Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IN858A
Talento Sénior.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas do Programa Talento Sénior da Axencia Galega de Innovación dirixidas ás empresas e organismos de investigación non universitarios en Galicia, destinadas ao fomento da contratación durante un período mínimo de 3 anos de persoal de alta cualificación para a realización de actividades de I+D+i e transferencia aliñadas coas prioridades establecidas na RIS3 para Galicia. Este programa ten entre os seus obxectivos a atracción e retorno de investigadores doutores ou profesionais de alta cualificación con máis de 5 anos de experiencia profesional para desenvolver a súa carreira profesional en empresas e centros de investigación, así como estimular a demanda no sector público e privado de profesionais de alta cualificación para acometer proxectos de I+D+i.
2. Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse as devanditas axudas para o ano 2020 en réxime de concorrencia competitiva (código procedemento IN858A).
3. As axudas concedidas ás empresas no marco da presente resolución axustaránse ao establecido no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, en virtude do que o importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá de 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.
En virtude do anterior, as empresas deberán declarar, no momento de presentar a solicitude, o conxunto de axudas recibidas pola empresa en concepto de minimis, durante os dous exercicios fiscais anteriores, e durante o exercicio fiscal en curso.
Actividades subvencionables.
1. Serán subvencionables ao abeiro desta convocatoria as contratacións de profesionais de alta cualificación para a realización de actividades de I+D+i e transferencia, que se formalicen desde o día 1 de xaneiro de 2020 ata o 1 de outubro de 2020, ambas inclusive, coas seguintes características:
a) As actividades de I+D+i que realice o persoal de alta cualificación contratado deberán desenvolverse en centros de traballo da comunidade autónoma de Galicia e estar aliñadas cos retos e as prioridades estratéxicas establecidas na RIS3 para Galicia (Anexo IV).
b) O contrato de traballo que se formalice poderá ser indefinido ou de duración determinada mínima de 36 meses e deberá ser a tempo completo.
c) A retribución salarial anual bruta a percibir por cada profesional de alta cualificación contratado deberá figurar expresamente no contrato e non poderá ser inferior a 40.000 euros.
d) O persoal de alta cualificación contratado deberá cumprir, no momento formalizar o contrato, as seguintes requisitos:
1º. Estar en posesión dunha das seguintes titulacións: título universitario medio ou superior (titulación de grao): licenciado, enxeñeiro, arquitecto, graduado, diplomado, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico expedido por centros oficiais de titularidade pública ou privada homologados.
No caso de estar en posesión dun título obtido nun país estranxeiro, deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación ou validación.
2º. Ter experiencia laboral correspondente a súa titulación superior a 5 anos no grupo de cotización 1 e ou 2 e certificados das entidades nas que traballou en proxectos de I+D+i. No caso de persoal de alta cualificación estranxeiro admitiranse certificados de empresa.
3º. No caso de profesionais de alta cualificación estranxeiros a entidade de acollida, comprometerase a axudar aos profesionais nos trámites de visado e permiso de traballo. O contrato será efectivo solo cando o persoal de alta cualificación seleccionado poda traballar legalmente en España.
4º. Non ter sido anteriormente contratado pola entidade solicitante na categoría profesional correspondente a súa titulación (grupos 1 ou 2) entre o 1 de xuño de 2017 e o 1 de xaneiro de 2020 pola entidade solicitante ou empresas vinculadas á mesma.
2. A selección e contratación dos profesionais de alta cualificación, así como a determinación das súas condicións laborais e funcións serán competencia exclusiva da entidade solicitante. Esta asume a súa condición de empregadora respecto ao devandito persoal e o compromiso de cumprir a normativa laboral en materia de contratación.
1. Poderán ser beneficiarios destas axudas:
a) As empresas, de calquera tamaño, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia.
b) Os organismos de investigación públicos non universitarios ou privados galegos ou con centro de traballo en Galicia, tendo en conta que quedan obrigados a destinar a axuda recibida a usos relacionados con actividades non económicas e relativas a actuacións de I+d+i.
2. Non poderán acceder á condición de beneficiarios as persoas ou entidades nas que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, nin tampouco as empresas en crise, nin aquelas que están suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
Obrigas dos beneficiarios
Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, así como daqueloutras específicas que se indican nesta convocatoria, os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigados a:
a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención, e acreditalo ante o órgano concedente, así como o cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nas bases reguladoras, na convocatoria e na resolución de concesión e no documento no que se establecen as condicións da axuda.
b) Xustificar ante a Axencia Galega de Innovación, de acordo co previsto nestas bases da convocatoria e na normativa reguladora das subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión e o desfrute da subvención.
c) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto dos casos previstos na Lei 9/2007.
d) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
e) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
f) Ter o seu domicilio social ou algún dos seus centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma galega e realizar en Galicia as actividades susceptibles de obter axuda por medio desta convocatoria.
g) Aboar ás persoas contratadas o salario que legal ou convencionalmente lles corresponda e sexa acorde á súa categoría profesional e titulación. Dito salario, tal e como establece o artigo 4.1.c) desta resolución, deberá constar de forma expresa no contrato de traballo.
h) Solicitarlle á Axencia Galega de Innovación autorización para realizar aquelas modificacións no desenvolvemento das actividades aprobadas.
i) Comunicar á Axencia Galega de Innovación as incidencias, como renuncias, interrupcións e outras, que ocorran en relación co contrato laboral obxecto da axuda. Ditas incidencias deberán comunicarse no prazo máximo de 15 días naturais desde a data en que se produzan.
j) Manter a duración temporal de cada contratación establecida na resolución de concesión. Para o caso de contratacións indefinidas, manter no seu cadro de persoal fixo ao persoal de alta cualificación contratado durante un período de 3 anos contados desde a data de realización da contratación.
k) Aos efectos de xustificación da axuda percibida, as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación no prazo dun mes contado desde o transcurso do período de 3 anos:
– Copia das nóminas aboadas ao persoal alta cualificación contratado, así como os documentos bancarios correspondentes que acrediten o seu pagamento, e mailos impresos de liquidación nominal do IRPF e xustificantes do seu pagamento, unha vez se dispoñan dos mesmos.
– Copia da vida laboral actualizada do persoal de alta cualificación contratado.
– Memoria final das actividades de I+D+i ou plan de traballo realizada polo persoal de alta cualificación contratado.
l) Subministrar á administración, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
m) Facilitar cantos datos resulten necesarios para a avaliación do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia.
n) Dar publicidade, nos termos establecidos na resolución de concesión, ao carácter público do financiamento do contrato e da actividade obxecto da axuda, facendo referencia expresa nos contratos laborais así como nas publicacións de todo tipo, relatorios, actividades de difusión de resultados e calquera outra actuación relacionada coa actividade de I+D+i na que estea implicado o persoal contratado, mencionando expresamente a súa convocatoria e orixe.
Colocar polo menos un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), no que se mencionará a axuda financeira da Xunta de Galicia e da Axencia Galega de Innovación, nun lugar visible para o público das instalacións do beneficiario, por exemplo, no lugar de traballo da persoa contratada.
O mesmo tipo de publicidade realizarase nun lugar preferente da páxina web da empresa, de existir esta.
En todas as obrigas descritas con anterioridade deberán figurar os logotipos institucionais cumprindo co Manual de Identidade Corporativa da Xunta de Galicia acompañado co texto “persoal cofinanciado pola Xunta de Galicia ao abeiro da Resolución da Axencia Galega de Innovación do XX de XXXXX de XXXX (Programa Talento Sénior).
As instrucións detalladas relativas ás obrigas de publicidade da axuda estarán a disposición na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), no seu epígrafe de axudas.
ñ) Facilitar cantos datos resulten necesarios para a avaliación do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou outros instrumentos relacionados coa medición da innovación.
No marco do Plan de avaliación da RIS3 Galicia, desenvolverase un seguimento específico das axudas concedidas. Este seguimento estará baseado na recompilación de información acerca dos resultados económicos e científico-técnicos obtidos polas entidades beneficiarias, así como o seu nivel de satisfacción co apoio recibido. Para tales efectos, e por indicación da Axencia Galega de innovación, durante a execución e á finalización da axuda, os beneficiarios deberán proporcionar información relativa a unha serie de indicadores entre os que se incluirán indicadores xerais e específicos de I+D+I e os de produtividade do proxecto.
o) Asistir a unha xornada formativa impartida pola Axencia Galega de Innovación sobre as obrigas desta axuda e outros aspectos relacionados cos obxectivos da Axencia para o cal será convocado expresamente con antelación. A dita xornada deberá acudir como mínimo unha persoa do nivel axeitado pertencente á plantilla do beneficiario vinculada ás tarefas de innovación.
p) Calquera outra obriga imposta de maneira expresa aos beneficiarios na resolución de concesión ou no documento no que se establecen as condicións da axuda.
Xunta de Galicia
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Axencia Galega de Innovación (GAIN)
Área de Talento e Transferencia
R/ Airas Nunes, s/n (Conxo)
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981957000 / 981957012
Email: centros.gain@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
08/02/2020 00:00 - 05/06/2020 23:59
Continúa o prazo de presentación de solicitudes ata o 5 de xuño de 2020, nos termos previstos na Orde da Consellería de Economía, Emprego e Industria, do 6 de maio de 2020.
Amplíase o prazo de solicitudes ata o 15 de mayo nos termos previstos na Resolución da Axencia Galega de Innovación, do 2 de abril de 2020
O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderse que o prazo expira o derradeiro día do mes.
Non poderán ser beneficiarios as entidades que presenten como candidatos a desta convocatoria a contratación de profesionais de alta cualificación que xa foron financiados en algunha das convocatorias anteriores do Programa Talento Sénior.
Solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento
1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (Anexo I) a seguinte documentación:
a) Memoria da/s actividade/s de I+D+i a realizar segundo o modelo que se inclúe como Anexo II.
b) Perfil do persoal de alta cualificación segundo o modelo que se inclúe como Anexo III.
c) No caso de ter concedida ou solicitada algunha outra axuda, copia da resolución de concesión ou da solicitude da axuda.
Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas Administracións públicas:
a) Certificados de estar ao día nas seguintes obrigas: Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesourería Xeral da Seguridade Social e coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) NIF da entidade solicitante.
c) DNI/NIE da persoa representante que asine a solicitude.
d) Poder do representante que presenta a solicitude inscrito no rexistro competente.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os devanditos documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Un mes e medio
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 6 de maio de 2020 pola que se acorda a continuación de determinados procedementos relativos á concesión de subvencións indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos públicos no ámbito desta consellería durante a vixencia do estado de alarma (DOG nº 90 do 11 de maio de 2020).
-
Resolución do 31 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o fomento da contratación de profesionais de alta cualificación para a realización de actividades de I+D+i e transferencia nas empresas e organismos de investigación en Galicia (Programa Talento Sénior), e procédese a súa convocatoria para o ano 2020 (DOG nº 26 do 7 de febreiro de 2020).
-
Extracto da Resolución do 31 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o fomento da contratación de profesionais de alta cualificación para a realización de actividades de I+D+i nas empresas e organismos de investigación en Galicia (Programa Talento Senior), e procédese a súa convocatoria para o ano 2020 (DOG nº 26 do 7 de febreiro de 2020).
-
Corrección de erros. Orde do 6 de maio de 2020 pola que se acorda a continuación de determinados procedementos relativos á concesión de subvencións indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos públicos desta consellería durante a vixencia do estado de alarma (DOG nº 96 do 19 de maio de 2020).
-
Resolución do 8 de xullo de 2020 pola que se adxudican as axudas para o fomento da contratación de profesionais de alta cualificación para a realización de actividades de I+D+i nas empresas e nos organismos de investigación en Galicia (programa Talento Sénior), convocadas pola Resolución do 31 de decembro de 2019 (Diario Oficial de Galicia número 26, do 27 de febreiro). (DOG nº 142 do 17 de xullo de 2020)
-
Resolución do 22 de setembro de 2020 pola que se modifican os prazos da actividade subvencionable establecidos no artigo 4 da Resolución do 31 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o fomento da contratación de profesionais de alta cualificación para a realización de actividades de I+D+i e transferencia nas empresas e organismos de investigación en Galicia (Programa Talento Sénior), e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (DOG nº 197 do 29 de setembro de 2020).
-
Resolución do 7 de decembro do 2020 pola que se dá publicidade do encargo á empresa pública Empresa Tecnologías y Servicios Agrarios, S.A. S.M.E. S.P., como medio propio personificado, das tarefas de apoio na xestión de diversas axudas (códigos de procedemento IN848C, IN848D, IN858A e IN852A).(DOG núm. 9 do 15 de xaneiro de 2021).
-
Outros procedementos relacionados
Rexistro de posta en servizo de guindastre torre para obras ou outras aplicacións.
Aberto todo o ano
Inscrición no rexistro dos centros de cría, subministradores e usuarios de animais de experimentación.
Aberto todo o ano
Inscrición no rexistro de plans de autoprotección da Comunidade Autónoma de Galicia.
Aberto todo o ano
Inscrición de laboratorios que realicen ensaios de control de produtos alimenticios relacionados co consumo humano.
Aberto todo o ano