Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
CT207A
Subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego.
Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, establecidas pola Agadic para contribuír ao fomento da produción de obras audiovisuais galegas, dentro do marco das competencias deste organismo, e realizar a súa convocatoria para o ano 2021.
2. Estas subvencións son incompatibles con outras axudas polo mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, e dos seus organismos dependentes. En particular, serán incompatibles coas subvencións ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais cando ambas as convocatorias coincidan no mesmo exercicio.
Estas subvencións son compatibles con outras axudas polo mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade, sempre que non se superen as porcentaxes máximas establecidas na presente convocatoria.
3. En ningún caso a suma dos importes das axudas concedidas ao abeiro desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas, ingresos ou recursos doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionada, segundo establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. A normativa aplicable a estas subvencións axustarase ao disposto na presente Resolución pola que aproban se as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, e se convocan para o ano 2021; á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, e supletoriamente á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como os preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións; á Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; á Lei orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; á Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia; á Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, e ao Real decreto 1084/2015, do 4 de decembro, que a desenvolve, e demais normativa de xeral aplicación.
5. Estas subvencións serán tramitadas e concedidas en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos seguintes principios:
a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.
b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.
c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.
6. As solicitudes, así como toda a tramitación do procedemento, serán electrónicas, de conformidade co disposto no artigo 10.2 a) da Lei 4/2019, do 4 de xullo, de administración dixital de Galicia, que establece que no ámbito do sector público autonómico estarán obrigados a relacionarse a través de medios electrónicos para realizar calquera trámite, ademais dos indicados no artigo 14 da Lei 39/2015, entre os cales se atopan as persoas xurídicas e os seus representantes, os traballadores autónomos para os trámites que realicen no exercicio da súa actividade profesional.
7. Estas bases, así como a Guía de procedementos e servizos, estarán dispoñibles no seguinte enderezo web: https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, nas dependencias da Axencia Galega das Industrias Culturais, na súa páxina web, htpp://agadic.gal, e no seu enderezo electrónico agadic@xunta.gal, e debidamente publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG).
8. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria anual e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.
Modalidades e límites.
1. As modalidades de subvención que comprende esta convocatoria son as que seguen:
1.a) Modalidade A: producións e coproducións de longametraxes cinematográficas de ficción, segundo as seguintes submodalidades:
– Modalidade A.1: longametraxes de ficción de autoría galega que contribúan a salientar a diversidade cinematográfica de Galicia e os recursos creativos, artísticos e técnicos do audiovisual galego con clara intención de difusión nacional e internacional.
– Modalidade A.2: longametraxes con especial valor cinematográfico, cultural e social que contribúan a fomentar o tecido industrial do sector audiovisual galego, posúan alta viabilidade na súa execución e teñan vocación de distribución e comercialización nacional e internacional.
1.b) Modalidade B: producións e coproducións de longametraxes cinematográficas de animación que posúan un especial valor cultural e social, fomenten o tecido industrial do sector audiovisual galego e teñan vocación de difusión e comercialización nacional e internacional.
1.c) Modalidade C: produción e coprodución de longametraxes de non ficción ou documental de autoría galega, con especial valor cinematográfico e clara vocación de difusión nacional e internacional.
1.d) Modalidade D: produción de curtametraxes de ficción, non ficción e animación de autoría galega, cunha duración máxima de 30 minutos.
1.e) Modalidade E: producións ou coproducións destinadas a ser emitidas por televisión de acordo coas seguintes submodalidades:
– Modalidade E1. Longametraxes, miniseries e series televisivas de ficción que promovan a cultura galega, empreguen e salienten os valores creativos, artísticos e técnicos do audiovisual galego e teñan un decidido propósito de difusión. Consideraranse longametraxes de ficción para televisión aquelas producións que teñan unha duración mínima de 60 minutos. Consideraranse miniseries de ficción aquelas produciónsde 2 capítulos que teñan unha duración mínima de 52 minutos cada un. Consideraranse series de ficción aquelas producións de ata 10 capítulos que se correspondan cunha primeira tempada e teñan carácter autoconclusivo.
– Modalidade E2. Longametraxes documentais para televisión de autoría galega que contribúan á difusión da cultura galega, a pór en valor as manifestacións creativas e artísticas galegas ou aborden calquera aspecto da realidade social galega, pero sen empregar como principal instrumento a recreación de ficción. As longametraxes documentais para TV deberán ter un mínimo de 52 minutos de duración.
– Modalidade E3. Series de animación infantil e xuvenil destinadas a ser emitidas por televisión que destaquen polo seu carácter innovador, fomenten a aplicación das novas tecnoloxías da produción e teñan unha clara vocación de comercialización no ámbito nacional e internacional. As series de animación deberán ter unha duración mínima global de 80 minutos e corresponderanse cunha primeira tempada de carácter autoconclusivo.
2. Entenderase por longametraxe cinematográfica (modalidades A, B e C) aquela produción de máis de 60 minutos de duración.
3. Entenderase por produción de autoría galega aquela en que dous dos seguintes profesionais: director/a, guionista ou produtor/a executivo/a sexan de orixe galega ou teñan acreditados máis de dous anos de actividade profesional no sector audiovisual en Galicia. No caso de proxectos que conten con coprodución internacional haberá que acreditar a orixe ou antigüidade de máis de dous anos de actividade profesional en Galicia dun só dos profesionais mencionados. Para os efectos da presente convocatoria a vinculación profesional poderase acreditar cando a actividade realizada teña coincidido con algunha das funcións que se definen (director/a, guionista, produtor/a executivo/a) e se teña dado en máis de dous proxectos audiovisuais ou mediante contratación de servizos por parte dun mínimo de dúas empresas produtoras audiovisuais diferentes.
5. Entenderase por obra en versión orixinal galega aquela que teña máis do 75 % dos diálogos e/ou narración en lingua galega.
Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas, constituídas como produtoras audiovisuais independentes cunha antigüidade mínima e sen interrupcións dun ano, dadas de alta cunha unha antigüidade mínima e sen interrupcións dun ano na epígrafe IAE 961.1 e con sucursal ou oficina permanente de polo menos un ano, previamente a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia.
Por produtor independente enténdese, para os efectos desta convocatoria, toda persoa física (autónoma) ou xurídica privada que teña a iniciativa e asuma a responsabilidade na produción audiovisual e non sexa obxecto de influencia dominante por parte dun prestador de servizo de comunicación/difusión audiovisual nin dun titular de canle televisiva privada nin, pola súa parte, exerza unha influencia dominante, tal e como establece a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, artigo 4.n).
Cando a persoa xurídica sexa unha agrupación de interese económico (AIE), os requisitos citados deberán ser cumpridos por todas as empresas que a integran no momento da súa constitución. A agrupación non poderá disolverse ata que rematase o prazo de prescrición para o reintegro e as infraccións previsto polos artigos 35 e 63 da Lei de subvencións de Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)
Cidade da Cultura - Monte Gaiás s/n
15707 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881996077/ 881996078
Fax: 881996080
Email: agadic@xunta.es
Prazo de presentación: PECHADO
15/04/2021 00:00 - 14/05/2021 23:59
Segundo a Resolución do 8 de abril de 2021 (DOG nº 69 do 14 de abril de 2021).
No seu apartado segundo: Determinar a apertura dun prazo complementario de presentación das solicitudes da resolución para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, para o ano 2021 (DOG núm. 9, do 15 de xaneiro de 2021), dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, do xeito que segue:
1. Aqueles solicitantes que presentasen as solicitudes no prazo comprendido entre o 15 de xaneiro e o 15 de febreiro de 2021 e queiran acollerse á presente modificación deberán presentar, xunto coa solicitude (anexo I), unicamente como documentación complementaria un novo plan de financiamento e un novo orzamento.
2. Aqueles solicitantes que non presentasen as súas solicitudes no prazo establecido no parágrafo anterior, poderán facelo presentando, xunto coa solicitude (anexo I), toda a documentación establecida na base sétima das bases reguladoras e a declaración de axudas (anexo II).
1. En calquera caso, a consideración dos proxectos como incentivables estará supeditada ás necesidades de apoio que se desprendan do seu carácter cultural, da súa achega á cinematografía galega e á promoción do talento galego, da súa viabilidade económica e de realización e da calidade da proposta. As subvencións que se concedan deberán ter efecto incentivador, polo que a solicitude deberá terse presentado antes do comezo do proxecto.
2. Non poderán ser destinatarias das subvencións previstas nesta convocatoria as empresas produtoras que só teñan unha participación económica no proxecto de longametraxe.
3. Só poderán participar nesta convocatoria aquelas produtoras que teñan unha participación igual ou superior ao 20 % do proxecto audiovisual.
4. Un mesmo solicitante poderá obter, de acordo coa presente convocatoria, un máximo de dúas subvencións, sempre que unha delas sexa das seguintes modalidades:
– Proxectos da modalidade A1 que constitúan a primeira longametraxe dun director e non superen os 300.000 euros de orzamento de produción.
– Proxectos da modalidade C.
– Proxectos da modalidade D.
Non obstante o anterior, cando a entidade solicitante obteña subvención por un proxecto audiovisual e pola súa vez forme parte dunha AIE que tamén resulte beneficiaria da subvención por outro proxecto audiovisual non poderá ser beneficiaria dun segundo proxecto en ningún caso.
Nos demais casos, no suposto de que varios proxectos dun mesmo solicitante se consideren subvencionables, optarase polo que teña maior puntuación. Dentro da mesma convocatoria non poderán presentar o mesmo proxecto distintas empresas ou entidades nin tampouco se poderá presentar un mesmo proxecto a distintas modalidades. Cando un mesmo proxecto non reciba subvención non se poderá presentar a máis de tres convocatorias desta liña de axudas.
5. A presente convocatoria non será aplicable ás empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior, así como ás empresas en crise, tal e como establecen os artigos 1 e 2 do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.
6. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, os solicitantes declararán non estar incursos en tales circunstancias, consonte o establecido no anexo I desta convocatoria.
Presentación de solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.
1. Ademais da solicitude (anexo I), os interesados nestas subvencións presentarán, con carácter xeral, a seguinte documentación:
1.1. Certificado do acordo social da solicitude da axuda, se a persoa solicitante é persoa xurídica.
1.2. Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro mercantil ou no que corresponda, se a persoa solicitante é persoa xurídica.
1.3. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.
1.4. Contrato ou carta de compromiso dunha empresa prestadora do servizo de comunicación audiovisual, segundo a Directiva europea 2010/13/UE1 de servizos de comunicación audiovisual, no caso dos proxectos presentados á modalidade E.
Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta.
2. As persoas solicitantes deberán enviar a seguinte documentación específica:
2.1. Documentación acreditativa de que o proxecto é obra orixinal e de posuír os dereitos suficientes do guión, obra literaria ou calquera outro medio que requira a obtención de dereitos ou opción de compra sobre eles.
2.2. Datos identificativos do proxecto: título, xénero, versión lingüística orixinal da obra, formato de rodaxe ou gravación, orzamento total, empresa ou empresas produtoras e nacionalidades, responsables da produción executiva, guión e dirección.
2.3. Sinopse argumental cunha extensión máxima de 500 palabras.
2.4. Guión do proxecto (e/ou escaleta nos documentais). No caso das miniseries de ficción para televisión, deberá achegarse o guión dos dous primeiros capítulos; no caso das series, o guión dos dous primeiros capítulos máis un completo tratamento argumental. No caso das series de animación, presentarase como mínimo o equivalente a 80 minutos de programación mais o tratamento completo dos demais capítulos.
2.5. Memoria do proxecto, que deberá conter:
2.5.1. Descrición de intencións, por parte do director/a, en canto ao tratamento formal e os aspectos creativos do proxecto.
2.5.2. Descrición, por parte da empresa produtora solicitante, das motivacións, o deseño da produción en canto a repartición de actores e outros elementos artísticos e técnicos relacionados co guión proposto, previsións de lanzamento e difusión nacional e internacional da obra.
2.5.3. Voluntariamente poderase achegar un plan de promoción e marketing especializado e un teaser de non máis de tres minutos do proxecto.
2.6. Historial creativo e profesional da empresa produtora en que se detallen as obras audiovisuais producidas, limitando a relación a un máximo de cinco títulos de maneira que figuren en primeiro lugar os que se correspondan coa modalidade a que se presenta o proxecto. Quedarán excluídos os formatos de contidos de entretemento. No caso das compañías de recente creación, poderase achegar o historial do/da profesional responsable da produción executiva do proxecto.
2.7. Documentación acreditativa en canto á presenza en festivais e certames de prestixio, nominación e obtención de premios, distribución e exhibición nacional, territorios de comercialización e repercusión en canles de televisión e plataformas da internet, se for o caso, das obras relacionadas no punto anterior.
2.8. Contratos ou cartas de compromiso asinados en que consten as cantidades económicas acordadas con director, guionista, produtor executivo (segundo proceda), no caso dos proxectos de autoría galega.
2.9. Historial en canto a traballos previos realizados, e só se se pode acreditar documentalmente a súa participación no proxecto, dos seguintes profesionais: director/a, guionista, produtor/a executivo/a, actores e actrices principais, director/a de fotografía, director/a de arte, deseñador/a de personaxes e fondos (animación), compositor/a da banda sonora orixinal. Contratos asinados ou cartas de compromiso que detallen as cantidades económicas, se os houber, cos profesionais relacionados. De ser o caso, especificación de se o director ou directora ten a condición de novel e de se a porcentaxe de mulleres entre os profesionais mencionados, con excepción da figura do/a director/a, supera o 50 %. De ser o caso, indicación dos profesionais de orixe galega ou con máis de dous anos de actividade profesional en Galicia cando a vinculación laboral coincida coas funcións que se definen no proxecto e se teña dado en máis de dous proxectos audiovisuais ou baixo contrato cun mínimo de dúas empresas produtoras diferentes. No caso de proxectos pertencentes ás modalidades E1 e E3, indicación de: porcentaxe de capítulos dirixidos integramente por unha muller, porcentaxe de capítulos dirixidos integramente por un/unha director/a novel, creador/a da serie e porcentaxe de guións en que este/a exerce a autoría principal.
2.10. Plan de financiamento xunto coa documentación xustificativa, de ser o caso, de: subvencións solicitadas e/ou concedidas, contratos ou cartas de interese relativos á explotación da obra en que se detallen as cantidades económicas (vendas ou cesión de dereitos con empresas prestadoras do servizo de comunicación audiovisual, vendas internacionais, dereitos de distribución, outros), contratos de coprodución, acordos de compromiso de investimento privado e achega de fondos propios. Para os efectos de acreditación do financiamento, os contratos e cartas de compromiso deberán ter data posterior ao 31 de decembro de 2019 ou estar acompañados dunha actualización ou addenda.
2.11. Orzamento definitivo segundo os modelos publicados na páxina web da Agadic.
2.12. Calquera outra documentación que o solicitante considere pertinente para mellor defensa do proxecto.
Con relación á documentación relacionada nos puntos 2.2, 2.3, 2.4 e 2.5, o órgano instrutor comprobará a súa presentación pero non realizará a comprobación cualitativa do seu contido. A dita documentación tampouco poderá ser obxecto de modificación ou mellora ao largo da fase de instrución do procedemento previamente á reunión da Comisión de Valoración. Os documentos presentados en branco non se considerarán defectos emendables, senón que continuarán coa súa tramitación para os efectos da instrución do expediente.
3. As seguintes declaracións e/ou compromisos responsables, recollidos no anexo I:
3.1. Declaración de que a entidade solicitante ou, de ser o caso, as empresas que integran a entidade xurídica solicitante cumpren cos requisitos de produtor independente, tal e como establece o artigo 4.n) da Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema.
3.2. Que a entidade solicitante é titular dos dereitos de propiedade da obra, de acordo co establecido no artigo 24.2 da Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema.
3.3. Que a entidade solicitante posúe un contrato ou carta de compromiso asinado cunha empresa prestadora do servizo de comunicación audiovisual relativa á participación no proxecto ou compra de dereitos de emisión da obra audiovisual, no caso dos proxectos da modalidade E.
3.4. No caso de obras de autoría galega, declaración responsable en que conste a orixe galega ou a vinculación de actividade profesional co sector audiovisual galego de máis de dous anos de antigüidade de dous dos seguintes profesionais: director, guionista ou produtor executivo, segundo proceda.
3.5. Declaración que especifique a lingua orixinal da rodaxe/gravación, en que conste a porcentaxe.
3.6. Declaración en que conste a porcentaxe de días de rodaxe que se desenvolverá en Galicia.
3.7. Declaración da porcentaxe de utilización de estudos principais de animación que desenvolven a súa actividade habitual en Galicia (no caso de proxectos de animación).
3.8. Declaración responsable coa relación de empresas auxiliares que desenvolven a súa actividade en Galicia e interveñen na produción.
3.9. Declaración responsable que exprese a orixe galega ou a vinculación laboral con Galicia de máis de dous anos de antigüidade de actividade profesional na Comunidade Autónoma cando a vinculación laboral coincida coas funcións que se definen e se teña dado en máis de dous proxectos audiovisuais ou baixo contrato cun mínimo de dúas empresas produtoras diferentes do equipo creativo e técnico (director/a, guionista, produtor/a executivo/a, director/a de produción, director/a de fotografía, responsable do son directo, compositor/a da banda sonora orixinal, director/a artístico/a, deseñador/a de personaxes e fondos, montador/a e outros profesionais con responsabilidade de área que interveñan na produción), e do equipo actoral. De ser o caso, especificación de empresas, proxectos e datas en que se deu a dita vinculación.
3.10. De ser o caso, declaración en que conste que a obra será a primeira ou segunda longametraxe integramente a cargo do/da director/a.
3.11. De ser o caso, declaración en que conste que a dirección da obra estará integramente a cargo dunha muller.
3.12. De ser o caso, declaración en que conste que a porcentaxe de mulleres que formarán parte do equipo segundo a relación proposta na presente convocatoria será superior ao 50 %, excluída a figura da directora.
3.13. No caso de proxectos pertencentes ás modalidades E1 e E3, declaración en que conste: porcentaxe de capítulos dirixidos integramente por unha muller, porcentaxe de capítulos dirixidos integramente por un/unha director/a novel, creador/a da serie e porcentaxe de guións en que este/a exerza a autoría principal.
3.14. Declaración en que consten as obras, indicando formatos e ano de produción, estreadas e difundidas pola empresa solicitante ou, de ser o caso, pola persoa responsable da produción executiva. Non se incluirán os formatos de entretemento (programas) para TV.
3.15. Se é o caso, declaración de que o proxecto tivo unha subvención para a escrita de guión ou desenvolvemento de proxectos en anteriores convocatorias da Agadic, con indicación do ano da concesión.
3.16. Declaración en que conste a porcentaxe de financiamento sobre o custo total do proxecto debidamente acreditada.
4. Calquera outra documentación que o solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.
5. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
7. No caso de que algún dos documentos que se deban presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación dos datos.
1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
– DNI ou NIE da persoa solicitante.
– DNI ou NIE da persoa representante.
– NIF da entidade solicitante.
– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.
– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.
– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
– Certificado de estar día no pagamento das obrigas coa Comunidade Autónoma.
– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
– Consulta de concesións de subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
- Fase de Solicitude
- Solitud (Anexo I)
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase de Xustificación
- Declaracions de axudas (Anexo II)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 23 de decembro de 2020 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, e se convocan para o ano 2021 (DOG nº 9 do 15 de xaneiro de 2021).
-
Extracto da Resolución do 23 de decembro de 2020 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, e se convocan para o ano 2021 (DOG nº 9 do 15 de xaneiro de 2021).
-
Resolución do 8 de abril de 2021 pola que se modifica a Resolución do 23 de decembro de 2020 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento CT207A), e se abre un novo prazo complementario de presentación de solicitudes (DOG nº 69 do 14 de abril de 2021).
-
Resolución do 24 de xaneiro de 2022 pola que se dá publicidade das axudas concedidas durante o ano 2021 (DOG nº 26 do 8 de febreiro de 2022).
-
Outros procedementos relacionados
Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .
Aberto todo o ano
Autorización de actuación arqueolóxica.
Aberto todo o ano
Proposta de avaliación de documentos
Aberto todo o ano
Proposta de eliminación de documentos
Aberto todo o ano