera outra documentación que a persoa solicitante xulgue conveniente para a mellor defensa do proxecto.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen achegados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos .
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta.
– DNI ou NIE da persoa solicitante.
– NIF da entidade solicitante.
– DNI ou NIE da persoa representante.
– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.
– Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
– Certificado de estar ao día no pagamento coa Atriga.
– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
– Consulta de concesión de subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes .
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Iniciación
- Solicitude (Anexo II)
- Fase de solicitude
- Dossier (Anexo III)
- Orzamento de gastos (Anexo IV)
Máis información
Localice o procedemento ou servizo na guía de procedementos e servizos, consulte a información do trámite e revise a documentación obrigatoria para presentar a solicitude que figura na pestana "Presentación" no apartado "Documentación para a presentación".
No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles modelos en formato PDF para aqueles documentos para os que se precisan. Se os necesita:
- Primeiro descargue no seu equipo os modelos PDF (asegúrese de que están descargados, non abertos no navegador).
- A continuación cubra os modelos. Se algunha táboa ten filas e non son suficientes pode engadilas nese documento descargado.
- Por último garde ou imprima en versión PDF un arquivo electrónico de cada modelo cuberto.
- Asine o documento, se así se require.
- Para finalizar anexe o modelo ou modelos en PDF na súa presentación.
No caso de que o procedemento non figure na guía, poderá empregar a solicitude xenérica.
Prema en "Tramitar en liña" para iniciar o trámite electrónico.
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Agora xa está dentro do seu espazo persoal "A miña sede".
Cubra o formulario e lembre que pode gardalo para recuperalo máis adiante desde o apartado "Os meus borradores" de "A miña sede".
Cando o teña cuberto, prema en "Continuar".
Anexe a documentación que queira presentar xunto co formulario. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Pode consultar como enviar ficheiros que non teñen o tamaño ou o formato aceptados por esta sede.
Asine o formulario e a documentación que quere entregar.
Pode facelo cun certificado electrónico empregando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá no seu móbil.
Descargue o xustificante da presentación.
Poderá tamén acceder a este documento desde o apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede".
Consulte como proceder cos documentos de gran tamaño e en distintos formatos
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Lembre que este servizo soamente estará disponible desde o espazo "A miña sede" da sede electrónica e naqueles procedementos que teñan habilitados trámites electrónicos posteriores á solicitude cando así o estableza a súa norma reguladora.
Prepare os arquivos electrónicos necesarios e comprobe que utiliza formatos compatibles coa sede: .bmp, .ce3, .cex, .csv, .cte, .dbf, .doc, .docx, .dwg, .dxfn, .hexhash, .inp, .jpg, .ods, .odt, .pd2, .pdf, .pdl, .png, .prj, .shp, .shx, .tiff, .txt, .xls, .xlsx, .xml, .tgd, .kmz, .kml e .gpx
O tamaño máximo do conxunto de documentos achegados a unha presentación en esta sede é de 100 MB, e non se admiten arquivos comprimidos.
Comprobe o tamaño total do conxunto de documentos que precisa achegar:
- Se é inferior a 100 MB pode achegar todos os documentos á solicitude
- Se é superior a 100 MB separe os arquivos de máis de 100 MB, agrupe o resto en subconxuntos de documentos que non superen os 100 MB e proceda segundo os seguintes pasos
- Presente a solicitude achegando un subconxunto de documentos de menos de 100 MB.
- Repita o trámite de achega de documentación separada da solicitude para cada un dos subconxuntos restantes de documentos, seguindo estes pasos:
- Unha vez finalizada a presentación acceda ao apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede", seleccione o expediente da solicitude que acaba de realizar, pulse na opción "Accións" e seleccione "Achega de documentación separada da solicitude".
- Cubra o formulario e pulse en "continuar"
- Achegue o seguinte subconxunto de documentos
- Asine e complete a achega de documentación separada
- Repita este proceso para cada subconxunto de documentos de menos de 100 MB
Se algún arquivo supera individualmente os 100 MB:
- Proceda segundo se explica nos pasos anteriores para o resto de arquivos
- Descargue no seu equipo o modelo xenérico para a achega de documentación separada
- Cubra o modelo, indicando o expediente ou número de rexistro de entrada da solicitude electrónica realizada e a unidade responsable do procedemento
- Imprima o modelo e presénteo de forma presencial, xunto coa documentación en formato físico -CD, DVD, USB-, en calquera das oficinas de rexistro
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase de xustificación
- Declaración de axudas (Anexo VI)
- Orzamento de gastos do proxecto (Anexo V)
Máis información
Consulte como responder a un requirimento de emenda de documentación
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos. Na pestana "Presentación", no apartado "Documentación para a presentación" figura o listado de documentos requiridos para a presentación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos. Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede". Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365. Busque o expediente relacionado co requirimento e seleccione no menú "Acción" da dereita a opción "Emenda ao requirimento".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Emenda ao requirimento" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a emenda utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario indicando os datos ou documentos achegados para a emenda.
Anexe os documentos que queira presentar. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a emenda.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da emenda.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Coñeza como achegar documentación xustificativa a un expediente en curso
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Na pestana "Despois da presentación", no apartado "Xustificación" figura o listado de documentos requiridos para a xustificación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos.
Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede".
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Busque o expediente para o que precisa achegar documentación xustificativa. No menú "Acción" que aparece á dereita seleccione a opción "Achega de documentación xustificativa".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Achega de documentación xustificativa" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a xustificación utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario.
Indique os documentos que achega para a xustificación.
Anexe os documentos que queira presentar para a xustificación. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a xustificación.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da xustificación.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Todos os seus expedientes, presentacións e borradores en "A miña sede"
Para xestionar os seus expedientes o primeiro que debe facer é acceder o seu espazo persoal premendo en "A miña sede" e, a continuación, identificarse empregando calquera dos certificados admitidos nesta sede ou Chave365.
Poderá ver na súa bandexa de entrada os seus últimos expedientes, presentacións e borradores.
Verá en pantalla información detallada de cada expediente ou presentación (número de expediente/rexistro, código e nome do procedemento etc.).
Se desexa ver todos os seus expedientes e presentacións, prema no botón "Ver todos/Buscar".
Ao acceder á pantalla de busca, pode buscar expedientes ou borradores por distintos criterios ou localizalos directamente se coñece o código de acceso.
Poderá realizar accións concretas sobre un expediente (achegar documentación adicional, mellorar unha solicitude, modificar os seus datos de notificación etc.) desde:
- A bandexa de entrada dos seus últimos expedientes, presentacións e borradores, premendo o botón "Acción" da columna "Que podo facer?"
- O detalle do expediente electrónico, premendo directamente nas accións dispoñibles da columna "Que podo facer?"