Orientámolo/a, paso a paso, para presentar unha solicitude no rexistro electrónico
VI482F - Bono de alugueiro social.
1. As axudas do bono de alugueiro social están destinadas a atender, con carácter urxente, os seguintes colectivos:
a) Aquelas unidades de convivencia que precisen dunha axuda para asumir o custo do arrendamento da súa vivenda por estaren inmersas en situacións de especial dificultade que determinaron que a persoa arrendadora interpuxese unha demanda de desafiuzamento por non pagamento das rendas.
b) As unidades de convivencia das vítimas de violencia de xénero que teñan dificultade para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda. Para os efectos deste programa, incluiranse as mulleres vítimas de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica do seu agresor ou, no caso de mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual, de dependencia da persoa que manteña sobre ela unha relación de dominación.
Terán tamén esa consideración as mulleres que padecesen violencia vicaria ou violencia por interposita persona, con resultado de morte, así como as fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, calquera que sexa a natureza da súa filiación, que se encontrasen nunha situación de dependencia económica da nai ou do agresor no momento do falecemento da vítima.
c) Aquelas unidades de convivencia con dificultades para asumiren o custo do arrendamento dunha vivenda e que fosen privadas da súa vivenda habitual, que posúen en calidade de propietarias ou usufrutuarias, por danos sufridos nesta, derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como incendios, inundacións, etc. Excepcionalmente, poderán acceder a esta axuda as persoas arrendatarias destas vivendas sempre que se acredite no informe dos servizos municipais a xustificación da excepcionalidade, a inexistencia de alternativas e a situación de vulnerabilidade da unidade de convivencia.
d) Aquelas unidades de convivencia ás cales, tendo sido arrendatarias dunha vivenda de promoción pública de titularidade do IGVS, lle finalizase a vixencia do seu contrato, unha vez publicada esta resolución.
e) Aquelas unidades de convivencia ás cales, por concorreren circunstancias de emerxencia social e non acadaren o límite mínimo de ingresos establecido no Programa de vivendas baleiras cos concellos, a Comisión de Seguimento e Coordinación do citado programa lles propoña a adxudicación dunha vivenda.
f) Aquelas unidades de convivencia que, sendo residentes en vivendas de entidades financeiras ou da Sociedade de Xestión de Activos Procedentes de Reestruturación Bancaria (Sareb), en virtude dos convenios de colaboración subscritos entre o IGVS e as citadas entidades, rematasen a vixencia do seu contrato de arrendamento dentro dos seis meses anteriores á data de presentación da súa solicitude de axuda do Programa do bono alugueiro social.
g) Os/as mozos/as menores de idade tutelados pola Xunta de Galicia, unha vez que acaden a maioría de idade e saian do réxime de tutela, co obxecto de facilitarlles o acceso a unha vivenda en réxime de arrendamento.
h) As persoas que fosen privadas da súa vivenda habitual como consecuencia de procedementos xudiciais de execución hipotecaria ou dun acordo extraxudicial de venda ou dación en pagamento a entidades financeiras.
i) As persoas que sexan beneficiarias do bono de alugueiro social, ou que estean en situación de prórroga, con base nas convocatorias anteriores, sempre que acrediten que continúan en situación de vulnerabilidade.
2. Excepcionalmente, poderase conceder esta axuda en situacións de emerxencia ou catástrofe, cando así o considere o Consello da Xunta, en atención á extrema urxencia da súa situación.
Vítimas de violencia de xénero, persoas obxecto de desafiuzamento da súa vivenda habitual, persoas sen fogar e outras persoas especialmente vulnerables.
1. Poderán ser persoas beneficiarias deste programa as que cumpran os seguintes requisitos:
a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación. No caso dos estranxeiros non comunitarios, deberán contar con autorización de estadía ou residencia en España.
b) Estar empadroadas e ter residencia efectiva nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia durante os doce meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude da axuda.
Nos casos das vítimas de trata con fins de explotación sexual e no suposto previsto no punto 2 do ordinal anterior, será suficiente con que acrediten que están empadroadas nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia e que posúen autorización de residencia por circunstancias excepcionais.
c) Ser titulares ou estar en condicións de subscribir un contrato de arrendamento de vivenda nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia, cunha duración mínima dun ano, con mención expresa da súa referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos.
No caso dos/das menores orfos/as por violencia de xénero ou vítimas de trata menores de idade, o contrato de arrendamento poderá ser asinado pola persoa que posúa a patria potestade, tutela ou acollemento familiar permanente do/da dito/a menor, nos termos que se determine na normativa aplicable.
d) Que a vivenda obxecto do contrato de arrendamento constitúa ou vaia constituír o seu domicilio habitual e permanente.
e) Que a renda do contrato de arrendamento non supere os importes sinalados no ordinal oitavo destas bases reguladoras.
f) Que os ingresos da unidade de convivencia da persoa beneficiaria, computados conforme establece o ordinal sétimo destas bases reguladoras, sexan iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM ponderado, coa excepción das fillas e fillos maiores de idade, pero menores de 30 anos, das vítimas mortais por violencia de xénero, que dependesen economicamente da nai e/ou do agresor, caso en que os ingresos deberán ser iguais ou inferiores a doce mensualidades do IPREM.
g) Que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da unidade de convivencia teña vínculo de matrimonio ou relación estable análoga coa persoa arrendadora. Así mesmo, que non exista vínculo de parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata o segundo grao, coa persoa arrendadora. Aplicarase esta mesma exixencia cando a parte arrendadora sexa unha persoa xurídica, respecto de calquera dos seus socios ou partícipes.
h) Que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da súa unidade de convivencia teña no territorio nacional unha vivenda en propiedade ou en usufruto. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito as persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten a non dispoñibilidade dela por causa de separación, divorcio ou por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte insuficiente ou inadecuada por razóns de habitabilidade e/ou mobilidade, e no suposto das vítimas de violencia de xénero, ademais, cando a ocupación da vivenda que ten en propiedade ou usufruto sexa incompatible coa dita situación de violencia de xénero.
Para os efectos anteriores, considerarase:
– Vivenda insuficiente, aquela en que a cada ocupante lle correspondan menos de dez metros cadrados de superficie útil. Non se computará, para estes efectos, a correspondente a baños, corredores e tendais.
– Vivenda inadecuada por razóns de habitabilidade, aquela que se encontre en situación legal de ruína, así como aqueloutra que teña deficiencias que afecten de forma notoria a súa habitabilidade.
– Vivenda inadecuada por razóns de mobilidade, aquela que pola súa configuración arquitectónica e/ou accesos implique unha grave perda de funcionalidade para unha persoa con mobilidade reducida.
i) Que non sexan arrendatarias de vivendas xestionadas polo IGVS.
j) De conformidade co previsto no artigo 23.5 do Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, non poderán obter a condición de beneficiarias destas axudas as persoas que incorran nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, agás a do cumprimento do regulado na letra e) do punto 2 do dito artigo 13. Tampouco poderán obter a condición de beneficiarias aquelas ás cales o IGVS lles revogase algunha das axudas recollidas neste ou no anterior Plan estatal de vivenda por incumprimento ou causa imputable ao solicitante.
2. No caso de persoas afectadas pola interposición dunha demanda de desafiuzamento por non pagamento das rendas, deberán cumprir, ademais dos requisitos sinalados no punto 1, os seguintes:
a) Que entre a comunicación da interposición da demanda e a presentación da solicitude da axuda non transcorresen máis de nove meses, agás nos supostos en que se acredite que houbo unha suspensión do procedemento de desafiuzamento ou do lanzamento desde a data da oportuna resolución xudicial.
b) Que o contrato de arrendamento que motivou o procedemento de desafiuzamento tivese unha duración igual ou superior aos doce meses.
c) Que non tivesen sido xa perceptoras das axudas do Programa do bono de alugueiro social por este mesmo motivo e a nova demanda se interpuxese por falta de pagamento da renda, gastos de comunidade ou subministracións durante o período en que percibiron as axudas do bono de alugueiro, nin cando quede acreditado que se causaron danos na vivenda que ocupaban.
3. No caso das vítimas de violencia de xénero, só se admitirá unha única solicitude por cada unidade de convivencia, que deberán cumprir, de ser o caso, ademais dos requisitos sinalados no punto 1, os seguintes:
a) Que, dentro do ano natural anterior á data de presentación da solicitude, cesase a convivencia co agresor ou coa persoa que manteña sobre ela unha relación de dominación. No caso de violencia vicaria ou violencia por interposita persona, o feito causante deberá terse producido dentro do ano natural anterior ao da presentación da solicitude.
b) Que o documento acreditativo da situación de violencia fose emitido dentro dos doce meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude. No caso de acreditar a situación de violencia de xénero a través da orde de protección ou da medida cautelar, estas deberán estar vixentes na data de presentación da solicitude. Para estes efectos, o órgano xestor solicitará informe ao Punto de coordinación das ordes de protección de Galicia, dependente da Secretaría Xeral da Igualdade.
4. No caso das fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, calquera que sexa a natureza da súa filiación, que se encontrasen nunha situación de dependencia económica da nai ou do agresor no momento do falecemento da vítima, deberán cumprir, ademais dos previstos no número 1, os seguintes requisitos:
a) Que a persoa solicitante sexa menor de idade e estivese convivindo coa nai no momento da súa morte, independentemente da renda da unidade de convivencia.
b) Que a persoa solicitante sexa maior de idade e menor de 30 anos, e dependa economicamente da nai e/ou do agresor. Entenderase que existe dependencia económica cando, na data do falecemento, as fillas e os fillos perciban rendas, de calquera natureza, que en cómputo anual sexan iguais ou inferiores a doce mensualidades do IPREM.
5. No caso de unidades de convivencia, propietarias ou usufrutuarias da súa vivenda habitual, que fosen privadas dela por danos derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como incendios, inundacións, etc., ademais dos requisitos sinalados no número 1, será necesario que a circunstancia imprevisible e sobrevida acaecese dentro dos seis meses anteriores á presentación da solicitude.
6. No caso de unidades de convivencia para as cales, tendo sido arrendatarias dunha vivenda de promoción pública de titularidade do IGVS, finalizase a vixencia do seu contrato, ademais dos requisitos sinalados no número 1, será necesario que entre a finalización do contrato de arrendamento e a presentación da solicitude de axuda non transcorresen máis de tres meses.
7. No caso de unidades de convivencia en que, por concorreren circunstancias de emerxencia social e non acadaren o límite mínimo de ingresos establecido no Programa de vivendas baleiras cos concellos, a Comisión de Seguimento e Coordinación do citado programa lles propoña a adxudicación dunha vivenda no marco do citado programa, ademais de cumprir os requisitos sinalados no número 1, será necesario que a circunstancia excepcional que motiva a proposta de adxudicación da Comisión de Seguimento e Coordinación do Programa de vivendas baleiras resulte acreditada en virtude do informe dos servizos sociais do respectivo concello.
8. No caso dos/das mozos/as que, tendo estado tutelados pola Xunta de Galicia, cumpran a maioría de idade e reúnan os requisitos sinalados no número 1, poderán solicitar a axuda sempre que non transcorra o prazo dun ano contado desde a data en que saian do réxime de tutela da Xunta de Galicia.
9. No caso de unidades de convivencia de persoas privadas da súa vivenda habitual como consecuencia de procedementos xudiciais de execución hipotecaria ou dun acordo extraxudicial de venda ou dación en pagamento a entidades financeiras, deberán cumprir, ademais dos requisitos sinalados no número 1, que entre a data de presentación da solicitude da axuda e a data do decreto de adxudicación da vivenda ou, de ser o caso, do acordo extraxudicial análogo entre a entidade executante e a persoa afectada, non transcorresen máis de doce meses, agás no suposto de que se acredite a permanencia na vivenda en virtude de acordo asinado coa entidade.
10. No suposto de persoas que sexan beneficiarias do bono alugueiro social ou estean en situación de prórroga, con base nas convocatorias anteriores, deberán cumprir os requisitos sinalados no punto 1 e, ademais, acreditar mediante informe dos servizos sociais que continúan en situación de vulnerabilidade.
11. Nos supostos excepcionais de situacións de emerxencia ou catástrofe, os requisitos que se deberán cumprir virán determinados polo acordo do Consello da Xunta.
12. Non poderán acceder a estas axudas as persoas que, tendo sido beneficiarias das axudas do bono de alugueiro social ou do bono de alugueiro social para vítimas de violencia de xénero, non continuasen percibíndoas por causas imputables á persoa beneficiaria.
13. En atención ao carácter prestacional destas axudas, non será requisito estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, da Seguridade Social nin coa Facenda autonómica para poder percibir estas axudas.
Xunta de Galicia
Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo
Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)
Secretaría Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)
Área Central, s/n - Polígono de Fontiñas
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881999016
Email: dx.igvs@xunta.gal
Xunta de Galicia
Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
Departamento Territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas de A Coruña
Área Provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo da Coruña
Praza de Luis Seoane, s/n
15008 Coruña, A (Coruña, A)
Teléfono: 981184801
Xunta de Galicia
Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
Departamento Territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas de Lugo
Área Provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo de Lugo
Avda. Ramón Ferreiro, nº 28
27071 Lugo (Lugo)
Teléfono: 982294602
Fax: 982294624
Xunta de Galicia
Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
Departamento Territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas de Ourense
Área Provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo de Ourense
Rúa Sáenz Díez, nº 1
32071 Ourense (Ourense)
Teléfono: 988386579
Fax: 988386235
Xunta de Galicia
Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
Departamento Territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas de Pontevedra
Área Provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo de Pontevedra
Rúa Alcalde Hevia, nº 7
36071 Pontevedra (Pontevedra)
Teléfono: 986805610
Fax: 986805663
Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)
Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia (DOG nº 141 do 24 de xullo de 2012).
Resolución do 1 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do bono de alugueiro social e se procede á súa convocatoria continuada e permanente ata o esgotamento do crédito (DOG nº 133 do 13 de xullo de 2022).
Resolución do 28 de setembro de 2022 pola que se reaxusta o financiamento e se amplía a dotación orzamentaria da Resolución do 1 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do bono de alugueiro social e se procede á súa convocatoria continuada e permanente ata o esgotamento do crédito (DOG nº 190 do 5 de outubro de 2022).
Resolución do 23 de maio de 2023 pola que se amplía a dotación orzamentaria da convocatoria das axudas do bono de alugueiro social para os exercicios de 2023 e 2024 (DOG nº 100 do 29 de maio de 2023).
Resolución do 31 de maio de 2023 pola que se reaxustan as anualidades e se amplía a dotación orzamentaria da Resolución do 1 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do bono de alugueiro social e se procede á súa convocatoria continuada e permanente ata o esgotamento do crédito (DOG nº 108 do 8 de xuño de 2023).
Real Decreto 42/2022, de 18 de xaneiro, polo que se regula o Bono Aluguer Novo e o Plan Estatal para o acceso á vivenda 2022-2022 (BOE nº 16 de 19 de xaneiro de 2022).
Corrección de erros do Real Decreto 42/2022, de 18 de xaneiro, polo que se regula o Bono Aluguer Novo e o Plan Estatal para o acceso á vivenda 2022-2025 (BOE nº 72 de 25 de marzo de 2022).
Prazo de presentación: ABERTO
14/07/2022 00:00 - 30/11/2026 23:59
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto permanentemente desde o día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de novembro de 2026 e, en todo caso, ata o esgotamento da dotación orzamentaria ou das súas ampliacións, que se farán constar no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
Solicitudes .
1. A solicitude, tanto de concesión inicial como de concesión de prórroga, realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta resolución, debidamente cuberto (código de procedemento VI482F). As solicitudes deberanse dirixir á Área Provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.
2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3. No modelo de solicitude de concesión inicial ou de prórroga a persoa solicitante realizará as seguintes declaracións:
a) Declaración de que non solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales.
b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para a mesma finalidade e o seu importe.
c) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da súa unidade de convivencia ten no territorio nacional unha vivenda en propiedade ou en usufruto, agás os supostos exceptuados no número 1 do ordinal sexto.
d) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa da unidade de convivencia ten vínculo de matrimonio ou relación estable análoga coa persoa arrendadora. Así mesmo, que non existe vínculo de parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata o segundo grao, coa persoa arrendadora da vivenda ou con calquera das persoas socias ou partícipes da persoa xurídica arrendadora, de ser o caso.
e) Declaración de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, agás o cumprimento do regulado na letra e) do citado precepto.
f) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
g) Declaración de que todos os datos da solicitude e dos documentos que se achegan son certos.
Documentación complementaria .
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude de axuda inicial, anexo I, a seguinte documentación (código de procedemento VI482F):
a) Documento acreditativo da representación da persoa que actúe como representante, de ser o caso.
b) Anexo II, de comprobación de datos das persoas que integren a unidade de convivencia, distintas da persoa solicitante.
No caso de que unha unidade de convivencia estea composta por máis dunha unidade familiar, deberase cubrir un anexo II por cada unha delas.
c) Anexo III, de compromiso das persoas asinantes do contrato de arrendamento de someterse ás condicións do Programa do bono de alugueiro social. Neste anexo indicaranse o número de conta bancaria de titularidade da persoa arrendadora en que se realizará o ingreso da axuda mensual do bono de alugueiro social e o número de conta da persoa arrendataria en que se realizará o ingreso, de ser o caso, da axuda complementaria.
d) Informe dos servizos sociais do concello en que estea empadroada a persoa solicitante, sobre a situación económica e social da unidade de convivencia, a súa situación de vulnerabilidade ou exclusión social e o seguimento social que proceda; para tal efecto poderase utilizar o anexo IV.
No caso das fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, deberase facer constar neste informe a filiación da persoa solicitante respecto da vítima de violencia de xénero e a situación de dependencia económica da nai e/ou do agresor no momento do falecemento.
e) Contrato de arrendamento da vivenda, cunha duración mínima dun ano e con mención expresa da referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos.
No caso de non ter formalizado o contrato no momento de presentación da solicitude, este deberase presentar na correspondente área provincial do IGVS no prazo de catro meses contados desde a notificación da resolución de concesión da axuda, xunto co certificado de empadroamento conxunto das persoas que integran a unidade de convivencia nesa vivenda e do anexo III, referido na alínea c) deste ordinal.
f) Xustificante de empadroamento conxunto de todas as persoas integrantes da unidade de convivencia. Estes xustificantes deberán estar expedidos dentro dos tres meses anteriores á data da presentación da solicitude, excepto no suposto previsto no segundo parágrafo da letra anterior.
g) No caso de nai xestante, certificado médico ou documentación que acredite o citado estado.
h) Se é o caso, certificado acreditativo da situación de adopción en trámite.
i) De ser o caso, certificado de discapacidade da persoa solicitante e dos demais membros que integran a unidade de convivencia, no suposto de non ser expedido pola Xunta de Galicia.
j) No caso de persoas afectadas por un procedemento de desafiuzamento por non pagamento de rendas, copia da demanda interposta e, de ser o caso, a oportuna resolución xudicial de suspensión do procedemento de desafiuzamento ou do lanzamento.
k) No caso de vítimas de violencia de xénero ou, de ser o caso, de vítima de trata con fins de explotación sexual, documento acreditativo desta condición. Para estes efectos, só se admitirán os seguintes documentos:
1º. Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, testemuño ou copia autenticada polo/a letrado/a da Administración de xustiza da propia orde de protección ou da medida cautelar, que conteña as medidas en vigor.
2º. Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia de xénero ou documento xudicial que declare que a muller é vítima de trata de seres humanos con fins de explotación sexual.
3º. Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia e/ou de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, auto de apertura de xuízo oral ou documento equivalente en que conste a existencia dos ditos indicios.
4º. Informe das forzas e corpos de seguridade que indique a existencia de indicios claros de trata de seres humanos con fins de explotación sexual.
5º. Informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local en que se recollan a dita condición de vítima de violencia de xénero ou de vítima de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e a data en que se produciu o cesamento da convivencia ou da situación de dominación, respectivamente.
6º. Informe dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local en que se recollan a dita condición de vítima de violencia de xénero ou de vítima de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e a data en que se produciu o cesamento da convivencia ou da situación de dominación, respectivamente.
l) No caso das persoas privadas da súa vivenda habitual por danos sufridos nesta, derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, documento acreditativo desta situación. Para estes efectos, só se admitirán os seguintes documentos:
1º. Título que acredite a súa condición de persoa propietaria ou usufrutuaria da vivenda afectada polos danos ou, de ser o caso, contrato de arrendamento da vivenda.
2º. Memoria que acredite a inhabitabilidade da vivenda polos danos sufridos.
3º. Reportaxe fotográfica onde se reflictan os danos sufridos pola vivenda.
m) No caso dos/das mozos/as maiores de idade e que saian do réxime de tutela da Xunta de Galicia, informe do correspondente departamento da consellería con competencias en política social, acreditativo da data de saída do réxime de tutela da persoa solicitante.
n) No caso de persoas privadas da súa vivenda habitual como consecuencia de procedementos xudiciais de execución hipotecaria ou dun acordo extraxudicial de venda ou dación en pagamento a entidades financeiras, decreto de adxudicación da vivenda ou, de ser o caso, o citado acordo extraxudicial e, de ser o caso, acordo asinado coa entidade para a permanencia na vivenda.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.
3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude de concesión inicial ou de prórroga, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. Será causa de inadmisión automática a presentación da solicitude sen achegar algún dos documentos sinalados coas letras b), d), j), k), l) e n) no punto 1.
Solicitude de prórroga da axuda e documentación complementaria .
1. Todas as persoas que resultasen beneficiarias desta axuda e que non perdesen o dereito mediante a oportuna resolución, poderán solicitar a prórroga do bono de alugueiro social dentro dos dous meses anteriores á data de remate da concesión inicial ou, de ser o caso, da prórroga que estean percibindo. Para tal efecto, deberán presentar, de conformidade co ordinal décimo, a solicitude de prórroga que figura incorporada á resolución de convocatoria como anexo I.
2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude de prórroga da axuda, anexo I, a seguinte documentación:
a) Anexo II, de comprobación de datos das persoas que integran a unidade de convivencia.
b) Anexo IV, modelo de informe dos servizos sociais do concello en que está empadroada a persoa solicitante, no cal se faga constar que subsisten as condicións de necesidade que deron lugar á concesión inicial, así como os ingresos da unidade de convivencia dos tres meses anteriores á data da solicitude de prórroga.
c) Declaración responsable da persoa inquilina de que continúa residindo na vivenda.
Comprobación de datos .
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, excepto que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) da persoa solicitante e, de ser o caso, da persoa representante, das persoas que integran a unidade de convivencia que figuran no anexo II e da persoa arrendadora que figura no anexo III.
b) Número de identificación fiscal da persoa representante, así como da persoa arrendadora que figura no anexo III, no caso de que sexan persoas xurídicas.
c) Certificado de empadroamento da persoa solicitante, no caso de cambio de domicilio durante a vixencia do contrato, e das persoas que figuran no anexo II.
d) Datos catastrais correspondentes á persoa solicitante e ás persoas que integran a súa unidade de convivencia.
e) Certificación de titularidade de bens inmobles da Dirección Xeral do Catastro onde conste que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da unidade de convivencia teñen en usufruto ou en propiedade outra vivenda en territorio español.
f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas da persoa solicitante.
g) Consulta de concesións de subvencións e axudas da persoa solicitante.
h) Consulta da prestación de desemprego percibida pola persoa solicitante, así como polas persoas que integran a súa unidade de convivencia, segundo o seu anexo II.
i) Consulta das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, incapacidade temporal e maternidade do Instituto Nacional da Seguridade Social, da persoa solicitante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia, segundo o seu anexo II.
j) Certificado das percepcións da renda de integración social de Galicia (Risga) da persoa solicitante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia, segundo o seu anexo II.
2. O acceso aos datos contidos nos documentos sinalados coas letras h), i) e j) do número anterior, de conformidade co artigo 155 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, poderano realizar aquelas administracións locais que dispoñan do correspondente convenio coa Xunta de Galicia para accederen a través das plataformas de intermediación de datos.
3. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude e/ou no anexo II que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
a) Permiso de residencia legal de persoa estranxeira.
b) Certificado de discapacidade expedido pola Administración autonómica.
4. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
5. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes .
A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizaren trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén se poderán tramitar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Máis información
Localice o procedemento ou servizo na guía de procedementos e servizos, consulte a información do trámite e revise a documentación obrigatoria para presentar a solicitude que figura na pestana "Presentación" no apartado "Documentación para a presentación".
No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles modelos en formato PDF para aqueles documentos para os que se precisan. Se os necesita:
- Primeiro descargue no seu equipo os modelos PDF (asegúrese de que están descargados, non abertos no navegador).
- A continuación cubra os modelos. Se algunha táboa ten filas e non son suficientes pode engadilas nese documento descargado.
- Por último garde ou imprima en versión PDF un arquivo electrónico de cada modelo cuberto.
- Asine o documento, se así se require.
- Para finalizar anexe o modelo ou modelos en PDF na súa presentación.
No caso de que o procedemento non figure na guía, poderá empregar a solicitude xenérica.
Prema en "Tramitar en liña" para iniciar o trámite electrónico.
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Agora xa está dentro do seu espazo persoal "A miña sede".
Cubra o formulario e lembre que pode gardalo para recuperalo máis adiante desde o apartado "Os meus borradores" de "A miña sede".
Cando o teña cuberto, prema en "Continuar".
Anexe a documentación que queira presentar xunto co formulario. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Pode consultar como enviar ficheiros que non teñen o tamaño ou o formato aceptados por esta sede.
Asine o formulario e a documentación que quere entregar.
Pode facelo cun certificado electrónico empregando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá no seu móbil.
Descargue o xustificante da presentación.
Poderá tamén acceder a este documento desde o apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede".
Consulte como proceder cos documentos de gran tamaño e en distintos formatos
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Lembre que este servizo soamente estará disponible desde o espazo "A miña sede" da sede electrónica e naqueles procedementos que teñan habilitados trámites electrónicos posteriores á solicitude cando así o estableza a súa norma reguladora.
Prepare os arquivos electrónicos necesarios e comprobe que utiliza formatos compatibles coa sede: .bmp, .ce3, .cex, .csv, .cte, .dbf, .doc, .docx, .dwg, .dxfn, .gpx, .hexhash, .inp, .jpg, .kml, .kmz, .ods, .odt, .pd2, .pdf, .pdl, .png, .prj, .shp, .shx, .tgd, .tiff, .txt, .xls, .xlsx, .xml, .xsig, .mp4, .avi, .mov e .wmv
O tamaño máximo do conxunto de documentos achegados a unha presentación en esta sede é de 100 MB, e non se admiten arquivos comprimidos.
Comprobe o tamaño total do conxunto de documentos que precisa achegar:
- Se é inferior a 100 MB pode achegar todos os documentos á solicitude
- Se é superior a 100 MB separe os arquivos de máis de 100 MB, agrupe o resto en subconxuntos de documentos que non superen os 100 MB e proceda segundo os seguintes pasos
- Presente a solicitude achegando un subconxunto de documentos de menos de 100 MB.
- Repita o trámite de achega de documentación separada da solicitude para cada un dos subconxuntos restantes de documentos, seguindo estes pasos:
- Unha vez finalizada a presentación acceda ao apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede", seleccione o expediente da solicitude que acaba de realizar, pulse na opción "Accións" e seleccione "Achega de documentación separada da solicitude".
- Cubra o formulario e pulse en "continuar"
- Achegue o seguinte subconxunto de documentos
- Asine e complete a achega de documentación separada
- Repita este proceso para cada subconxunto de documentos de menos de 100 MB
Se algún arquivo supera individualmente os 100 MB:
- Proceda segundo se explica nos pasos anteriores para o resto de arquivos
- Descargue no seu equipo o modelo xenérico para a achega de documentación separada
- Cubra o modelo, indicando o expediente ou número de rexistro de entrada da solicitude electrónica realizada e a unidade responsable do procedemento
- Imprima o modelo e presénteo de forma presencial, xunto coa documentación en formato físico -CD, DVD, USB-, en calquera das oficinas de rexistro
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Máis información
Consulte como responder a un requirimento de emenda de documentación
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos. Na pestana "Presentación", no apartado "Documentación para a presentación" figura o listado de documentos requiridos para a presentación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos. Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede". Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365. Busque o expediente relacionado co requirimento e seleccione no menú "Acción" da dereita a opción "Emenda ao requirimento".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Emenda ao requirimento" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a emenda utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario indicando os datos ou documentos achegados para a emenda.
Anexe os documentos que queira presentar. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a emenda.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da emenda.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Coñeza como achegar documentación xustificativa a un expediente en curso
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Na pestana "Despois da presentación", no apartado "Xustificación" figura o listado de documentos requiridos para a xustificación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos.
Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede".
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Busque o expediente para o que precisa achegar documentación xustificativa. No menú "Acción" que aparece á dereita seleccione a opción "Achega de documentación xustificativa".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Achega de documentación xustificativa" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a xustificación utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario.
Indique os documentos que achega para a xustificación.
Anexe os documentos que queira presentar para a xustificación. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a xustificación.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da xustificación.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Todos os seus expedientes, presentacións e borradores en "A miña sede"
Para xestionar os seus expedientes o primeiro que debe facer é acceder o seu espazo persoal premendo en "A miña sede" e, a continuación, identificarse empregando calquera dos certificados admitidos nesta sede ou Chave365.
Poderá ver na súa bandexa de entrada os seus últimos expedientes, presentacións e borradores.
Verá en pantalla información detallada de cada expediente ou presentación (número de expediente/rexistro, código e nome do procedemento etc.).
Se desexa ver todos os seus expedientes e presentacións, prema no botón "Ver todos/Buscar".
Ao acceder á pantalla de busca, pode buscar expedientes ou borradores por distintos criterios ou localizalos directamente se coñece o código de acceso.
Poderá realizar accións concretas sobre un expediente (achegar documentación adicional, mellorar unha solicitude, modificar os seus datos de notificación etc.) desde:
- A bandexa de entrada dos seus últimos expedientes, presentacións e borradores, premendo o botón "Acción" da columna "Que podo facer?"
- O detalle do expediente electrónico, premendo directamente nas accións dispoñibles da columna "Que podo facer?"
Procedementos e servizos relacionados
Bono de alugueiro social. Participación no programa de subvencións.
Prórroga do bono de aluguer do Plan RehaVIta.