Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
CO400B
Axudas, en réximen de concorrencia non competitiva, ás asociacións de persoas consumidores da Comunidade Autónoma de Galicia para actividades de sensibilización, formación e divulgación en materia de subministración eléctrica e comercio electrónico seguro.
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Cidadáns
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
1. As axudas reguladas nestas bases teñen por obxecto a realización por parte das asociacións de persoas consumidoras inscritas na sección xeral do Rexistro de Organizacións de Consumidores e Usuarios de Galicia dun programa de actividades de sensibilización, formación e divulgación en materia de subministración de enerxía eléctrica e comercio electrónico seguro, coas especificidades que se establecen no artigo 2 destas bases.
2. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.
Actuacións e gastos susceptibles de axuda.
1. As axudas concederanse para atender aos gastos xerados polo desenvolvemento de programas de actividades en dúas modalidades:
Modalidade A. Programa de actividades que impliquen sensibilización, formación e divulgación que xeren, nos consumidores aos que van dirixidas, un grao de coñecemento da problemática da facturación e consumo de subministración eléctrica, co fin de que adquiran os coñecementos suficientes que lles permitan tomar decisións que redunden nun aforro e racionalidade do gasto en consumo eléctrico.
Modalidade B. Programas de actividades que impliquen sensibilización, formación e divulgación que xeren, nos consumidores aos que van dirixidas, un grao de coñecemento da problemática de levar a cabo un uso seguro e correcto do comercio electrónico e compras seguras en internet, co fin de que adquiran os coñecementos suficientes que lles permitan tomar decisións que redunden nunha compra segura e satisfactoria para o consumidor.
2. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.
Todos estes gastos teñen que ser realizados e efectivamente pagados desde a entrada en vigor da presente resolución e ata a data límite de xustificación establecida no artigo 18.
Considéranse custos subvencionables aqueles gastos que se xeren e que sexan directamente imputables ás actuacións de sensibilización, formación e divulgación seguintes:
Modalidade A. En materia de subministración eléctrica, en concreto:
a) Desenvolvemento e impartición de actividades formativas maioritariamente prácticas encamiñadas a identificar, a esclarecer e a coñecer os dereitos como usuarios do sector eléctrico e os datos esenciais que conforman a factura de consumo eléctrico como pode ser:
– Os datos do subministrador e do distribuidor entendendo que poden ser empresas con distintas formas de contratación.
– Todos os datos relacionados cos consumos eléctricos. Datos que deben figurar na factura segundo modelo oficial para PVPC. Mercado libre e mercado regulado.
– Os datos relacionados co custo económico da subministración de enerxía eléctrica que se van aplicar en cada facturación.
– Os datos económicos que se ven implicados no importe final da factura.
– O consumidor vulnerable. Bono social e outras medidas de protección. Requisitos, tramitación e como afecta a facturación.
– Como reclamar.
Deberá quedar xustificado, coa elaboración dun programa, que as ditas materias son obxecto da actividade formativa.
b) Desenvolvemento e impartición de actividades práctico-teóricas co fin de sensibilizar e concienciar da importancia no aforro no consumo eléctrico (consumo de electrodomésticos, clases enerxéticas dos electrodomésticos, tipo de tarifas e comparativa entre mercado regulado e libre).
c) Desenvolvemento práctico de simuladores de consumo eléctrico ou outro tipo de ferramentas, que axuden a unha mellor comprensión da factura eléctrica e a un aforro na subministración de enerxía eléctrica nos fogares.
Modalidade B. En materia de comercio electrónico seguro, en concreto:
a) Desenvolvemento e impartición de actividades formativas maioritariamente prácticas encamiñadas a identificar, esclarecer e coñecer os dereitos como usuarios cando se leva a cabo unha compra por internet e prácticas que se levan a cabo cando se quere usar o comercio electrónico dun xeito seguro e eficiente, como pode ser:
1. Aspectos que hai que ter en conta antes de contratar:
– Posta a punto dos dispositivos. Recomendacións de seguridade básicas; configuración da rede.
– Identificación das tendas on line de confianza. Comprobación da información leal do comerciante; identificar o titular/responsable do comercio; comprobar que se trata de comunicacións seguras; selos de confianza.
– Deteccións de fraudes. Phishing; carding; páxinas de venda on line falsas; estafas a través do correo electrónico; servizos de compravenda ou de venda de segunda man.
– Requisitos de información previa e específicos adicionais para contratos celebrados en mercados en liña.
2. Aspectos que hai que ter en conta se decides comprar:
– Xustificación da contratación e execución do contrato.
– Medios de pagamento para compras on line. Envío de cartos en efectivo; contra reembolso; transferencia bancaria; pagamento con tarxeta; pagamentos a través de intermediarios.
– Configuración das contas de usuario. Contrasinais seguras; activar dobre verificación; recuperación de contas; cando gardar información dos métodos de pagamento.
3. Aspectos que hai que ter en conta despois de comprar:
– Dereito de desistencia.
– Garantías e servizos posvenda.
– Gastos de envío e devolución.
– Dereitos sobre os datos persoais. Dereito de acceso; dereito de rectificación; dereito de cancelación.
– Deber de segredo e publicación de datos.
– Como reclamar.
Deberá quedar xustificado, coa elaboración dun programa, que as ditas materias son obxecto da actividade formativa.
b) Desenvolvemento práctico de simuladores de comercio electrónico ou outro tipo de ferramentas, que axuden a unha mellor comprensión destas compras e uso do comercio electrónico polas persoas consumidoras e usuarias.
3. Cada actividade ou proxecto, xa sexa da modalidade A ou da modalidade B, financiarase cunha contía máxima total de 200 euros (IVE incluído) por actividade. O número máximo de actividades que van ser realizadas por asociación, xa sexan da modalidade A ou/e da modalidade B, será de 12 actividades ou proxectos por asociación. Cada asociación poderá elixir o número de actividades que desexe levar a cabo, así como a súa modalidade, podendo incluír unha soa modalidade ou dúas modalidades, sempre que non se exceda o número máximo de 12 actividades por asociación.
4. A duración mínima de cada actividade será de 2 horas presenciais.
Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as asociacións de persoas consumidoras que estean legalmente constituídas e inscritas, no momento de publicarse esta resolución, no Diario Oficial de Galicia, na Sección Xeral do Rexistro de Organizacións de Consumidores e Usuarios de Galicia a que se refire o Decreto 95/1984, do 24 de maio.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Instituto Galego de Consumo e da Competencia (IGC)
Servizo de Información, Cooperación e Fomento
Avenida Gonzalo Torrente Ballester, nº 3, 1-5, baixo
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981545545/ 981545416
Email: igc.xerencia@xunta.gal
Teléfono desde o resto do Estado: 902120012
Prazo de presentación: PECHADO
30/09/2022 00:00 - 31/10/2022 23:59
1. O prazo para a presentación das solicitudes é dun mes, que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
2. Non obstante, no suposto de que, antes de finalizar o prazo de presentación de solicitudes, se esgotase o crédito establecido na convocatoria, o órgano concedente acordará a inadmisión de solicitudes e publicará tal circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.
1. Non poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas asociacións que, incumprindo manifestamente os seus deberes legais, non colaborasen ou non facilitasen a información solicitada polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia.
2. Para que as asociacións poidan beneficiarse destas axudas deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
3. As persoas beneficiarias obríganse a facilitar canta información lles sexa requirida polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia no exercicio das súas funcións de fiscalización do destino das axudas.
Solicitudes.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible (anexo II) na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria.
1. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:
a) Certificación da listaxe de actividades que se pretenden levar a cabo obxecto de subvención (anexo III). Unha vez presentado este anexo III no momento da solicitude, posteriormente só se permitirá a súa modificación unha única vez e sempre que os cambios afecten unicamente ou a data ou a localidade de realización. A dita modificación deberá ser comunicada ao IGCC cunha antelación mínima de 15 días antes da realización da primeira actividade, presentando un novo anexo III.
b) Poder suficiente da persoa representante e asinante da solicitude para actuar en nome da entidade solicitante, se é o caso.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recollidos de xeito electrónico a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse de xeito electrónico.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada nos parágrafos anteriores. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT para a solicitude de axudas e subvencións.
d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Xunta de Galicia para percibir axudas ou subvencións das administracións públicas.
f) Concesión de subvencións e axudas.
g) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente de inicio (anexo II) e achegar os ditos documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
- Fase de solicitude
- Solicitude (Anexo II)
- Listado de actividades (Anexo III)
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 16 de setembro de 2022 pola que se convoca e regula a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva para o ano 2022, ás asociacións de persoas consumidoras da Comunidade Autónoma de Galicia para actividades de sensibilización, formación e divulgación en materia de subministración de enerxía eléctrica e comercio electrónico seguro (DOG nº 186 do 29 de setembro de 2022).
-
Extracto da Resolución do 16 de setembro de 2022 pola que se convoca e regula a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva para o ano 2022, ás asociacións de persoas consumidoras da Comunidade Autónoma de Galicia para actividades de sensibilización, formación e divulgación en materia de subministración de enerxía eléctrica e comercio electrónico seguro (DOG nº 186 do 29 de setembro de 2022).
-
Resolución do 10 de outubro de 2022 pola que se fai público o esgotamento do crédito orzamentario correspondente ao exercicio 2022, destinado ao financiamento das axudas, en réxime de concorrencia non competitiva para o ano 2022, ás asociacións de consumidores da Comunidade Autónoma de Galicia para actividades de sensibilización, formación e divulgación en materia de subministración eléctrica e comercio electrónico seguro (DOG nº 199 do 19 de outubro de 2022).
-
Outros procedementos relacionados
Reclamación/reclamación e denuncia en materia de consumo.
Aberto todo o ano
Denuncia en materia de consumo.
Aberto todo o ano
Inscrición de novas organizacións no rexistro de organizacións de consumidores e usuarios de Galicia.
Aberto todo o ano
Bono peixe
Prazo aberto: 11/07/2025 00:00 - 30/10/2025 23:59