Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
VI482E
Subvencións do programa bono alugueiro mocidade.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión das subvencións do Programa bono alugueiro mocidade para facilitar o goce dunha vivenda ou habitación en réxime de alugamento ou de cesión de uso á mocidade con escasos medios económicos, mediante o outorgamento de axudas directas ás persoas arrendatarias ou cesionarias, que se tramitarán co código de procedemento VI482E.
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para a anualidade 2022, con carácter plurianual.
3. A concesión das axudas recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Actuacións subvencionables.
Será obxecto desta subvención, nos termos desta resolución e sempre dentro das dispoñibilidades orzamentarias, a renda ou o prezo da cesión aos que á mocidade ha de facer fronte para o goce da súa vivenda ou habitación habituais.
As persoas físicas maiores de idade.
Xunta de Galicia
Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo
Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)
Secretaría Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)
Servizo de Coordinación e Información en Materia de Vivenda
Área Central, s/n. Fontiñas
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981541981
Email: rbecoordinacion.correoigvs@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
01/07/2022 00:00 - 31/10/2022 23:59
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de outubro de 2022 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, o que será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
1. Poderán beneficiarse desta axuda as persoas físicas maiores de idade que reúnan todos e cada un dos requisitos seguintes:
a) Ter menos de 36 anos no momento de solicitar a axuda.
b) Posuír a nacionalidade española, ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación. No caso das persoas estranxeiras non comunitarias deberán acharse en situación de estancia ou residencia regular en España.
c) Ser titular ou estar en condicións de subscribir na Comunidade Autónoma de Galicia, en calidade de persoa arrendataria, un contrato de alugamento de vivenda formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos, ou, en calidade de persoa cesionaria, dun contrato de cesión de uso. No caso de alugamento de habitación non é xixible que a formalización sexa nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro.
d) Dispoñer de, polo menos, unha fonte regular de ingresos.
Para estes efectos, entenderase que teñen unha fonte regular de ingresos quen estea traballando por conta propia ou allea, o persoal investigador en formación e as persoas perceptoras dunha prestación social pública de carácter periódico, contributiva ou asistencial, sempre que poidan acreditar unha vida laboral de, polo menos, tres meses de antigüidade, nos seis meses inmediatamente anteriores ao momento da solicitude, ou unha duración prevista da fonte de ingresos de, polo menos, seis meses, contados desde o día da súa solicitude.
No caso de dispoñer de máis dunha fonte regular de ingresos, as rendas computables serán a suma das rendas derivadas das ditas fontes.
e) Dispoñer dunhas rendas anuais, incluídos os das persoas que teñan o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida ou a arrendar ou ceder, consten ou non como titulares dun contrato de arrendamento ou cesión, iguais ou inferiores a tres veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM).
Non obstante, só se terán en conta as rendas anuais da persoa solicitante nos seguintes supostos:
– No de alugamento de habitación.
– No caso de que na vivenda convivan, ademais da persoa solicitante, outra/s persoas e concorran os seguintes requisitos:
• Que no momento de solicitar a axuda ningunha das persoas que conviva na vivenda teña entre si parentesco en primeiro grao de consanguinidade ou ben que todas elas teñan menos de 36 anos.
• Que todas elas subscriban o contrato de alugamento.
f) Que a vivenda ou habitación arrendada ou cedida constitúa, no momento da solicitude, a súa residencia habitual e permanente, no caso de que teña contrato. A dita circunstancia deberá ser acreditada mediante certificado ou volante de empadroamento nos termos previstos nesta resolución.
2. Non se poderá conceder a axuda cando a persoa solicitante ou algunha das que teñan a súa residencia habitual e permanente na vivenda obxecto do contrato ou compromiso de alugamento ou de cesión de uso se atope nalgunha das situacións que a continuación se indican:
a) Ser persoa propietaria ou usufrutuaria dalgunha vivenda en España. Para estes efectos, non se considerará que se é persoa propietaria ou usufrutuaria dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota dela e se obtivese por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito quen, sendo titular dunha vivenda, acredite a súa non dispoñibilidade por causa de separación ou divorcio, por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa titular ou algunha outra persoa da súa unidade de convivencia.
b) Ter parentesco en primeiro ou segundo grao de consanguinidade ou de afinidade coa persoa arrendadora ou cedente da vivenda.
c) Ser socia ou partícipe da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora ou cedente.
3. As persoas beneficiarias e as que teñan a súa residencia habitual e permanente na vivenda obxecto do contrato ou compromiso deberán atoparse ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
4. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas axudas aquelas persoas que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
5. Cando na mesma vivenda convivan dous ou máis persoas mozas, cada unha delas poderá ser beneficiaria se cumpren os requisitos establecidos neste ordinal.
Solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
A presentación electrónica será obrigatoria porque as persoas destinatarias destas axudas, mozos e mozas menores de 36 anos, teñen acceso e dispoñibilidade de medios electrónicos necesarios para relacionarse electronicamente coas administracións públicas.
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4. No formulario de solicitude a persoa solicitante deberá realizar as seguintes declaracións:
a) Declaración responsable de que non solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.
b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para a mesma finalidade.
c) Declaración responsable de que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
d) Declaración responsable de que non está incursa nas causas de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
e) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa que teña o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida é propietaria e/ou usufrutuaria dunha vivenda situada en España, agás nos supostos exceptuados no ordinal 6.2.a).
f) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa que teña o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida, é socia ou partícipe da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora.
g) Declaración responsable de que a persoa solicitante non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
h) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son certos.
Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante, de ser o caso. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados.
b) Contrato de alugamento de vivenda formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, ou, se é o caso, contrato de alugamento de habitación ou contrato de cesión de uso.
c) Referencia catastral da vivenda, no caso de que non figure no contrato.
d) Documento asinado pola persoa arrendadora no que conste o importe da renda ou prezo de cesión individualizado, no caso de que estean incluídos os gastos de comunidade e/ou anexos, como garaxes ou rochos, cuxo importe non estivese desagregado.
e) Compromiso asinado pola persoa arrendadora e arrendataria/s da formalización dun contrato de alugamento ou cesión de uso, no caso de non dispoñer de contrato, no que consten os seguintes datos:
– O importe da renda ou prezo da cesión individualizado, sen incluír os anexos da vivenda e gastos de comunidade.
– O concello onde se localice a vivenda.
– A referencia catastral da vivenda.
– As persoas arrendatarias que subscribirán o dito contrato.
– A data de efectos económicos do contrato.
f) Certificado ou volante de empadroamento colectivo, no que conste a data da solicitude, as persoas que teñen o seu domicilio habitual e permanente na vivenda obxecto de alugamento ou cesión ou na que se localice a habitación obxecto de alugamento ou cesión, no caso de que teña contrato. Para estes efectos, recoñeceranse os certificados expedidos nos tres meses anteriores á data de presentación da solicitude.
No caso de que na vivenda resida unicamente a persoa solicitante, o certificado deberá facer constar expresamente esta circunstancia.
g) Documentación xustificativa da fonte regular de ingresos da persoa solicitante. Para estes efectos, poderán achegarse:
– Contrato de traballo por conta allea, de ser o caso.
– Contrato de persoal investigador en formación, de ser o caso.
– Certificado acreditativo da percepción dunha prestación social pública de carácter periódico, contributiva ou asistencial, de ser o caso.
– Calquera outra documentación que xustifique algunha das fontes regulares de ingresos nos termos destas bases reguladoras.
h) No caso de que a persoa solicitante ou calquera das persoas que teñan a súa residencia habitual e permanente na vivenda obxecto do contrato ou compromiso sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en España e non poidan dispoñer dela:
– Convenio regulador de separación ou divorcio ou sentenza que acredite a dita circunstancia, de ser o caso.
– Documentación que acredite que a persoa solicitante e/ou algunha outra persoa que teñen o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida, non poden habitar a vivenda por calquera outra causa allea á súa vontade, de ser o caso.
– Informe técnico que xustifique a inaccesibilidade da vivenda por razón da discapacidade da persoa titular e/ou algunha outra persoa que teñan o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida, de ser o caso.
i) No caso de que a persoa solicitante ou calquera das persoas que teñen o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida sexan propietarias ou usufrutuarias da parte alícuota dunha vivenda en España, documentación acreditativa de que foi obtida por transmisión mortis causa sen testamento.
j) Anexo II, de declaración responsable das persoas que teñen ou terán o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida e comprobación dos datos necesarios para a tramitación do procedemento, no caso de que na vivenda residan outras persoas distintas da persoa solicitante.
k) Anexo III, de declaración responsable de ingresos obtidos pola persoa solicitante e/ou polas persoas que teñen o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida, no caso de non ter presentado a declaración do Imposto sobre a renda das persoas físicas, xunto coa seguinte documentación:
– Certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas nas cales estivese de alta no exercicio económico previsto nesta convocatoria.
– Certificado de pensións ou prestacións periódicas, emitido polo correspondente organismo oficial, no caso de non ser outorgadas polo Instituto Nacional da Seguridade Social (en adiante, INSS) relativo ao exercicio económico previsto nesta convocatoria.
– Certificados bancarios de rendementos de capital mobiliario.
l) Declaración responsable de que ningunha das persoas que convive na vivenda ten entre si parentesco en primeiro grao de consanguinidade, no caso de que na vivenda convivan, ademais da persoa solicitante, outra/s persoa/s e todas elas subscriban o contrato de arrendamento, de ser o caso.
m) Extracto ou certificado bancario acreditativo do pagamento da renda ou prezo da cesión das mensualidades anteriores á presentación da solicitude, no suposto do recoñecemento do dereito da axuda teña carácter retroactivo.
n) Escrito de conformidade das restantes persoas arrendatarias ou cesionarias que convivan na vivenda arrendada, no suposto de que o pagamento íntegro da renda ou prezo da cesión fose realizado por unha única persoa en nome das restantes, no suposto de que o recoñecemento do dereito da axuda teña carácter retroactivo.
o) Resolución de concesión e de suspensión desta axuda na comunidade ou cidade autónoma de orixe, no caso de cambio de domicilio procedente doutra comunidade ou cidade autónoma.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
3. De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente da persoa interesada a súa achega.
Forma de presentación da documentación complementaria.
1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.
2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) Documento nacional de identidade (en adiante, DNI) ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro (en adiante, NIE) da persoa solicitante e, de ser o caso, da súa persoa representante, así como das persoas que teñan o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida.
b) Número de identificación fiscal (en adiante, NIF) da entidade representante, de ser o caso.
c) Consulta de vida laboral dos últimos doce meses da persoa solicitante.
d) Certificación da Axencia Estatal de Administración Tributaria (en adiante, AEAT), acreditativa do cumprimento das obrigas tributarias da persoa solicitante e das persoas que teñan o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida.
e) Certificacións da Tesouraría Xeral da Seguridade Social acreditativa do cumprimento das obrigas fronte á Seguridade Social da persoa solicitante e das persoas que teñan o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida.
f) Certificación da Axencia Tributaria de Galicia (en adiante, Atriga) que acredite non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, correspondente á persoa solicitante e ás que teñan o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida.
g) Certificado da renda expedido pola AEAT, da persoa solicitante e das persoas que teñan o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida.
h) Certificación de titularidade de bens inmobles da Dirección Xeral do Catastro, onde conste que nin a persoa solicitante nin as persoas que teñan o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida teñan en propiedade e/ou en usufruto outra vivenda en España.
i) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas da Intervención Xeral do Estado da persoa solicitante, así como das persoas que teñan o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida.
j) Consulta de concesións de subvencións e axudas da Intervención Xeral do Estado da persoa solicitante, así como das persoas que teñan o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida.
2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
a) Consulta das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, incapacidade temporal e maternidade do Instituto Nacional da Seguridade Social da persoa solicitante, así como das persoas que teñan o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida.
b) Certificado das prestacións da renda de integración social de Galicia da persoa solicitante, así como das persoas que teñan o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida.
c) Certificado dos importes das prestacións de desemprego percibidos nun período pola persoa solicitante, así como polas persoas que teñan o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida.
d) Permiso de estadía ou residencia regular en España da persoa solicitante, no caso das persoas estranxeiras non comunitarias.
3. No caso de que as persoa interesada se opoñan á consulta, deberá indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolucion do 27 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa de bono alugueiro mocidade e se procede á súa convocatoria, con financiamento plurianual, para o ano 2022 (DOG nº 124 do 30 de xuño de 2022).
-
Extracto da Resolucion do 27 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa de bono alugueiro mocidade e se procede á súa convocatoria, con financiamento plurianual, para o ano 2022 (DOG nº 124 do 30 de xuño de 2022).
-
Resolución do 20 de marzo de 2024 pola que se notifican as resolucións de denegación da subvención do Programa de bono alugueiro mocidade por esgotamento do crédito orzamentario dispoñible na Resolución do 27 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa de bono alugueiro mocidade e se procede á súa convocatoria, con financiamento plurianual, para o ano 2022 (DOG nº 75 do 16 de abril de 2024).
-
-
Ámbito Estatal
-
Real Decreto 42/2022, de 18 de xaneiro, polo que se regula o Bono Aluguer Novo e o Plan Estatal para o acceso á vivenda 2022-2022 (BOE nº 16 de 19 de xaneiro de 2022).
-
Corrección de erros do Real Decreto 42/2022, de 18 de xaneiro, polo que se regula o Bono Aluguer Novo e o Plan Estatal para o acceso á vivenda 2022-2025 (BOE nº 72 de 25 de marzo de 2022).
-
Outros procedementos relacionados
Presentación directa de reclamacións en materia de centros, servizos e programas de servizos sociais
Aberto todo o ano
Remisión polas entidades prestadoras de servizos sociais de reclamacións presentadas no seu libro de reclamacións
Aberto todo o ano
Expedición de títulos de ensinanzas impartidas nas escolas de tempo libre.
Aberto todo o ano
Recoñecemento oficial dos servizos de información xuvenil.
Aberto todo o ano