Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
BS327A
Premios Talento Mozo de Galicia.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
1. Esta orde ten por obxecto a regulación do procedemento de concesión dos premios ao talento mozo na Comunidade Autónoma de Galicia para o recoñecemento de traxectorias excelentes e proxectos impulsados e postos en marcha por mozos e mozas galegos, así como proceder á súa convocatoria para o ano 2023.
2. Cos premios Talento Mozo Galicia tratarase de recoñecer e visibilizar o talento e capacidades da xuventude galega, nas modalidades de Ciencia, Rural, Deporte, Empresa e Cultura e creación.
3. O código de procedemento administrativo é BS327A.
Procedemento e modalidades.
1. O procedemento de concesión dos premios Talento Mozo Galicia tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos previstos nos artigos 20 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
En todo o non previsto nestas bases será de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Os premios Talento Mozo Galicia que se convocan terán as seguintes modalidades:
a) Ciencia.
b) Rural.
c) Deporte.
d) Empresa.
e) Cultura e creación.
Poderán optar ao premios Talento Mozo Galicia as persoas mozas que reúnan os seguintes requisitos:
a) Ter entre 18 e 35 anos na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.
b) Estar domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.
c) Contar cunha traxectoria relevante na modalidade do premio a que concorra. Para estes efectos, os méritos que motivan a candidatura deben estar referidos a circunstancias acreditadas con carácter previo á data de publicación da convocatoria.
d) Cumprir coas obrigas previstas no artigo 18 para as persoas premiadas.
Xunta de Galicia
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Dirección Xeral de Xuventude
Instituto da Xuventude de Galicia
Edificio Administrativo San Lázaro, planta baixa
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981544864
Email: xuventude.programas@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
15/02/2023 00:00 - 14/03/2023 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
Solicitudes.
1. As persoas que concorren a esta convocatoria de premios deberán presentar a súa solicitude obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. Para poder optar aos Premios Talento Mozo Galicia as persoas solicitantes deberán acreditar documentalmente, na forma prevista no artigo seguinte, que reúnen as cualidades que xustifiquen poder optar ao premio na modalidade de que se trate.
3. Unha mesma persoa non poderá presentarse como candidata a máis dunha modalidade de premio. No suposto de que se produza esta situación, a solicitude non será admitida a trámite.
4. As persoas gañadoras en edicións anteriores a esta convocatoria non poderán volver presentarse nin na modalidade en que resultasen premiadas nin nas demais modalidades.
5. A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria.
Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Memoria individualizada descritiva do proxecto ou traxectoria que opta ao premio, na modalidade de que se trate, que poña de manifesto os seus aspectos máis relevantes e valiosos e que conteña expresa mención dos méritos en que se fundamente a solicitude (anexo II).
b) Currículo.
c) Documentación oficial acreditativa dos méritos alegados. Sen esta acreditación, os citados méritos non os terá en conta o xurado.
d) A persoa solicitante achegará, así mesmo, as publicacións, fotografías, apoios por parte de persoas físicas ou xurídicas e demais documentación en que se asente a súa candidatura.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) Certificado de residencia con data de última variación padroal da persoa solicitante.
c) Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).
d) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.
e) Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
- Iniciación
- Solicitude (Anexo I)
- Fase de solicitude
- Descrición do proxecto ou traxectoria (anexo II)
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 31 de decembro de 2022 pola que se aproban as bases que rexen a concesión dos premios Talento Mozo Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (DOG nº 31 do 14 de febreiro de 2023).
-
Extracto da Orde do 31 de decembro de 2022 pola que se aproban as bases que rexen a concesión dos premios Talento Mozo Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (DOG nº 31 do 14 de febreiro de 2023).
-
Resolución do 2 de novembro de 2023, da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, pola que se publica a Resolución do 29 de outubro de 2023 dos premios Talento Mozo Galicia, ao abeiro da Orde do 31 de decembro de 2022 pola que se aproban as bases que rexen os premios Talento Mozo Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (DOG nº 215 do 13 de novembro de 2023).
-
Outros procedementos relacionados
Axudas enmarcadas no Programa Iniciativa Xove.
Prazo aberto: 07/05/2025 00:00 - 06/06/2025 23:59
Inclusión no censo de entidades xuvenís.
Aberto todo o ano
Expedición de títulos de ensinanzas impartidas nas escolas de tempo libre.
Aberto todo o ano
Recoñecemento oficial dos servizos de información xuvenil.
Aberto todo o ano