Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
BS403C
Axudas para a posta en marcha de Casas Niño.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Política Social e Igualdade
A concesión de axudas para a posta en marcha de proxectos de servizos durante os anos 2023, 2024, 2025 e 2026, destinados á atención de nenas e nenos de ata tres anos de idade, mediante o establecemento dunha casa niño, nos núcleos rurais do territorio da Comunidade autónoma de Galicia nos que non exista ningún outro recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade.
Poderán ser beneficiarias destas axudas para poñer en marcha unha casa niño as persoas físicas que se establezan como empresarias autónomas e as cooperativas de traballo asociado.
Xunta de Galicia
Consellería de Política Social e Igualdade
Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica
Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación
Servizo de Conciliación Familiar
Edificio Administrativo San Caetano. Edificio a Pirámide
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981957029/ 981545666
Fax: 981544634
Email: dxfamilia.politicasocial@xunta.es
Prazo de presentación: PECHADO
25/02/2023 00:00 - 24/03/2023 23:59
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
a) Estar en posesión, ou contar cando menos cunha persoa socia que o estea no caso de cooperativas de traballo asociado, de calquera das titulacións ou formación que se recollen a continuación, ou equivalentes, ou da formación ou experiencia seguintes:
1º. Técnico/a superior en educación infantil.
2º. Grao en mestre/a de educación infantil/educación primaria.
3º. Grao en pedagoxía, psicoloxía ou educación social.
4º. Diploma que acredite ter realizado o curso de formación integral ou o curso de formación complementaria para futuros/as profesionais das casas niño impartidos pola Xunta de Galicia.
5º. Formación acreditada en áreas relacionadas coa atención á infancia e coidados infantís ou experiencia profesional acreditada neste ámbito.
b) Residir nun núcleo rural do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia en que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade, ou facelo con anterioridade á posta en marcha do proxecto.
c) Contar cun inmoble nun núcleo rural do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia no que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade, ou dispoñer del con anterioridade á posta en marcha do proxecto. O dito inmoble estará dotado cos seguintes recursos, para os cales poderá pedir esta axuda:
1º. Sistema de calefacción que cubra todas as estancias dedicadas ao desenvolvemento da iniciativa e conte coa protección dos elementos calefactores precisa para evitar as queimaduras por contacto, os atrapamentos ou outros riscos para a integridade das e dos menores.
2º. Unha sala con iluminación e ventilación naturais directas e un mínimo de 20 metros cadrados, distribuída e organizada con criterios de flexibilidade para dar resposta ás distintas necesidades das nenas e nenos de 0-3 anos.
3º. Dúas zonas, unha para o descanso e outra para a hixiene infantil. A zona de descanso e, de ser o caso, o mesado cambiador poderán estar integrados na sala principal.
4º. Unha zona para a preparación, almacenamento e conservación de alimentos dotada, cando menos, dun mesado, frigorífico, vertedoiro e microondas.
5º. Elementos de protección como enchufes de seguridade infantil sempre que se sitúen por debaixo de 1,5 metros, protectores de dedos nas dúas caras das portas, seguros de ventás, barreira de seguridade con porta en zonas con diferentes alturas ou escaleiras e extintor/es para a protección contra incendios.
6º. Un mobiliario e equipamento básico para a atención das nenas e nenos que incluirá, como mínimo, un cambiador de cueiros, berces, sabas, mantas, colchóns, contedor de cueiros, ouriñais, tronas, hamacas, adaptadores de inodoro e materiais didácticos e de xogo axeitados para as idades dos nenos e nenas e con marcación CE.
En todo caso o mobiliario deberá ter bordes romos ou protectores que os cubran para que careza de arestas. Así mesmo, na sala e na zona de descanso, no suposto de estar nunha estancia separada, os materiais dos solos e das paredes ata unha altura de 1,5 metros deberán ser cálidos, lisos, non porosos, facilmente lavables e aptos para a súa desinfección. Na sala deberá crearse unha superficie continua e non esvaradía, axeitada para gatear.
As estancias e zonas anteriormente citadas deben estar situadas nun único andar. No caso de tratarse dun inmoble non destinado a vivenda, este deberá estar ademais en planta baixa.
d) Dispoñer dun plan de actuación cos nenos/as para atender eventuais emerxencias que se poidan producir na casa niño.
e) Acreditar o estado de saúde cunha revisión médica anual. No caso de cooperativas de traballo asociado esta acreditación deberá estar referida á/s persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto.
Os requisitos establecidos nas letras a), d) e e) do número anterior deberán acreditarse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. O resto de requisitos b) e c) previstos no número anterior deberán acreditarse no prazo de dous meses desde a notificación da resolución de concesión, ampliable a tres para os supostos de constitución dunha cooperativa de traballo asociado. Todos os requisitos previstos no número 1 deberán manterse durante o período de permanencia da actividade. Respecto das cooperativas de traballo asociado, de non estaren constituídas, no momento de presentación da solicitude deberán ter iniciado os trámites para a súa constitución.
As persoas solicitantes deberán acreditar mediante declaración responsable que non están incursas en ningunha das causas de prohibición previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiarias.
Solicitudes.
1. As solicitudes, presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, teranse por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.
Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Documentación acreditativa de estar en posesión da formación ou da experiencia recollidas no artigo 4.1.a) 4º e 5º. No caso de cooperativas de traballo asociado, esta documentación deberá estar referida á/s persoa/s socia/s que desenvolverán o proxecto.
b) Certificado médico oficial acreditativo do estado de saúde. No caso de cooperativas de traballo asociado, esta documentación deberá estar referida á/s persoa/s socia/s que desenvolverán o proxecto.
c) Memoria descritiva en que se recolla a localización xeográfica e o número potencial de nenas/os usuarias/os e se xustifique a súa necesidade e oportunidade, apoiada na análise da contorna e nos datos oficiais de poboación publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) dos últimos tres anos. Nesta memoria figurará tamén o nome do proxecto que estará relacionado coa activade desenvolvida e que non será coincidente co nome dos proxectos xa en funcionamento.
d) Proposta pedagóxica básica asinada pola/s persoa/s que desenvolverán o proxecto, que en todo caso aborde a organización do período de adaptación e a adquisición de hábitos de autonomía persoal con respecto á alimentación, o descanso e a hixiene desde a súa vertente educativa. A proposta incluirá, así mesmo, a programación xeral dunha xornada.
e) Descrición do equipamento e materiais que se empregarán no desenvolvemento do proxecto que comprenderá as características e composición de todos os elementos recollidos no artigo 4.1.c).
f) Memoria descritiva do inmoble con fotografías de todas as estancias e planos, a escala e acoutados, descritivos do estado actual. De terse que realizar obras de reforma, tamén se incluirán planos a escala representativos do estado reformado.
g) Informe dos servizos técnicos municipais de que o inmoble proposto presenta ou terá, logo da reforma proposta, as características arquitectónicas establecidas nesta orde. No suposto de inmobles destinados a vivenda, este informe incluirá tamén referencia ao cumprimento das condicións de habitabilidade; no caso de inmobles non destinados a vivenda a referencia será ao cumprimento dos requisitos establecidos no Código técnico da edificación (CTE) que lle sexan de aplicación.
h) Plan de actuación cos nenos/as ante unha emerxencia durante o desenvolvemento do proxecto.
i) Orzamento desagregado dos gastos de investimento segundo o establecido no anexo V.
j) Certificado de discapacidade, de ser o caso, cando non fose expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.
k) Documentación acreditativa de ser vítima de violencia de xénero, de ser o caso.
l) Anexo II cuberto cos datos da persoa que se vaia encargar do desenvolvemento do proxecto, no suposto de tratarse de cooperativas de traballo asociado.
m) Documentación acreditativa da dispoñibilidade do inmoble durante o período subvencionado (escritura de propiedade, contrato de arrendamento, documento de cesión, etc.).
n) Fotografías de todas as adaptacións realizadas.
ñ) Anexo III cuberto cos datos de identificación da persoa que se encargará de substituír a persoa titular do proxecto nos supostos de enfermidade ou calquera outro motivo de ausencia temporal desta, agás causas imprevisibles e inevitables así como copia da documentación recollida no artigo 4.1.a) 4º e 5º.
o) Xustificante de ter contratada unha póliza de seguro que cubra as continxencias de responsabilidade civil, danos a terceiras persoas e accidentes durante o desenvolvemento da actividade subvencionada.
p) Alta no censo de obrigados tributarios do ministerio con competencia en materia de facenda, se é o caso.
2. A documentación prevista no número 1, letras m) a p) poderá presentarse ben no momento da solicitude co anexo I ou ben no prazo previsto no artigo 4.2, xunto co anexo IV relativo á presentación de documentación non achegada coa solicitude.
3. A Consellería de Política Social e Xuventude reservará para si a facultade de solicitar a información complementaria que considere conveniente para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación da solicitude presentada.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro/a (NIE) da persoa solicitante ou da que vai desenvolver o proxecto no suposto de cooperativas de traballo asociado e número de identificación fiscal (NIF), no suposto de cooperativas de traballo asociado e da persoa que se encargará de substituír a persoa titular da casa niño.
b) Certificación negativa do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais da persoa solicitante ou da que vai desenvolver o proxecto no suposto de cooperativas de traballo asociado e da persoa que se encargará de substituír a persoa titular da casa niño.
c) Certificados de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia da persoa solicitante.
d) Titulacións oficiais universitarias mencionadas no artigo 4.1.a), da persoa solicitante ou da que vai desenvolver o proxecto no suposto de cooperativas de traballo asociado e da persoa que se encargará de substituír á persoa titular da casa niño.
e) Titulacións oficiais non universitarias mencionadas no artigo 4.1.a), da persoa solicitante ou da que vai desenvolver o proxecto no suposto de cooperativas de traballo asociado e da persoa que se encargará de substituír a persoa titular da casa niño.
f) Certificado de empadroamento da persoa solicitante ou da que vai desenvolver o proxecto no suposto de cooperativas de traballo asociado.
g) Alta no imposto de actividades económicas da persoa solicitante.
h) Alta na Seguridade Social no réxime especial de autónomos no suposto de persoas físicas, ou afiliación da entidade e da persoa que vai desenvolver o proxecto na Seguridade Social no caso de cooperativas de traballo asociado.
i) Inhabilitación para obter subvencións ou axudas da persoa solicitante ou da que vai desenvolver o proxecto no suposto de cooperativas de traballo asociado.
j) Concesións de subvencións e axudas da persoa solicitante ou da que vai desenvolver o proxecto no suposto de cooperativas de traballo asociado.
k) Concesións pola regra de minimis da persoa solicitante ou da que vai desenvolver o proxecto no suposto de cooperativas de traballo asociado.
2. Consultaranse os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
a) Certificación acreditativa de inscrición ininterrompida na oficina de emprego como demandante de emprego durante 12 ou máis meses da persoa solicitante ou da que vai desenvolver o proxecto no suposto de cooperativas de traballo asociado, de ser o caso. A demanda de emprego considerarase interrompida se se traballou un período acumulado de 90 ou máis días nos 365 anteriores á data de solicitude.
b) Certificación do grao de discapacidade cando sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia, de ser o caso, para os efectos da valoración dos criterios recollidos no artigo 16 da persoa solicitante ou da que vai desenvolver o proxecto no suposto de cooperativas de traballo asociado.
3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo I, II e V, e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Fase de solicitude
- Presentación da documentación non achegada coa solicitude (Anexo IV)
- Comprobación de datos da persoa que vai desenvolver o proxecto piloto no caso de cooperativas de traballo asociado (Anexo II)
- Comprobación de datos da persoa que se encargará de sustituír á persoa titular da casa niño (Anexo III)
- Solicitude (Anexo I)
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 14 de febreiro de 2023 pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño durante os anos 2023, 2024, 2025 e 2026, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 39 do 24 de febreiro de 2023).
-
Extracto da Orde do 14 de febreiro de 2023 pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño durante os anos 2023, 2024, 2025 e 2026, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 39 do 24 de febreiro de 2023).
-
Resolución do 5 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, pola que se publica o requirimento de emenda de documentación das solicitudes presentadas ao abeiro da Orde do 14 de febreiro de 2023 pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño durante os anos 2023, 2024, 2025 e 2026, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 73 do 17 de abril de 2023).
-
Resolución do 7 de xuño de 2023, da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, pola que se publica a Resolución do 6 de xuño de 2023 de concesión das axudas convocadas na Orde do 14 de febreiro de 2023 pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño durante os anos 2023, 2024, 2025 e 2026, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 114 do 16 de xuño de 2023).
-
Orde do 16 de xullo de 2024 pola que se modifica a Orde do 14 de febreiro de 2023 pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño durante os anos 2023, 2024, 2025 e 2026, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 143 do 24 de xullo de 2024).
-
Outros procedementos relacionados
Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de escolas de tempo libre.
Aberto todo o ano
Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .
Aberto todo o ano
Solicitude adopción internacional
Aberto todo o ano
Solicitude de adopción nacional.
Aberto todo o ano