Guía de procedementos e servizos

VI482C

Bono de alugueiro social para vítimas de violencia de xénero con finanaciamento do pacto de estado contra a violencia de xénero.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2019 - Prazo pechado: 12/07/2019 00:00 - 13/12/2019 23:59
TRAMITAR PRESENCIALMENTE

1. Esta resolución ten por obxecto convocar as subvencións do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero, con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para o ano 2019, con financiamento plurianual.

2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

1. As subvencións do Programa do bono de alugueiro social con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero están destinadas a atender as seguintes unidades de convivencia:

a) As das mulleres vítimas de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica do seu agresor ou, no caso de mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual, de dependencia da persoa que mantivese sobre ela unha relación de dominación.

Terán tamén esa consideración as mulleres que padecesen violencia vicaria ou violencia por interpósita persoa, con resultado de morte.

b) As das fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, calquera que sexa a natureza da súa filiación, que se encontrasen nunha situación de dependencia económica da nai ou do agresor no momento do falecemento da vítima.

2. Para os efectos desta orde, considérase unidade de convivencia o conxunto de persoas que habitan e gozan dunha mesma vivenda de forma habitual e permanente e con vocación de estabilidade, con independencia da relación que exista entre todas elas. Unha unidade de convivencia pode estar composta por varias unidades familiares. A composición da unidade familiar será a que se estableza na normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante, IRPF).

Obrigas das persoas beneficiarias.

Ademais das recollidas nesta orde e no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, serán obrigas das persoas beneficiarias:

1. Acreditar o pagamento da renda conforme o previsto nestas bases reguladoras.

2. Facilitar toda a información que requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

3. Permitirlle ao IGVS a realización das inspeccións ou as comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados ou o destino da subvención concedida.

Xunta de Galicia

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

Departamento Territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas de A Coruña

Área Provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo da Coruña

Praza de Luis Seoane, s/n

15008  Coruña, A  (Coruña, A)

Teléfono: 981184801

Xunta de Galicia

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

Departamento Territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas de Lugo

Área Provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo de Lugo

Avda. Ramón Ferreiro 28

27071  Lugo  (Lugo)

Teléfono: 982294602

Xunta de Galicia

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

Departamento Territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas de Ourense

Área Provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo de Ourense

Rúa Sáenz Díez, 1

32071  Ourense  (Ourense)

Teléfono: 988386233

Xunta de Galicia

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

Departamento Territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas de Pontevedra

Área Provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo de Pontevedra

Rúa Alcalde Hevia 7

36071  Pontevedra  (Pontevedra)

Teléfono: 986805610

Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)

Prazo de presentación: PECHADO

12/07/2019 00:00 - 13/12/2019 23:59

O prazo para a presentación de solicitudes desta convocatoria comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e terminará o día 13 de decembro de 2019 e, en todo caso, co esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria.

1. Para que as unidades de convivencia previstas na letra a) do artigo 2.1 poidan ser beneficiarias destas axudas é preciso que concorran os seguintes requisitos:

a) Que, dentro do ano anterior á data de presentación da solicitude, cesase a convivencia co agresor ou coa persoa que manteña sobre ela unha relación de dominación. No caso de violencia vicaria ou violencia por interpósita persoa, o feito causante deberase ter producido dentro do ano anterior ao da presentación da solicitude.

b) Que o documento acreditativo da situación de violencia fose emitido dentro dos doce meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.

No caso de acreditar a situación de violencia de xénero a través da orde de protección ou da medida cautelar, estas deberán estar vixentes na data de presentación da solicitude e manterse na data da resolución desta axuda. Para estes efectos, o órgano xestor solicitará informe ao Punto de Coordinación das Ordes de Protección de Galicia, radicado na Secretaría xeral da Igualdade.

2. Para que as unidades de convivencia previstas na letra b) do artigo 2.1 poidan ser beneficiarias destas axudas é preciso que concorra algún dos seguintes requisitos:

a) Que a persoa solicitante sexa menor de idade e estivese convivindo coa nai no momento da súa morte, independentemente da renda da unidade de convivencia.

b) Que a persoa solicitante sexa maior de idade e menor de 30 anos, e dependese economicamente da nai e/ou do agresor. Entenderase que existe dependencia económica cando na data do falecemento as fillas e os fillos percibisen rendas, de calquera natureza, que en cómputo anual sexan iguais ou inferiores a doce mensualidades do indicador público da renda de efectos múltiples (en diante, IPREM) a que se refira a convocatoria.

3. Ademais dos anteriores, as persoas beneficiarias deste programa deberán cumprir os seguintes requisitos comúns:

a) Estar empadroadas e ter residencia efectiva nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia durante os doce meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude da axuda. Ademais, no caso das persoas estranxeiras, cando así o exixa a lexislación vixente, deberán posuír o permiso de residencia.

No caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual, será suficiente acreditar que están empadroadas nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia e que posúen autorización de residencia por circunstancias excepcionais.

b) Que sexan persoas arrendatarias ou que estean en condicións de subscribir un contrato de arrendamento de vivenda nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia, cunha duración mínima dun ano e con mención expresa da súa referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos.

No caso dos/das menores de idade orfos por violencia de xénero, así como das vítimas de trata menores de idade, o contrato de arrendamento deberá ser asinado pola persoa que posúa a patria potestade, tutela ou acollemento familiar permanente do/da dito/a menor, nos termos que se determinen na normativa aplicable.

c) Que a vivenda obxecto do contrato de arrendamento constitúa ou vaia constituír o seu domicilio habitual e permanente.

d) Que a renda do contrato de arrendamento que se subvencione non supere os importes sinalados no artigo 4 destas bases reguladoras.

e) Que os ingresos da súa unidade de convivencia, computados conforme estableza a resolución de convocatoria, sexan iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM ponderado, coa excepción prevista no suposto sinalado no artigo 3.2.a).

f) Que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da unidade de convivencia teña vínculo de matrimonio ou relación estable análoga coa persoa arrendadora. Así mesmo, que non exista vínculo de parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata o segundo grao, coa persoa arrendadora. Esta mesma exixencia aplicarase cando a parte arrendadora sexa unha persoa xurídica, respecto de calquera dos seus socios ou partícipes.

g) Que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da súa unidade de convivencia teña no territorio nacional unha vivenda en propiedade ou en usufruto. Exceptúase o caso de que, dispoñendo dela, non goce do seu uso e desfrute ou se trate dunha vivenda insuficiente ou inadecuada, por razóns de habitabilidade e mobilidade.

Para os efectos anteriores:

– Considerarase unha vivenda insuficiente aquela en que a cada ocupante lle correspondan menos de 10 m² de superficie útil. Non se computará, neste suposto, a correspondente a baños, corredores e tendais.

– Considerarase vivenda inadecuada por razóns de habitabilidade aquela que estea en situación legal de ruína, así como aqueloutra que teña deficiencias que afecten de forma notoria a súa habitabilidade.

– Considerarase vivenda inadecuada por razóns de mobilidade aquela que, pola súa configuración arquitectónica e/ou accesos, implique unha grave perda de funcionalidade para unha persoa con mobilidade reducida.

h) Que non sexan arrendatarias de vivendas xestionadas polo IGVS.

i) Que a persoa solicitante e as restantes persoas da unidade de convivencia estean ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Ademais, non deben estar incursos en ningún dos outros supostos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Non poderán ser beneficiarias deste programa aquelas persoas que tivesen concedido o Programa do bono alugueiro social sen financiamento do Pacto de Estado, acolléndose ao suposto de vítima de violencia de xénero, nos tres anos anteriores á data de presentación da correspondente solicitude, agás que perdesen o dereito por non ter xustificado a concesión da subvención coa presentación do contrato, ou que esgotasen o período máximo de desfrute ordinario do Programa do bono de alugueiro social sen financiamento do Pacto de Estado.

  • A solicitude realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpore como anexo I á correspondente resolución de convocatoria, debidamente cuberto. Deberá dirixirse á área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

Só se admitirá unha única solicitude por cada unidade de convivencia, salvo nos supostos en que as persoas solicitantes sexan as fillas e/ou fillos menores de 30 anos orfos. No caso de presentar máis dunha solicitude, só se tramitará a primeira das presentadas; todas as demais se terán por inadmitidas.

  • As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Tamén se poderán presentar as solicitudes presencialmente por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

  • Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

  • No modelo de solicitude a persoa solicitante realizará as seguintes declaracións:

a) Declaración de que non solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e o seu importe.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para a mesma finalidade, con indicación do seu importe.

c) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da súa unidade de convivencia ten no territorio nacional unha vivenda en propiedade ou en usufruto, agás os supostos exceptuados no artigo 3.3.g) das bases reguladoras.

d) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa da unidade de convivencia ten vínculo de matrimonio ou relación estable análoga coa persoa arrendadora. Así mesmo, que non existe vínculo de parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata o segundo grado, coa persoa arrendadora da vivenda ou con calquera dos socios ou partícipes da persoa xurídica arrendadora, de ser o caso.

e) Compromiso de presentar a documentación acreditativa do pagamento de parte do alugueiro ou a declaración responsable, de ser o caso, dentro dos dez (10) primeiros días naturais de cada mes.

f) Declaración de non estar incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas previstas no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

g) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

h) Declaración de que todos os datos da solicitude e dos documentos que se achegan son certos.

Documentación complementaria e forma de presentación.

  • Coa solicitude, anexo I, deberase achegar a seguinte documentación:

a) Documento acreditativo da representación da persoa que actúe como representante, de ser o caso. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados

b) Anexo II, de comprobación de datos das persoas que integran a unidade de convivencia, distintas da persoa solicitante.

No caso de que unha unidade de convivencia estea composta por máis dunha unidade familiar, deberase cubrir un anexo II por cada unha delas.

c) Anexo III, de compromiso das persoas asinantes do contrato de alugamento de someterse ás condicións do Programa de bono de alugueiro social. Neste anexo indicarase tanto o número de conta bancaria de titularidade da persoa arrendadora en que se realizará o ingreso da subvención mensual do Bono de alugueiro social, como o número de conta da persoa arrendataria en que se realizará o ingreso, de ser o caso, da axuda complementaria.

Este anexo deberá achegarse coa presentación do contrato de alugamento, no caso de que a persoa solicitante non dispoña de contrato no momento de presentar a solicitude.

d) Informe dos servizos sociais do concello en que está empadroada a persoa solicitante, co contido recollido no anexo IV; para tal efecto, poderase utilizar o citado anexo. Neste informe deberá constar a data de cesamento da convivencia, con base na documentación de que se dispoña ou da declaración da persoa solicitante.

No caso das fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, deberá facerse constar neste informe a filiación da persoa solicitante respecto da vítima de violencia de xénero, así como a situación de dependencia económica da nai e/ou do agresor no momento do falecemento.

e) Contrato de alugamento da vivenda cunha duración mínima dun ano e con mención expresa da referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos.

No caso de non ter formalizado o contrato no momento de presentación da solicitude, deberase presentar na correspondente área provincial do IGVS no prazo de dous (2) meses, contado desde a notificación da resolución de concesión da axuda, xunto co do xustificante de empadroamento conxunto das persoas que integran a unidade de convivencia nesa vivenda e do anexo III, referido na letra c) deste ordinal.

f) Xustificante de empadroamento conxunto de todas as persoas integrantes da unidade de convivencia. Estes xustificantes deberán estar expedidos dentro dos tres meses anteriores á data da presentación da solicitude.

g) No caso de nai xestante, certificado médico ou documentación que acredite o citado estado.

h) De ser o caso, certificado acreditativo da situación de adopción en trámite.

i) Certificado de discapacidade da persoa solicitante e dos demais membros que integran a unidade de convivencia, no caso de non ser expedido pola Xunta de Galicia.

j) Documentación acreditativa da condición de muller vítima de violencia de xénero ou, de ser o seu caso, de vítima de trata con fins de explotación sexual, mediante algún dos documentos seguintes:

1º. Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, testemuño ou copia autenticada polo/a letrado/a da Administración de xustiza da propia orde de protección ou da medida cautelar, que conteña as medidas en vigor.

2º. Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia de xénero ou documento xudicial que declare que a muller é vítima de trata de seres humanos con fins de explotación sexual.

3º. Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia e/ou de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, auto de apertura de xuízo oral ou documento equivalente en que conste a existencia dos ditos indicios.

4º. Informe das forzas e corpos de seguridade que indique a existencia de indicios claros de trata de seres humanos con fins de explotación sexual.

5º. Informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local en que se recolla a dita condición de vítima de violencia de xénero ou de vítima de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, e a data en que se produciu o cesamento da convivencia ou da situación de dominación respectivamente.

6º. Informe dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local en que se recolla a dita condición de vítima de violencia de xénero ou de vítima de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, e a data en que se produciu o cesamento da convivencia ou da situación de dominación respectivamente.

  • Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo foron presentados. Presumirase que o acceso a estes documentos é autorizado polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

  • Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, a área provincial do IGVS poderá requirirlle a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos contidos a que se refire o documento.

  • A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Tamén se poderá presentar en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

  • Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

  • As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas. Excepcionalmente, o IGVS poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

  • Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade ou número de identidade de estranxeiro da persoa solicitante e, de ser o caso, da persoa representante, das persoas que integran a unidade de convivencia que figuran no anexo II e da persoa arrendadora que figura no anexo III.

b) Validación do número de identificación fiscal da persoa representante, así como da persoa arrendadora que figura no anexo III, no caso de que sexan persoas xurídicas.

c) Permiso de residencia legal da persoa solicitante, cando sexa estranxeira.

d) Certificado de empadroamento da persoa solicitante, no caso de cambio de domicilio durante a vixencia do contrato, e das persoas que figuran no anexo II.

e) Certificacións da Axencia Estatal de Administración Tributaria, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, correspondentes á persoa solicitante e ás persoas que integran a súa unidade de convivencia e que figuran no anexo II.

f) Datos catastrais correspondentes á persoa solicitante e ás persoas que integran a súa unidade de convivencia.

g) Certificación de titularidade de bens inmobles da Dirección Xeral do Catastro onde conste que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da unidade de convivencia teñen en usufruto ou en propiedade outra vivenda en territorio español.

h) Certificado acreditativo de discapacidade, no caso de que a persoa solicitante ou calquera das persoas que figuran no anexo II faga constar na solicitude que lle é de aplicación esta circunstancia, para o suposto de que o documento deba ser expedido pola Xunta de Galicia. No suposto de non tratarse dun documento expedido pola Xunta de Galicia, deberase presentar a correspondente documentación.

i) Percepción de subvencións para vítimas de violencia de xénero concedidas pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia.

j) Vixencia da orde de protección ou da medida cautelar, a través do Punto de coordinación das ordes de protección da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia.

k) Consulta de inhabilitacións para obter Subvencións e Axudas da persoa solicitante.

l) Consulta de concesións de subvencións e axudas da persoa solicitante.

m) Consulta da prestación de desemprego percibida pola persoa solicitante, así como polas persoas que integran a súa unidade de convivencia e que figuran no anexo II.

n) Consulta das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, Incapacidade Temporal e Maternidade do Instituto Nacional da Seguridade Social, da persoa solicitante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia e que figuran no anexo II.

o) Certificado das percepcións da renda de integración social de Galicia (RISGA) da persoa solicitante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia e que figuran no anexo II.

2. O acceso aos datos contidos nos documentos sinalados coas letras m), n) e o) do número anterior, de conformidade co artigo 155 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, poderán realizalo por aquelas administracións locais que dispoñan do correspondente convenio coa Xunta de Galicia para acceder a través das plataformas de intermediación de datos.

3. No caso de que a persoa solicitante e, de ser o caso, a persoa representante, os demais membros da unidade de convivencia ou a persoa arrendadora se opoñan expresamente a estas consultas, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo I, anexo II e no anexo III, respectivamente, e achegar os documentos correspondentes.

4. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

  • Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 11 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero, con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (DOG nº 78 do 24 de abril de 2019).

    • Resolución do 28 de xuño de 2019 pola que se convocan as subvencións do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero, con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para o ano 2019, con financiamento plurianual (DOG nº 131 do 11 de xullo de 2019)

    • Extracto da Resolución do 28 de xuño de 2019 pola que se convocan as subvencións do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero, con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para o ano 2019, con financiamento plurianual (DOG nº 131 do 11 de xullo de 2019).

Outros procedementos relacionados

BS423A

Título de familia numerosa / Carné familiar.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

SI433A

Recoñecemento e acreditación de centros de información á muller.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

SI433B

Extinción do recoñecemento e acreditación de centros de información á muller.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

SI434A

Prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 21/01/2025 00:00 - 31/12/2025 23:59