Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
BS306B
Axudas enmarcadas no programa iniciativa xove.
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Cidadáns
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove para a posta en marcha de iniciativas xuvenís durante o ano 2021, e convocar estas axudas para o dito exercicio 2021.
2. O código do procedemento é BS306B.
3. Para os efectos desta convocatoria, entenderanse por iniciativas xuvenís os proxectos liderados pola mocidade da Comunidade Autónoma de Galicia e nos cales as persoas novas sexan as verdadeiras protagonistas, a través da participación activa na planificación e na realización das actividades deseñadas por elas mesmas.
4. A finalidade das subvencións é fomentar e consolidar a participación libre e eficaz da mocidade no desenvolvemento político, social, económico e cultural, así como promover a adecuada utilización do lecer, a calidade de vida e o benestar dos mozos e mozas da nosa comunidade autónoma, a través de proxectos integrais e específicos de actuación.
Áreas de atención prioritaria.
Para os efectos desta orde, considéranse áreas de atención prioritaria as seguintes:
a) Iniciativa Xove Emprendedora: proxectos que lle permitan á mocidade poñer en marcha as súas ideas no ámbito do emprendemento e da empregabilidade.
b) Promoción de hábitos saudables e prevención de condutas de risco ou violentas entre a poboación xuvenil, así como sensibilización e loita contra calquera forma de discriminación, en especial contra a violencia de xénero.
c) Posta en valor e promoción do Camiño de Santiago e do fenómeno xacobeo.
d) Fomento de actitudes creativas e innovadoras da xuventude na súa comunidade e na súa contorna.
e) Fomento da inclusión social e laboral e da accesibilidade dos mozos e mozas pertencentes a colectivos con dificultades de integración ou especialmente vulnerables.
f) Promoción de sectores emerxentes vinculados ao sector das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC).
g) Fomento da participación e do empoderamento das mulleres novas galegas.
h) Promoción de actitudes e hábitos sustentables e de concienciación sobre o cambio climático, así como de posta en valor do patrimonio cultural e natural.
i) Desenvolvemento e dinamización do medio rural.
Gastos subvencionables.
1. Consideraranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubitado respondan á natureza do proxecto presentado, resulten estritamente necesarios para levalo a cabo e financien actividades realizadas desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2021.
2. Os gastos ordinarios de funcionamento das entidades só serán subvencionables cando estean asociados co proxecto e recollidos no orzamento de gastos que se reflicte no anexo III. En todo caso, non poderán superar nunca o 5 % do orzamento total do proxecto, ou da contía xustificada, de ser esta inferior a aquel.
3. O importe total de gastos de manutención, como comidas, servizos de restauración ou compra de produtos alimenticios, non poderá superar o 10 % do orzamento total do proxecto, ou da contía xustificada, de ser esta inferior a aquel. Ademais, deberán estar vinculados de xeito inequívoco coa actividade e realizados durante a súa execución material.
En ningún caso se admitirán gastos de comidas, consumicións ou aloxamento de persoas membros da entidade ou grupo beneficiario para reunións previas ou posteriores de preparación ou avaliación, nin os efectuados por estas persoas durante a execución material da actividade organizada pero que non formen parte desta.
4. O importe total de gastos en alugueiro de espazos e equipamento non poderá superar, en conxunto, o 40 % do orzamento total do proxecto, ou da contía xustificada, de ser esta inferior a aquel.
5. No caso dos premios que se outorguen nos concursos ou competicións previstos no proxecto e dos obsequios para persoas que teñan colaborado no desenvolvemento dalgunha actividade, estes deberán incluírse no orzamento do proxecto. O límite para os gastos por este concepto será do 10 % do orzamento total do proxecto, ou da contía xustificada, de ser esta inferior a aquel. Non poderán recibir ningún premio ou obsequio as persoas membros da entidade ou do grupo informal.
6. O límite para os gastos de desprazamento das persoas membros da entidade ou do grupo informal, das persoas colaboradoras e do persoal contratado laboralmente será do dez por cento do orzamento do total do proxecto, ou da contía xustificada, de ser esta inferior a aquel. Este límite non se aplicará aos gastos de desprazamento das persoas destinatarias do proxecto durante a execución das actividades.
7. Será subvencionable a adquisición de equipamento e material non inventariable. Considéranse non inventariables:
a) Os ben funxibles.
b) Os bens cuxa vida útil non sexa superior a un ano.
c) Os bens non comprendidos nas letras anteriores cuxo custo de adquisición sexa inferior a 150 euros. A adquisición destes bens, no conxunto do proxecto, non poderá supoñer un custo superior aos 600 euros.
8. Poderán ser subvencionados os gastos de persoal laboral correspondentes ás horas dedicadas directamente ás actividades do proxecto.
9. Non poderán ser subvencionados os gastos correspondentes a honorarios profesionais ou remuneracións de calquera clase das persoas ou entidades impulsoras do proxecto. Así mesmo, non poderán ser subvencionados os gastos que sexan facturados por provedores cos cales teña vinculación directa a entidade ou o grupo beneficiario.
Poderán solicitar a axuda, ao abeiro destas bases reguladoras:
a) Os grupos informais de mozos e mozas que desexen realizar unha iniciativa xuvenil e que reúnan os requisitos establecidos no artigo 5.
b) As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as súas respectivas federacións, sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presenten sexa diferente do que presenten, se é o caso, as asociacións xuvenís ou entidades prestadoras que formen parte da federación.
Obrigas das persoas beneficiarias.
1. As persoas beneficiarias das axudas deberán:
a) Realizar o proxecto que fundamenta a concesión da axuda por si mesmas.
b) Acreditar ante a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado a realización da actividade ou actividades que conforman o proxecto de iniciativa xuvenil, así como o cumprimento dos requisitos ou das condicións que determinan a concesión ou o aproveitamento da axuda. O cumprimento desta obriga de xustificación realizarase nos termos previstos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, na normativa regulamentaria de desenvolvemento e no disposto nas bases reguladoras.
c) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social, así como calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, e achegar canta información se lles requira no exercicio das actuacións anteriores.
d) Para o caso das asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á xuventude e as súas respectivas federacións, dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados, nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.
e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
f) Difundir as actividades pola internet, a través de páxinas web e/ou redes sociais, publicamente e con antelación á súa realización, co obxecto de que poidan ser coñecidas por todas as persoas potencialmente beneficiarias destas e de facilitar as actuacións de comprobación e control por parte da dirección xeral. As actuacións de difusión a través das redes sociais deberán mencionar os canais oficiais da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
g) Adoptar as medidas contidas no número 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de xeito que se inclúa, en todo o material de divulgación das actividades obxecto desta axuda, a referencia de que están subvencionadas pola Consellería de Política Social a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, mediante a inclusión da imaxe corporativa da Xunta de Galicia.
h) Comunicarlle á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, con 15 días de antelación, o inicio da realización das actividades para as que se concedeu a axuda. Esta comunicación realizarase preferentemente a través do enderezo electrónico instituto.xuventude@xunta.gal
i) Propoñer á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado unha xornada para a difusión do proxecto realizado, que se desenvolverá en 2021 nalgún dos centros xuvenís dependentes da Consellería de Política Social, en especial nalgún dos espazos xoves que conforman a rede autonómica.
j) Figurar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e da Seguridade Social, non ser debedor/a de acordo con resolución declarativa de procedencia de reintegro e non ter ningunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da comunidade autónoma. En caso contrario, non se fará o pagamento da axuda.
k) No caso dos grupos informais de mozos e mozas, respectar o prazo mínimo para a disolución de agrupacións de persoas beneficiarias a que fai referencia o artigo 8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, consonte os artigos 35 e 63 da mesma norma.
l) Cumprir coas restantes obrigas reguladas nesta orde e demais normativa vixente en materia de subvencións.
2. A participación nesta convocatoria supón a autorización das persoas beneficiarias, a favor da Consellería de Política Social, para a difusión dos proxectos presentados, así como para a exhibición, reprodución ou publicación, por calquera medio que se considere oportuno, das imaxes e dos contidos que consten nos proxectos ou memorias presentadas, sen máis limitacións que as derivadas do Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia.
Xunta de Galicia
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Departamento Territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude de Lugo
Servizo de Xuventude e Voluntariado de Lugo
Ronda da Muralla, 70
27071 Lugo (Lugo)
Teléfono: 982294599
Fax: 982294339
Xunta de Galicia
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Dirección Xeral de Xuventude
Instituto da Xuventude de Galicia
Servizo Participación Xuvenil e Escola Galega de Xuventude
Edificio Administrativo San Lázaro, 3º andar
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981957057/ 981544866
Fax: 981545843
Xunta de Galicia
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Departamento Territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Coruña
Servizo de Xuventude e Voluntariado da Coruña
CC. Elviña - Avda. Salvador de Madariaga, 9-1º
15008 Coruña, A (Coruña, A)
Teléfono: 881881238
Fax: 881881237
Xunta de Galicia
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Departamento Territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude de Ourense
Servizo de Xuventude e Voluntariado de Ourense
Avda. da Habana, 81 baixo
32004 Ourense (Ourense)
Teléfono: 988386113
Fax: 988386119
Xunta de Galicia
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Departamento Territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude de Pontevedra
Servizo de Xuventude e Voluntariado de Vigo
Concepción Arenal, 8-1º
36201 Vigo (Pontevedra)
Teléfono: 986817782
Fax: 986817082
Prazo de presentación: PECHADO
15/05/2021 00:00 - 14/06/2021 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
1. As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as súas respectivas federacións deberán estar inscritas, no momento de presentación da solicitude, no censo oficial dependente organicamente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, regulado no Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude, e cumprir a legalidade vixente no referente ás idades das persoas membros das asociacións xuvenís, de conformidade co Real decreto 397/1988, do 22 de abril, polo que se regula a inscrición rexistral de asociacións xuvenís.
2. Os grupos informais deberán estar formados por un mínimo de 5 e un máximo de 8 mozas ou mozos con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, debidamente identificados. Unha destas persoas asumirá o papel de representante único/a do grupo e con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden ao grupo e, en consecuencia, a todas as persoas que o forman. Será obrigatorio que o grupo teña unha denominación que o identifique. As persoas que o compoñan deberán de estar empadroadas nalgún dos municipios pertencentes á Comunidade Autónoma de Galicia no momento de presentación da solicitude. Non poderá modificarse a composición do grupo unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes.
3. Non se admitirá que a mesma persoa forme parte ou pertenza a outro grupo ou asociación, de ámbito autonómico ou provincial, solicitante destas axudas.
4. Será requisito imprescindible para poder solicitar a axuda, no caso de ter participado na convocatoria anterior, ter xustificadas debidamente as axudas recibidas na devandita convocatoria, excepto no suposto de ter renunciado expresamente a elas.
5. É requisito para ser persoa beneficiaria destas axudas non estar incurso/a en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
6. Só se poderá presentar un proxecto por solicitante.
Solicitude.
1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
A presentación electrónica será obrigatoria para as asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á xuventude e as súas respectivas federacións e para as persoas representantes dunha das anteriores.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades solicitantes obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Os grupos informais, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.
1. As asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á xuventude e as súas respectivas federacións deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Certificación do secretario ou secretaria da entidade que inclúa a composición completa do seu órgano de dirección no momento de presentación da solicitude. A dita certificación deberá incluír, para cada membro, nome completo, NIF e cargo ou función que desempeña dentro do citado órgano de dirección.
b) O proxecto de iniciativas xuvenís, redactado seguindo estritamente o modelo publicado como anexo III.
2. Os grupos informais deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Un poder de representación a favor dunha persoa membro do grupo, asinado polas demais persoas que o compoñen (anexo IV).
b) Anexo II-declaración/comprobación de datos. Un anexo por cada persoa membro excepto o/a representante, debidamente cuberto.
c) O proxecto de iniciativas xuvenís, redactado seguindo estritamente o modelo publicado como anexo III.
3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.
A presentación electrónica será obrigatoria para as asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á xuventude e as súas respectivas federacións e para as persoas representantes dunha das anteriores. Se algunha delas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Os grupos informais, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa representante da entidade e das persoas membros do grupo informal.
b) NIF da entidade solicitante, se é o caso.
c) NIF da entidade representante, se é o caso.
d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.
f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.
g) Certificado de residencia con data de última variación padroal das persoas membros do grupo informal, se é o caso.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. No caso do certificado de residencia non poderá ter unha antigüidade superior a un mes no momento de presentación da solicitude.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitudes.
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 30 de abril de 2021 pola que se establecen as bases que rexen as axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2021 (DOG nº 90 do 14 de maio de 2021).
-
Extracto da orde do 30 de abril de 2021 pola que se establecen as bases que rexen as axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2021 (DOG nº 90 do 14 de maio de 2021).
-
Resolución do 2 de agosto de 2021, da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, pola que se publica a Resolución do 29 de xullo de 2021 de concesión das axudas convocadas ao abeiro da Orde do 30 de abril de 2021 pola que se establecen as bases que rexen as axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2021 (DOG nº 152 do 10 de agosto de 2021).
-
Outros procedementos relacionados
Autorización para a creación /construción de centros de servizos sociais.
Aberto todo o ano
Autorización de inicio de actividades de centros e programas de servizos sociais.
Aberto todo o ano
Autorización de cesamento de actividades de centros e programas de servizos sociais.
Aberto todo o ano
Autorización de modificación substancial de centros e programas de servizos sociais.
Aberto todo o ano