Guía de procedementos e servizos

BS326A

Deseñando o teu futuro.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Cidadáns, Entidades locais

Convocatoria 2017 - Prazo pechado: 13/05/2017 00:00 - 12/06/2017 23:59

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán o procedemento de concesión de axudas enmarcadas no programa Deseñando o teu futuro, e proceder á súa convocatoria para o ano 2017.

A finalidade das axudas é financiar os proxectos dirixidos a que os mozos e as mozas entre 14 e 18 anos realicen estadías-visitas non remuneradas nos distintos sectores das empresas/entidades públicas ou privadas radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia, para os efectos de que adquiran competencias, habilidades e cualificacións que complementen o seu desenvolvemento persoal e a súa formación.

Proxectos subvencionables.

1. Os proxectos para os cales se solicite axuda deberán responder aos seguintes criterios:

a) Deben ter como persoas destinatarias mozos e mozas con idades comprendidas entre os 14 e 18 anos con autorización do pai, da nai ou titor/a legal.

b) O período do proxecto será de dous meses e terá como data límite de realización o 15 de novembro de 2017.

c) A duración das estadías-visitas será entre 5 e 15 días hábiles. As xornadas diarias nas empresas serán de 4 horas como mínimo.

d) O número de mozos/as participantes non poderá ser superior a 15.

2. Os proxectos constarán de tres fases:

a) Organización e planificación, que inclúe entre outros, o proceso selectivo e a busca de empresas de acollida para as estadías-visitas.

b) A realización das estadías-visitas non remuneradas nos distintos sectores das empresas/entidades públicas ou privadas radicadas en Galicia que incluirá a titorización e o seguimento das estadías.

c) Avaliación e seguimento posterior que inclúe a visualización que se dará ao proxecto en particular e ao programa Deseñando o teu futuro en xeral.

3. No proxecto expresarase con claridade o número de participantes, a duración das estadías-visitas, a xornada diaria de cada estadía e a estimación do número de horas de actividades complementarias se as houber, ademais doutros aspectos que serán obxecto de baremación segundo o que establece o artigo 14.

4. Só se poderá presentar un proxecto por entidade solicitante.

5. Deberase ter en conta, á hora da redacción do proxecto e cara á súa posterior xustificación, o disposto no artigo 18.

6. Calquera das actividades desenvolvidas serán de carácter gratuíto para as persoas beneficiarias do proxecto e non poderán xerarse ingresos por pagamento de cotas, entradas, etc.

7. A entidade beneficiaria deberá realizar por si mesma a actividade subvencionada, polo que a subcontratación só estará permitida nos termos definidos e cos límites previstos neste punto e nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e 43 do seu regulamento, aprobado mediante o Decreto 11/2005, do 8 de xaneiro. Neste sentido, e sempre respectando o establecido nas ditas disposicións, poderase subcontratar a execución da actividade ata unha porcentaxe que non exceda o cincuenta por cento do proxecto subvencionado.

Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva.

Poderán solicitar estas axudas, ao abeiro destas bases reguladoras:

A) Entidades sen ánimo de lucro con sede permanente ou domicilio social en Galicia que presten servizos á mocidade, e as súas respectivas federacións, sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presenten non sexa o mesmo que o de cada unha das entidades que as conforman.

B) Concellos, agrupacións de concellos ou mancomunidades da Comunidade Autónoma validamente constituídas, así como as entidades resultantes da fusión de municipios a que se refire a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Así mesmo, aqueles concellos que pertenzan a unha mesma zona sen constituíren mancomunidade para estes efectos e acorden desenvolver programas conxuntos de actuación, poderán solicitar as axudas que regula esta orde. Neste suposto, todos os concellos quedarán obrigados solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención.

Obrigas das entidades beneficiarias.

1. Realizar a totalidade do proxecto que fundamenta a concesión da axuda por si mesmas ou, en todo caso, respectar os límites que para a subcontratación establece o artigo 3.7 desta orde, posto en relación cos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. Acreditar ante a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a realización do proxecto, nos termos establecidos no artigo 18.

3. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, así como calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais como comunitarios, e achegar canta información se lles requira no exercicio das actuacións anteriores.

4. Comunicar á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien o proxecto subvencionado. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

5. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

6. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

7. Dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento dos proxectos. Así mesmo, facer constar na publicidade e difusión que se xere, e en todos aqueles soportes informativos e publicacións que se realicen, que as actividades foron subvencionadas pola Consellería de Política Social.

8. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos do artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

9. Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e da Seguridade Social; non ser debedor/a de acordo coa resolución declarativa da procedencia de reintegro e non ter ningunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma. En caso contrario, non se fará o pagamento da axuda.

10. Comunicar á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, con 15 días de antelación, o inicio da realización das actividades para as cales se pide a axuda. Esta comunicación realizarase preferentemente a través do enderezo electrónico teufuturo.ctb@xunta.gal

11. Subscribir unha póliza de seguro de accidentes e responsabilidade civil para dar cobertura ás persoas participantes durante as estadías-visitas.

12. Comunicar á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado as modificacións substanciais do proxecto concedido, sobre todo no que incida na minoración do número de participantes, os días da estadía-visita e o número de horas da xornada diaria.

13. Cumprir a obriga de subministración de información nos termos establecidos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de decembro, de transparencia e bo goberno.

Xunta de Galicia

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Dirección Xeral de Xuventude

Subdirección Xeral de Programas e Asesoramento para a Xuventude

Servizo de Programas e Mobilidade Xuvenil

Edificio Administrativo San Lázaro, 3º andar

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981544645/ 981541688

Fax: 981545843

Email: xuventude@xunta.es

http://xuventude.xunta.es

Servizo de Programas e Mobilidade Xuvenil

Prazo de presentación: PECHADO

13/05/2017 00:00 - 12/06/2017 23:59

Un mes, a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto no artigo 29 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Polo tanto, o día final do citado prazo será o correspondente, no mes seguinte, ao mesmo número ordinal do día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

- Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas entidades que non se atopen ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, ou teñan pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

- Serán excluídas as persoas e entidades solicitantes que se atopen nalgunha das situacións de prohibición recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

  • Todas as entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

    • a) Proxecto de actividades.

    • b) Cando se dispoña deles, presentaranse os acordos específicos con centros educativos, ANPAS e asociacións empresariais ou de comerciantes para garantir a calidade das estadías-visitas.

    • c) Cando se dispoña deles, presentaranse os acordos cos distintos sectores das empresas ou entidades públicas ou privadas onde se realizarán as estadías-visitas. Os acordos estarán asinados tanto pola entidade que presenta o proxecto como pola empresa ou entidade pública ou privada, e neles constará o compromiso para realizar as estadías visitas.

  • As entidades sen ánimo de lucro, ademais, deberán presentar:

    • a) Acreditación da súa lexitimación como presidente ou presidenta e representante da entidade, mediante a certificación do secretario ou secretaria da entidade ou fotocopia compulsada da acta en que se recolla a composición do órgano de dirección no momento da presentación da solicitude.

    • b) Documentación xustificativa de que ten sede permanente ou domicilio social en Galicia.

  • Os concellos, mancomunidades, agrupacións de concellos ou entidades resultantes da fusión de municipios:

    • a) Certificado do secretario ou secretaria que recolla o acordo do órgano competente de solicitude da subvención e se nomee un/unha representante se procede.

    • b) Certificación do secretario/a de ter remitido ao Consello de Contas de Galicia as contas do último exercicio da entidade local.

    • c) Para os municipios que se acollan á fórmula de solicitude regulada no artigo 2.1.B) desta orde, o documento en que se acorde a colaboración dos concellos, no cal se incluirá o nomeamento da persoa que actuará como representante e o certificado dos/as secretarios/as dos acordos do pleno ou da xunta de goberno en que autorizan o concello para que actúe como representante de todos eles para a petición da subvención.

    • d) No caso de entidades locais que presenten a solicitude mediante a fórmula de mancomunidade ou agrupación de concellos, debe achegarse declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma por parte de cada un dos concellos integrados nela (neste caso, empregarase o modelo que se inclúe na convocatoria como anexo II).

  • As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electróncia da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

  • Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

  • A documentación complementaria presentarase electronicamente. Os interesados responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución: Cinco meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 3 de de maio de 2017 pola que se establecen as bases do programa Deseñando o teu futuro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (DOG nº 91 do 12 de maio de 2017).

    • Resolución do 12 de marzo de 2018, da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, pola que se procede á publicación das subvencións concedidas en virtude da Orde do 3 de maio de 2017, pola que se establecen as bases do programa Deseñando o teu futuro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (DOG nº 67 do 6 de abril de 2018).

Outros procedementos relacionados

BS323A

Incorporación ao consello asesor e consultivo de xuventude de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS325A

Certificado de experiencias de educación non formal en materia de xuventude.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN855A

Programa Ignicia proba de concepto.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 29/04/2025 00:00 - 28/05/2025 23:59

PR805B

Modificación da inscrición no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano