Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
BS303H
Prazas xuvenís, programa campaña de verán (prazas reservadas discapacidade-solicitude múltiple).
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Para facilitar que a xuventude galega poida participar en actividades de tempo libre de calidade, a Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, oferta a programación de actividades para o ano 2017 que se detalla no anexo I desta orde.
As diferentes actividades que integran esta programación levaranse a cabo en diferentes quendas de entre unha semana e quince días de duración durante os meses de xullo e agosto.
A información sobre a convocatoria desta campaña, así como de cada actividade e instalación xuvenil onde se desenvolverá, atoparase detallada na páxina web www.xuventude.net
Servizos ofertados.
1. A participación na oferta da Campaña de verán 2017 realizarase mediante inscrición individual ou múltiple (para os supostos de dous/dúas, tres ou catro irmáns/ás).
As persoas participantes disporán dos seguintes servizos:
a) Un programa de actividades de carácter sociocultural, recreativo, formativo e convivencial, que posibilite a participación do/a mozo/a.
b) Aloxamento en albergue xuvenil, residencia xuvenil ou campamento xuvenil.
c) Manutención en réxime de pensión completa.
d) O material necesario para a actividade.
e) Un equipo técnico de persoal especializado en animación sociocultural e actividades de tempo libre e actividades náuticas, de ser o caso. Así mesmo, e para o caso das persoas con necesidades especiais que por razón da súa discapacidade precisen apoio, disporase de persoal que conte con formación e experiencia para atender as súas necesidades.
f) Atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes.
g) Nas actividades desenvolvidas noutras comunidades autónomas inclúese o transporte desde Santiago de Compostela, ou lugar que se sinale como punto de saída, ata o lugar de destino, así como o retorno ata Santiago de Compostela.
2. A incorporación aos campamentos e albergues de Galicia será por conta da persoa interesada o día de inicio da quenda correspondente, entre as 16.00 e as 19.00 horas. Non se admitirá ningún/ningunha participante despois deste límite.
Cando a incorporación aos campamentos e albergues teña lugar fóra de Galicia, será por conta da persoa interesada o traslado desde o seu domicilio ata Santiago de Compostela, ou o lugar que se sinale como punto de saída, tanto o día de ida para a actividade como o día de chegada desta.
No suposto de abandono da actividade ou expulsión do/a participante, será responsabilidade dos pais/nais ou titores/as legais o traslado para o regreso ao seu domicilio, así como os gastos que se ocasionen.
Os/as mozos/as galegos/as residentes en Galicia, nacidos/as no ano sinalado no anexo I para cada actividade.
Os/as adxudicatarios/as das prazas están obrigados/as:
1. A incorporarse á actividade e regresar polos medios e nos prazos establecidos.
2. A non abandonar a actividade sen o permiso da persoa responsable. En todo caso, o abandono da actividade antes da súa finalización requirirá a comparecencia dos/as pais/nais ou titores/as, ou persoa debidamente autorizada por estes/as, e será responsabilidade destes/as o traslado para o regreso ao seu domicilio, así como os gastos que por tal causa se ocasionen, tal e como se especifica no artigo 2.2. desta orde.
3. A respectar as normas establecidas polos equipos de animación, as normas de réxime interior das respectivas instalacións e, en xeral, as establecidas pola lexislación vixente na materia.
4. A praza é intransferible.
Xunta de Galicia
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Dirección Xeral de Xuventude
Instituto da Xuventude de Galicia
Edificio Administrativo San Lázaro, 3º andar
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881999025 / 881999194
Xunta de Galicia
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Departamento Territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Coruña
Servizo de Xuventude e Voluntariado da Coruña
CC. Elviña - Avda. Salvador de Madariaga, 9-1º
15008 Coruña, A (Coruña, A)
Teléfono: 881881240 / 881881241
Xunta de Galicia
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Departamento Territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude de Lugo
Servizo de Xuventude e Voluntariado de Lugo
Ronda da Muralla, 70
27001 Lugo (Lugo)
Teléfono: 982294224 e 982294923
Xunta de Galicia
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Departamento Territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude de Ourense
Servizo de Xuventude e Voluntariado de Ourense
Avda. da Habana, 81 baixo
32004 Ourense (Ourense)
Teléfono: 988386120 / 988386112
Xunta de Galicia
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Departamento Territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude de Pontevedra
Servizo de Xuventude e Voluntariado de Vigo
Concepción Arenal, 8, 1º andar
36201 Vigo (Pontevedra)
Teléfono: 986817078 / 986817781
Prazo de presentación: PECHADO
18/04/2017 00:00 - 02/05/2017 23:59
15 días naturais contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
En canto á idade mínima e máxima para participar na Campaña de verán 2017, cómpre destacar o seguinte:
- Os/as nacidos/as no ano 1999 non poderán cumprir 18 anos antes da finalización do campamento.
- Os/as nacidos/as no ano 2008 deberán ter cumpridos 9 anos ao inicio do campamento.
Para ser admitido no campamento será necesario non padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio nin trastorno de conduta e/ou de comportamento que dificulte a convivencia.
Ningún/ningunha participante poderá ser admitido/a en máis dun campamento por ano.
Persoas con discapacidade.
As persoas que teñan unha discapacidade igual ou superior ao 33 % poderán participar nesta convocatoria cumprindo os seguintes requisitos:
- Facer constar a súa condición no apartado que figura no seu impreso de solicitude, co fin de planificar os apoios persoais necesarios se os precisara.
- Que no certificado de recoñecemento de discapacidade non se recolla a necesidade de axuda de terceira persoa.
- Ter capacidade de integración nun grupo e que as súas limitacións e/ou necesidades especiais lles permitan participar e beneficiarse das actividades que se van desenvolver no destino que soliciten. A programación de actividades e as características das instalacións de cada campamento poderanse consultar na páxina web de xuventude (www.xuventude.xunta.es).
As persoas con discapacidade que non presenten a súa solicitude múltiple pola vía xeral (procedemento BS303F) e opten polo procedemento das prazas reservadas para inclusión (as incluídas no anexo I B) deben utilizar o formulario que se incorpora como anexo V (procedemento BS303H).
As pretensións dunha pluralidade de persoas de contido e fundamento idéntico ou substancialmente similar poderán formularse nunha única solicitude, por iso tanto no procedemento xeral como no de inclusión, a solicitude múltiple admitirase para o suposto de dous/dúas, tres e ata catro irmáns/ás. Os/as menores que convivan no domicilio en situación de acollemento familiar, tamén se poderán incluír na solicitude múltiple, equiparándose a súa situación a dos/as irmáns/as.
Esta solicitude múltiple só se poderá empregar no caso de persoas que pidan idéntica instalación, quenda e actividade (mesmo código). Todas as persoas interesadas que figuren nunha mesma instancia deben cumprir os requisitos de idade esixidos para as instalacións e quendas solicitadas.
Cando se trate dunha persoa sen discapacidade que teña irmáns/ás con discapacidade e queiran presentar unha solicitude conxunta, so o poderán facer polo procedemento xeral (actividades do Anexo I A) e en ningún caso unha persoa sen discapacidade poderá ocupar unha praza das reservadas para inclusión.
O incumprimento do disposto nesta alínea por unha das persoas participantes, suporá a exclusión de todas as que figuren nesa mesma solicitude. Estas solicitudes teñen efecto durante o sorteo para a adxudicación da praza e para xerar as listas de espera, pero no momento das adxudicacións desde a lista de espera xa se teñen en conta como individuais.
Os impresos de solicitude deben ser cubertos de acordo coas seguintes normas:
a) Cada mozo/a só poderá cubrir unha solicitude e elixirá, por orde de prioridade, un máximo de cinco quendas ou actividades. Cada quenda ou actividade vai identificada cun código no anexo I, alíneas A, B e C, desta orde.
b) Os datos do/a solicitante deben ser os do/a mozo/a que opta a participar nas actividades. No caso de solicitudes múltiples deberán cubrirse os datos de todos/as os/as irmáns/irmás que soliciten a súa participación.
c) As solicitudes deberanas asinar os/as pais/nais ou titores/as dos/as menores solicitantes.
d) As persoas solicitantes deben residir na Comunidade Autónoma de Galicia e polo tanto, o enderezo que se inclúa na solicitude deberá ser, necesariamente, nalgún concello de Galicia.
e) A duplicidade dunha solicitude dará lugar á non admisión de ambas, quedando o/a solicitante fóra do sorteo.
Transcorrido un mes desde a publicación da orde, a persoa interesada deberá comprobar, na páxina web: www.xuventude.xunta.es, a correcta mecanización da súa solicitude, co fin de emendar os erros detectados. Nesa páxina aparecerá un enlace para consultar os datos das solicitudes. Para ter acceso a estes deberase incluír o número do DNI do/a pai/nai ou titor/a que cubriu a instancia, así como a data de caducidade dese DNI. Se as persoas interesadas detectan algún erro nos datos mecanizados ou non atopan a solicitude, deben chamar a calquera dos números de teléfono da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado que aparecen no anexo VII. A comunicación dos erros deberá efectuarse, como data límite, ata tres días antes do sinalado para a realización do sorteo. Unha vez transcorrido ese día, contra os erros ou omisións de solicitudes non procederá reclamación ningunha.
Os/as participantes seleccionados/as deberán presentar no prazo de 15 días naturais contado desde o seguinte ao da realización do sorteo, preferiblemente por vía electrónica, a seguinte documentación (os modelos estarán dispoñibles na páxina web www.xuventude.xunta.es):
a) Xustificación de pagamento.
b) Se o /a menor non dispuxera de DNI deberá achegarse a copia do libro de familia.
c) Tarxeta sanitaria ou seguro médico privado.
d) Cuestionario de saúde e autonomía persoal (anexo VI).
e) Declaración responsable de que sabe nadar.
No caso de persoas con discapacidade, ademais:
a) Certificado acreditativo do grao de discapacidade e copia do ditame técnico facultativo, emitido polo equipo de valoración e orientación correspondente, cando os ditos documentos non fosen expedidos na nosa comunidade autónoma.
b) Cuestionario de saúde e autonomía persoal (anexo VI), con todos os apartados cumprimentados e a información actualizada que permita valorar os apoios específicos que precisa, se é o caso. (Non se prestará ningún tipo de atención que non se reflicta neste documento ou en informes complementarios que acompañen á solicitude).
As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 ( https://sede.xunta.gal/chave365).
Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4. da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse preferentemente por medios electrónicos accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 7 de abril de 2017 pola que se regula a oferta de prazas xuvenís dentro do programa Campaña de verán 2017 e se procede á súa convocatoria (DOG nº 73 do 17 de abril de 2017).
-
Corrección de erros. Orde do 7 de abril de 2017 pola que se regula a oferta de prazas xuvenís dentro do programa Campaña de verán 2017 e se procede á súa convocatoria (DOG nº 79 do 25 de abril de 2017).
-
Outros procedementos relacionados
Recoñecemento da situación de dependencia e da discapacidade
Aberto todo o ano
Prazas xuvenís, Programa campaña de verán.
Prazo aberto: 02/05/2025 00:00 - 15/05/2025 23:59
Axudas enmarcadas no Programa Iniciativa Xove.
Prazo aberto: 07/05/2025 00:00 - 06/06/2025 23:59
Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de escolas de tempo libre.
Aberto todo o ano