Guía de procedementos e servizos

AP400E

Subvencións ás asociacións galegas de usuarios de software libre para impulsar a realización de actuacións para o fomento do uso do software e hardware libre na Comunidade Autónoma de Galicia

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong

Convocatoria 2023/2024 - Prazo pechado: 22/08/2023 00:00 - 21/09/2023 23:59

Consellería de Facenda e Administración Pública

Concesión de subvencións ás asociacións galegas de usuarios de software libre para impulsar a realización de actuacións para o fomento do uso do software e hardware libre na Comunidade Autónoma de Galicia.

Actuacións subvencionables

Terán a consideración de actuacións subvencionables os proxectos ou actividades destinadas ao fomento do uso do software e hardware libre na Comunidade Autónoma de Galicia, en concreto, as que encaixen nos seguintes puntos:

a) Organización ou participación activa en congresos, xornadas, conferencias, obradoiros ou eventos similares, de promoción e divulgación do software e hardware libre. A participación neste tipo de actividades deberá vir avalada pola importancia do evento nacional ou internacionalmente dentro da comunidade do software libre.

b) Asistencia a congresos, xornadas, conferencias, obradoiros ou eventos similares de recoñecido prestixio dentro da comunidade do software libre.

c) Elaboración de contidos divulgativos e/ou formativos, que deberán publicarse cunha licenza de documentación libre aprobada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Así mesmo, as fontes deste material deberán ser postas á disposición da devandita Axencia en formatos abertos para que poidan ser difundidos a través das canles precisas para o efecto.

d) Desenvolvemento ou localización de proxectos de software libre que puidesen resultar de interese para a consecución dos obxectivos perseguidos nesta resolución. Calquera software desenvolvido no marco desta resolución deberá ser publicado cunha licenza libre aprobada pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative e publicado no Repositorio de Software Libre de Galicia.

Asociacións sen ánimo de lucro

Xunta de Galicia

Consellería de Facenda e Administración Pública

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA)

Cidade da Cultura. Monte Gaiás

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981545271

Email: amtega@xunta.gal

https://amtega.xunta.gal/

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA)

Prazo de presentación: PECHADO

22/08/2023 00:00 - 21/09/2023 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas unicamente as asociacións sen ánimo de lucro, legalmente constituídas e correctamente rexistradas no Rexistro de Asociacións de Galicia, formadas por persoas físicas e que teñan recollido no seu obxecto social algún dos seguintes puntos:

• Difusión, fomento e/ou promoción do software e/ou hardware libre.

• Localización ao galego de aplicacións de software libre.

• Organización de xornadas e/ou eventos de software e/ou hardware libre.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co previsto no artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, en relación co artigo 14 do Real decreto 203/2021, do 30 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de actuación e funcionamento do sector público por medios electrónicos, se algunha das entidades solicitantes presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda. Se a emenda deste concreto defecto (presentación presencial da solicitude) se realiza unha vez transcorrido o prazo indicado na convocatoria da subvención para a presentación de solicitudes, o órgano competente ditará resolución en que se desestimará a solicitude por presentarse fóra do prazo, de acordo co artigo 23 en relación co artigo 20.2 letra g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As entidades solicitantes realizarán as seguintes declaracións responsables, empregando para o efecto o formulario do anexo I:

a) As axudas concorrentes para a mesma actuación, solicitadas ou concedidas, incluídas as axudas pola regra de minimis.

b) A veracidade de todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan.

c) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Estar ao día nas obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

g) Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.

h) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos da actuación para a cal se solicita a axuda.

i) Conservar toda a documentación relativa á subvención segundo o establecido nos regulamentos de aplicación aos fondos que financian a axuda concedida durante o período indicado no artigo 25.c).

j) Estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.

Documentación complementaria

1. As entidades solicitantes deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Unha memoria da actuación que deberá conter o plan de actividades previsto para o ano 2023 e o 2024, que recolla o programa de actividades que se vaian desenvolver no 2023 e a súa continuidade no ano 2024, de ser o caso, de acordo coas actividades obxecto desta convocatoria definidas no artigo 1.2 desta orde, e sinalaranse o programa de actividades para o 2023 e as correspondentes para o 2024, o seu custo acompañado do orzamento suficientemente desagregado, o período en que van ser executadas e un cadro resumo en que se indique o orzamento total previsto para cada anualidade.

b) Os estatutos.

c) Documentación acreditativa da composición da Xunta Directiva.

d) Acreditación da persoa que exerza a súa representación.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola entidade interesada ante calquera Administración. Neste caso, esta deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de mediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a súa oposición expresa nos supostos nos que o consentimento sexa un requisito legal.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á entidade a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das entidades solicitantes presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica, de conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, en relación co artigo 14 do Real decreto 203/2021, do 30 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de actuación e funcionamento do sector público por medios electrónicos. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. Se a emenda deste defecto (presentación presencial) se realiza unha vez transcorrido o prazo indicado na convocatoria da subvención para a presentación de solicitudes, o órgano competente ditará resolución pola que desestimará a solicitude por presentarse fóra do prazo, de acordo co artigo 23 en relación co artigo 20.2 letra g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa, ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitarlles de maneira motivada que presenten unha copia autenticada electrónica.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou tiña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo dos documentos e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) NIF da entidade representante.

c) DNI/NIE da persoa representante.

d) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da entidade ou da persoa representante para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á súa Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121 de 25 de xuño de 2007).

    • Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 20 do 29 de xaneiro de 2009).

    • Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno (DOG nº 30 do 15 de febreiro de 2016).

    • Plan Xeral de Prevención de Riscos de Xestión e Medidas Antifraude aprobado por acordo do Consello da Xunta do 10 de decembro de 2021.

    • Resolución do 2 de agosto de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ás asociacións galegas de usuarios de software libre para impulsar a realización de actuacións para o fomento do uso do software e hardware libre na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o período 2023-2024 (DOG nº 157 do 21 de agosto de 2023).

    • Extracto da Resolución do 2 de agosto de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ás asociacións galegas de usuarios de software libre para impulsar a realización de actuacións para o fomento do uso do software e hardware libre na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o período 2023-2024 (DOG nº 157 do 21 de agosto de 2023).

  • Ámbito Estatal
    • Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE nº 276 do 18 de novembro de 2003).

    • Real Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións (BOE nº 176 do 25 de xullo de 2006).

    • Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE nº 236 do 2 de outubro de 2015).

Outros procedementos relacionados

PR602A

Adhesión de 'Aliados Dixitais'

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

AP400A

Bonos dixitais para a conectividade de colectivos vulnerables.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 29/06/2024 00:00 - 31/10/2024 23:59

AP400B

Entidades colaboradoras que participarán na xestión do programa de emisión de bonos dixitais para a conectividade de colectivos vulnerables

Tramitar en liña

Prazo pechado: 26/09/2022 00:00 - 30/06/2023 23:59

AP400C

Subvencións para a execución de diversas actuacións de mellora nas infraestruturas de telecomunicacións en edificios.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 08/08/2024 00:00 - 04/10/2024 23:59