Guía de procedementos e servizos

BS403B

Programa de axudas a través da tarxeta Benvida.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2026 - Prazo aberto: 06/02/2026 00:00 - 31/03/2027 23:59

Consellería de Política Social e Igualdade

TRAMITAR PRESENCIALMENTE
Sobre o procedemento

A Tarxeta Benvida é unha axuda económica para familias que teñan fillos/as, adopten, estean en situación de garda con fins adoptivos ou acollan de xeito permanente a menores de ata tres anos ou se atopen na semana 21 ou posterior de embarazo.

Esta axuda farase efectiva coa entrega dunha tarxeta moedeiro física que se remitirá por correo postal ao domicilio da persoa solicitante, e poderá empregarse para mercar produtos destinados ao coidado dos nenos/as en farmacias, parafarmacias, ópticas, supermercados, tendas de alimentación, librarías ou establecementos de puericultura de Galicia.

1. Poderán ser beneficiarias desta axuda aquelas persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que dispoñan de documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro/a (NIE) e que se atopen nun dos seguintes supostos:

a) Atoparse na semana 21 ou posterior de xestación entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2026.

b) Ter fillas ou fillos nados/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2026.

c) Ter constituída a adopción, acollemento familiar permanente ou ser declarado/a en situación de garda con fins adoptivos dun o máis menores de ata tres anos de idade entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2026.

2. Así mesmo, poderán beneficiarse da axuda as galegas e galegos e os seus descendentes que se atopen en calquera dos dous supostos anteriores e, tendo residido fóra de España, retornen a Galicia durante o ano 2026.

3. Non poderán ser beneficiarias as persoas privadas ou suspendidas total ou parcialmente da patria potestade dos/das seus/súas fillos/as, mediante resolución xudicial firme, ou cuxa tutela ou garda fose asumida polos órganos competentes en materia de protección de menores.

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica

Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación

Servizo de Conciliación Familiar

Compl. Adtvo. San Caetano, Edif. 8B

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 012/ 981900643

Email: tarxetabenvida.familia@xunta.gal

Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: ABERTO

06/02/2026 00:00 - 31/03/2027 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será de dous (2) meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produce o nacemento ou se dite a resolución administrativa ou xudicial para os supostos de adopción, garda con fins adoptivos ou acollemento familiar permanente. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día do nacemento ou do día no que se ditou a resolución de adopción, de garda con fins adoptivos ou de acollemento familiar permanente.

No suposto de muller xestante, en calquera momento do ano 2026 sempre que supere as 21 semanas de xestación.

No suposto de que a persoa solicitante sexa emigrante retornada a Galicia en 2026 e sempre que o fillo ou filla nacese no dito ano 2026, o prazo será de tres (3) meses que se contará a partir do día seguinte a aquel que conste na documentación que acredite fidedignamente a data de retorno a España. Así mesmo, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal da data que figure na dita documentación acreditativa.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

No suposto excepcional de ampliación da axuda ata un ano máis previsto no artigo 4.4 a comunicación da situación de especial vulnerabilidade, anexo III, realizarase dentro dos dous meses anteriores á data na que o neno ou nena faga os tres anos.

1. Serán requisitos necesarios para a concesión desta axuda:

a) Que a persoa proxenitora solicitante teña a súa residencia en Galicia. Para estes efectos, considerarase cumprido o requisito de residencia co empadroamento efectivo nun concello de Galicia.

b) Que a renda da unidade familiar non supere os 45.000,00 €. Non obstante, no suposto de que esta contía fose superior, a renda per cápita non deberá superar os 13.500,00 €.

c) Que a renda da unidade familiar non supere os 22.000,00 € para ter dereito á contía da axuda prevista no artigo 4.2.

d) Que a persoa proxenitora solicitante teña a súa residencia nun concello cunha poboación inferior a 5.000 habitantes para ter dereito ao incremento da axuda prevista no artigo 4.3.

2. Ademais, as persoas galegas emigrantes deberán ter retornado a Galicia no ano 2026 e deberán estar en posesión da nacionalidade española antes do dito retorno.

3. Para ter dereito á axuda excepcional prevista no artigo 4.4, a unidade familiar debe estar en situación de especial vulnerabilidade declarada polo órgano dos servizos sociais comunitarios básicos e non percibir unha prestación de apoio á renda e, téndoa solicitado, non tivesen aínda acceso á ela.

4. Así mesmo, as persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. Todos os requisitos recollidos no número 1 deberán reunirse no momento de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

6. No suposto de ter solicitada a Tarxeta Benvida durante o estado de xestación non pode volver a solicitarse esta axuda unha vez nacido o fillo ou filla, e igualmente no caso de solicitudes para nenos/as en situación de garda con fins adoptivos non pode volver a solicitarse esta no momento de constituírse a adopción.

Solicitudes

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado, anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes electrónicas poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Presentarase unha única solicitude, ben durante o período de xestación ou ben unha vez producido o nacemento, formalizada a adopción, declarada a situación de garda con fins adoptivos ou formalizado o acollemento permanente dun ou máis menores de ata tres anos de idade. Serán inadmitidas todas as solicitudes que se presenten con posterioridade á primeira.

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, anexo I, a seguinte documentación:

a) No caso de que a persoa non solicitante, proxenitora do/da neno/a polo que se solicita a axuda, se opoña ás comprobacións dos datos, documentos acreditativos dos ditos datos.

b) Copia do libro ou libros de familia en que consten todas as fillas e fillos da persoa solicitante ou certificación de nacemento do rexistro civil de cada unha das fillas ou fillos da persoa solicitante, para efectos de acreditar a data de nacemento e o número de orde que ocupa a filla ou fillo na descendencia da persoa solicitante.

c) Informe médico asinado por persoa colexiada na Comunidade Autónoma de Galicia, que acredite que se iniciou a semana 21 de embarazo na data de presentación da solicitude, a data previsible do parto e número de fetos, agás que se trate de xestantes que sigan o embarazo no Sistema público galego de saúde (Servizo Galego de Saúde-Sergas).

d) Copia da resolución xudicial ou administrativa que declare a adopción, a garda con fins adoptivos, ou o acollemento familiar permanente dun o máis menores de ata tres anos de idade, de ser o caso, cando se trate de procedementos formalizadas fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Certificado de monoparentalidade cando non sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Pasaporte en vigor da persoa cónxuxe ou parella, para o suposto de que esta estea en trámite de autorización de residencia.

g) Documentación acreditativa dos ingresos percibidos no estranxeiro no período impositivo computable, acompañados dun certificado do organismo competente ou entidade bancaria acreditativo do valor en euros dos ditos ingresos, de ser o caso.

2. No suposto de persoas galegas emigrantes retornadas ou descendentes, deberase presentar, ademais:

a) Documentos xustificativos do nacemento en Galicia ou de ser descendente dunha persoa galega.

b) Certificado de persoa emigrante retornada, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a data de retorno a España.

3. No suposto de solicitar a ampliación excepcional da axuda prevista para situacións de especial vulnerabilidade no artigo 4.4 dentro dos dous meses anteriores á data en que o neno ou nena cumpra os tres anos, deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Comunicación da situación de especial vulnerabilidade segundo o anexo III.

b) Informe técnico dos servizos sociais comunitarios básicos que acredite a situación de especial vulnerabilidade e que se está sendo atendido/a polo sistema público de servizos sociais, con indicación das solicitudes de prestacións ou axudas económicas en fase de tramitación.

4. Cando se acheguen coa solicitude documentos en idioma distinto do galego ou castelán presentarán tamén a tradución dos ditos documentos a calquera destes dous idiomas, de acordo coa normativa que sexa de aplicación.

5. Na solicitude (anexo I) deberá figurar, con carácter obrigatorio, un teléfono móbil para os efectos de activar a Tarxeta Benvida. A activación será efectiva unicamente desde o número de móbil que se faga constar na solicitude.

6. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermedia-ción de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

7. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

8. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

9. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. La persona solicitante firmará en la declaración responsable que forma parte de la solicitud, que dispone del documento firmado por la persona no solicitante progenitora del/de la niño/a por el que se solicita la ayuda y de los otros miembros de la unidad familiar, en su caso, en el que autoriza a la comprobación de los datos de esta última, conforme al modelo del anexo II. Dicho documento podrá ser requerido por la Administración pública en cualquier momento.

Asimismo, en caso de que la persona no solicitante progenitora del/de la niño/a por el que se solicita la ayuda se oponga a la comprobación de datos, lo hará constar en dicha declaración responsable y, consecuentemente, presentará los documentos que los acrediten.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro/a (NIE) da persoa solicitante e da persoa cónxuxe ou parella, de ser o caso.

b) Declaración do IRPF, da persoa solicitante, da persoa cónxuxe ou parella e demais membros da unidade familiar, de ser o caso, correspondente ao último período impositivo con prazo de presentación vencido no momento de presentación da solicitude de subvención. No caso de non ter obriga de presentar a declaración do IRPF, comprobarase o nivel de renda.

c) Certificado de empadroamento da persoa solicitante.

2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Resolución xudicial ou administrativa que declare a adopción, a garda con fins adoptivos, ou o acollemento familiar permanente dun ou máis menores de ata tres anos de idade formalizada na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Certificado de monoparentalidade expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Acreditación de atoparse na semana 21 ou posterior de xestación entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2026 no suposto de seguimento do embarazo polo Sergas.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente (anexo I e anexo II) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

5. As consultas previstas nos números anteriores deste artigo poderán realizarse en cada unha das anualidades de vixencia desta orde.

6. A persoa solicitante asinará na declaración responsable que forma parte da solicitude, que dispón do documento asinado pola persoa non solicitante proxenitora do/da neno/a polo que se solicita a axuda e dos outros membros da unidade familiar, de ser o caso, en que autoriza a comprobación dos datos desta última, conforme o modelo do anexo II. O devandito documento poderá ser requirido pola Administración pública en calquera momento.

Así mesmo, no caso de que a persoa non solicitante proxenitora do/da neno/a polo que se solicita a axuda se opoña á comprobación de datos, farao constar na dita declaración responsable e, consecuentemente, presentará os documentos que os acrediten.

Trámites administrativos posteriores 

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Catro meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 21 de xaneiro de 2026 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da Tarxeta Benvida, nos supostos de xestación, nacemento, adopción, garda con fins adoptivos ou acollemento familiar permanente no ano 2026, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 24 do 05 de febreiro de 2026).

    • Extracto da Orde do 21 de xaneiro de 2026 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da Tarxeta Benvida, nos supostos de xestación, nacemento, adopción, garda con fins adoptivos ou acollemento familiar permanente no ano 2026, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 24 do 05 de febreiro de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

BS401E

Solicitude adopción internacional

Aberto todo o ano

BS401F

Solicitude de adopción nacional.

Aberto todo o ano

BS401G

Solicitude de acollemento familiar

Aberto todo o ano

BS402A

Novo ingreso en escolas infantís 0-3.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 15/03/2025 00:00 - 13/03/2026 23:59