Guía de procedementos e servizos

BS213B

Selección de entidades privadas sen ánimo de lucro para levar a cabo unha intervención educativa integral con persoas menores que teñan que cumprir medidas xudiciais e outras actuacións de medio aberto previstas na lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores nas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong

Convocatoria 2019 - Prazo pechado: 16/01/2019 00:00 - 12/02/2019 23:59

Consellería de Política Social e Igualdade

1. A presente convocatoria ten por obxecto establecer o proceso para a selección de entidades privadas sen ánimo de lucro para levar a cabo unha intervención educativa integral con persoas menores que teñen que cumprir dentro do ámbito das provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra, medidas non privativas de liberdade, denominadas de medio aberto, impostas polos xulgados de menores ou que teñan que realizar tarefas e actividades de reparación extraxudicial, segundo o establecido na LORPM, mediante a celebración de convenios de colaboración.

O termo «persoa menor» entenderase, no marco do disposto na LORPM así como na Lei orgánica 10/1995, do 23 de novembro, do Código penal, como extensivo á totalidade daquelas persoas ás que lles sexa aplicable algunha medida derivada da LORPM, independentemente de que alcanzasen ou non a maioría de idade no momento da execución, de acordo ao uso que do dito termo se dá na antedita lei.

Finalidade e obxectivos da convocatoria.

1. Seleccionaranse entidades privadas sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas e recursos destinados á execución de medidas xudiciais en medio aberto impostas polos xulgados de menores e dos programas educativos que as desenvolven, de xeito que quede garantida a execución das seguintes medidas en medio aberto:

a) Tratamento ambulatorio.

b) Asistencia a centro de día.

c) Permanencia de fin de semana en domicilio.

d) Liberdade vixiada (preventiva e ditada en sentenza firme).

e) Convivencia con outra persoa, familia ou grupo educativo (preventiva e ditada en sentenza firme).

f) Prestacións en beneficio da comunidade.

g) Realización de tarefas socioeducativas.

Tamén quedará garantida a realización das tarefas e actividades de reparación extraxudiciais previstas no artigo 19 da LORPM que, propostas polos equipos técnicos dos xulgados de menores, fosen derivadas a unha xefatura territorial da Consellería de Política Social.

2. A intervención educativa integral en medio aberto levarase a cabo en cada provincia nun recurso non residencial que se denominará Centro de Intervención Educativa en Medio Aberto (CIEMA), seguido do nome da provincia onde estea situado. Este local cumprirá os requisitos previstos no artigo 7 do Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia e as características previstas para un centro de día no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia.

3. No desenvolvemento dos programas e recursos, as entidades deben cumprir de forma estrita a normativa aplicable así como as circulares que resulten de aplicación e, en particular, a título meramente enunciativo:

a) Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores.

b) Real decreto 1774/2004, do 30 de xullo, polo que se aproba o regulamento da LORPM.

c) Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.

d) Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

e) Decreto 192/2015, do 29 de outubro, polo que se define a Carteira de servizos sociais de familia, infancia e adolescencia.

f) Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección dos servizos sociais en Galicia.

g) Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia.

h) Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, modificado polo Decreto 406/2003, do 29 de outubro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia.

i) Orde da Consellería de Familia, Muller e Xuventude do 1 de agosto de 1996, pola que se regulan os contidos mínimos do Regulamento de réxime interior e o proxecto educativo dos centros de atención a menores.

j) Circular número 13, do 5 de xuño de 2008, na cal se establece o procedemento das actuacións para a execución das medidas xudiciais en medio aberto impostas polos xulgados de menores e os programas.

Así mesmo, serán de aplicación cantas outras disposicións lexislativas e regulamentarias relacionadas coa actividade obxecto de execución sexan de aplicación, así como aquelas que entren en vigor durante o período de execución do convenio e as modificacións que afecten á normativa aplicable.

Poderán participar no procedemento de selección as entidades privadas sen ánimo de lucro cuxos fins, obxecto ou ámbito de actividades teñan relación directa co obxecto do convenio, segundo os seus estatutos ou regras fundacionais e figuren inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. O cumprimento deste requisito será comprobado de oficio pola Administración.

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica

Subdirección Xeral de Política Familiar, Infancia e Adolescencia

Servizo de Xustiza Penal Xuvenil

San Caetano s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981545761

Email: menores.conflicto@xunta.gal

Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica

Prazo de presentación: PECHADO

16/01/2019 00:00 - 12/02/2019 23:59

O prazo de presentación das solicitudes será de 20 días contado a partir do día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Os sábados e festivos considéranse inhábiles para todos os efectos.

Dispoñer do permiso de inicio de actividades para o CIEMA que ofertan o día 15 de maio de 2019, no caso de resultar seleccionadas. O cumprimento deste requisito será, así mesmo, obxecto de comprobación de oficio pola propia Administración.

Considéranse tarefas análogas ás do obxecto do convenio a execución de programas de intervención dirixidos a menores que estean baixo unha medida de protección por parte da Administración pública ou que deban cumprir medidas xudiciais, ao abeiro da LORPM.

  • As entidades deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

    • a) Escritura ou documento de constitución, estatutos en que conste a finalidade e as normas polas que se regula a entidade na súa actividade, así como as súas modificacións se as houbese, inscritos no correspondente rexistro oficial cando isto fose exixible conforme a normativa que lle sexa aplicable.

    • b) Documentación acreditativa da representatividade da persoa solicitante para actuar en nome da entidade para o caso de que esta se atribúa a persoa distinta á designada no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social ou que no dito rexistro esta se atribúa a persoa distinta á designada.

    • c) Certificación/s expedida/s pola/s entidade/s pública/s acreditativa/s da experiencia da entidade en programas con menores (de ser o caso).

    • d) Proxecto de intervención educativa coa estrutura e contidos mínimos determinados no punto 1.4 do anexo II. No dito proxecto incluiranse, se é o caso, os programas que presente a entidade a maiores para a súa valoración.

    • e) Memoria na cal se indiquen os recursos materiais e persoais cos que contará o CIEMA para a execución das medidas de acordo co previsto no punto 2 do anexo II.

Na dita memoria figurarán, así mesmo, de ser o caso, os equipamentos materiais e medios persoais que a maiores presente a entidade para a súa valoración, con indicación nestes últimos do número de horas anuais que prestará cada profesional.

  • f) Plan de formación continua do persoal, co contido indicado no punto 3 do anexo II.

  • g) Proposta desagregada dos gastos totais derivados da execución da actividade obxecto de convenio, asinada polo responsable da entidade, cuxo importe en ningún caso poderá superar o previsto nesta convocatoria.

A dita proposta diferenciará entre gastos de persoal, gastos de funcionamento do CIEMA e gastos das persoas menores.

  • h) Relación das persoas traballadoras fixas con discapacidade da entidade, acompañada da resolución ou certificación acreditativa do grao e vixencia da discapacidade e unha declaración responsable do número de persoas traballadoras fixas con discapacidade e porcentaxe que representan sobre o cadro total de persoal (se é o caso).

  • i) Certificación ou resolución do órgano administrativo correspondente, no caso de que conte coa Marca Galega de Excelencia en Igualdade ou cun plan de igualdade.

  • Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse no marco do cumprimento da norma reguladora en materia de protección de datos, os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

  • a) NIF da entidade solicitante.

  • b) DNI ou NIE da persoa representante.

  • c) Certificado sobre cumprimento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

  • d) Certificado sobre cumprimento de obrigas coa Seguridade Social.

  • e) Certificado sobre cumprimento de obrigas tributarias coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio ao achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

  • As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal (anexo III).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considérase como data de presentación da solicitude aquela na cal fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

  • Na solicitude, anexo III, asinada polo/a representante da entidade, deberán figurar datos identificativos e acreditativos de determinados aspectos sinalados nesta resolución e demais normativa aplicable:

    • a) Identificación do solicitante, do/da representante, enderezo para notificacións, datos bancarios e identificación da persoa para as funcións de coordinación e comunicación.

    • b) Declaracións sobre:

1º. Subscrición para o CIEMA, das seguintes pólizas de seguros:

1º.1. Póliza de seguros que cubra os danos e sinistros que se produzan nos locais, instalacións ou bens, aparatos e materiais afectos ao servizo.

1º.2. De responsabilidade civil que cubra:

1º.2.1. Os danos que puidese sufrir calquera persoa, en si mesma ou nos seus bens, e que deriven do funcionamento do CIEMA e, de ser o caso, outros equipamentos nos cales se leva a cabo a intervención educativa en medio aberto.

1º.2.2. Os danos que puidesen ser causados a terceiras persoas e aos seus bens polos/as profesionais e, en xeral, por calquera persoa dependente do CIEMA ou entidade, incluídos os actos derivados de actividades relacionadas coa actividade conveniada, realizadas por calquera das persoas anteriormente citadas, tanto dentro como fóra das instalacións.

1º.2.3. Os danos que puidesen ser causados a terceiras persoas e aos seus bens polas persoas menores atendidas, tanto dentro como fóra das instalacións.

A suma asegurada deberá ser dun mínimo de 150.000 € por sinistro e 300.000 € por anualidade e equipamento.

1º.3. De accidentes de menores, causados tanto no interior do CIEMA, como nos desprazamentos e actividades realizadas no exterior dos centros.

A suma asegurada deberá ser dun mínimo de 6.000 euros por persoa por falecemento e 30.000 € por invalidez permanente, incluír a asistencia médica ilimitada e cubrir os gastos sanitarios e de enterramento.

2º. Adscrición á execución das medidas dos medios persoais e materiais precisos para a súa boa execución, e, en todo caso, os indicados na memoria que se adxunta como documentación complementaria.

3º. Condicións do persoal que vai desempeñar as súas funcións nos centros: inexistencia de sentenza firme pola comisión de delito contra a liberdade e indemnidade sexual que inclúe a agresión e o abuso sexual, acoso sexual, exhibicionismo e provocación sexual, prostitución e explotación sexual e corrupción de menores, así como por trata de seres humanos, en aplicación do artigo 13.5 da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, de modificación parcial do Código civil.

  • c) Indicación da documentación complementaria que se xunta e, de ser o caso, constancia dos datos relativos a documentos achegados anteriormente con indicación do tipo, órgano administrativo ante o que se presentou, código de procedemento e data de presentación e/ou manifestación da oposición á consulta dos documentos sinalados no punto sexto.

  • Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Accederase a dita consulta de acordo co previsto ao respecto na normativa en materia de protección de datos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

  • A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

  • No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución: Tres meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 28 de decembro de 2018 pola que se convoca o procedemento de selección de entidades privadas sen ánimo de lucro para levar a cabo unha intervención educativa integral con persoas menores que teñan que cumprir medidas xudiciais e outras actuacións de medio aberto previstas na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores nas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra (DOG nº 10 do 15 de xaneiro de 2019).

    • Resolución do 25 de marzo de 2019 pola que se publica a resolución do procedemento de selección de entidades privadas sen ánimo de lucro para levar a cabo unha intervención educativa integral con persoas menores que teñan que cumprir medidas xudiciais e outras actuacións de medio aberto previstas na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores nas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra (DOG nº 63 do 1 de abril de 2019).

Outros procedementos relacionados

BS103D

Autorización para a creación /construción de centros de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103E

Autorización de inicio de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103F

Autorización de cesamento de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103K

Autorización de modificación substancial de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano