Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
BS324C
Mobilidade transnacional xuvenil Galeuropa: Axudas a entidades locais.
Procedemento dirixido a: Entidades locais
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán os procedementos de concesión de axudas para os proxectos de mobilidade transnacional dirixidos á mocidade para a realización de prácticas formativas non remuneradas en entidades/empresas públicas ou privadas en países europeos, e proceder á súa convocatoria para o ano 2017, con cargo ao POEX.
A finalidade do programa de mobilidade é reforzar a empregabilidade e as competencias profesionais dos/as mozos/as inscritos/as no SNGX non ocupados/as e non integrados/as nos sistemas de educación ou formación, contribuíndo á mellora da súa formación e á adquisición da experiencia profesional necesaria para a incorporación ao mercado de traballo dunha maneira duradeira no tempo. Ademais, a mobilidade transnacional apoia a adquisición de competencias en idiomas estranxeiros que aumentan a empregabilidade das persoas novas.
a) Concellos, agrupacións de concellos ou mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia validamente constituídas, así como as entidades resultantes da fusión de municipios a que se refire a Lei 5/1997, do 22 de xullo.
b) Así mesmo, aqueles concellos que, sen constituír mancomunidade, acorden desenvolver programas conxuntos de actuación, poderán solicitar as axudas que regula esta orde, de conformidade co acordo do Consello da Xunta de Galicia de data 28 de febreiro de 2013, polo que se determinan os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal.
Neste suposto, todos os concellos quedarán obrigados solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención.
Ningún concello ou entidade local dos sinalados nos puntos anteriores poderá:
– Presentar a solicitude de subvención se o fixo unha entidade local na que estean integrados ou da cal dependan.
– Figurar en máis dunha solicitude colectiva.
– Figurar nunha solicitude colectiva e subscribir outra individual.
O incumprimento destas normas dará lugar á non admisión de todas as solicitudes individuais de subvención subscritas pola entidade de que se trate, dando validez á solicitude realizada de forma conxunta. No caso de figurar en máis dunha solicitude conxunta, non será admitida ningunha delas.
Serán inadmitidas a trámite aquelas solicitudes conxuntas en que non se acredite a realización conxunta da actuación ou que supoñan actuacións independentes de cada entidade local.
Obrigas xerais dos/das beneficiarios/as.
As persoas/entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde, ademais de cumprir as obrigas establecidas pola normativa aplicable con carácter xeral a axudas e subvencións públicas, deberán:
Realizar as mobilidades para as cales se concede a subvención, de conformidade coas disposicións previstas nesta orde e nas resolucións, instrucións ou circulares que a desenvolvan.
Acreditar ante a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado a realización das actividades e o cumprimento dos requisitos exixidos para a concesión da axuda ou subvención, achegando a documentación que lles sexa requirida co fin de comprobar o cumprimento das obrigas que derivan da dita concesión.
Someterse ás actuacións de comprobación efectuadas pola Consellería de Política Social e ás da Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas, así como o Tribunal de Contas, as relativas ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión e seguimento do FSE e da IEX que poderán comprender as oportunas visitas sobre o terreo e ás que poidan corresponder, no suposto de cofinanciamento á Comisión e ao Tribunal de Contas das Comunidades Europeas.
Comunicarlle á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polos/as beneficiarios/as e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
Cumprir cantas obrigas deriven da normativa de aplicación do cofinanciamento polo FSE e a Iniciativa europea de garantía xuvenil, de conformidade co establecido no artigo seguinte.
Así mesmo, deberán subministrar á Administración concedente a información necesaria ao abeiro do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 8 de xaneiro.
Obrigas dos beneficiarios da axudas a entidades locais.
a) Buscar unha ou varias entidades socias de acollida que participarán como socias das entidades beneficiarias para xestionar as mobilidades no país de destino que lles corresponda, comprometéndose a atopar empresas ou entidades públicas ou privadas suficientes e adecuadas ás necesidades dos/as participantes.
b) Dispoñer dos seguros médicos e de responsabilidade civil necesarios para dar cobertura ás persoas participantes nas mobilidades durante o seu período de duración ou desde o día da viaxe de ida ata o día de volta incluídos.
c) Difundir a convocatoria de mobilidade transnacional xuvenil publicamente e coa adecuada antelación a través da internet (páxinas web e/ou redes sociais), ou outros medios de difusión complementarios, de xeito que poidan ser coñecidas por todas as persoas potencialmente beneficiarias destas.
d) Manter o contacto coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado mediante correo electrónico, durante todo o período de execución do proxecto de mobilidade subvencionado, en todas as súas fases, e ata un ano despois da súa finalización para os efectos do previsto no capítulo V do título I.
e) Asistir ás reunións informativas e xornadas formativas ás cales sexan convocadas, tanto durante o período de execución do proxecto subvencionado, e ata un ano despois da súa finalización.
f) Devolver cubertos os cuestionarios que lles sexan solicitados relativos aos indicadores de produtividade e de resultados, coa totalidade dos datos que lles sexan solicitados de entre os establecidos no anexo IX, segundo a forma e prazos que establecen os artigos 20.1 e 29.b) e mais no punto seguinte. Os de execución recolleranse o primeiro día da actuación e os de resultado inmediato no prazo máximo de 4 semanas desde o remate do período de realización do proxecto.
g) Remitirlle á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a través do enderezo electrónico galeuropapr-garantiaxuvenil@xunta.gal.
No momento da adxudicación das axudas ás persoas participantes, deberán enviar:
– Os permisos paternos/maternos necesarios para realizar a mobilidade no caso de participantes menores de idade.
– A relación das persoas seleccionadas para realizar as mobilidades, co fin de que a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado verifique que efectivamente están inscritos no SNGX e que cumpren os requisitos exixidos.
– O cuestionario de indicadores de produtividade de cada participante. Advertiranse as entidades da necesidade de enviar a integridade dos datos solicitados e da consecuencia de non facelo, que será o reintegro do 2 % da axuda.
Ata 3 días antes de iniciar as prácticas formativas non remuneradas enviarán:
– Unha relación das persoas participantes nas actividades de mobilidade para as cales se pide a axuda, indicando a data de inicio e remate das mobilidades e do período de prácticas.
– Unha copia da póliza de seguros de accidentes e responsabilidade civil que dea cobertura a mocidade que realizará as mobilidades así como a copia do seguros médicos que subscriba ou no seu defecto, certificación de que todas as persoas participantes posúen a tarxeta sanitaria europea.
– Unha certificación da persoa representante da entidade en que conste o nome da persoa ou persoas contratadas, a súa titulación e experiencia e o número de horas ou a xornada adicada ao proxecto, no caso de que se adquirise o compromiso de contratar persoal para a realización das mobilidades.
Máximo 3 días despois de iniciar as prácticas, comunicarán:
– As empresas/entidades onde realizarán as prácticas cada un dos/as participantes, con indicación da persoa que se os/as titorizará na empresa.
– O calendario de realización das prácticas de cada participante, no que se indique claramente a data de comezo e fin, os días laborables da semana e o horario.
De ser o caso, nos 3 días seguintes a que se produza o feito e motivando as causas:
– A comunicación da interrupción ou abandono das prácticas.
– A comunicación do cambio de empresa/entidade de prácticas.
h) Satisfacer, ao seu vencemento, as obrigas económicas que deriven do funcionamento do proxecto subvencionado, especialmente as de carácter salarial, se as houber, con independencia de que se percibise con anterioridade a subvención concedida.
i) Comunicarlle á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado as modificacións substanciais do proxecto obxecto de subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos, no momento en que se produzan. As ditas modificacións responderán a causas excepcionais debidamente xustificadas. Non se admitirán modificacións dos países de acollida das prácticas cando supoñan un aumento das contías das axudas concedidas.
j) Obriga de planificar, organizar e xestionar as mobilidades, no que se refire á viaxe ao país de destino o transporte local, o aloxamento e a manutención das persoas participantes durante as prácticas formativas.
k) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.
l) Realización, como mínimo, dunha xornada de orientación co fin de facilitar a inserción laboral dos/as mozos/as participantes, antes do vencemento do prazo de xustificación.
Xunta de Galicia
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Dirección Xeral de Xuventude
Subdirección Xeral de Programas e Asesoramento para a Xuventude
Servizo de Programas e Mobilidade Xuvenil
Edificio Administrativo San Lázaro, 3º andar
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981541688 / 981544645
Fax: 981545843
Email: galeuropapr-garantiaxuvenil@xunta.es
http://xuventude.xunta.es / http://garantiaxuvenil.xunta.es/
Prazo de presentación: PECHADO
16/05/2017 00:00 - 15/06/2017 23:59
Un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto no artigo 29 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Polo tanto, o día final do citado prazo será o correspondente, no mes seguinte, ao mesmo número ordinal do día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.
As persoas destinatarias das mobilidades, ademais dos requisitos que poidan exixir os procedementos específicos destas bases reguladoras, deberán estar inscritos/as no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e cumprir co establecido na Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficacia, entre outros:
a) Non ter traballado no día natural anterior ao momento de recibir a actuación.
b) Non ter recibido accións educativas no día natural anterior ao momento de recibir a actuación.
c) Non ter recibido accións formativas no día día natural anterior ao momento de recibir a actuación.
Os requisitos establecidos no artigo 4 desta orde, agás o de idade, deberán cumprirse no momento da selección das persoas que participarán nas mobilidades.
Serán excluídas as persoas e entidades solicitantes que se atopen nalgunha das situacións de prohibición recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas persoas/entidades que non se atopen ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, ou teñan pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
a) Solicitude de modelo oficial que figura no anexo I-C.
b) Certificado do secretario ou secretaria que recolla o acordo do órgano competente, de solicitude da subvención e se nomee un/unha representante se procede.
c) Copia do NIF da entidade local, só no caso de denegar expresamente a súa verificación.
d) Copia do DNI/NIE da persoa representante da entidade, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.
e) Certificación do/a secretario/a da entidade local de ter remitido ao Consello de Contas as contas xerais do último exercicio.
f) Anexo II co proxecto de mobilidade.
g) No caso de desenvolver o proxecto con medios humanos da entidade, certificación da persoa representante da entidade en que consten os nomes das persoas designadas para levar a cabo o proxecto de mobilidade, con indicación das funcións que desempeñarán como responsable do proxecto e/ou como mentor. Constarán tamén a súa titulación e experiencia, así como a xornada que realizará (número de horas semanais) e o período de tempo durante o que realizará as súas tarefas. A certificación deberá estar asinada pola persoa representante da entidade e tamén polas persoas designadas ou adscritas ao proxecto de mobilidade.
h) No caso de comprometerse a acoller mobilidades doutras entidades europeas, presentarase o acordo de colaboración que será bilateral e estará asinado por ambas as dúas partes.
i) Para os municipios que se acollan á fórmula de solicitude conxunta, o documento en que se acorde a colaboración dos concellos, no cal se incluirá o nomeamento da persoa que actuará como representante e o certificado dos/as secretarios/as dos acordos do Pleno ou da Xunta de Goberno en que autorizan o concello a que actúe como representante de todos eles para a petición da subvención.
j) No caso de entidades locais que presenten a solicitude mediante a fórmula de mancomunidade ou agrupación de concellos, a declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública e o Sector Público da Comunidade Autónoma, ou a alternativa autorización debe ser de cada un dos concellos integrantes da agrupación ou mancomunidade, debendo, por tanto, cubrir cada un deles o anexo VIII. Neste caso, deberán acompañar tamén unha copia do DNI/NIE de cada unha das persoas representantes das entidades participantes no proxecto no caso de denegar expresamente a súa consulta.
k) Memoria de aforro de custos, de ser o caso, cando se trate de proxectos conxuntos.
l) De ser o caso, anexo IV debidamente asinado.
m) Acordos de colaboración bilaterais coas entidades europeas para a acollida de mobilidades transnacionais, se procede.
As entidades locais (BS324C) presentarán as súas solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia ou o sistema de identificación con usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Prazo de resolución: Cinco meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 2 de maio de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de mobilidade transnacional xuvenil Galeuropa dirixido ás persoas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil e se procede a súa convocatoria para o ano 2017 (DOG nº 92 do 15 de maio de 2017).
-
Resolución do 21 de marzo de 2018, da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, pola que se lles dá publicidade ás subvencións concedidas ao abeiro da Orde do 2 de maio de 2017 pola que establecen as bases reguladoras do Programa de mobilidade transnacional xuvenil (Galeuropa) dirixido ás persoas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (DOG nº 67 do 6 de abril de 2018).
-
Outros procedementos relacionados
Autorización para a creación /construción de centros de servizos sociais.
Aberto todo o ano
Autorización de inicio de actividades de centros e programas de servizos sociais.
Aberto todo o ano
Autorización de cesamento de actividades de centros e programas de servizos sociais.
Aberto todo o ano
Inclusión no censo de entidades xuvenís.
Aberto todo o ano