Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
VI432A
Axudas ao alugamento de vivenda do plan estatal de vivenda 2018-2021.
Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión (código de procedemento VI432A) dos seguintes programas de axudas ao alugamento de vivendas, de conformidade co Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021 (en diante, Plan 2018-2021):
a) Liña A, axuda ao alugamento de vivenda: a súa finalidade é facilitar o desfrute dunha vivenda en réxime de alugamento a sectores de poboación con escasos medios económicos, mediante a concesión de axudas directas ás persoas inquilinas.
b) Liña B, axuda á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente: a súa finalidade é facilitar o acceso ao desfrute dunha vivenda digna e adecuada, en réxime de alugamento, a persoas menores de 35 anos con escasos medios económicos, mediante o outorgamento de axudas directas ás persoas inquilinas.
2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse estas liñas de axudas para a anualidade 2019, con carácter plurianual.
3. A concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase polo procedemento de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
A convocatoria para solicitar as subvencións da liña A, axuda ao alugamento de vivenda, e para a liña B, axuda á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente, rexerase polo establecido nesta orde.
Duración das axudas.
1. As axudas de ambas as dúas liñas concederanse por un prazo máximo de 3 anos e, en todo caso, ata o 31 de decembro de 2021, prazo de remate da vixencia do Plan 2018-2021.
2. O recoñecemento do dereito da axuda poderá ter carácter retroactivo, nos termos que se determinen en cada convocatoria.
1. Poderán ser beneficiarias das axudas da liña A, axuda ao alugamento de vivenda, as persoas físicas maiores de idade que na data da presentación da solicitude cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter a nacionalidade española ou residir legalmente en España, no caso das persoas estranxeiras.
b) Ser titulares, en condición de persoa inquilina, dun contrato de alugamento de vivenda cunha duración mínima dun ano, con mención expresa da súa referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos, e cuxos efectos económicos sexan anteriores ao último día do prazo de presentación de solicitudes.
c) Que a vivenda arrendada constitúa a súa residencia habitual e permanente, así como da súa unidade de convivencia durante todo o período polo cal se conceda a axuda. Para estes efectos, tanto a persoa beneficiaria como as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia deben constar empadroadas na vivenda obxecto do contrato de alugamento na data da presentación da solicitude.
d) Que a renda mensual da vivenda alugada non supere os importes establecidos no artigo 10.
e) Que os ingresos das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a 2 veces o IPREM. Este límite será de 4 veces o IPREM, se a unidade de convivencia é unha familia numerosa de categoría xeral ou ten persoas cunha discapacidade distinta das sinaladas a continuación. O límite será de cinco 5 veces o IPREM cando a unidade de convivencia sexa unha familia numerosa de categoría especial ou teña persoas con algún dos seguintes tipos de discapacidade:
i) Parálise cerebral, enfermidade mental, discapacidade intelectual ou discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.
ii) Discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.
f) Que os ingresos mínimos da unidade de convivencia non sexan inferiores a 0,7 veces o IPREM. Para o cómputo destes ingresos non serán de aplicación os coeficientes multiplicadores previstos no artigo 12.4.
2. Poderán ser beneficiarias das axudas da liña B, axuda á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente, as persoas físicas maiores de idade que non teñan cumpridos os 35 anos na data de presentación da solicitude e cumpran o resto de requisitos sinalados no punto 1 deste artigo.
3. Non poderá concederse a axuda cando a persoa solicitante ou algunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia se atope nalgunha das situacións que a continuación se indican:
a) Ser propietario ou usufrutuario dalgunha vivenda en España. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito as persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten a non dispoñibilidade dela por causa de separación, divorcio ou por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou dalgún membro da súa unidade de convivencia.
b) Ter parentesco en primeiro ou segundo grao de consanguinidade ou de afinidade coa persoa arrendadora da vivenda.
c) Ser socia ou partícipe da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora.
d) Ser inquilina dunha vivenda xestionada polo IGVS ou por calquera Administración pública.
e) Ter sido beneficiaria das axudas de calquera das dúas liñas deste programa ao abeiro de convocatorias anteriores realizadas con financiamento do Plan 2018-2021. Exceptúanse deste suposto as persoas que xa non forman parte da unidade de convivencia da persoa beneficiaria da axuda.
f) Non atoparse ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
g) Estar incurso nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, e/ou no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como ser obxecto dunha resolución de revogación ou reintegro dunha axuda deste plan de vivenda ou doutro anterior, por causa imputable a algunha das persoas integrantes da unidade de convivencia.
Xunta de Galicia
Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
Departamento Territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas de A Coruña
Área Provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo da Coruña
Praza de Luis Seoane, s/n
15008 Coruña, A (Coruña, A)
Teléfono: 012
Xunta de Galicia
Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
Departamento Territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas de Lugo
Área Provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo de Lugo
Avda. Ramón Ferreiro 28
27071 Lugo (Lugo)
Teléfono: 012
Xunta de Galicia
Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
Departamento Territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas de Ourense
Área Provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo de Ourense
Rúa Sáenz Díez, 1
32071 Ourense (Ourense)
Teléfono: 012
Xunta de Galicia
Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
Departamento Territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas de Pontevedra
Área Provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo de Pontevedra
Rúa Alcalde Hevia 7
36071 Pontevedra (Pontevedra)
Teléfono: 012
Xunta de Galicia
Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
Departamento Territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas de Pontevedra
Área Provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo de Pontevedra
Praza da Estrela, s/n
36201 Vigo (Pontevedra)
Teléfono: 012
PROCESO DE SOLICITUDE
É obrigatorio que no proceso de achega de documentación se inclúan como arquivos adxuntos os que se cita a continuación. En caso contrario a solicitude quedará automaticamente inadmitida (artigo 15.2 da Orde do 2 de agosto de 2019):
- Contrato de alugamento de vivenda, cunha duración mínima dun ano, con mención expresa da referencia catastral
- Xustificante de empadroamento conxunto de todas as persoas integrantes da unidade de convivencia (expedido nos 3 meses anteriores)
- Anexo II, no caso de que a unidade de convivencia estea integrada por máis dunha persoa
Prazo de presentación: PECHADO
12/09/2019 00:00 - 11/10/2019 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Orificial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
A solicitude realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta resolución, que está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Deberá dirixirse á Dirección Técnica de Fomento do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS).
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.gal) e na páxina web do IGVS (http://igvs.xunta.gal/web/igvs/portada).
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
No modelo de solicitude constan como de obrigada formalización varios campos, os cales deben estar cubertos no momento da súa presentación. Aquelas solicitudes que sexan presentadas sen formalizar os citados campos obrigatorios non serán admitidas a trámite.
No modelo de solicitude, a persoa solicitante realizará as seguintes declaracións:
a) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.
b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida á persoa solicitante ou a calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia para a mesma finalidade.
c) Declaración responsable de que a persoa solicitante é titular dun contrato de alugamento de vivenda cunha duración mínima dun ano, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos, situado nun concello de Galicia e que a vivenda obxecto do contrato constitúe o seu domicilio habitual e permanente.
d) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia é propietaria ou usufrutuaria dunha vivenda situada no territorio nacional, agás os supostos exceptuados no artigo 7.3.a).
e) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia ten parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata o segundo grao, coa persoa arrendadora.
f) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia é socia ou partícipe da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora.
g) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia é inquilina de vivendas xestionadas polo IGVS ou por calquera Administración pública.
h) Declaración responsable de que nin á persoa solicitante nin a ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia se lle teña revogada ou fose obxecto dunha resolución de reintegro dunha axuda deste plan de vivenda ou doutro anterior por causa que lle sexa imputable.
i) Declaración responsable de que a persoa solicitante ou algunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia non foi beneficiaria das axudas de calquera das dúas liñas deste programa ao abeiro de convocatorias anteriores realizadas con financiamento do Plan 2018-2021, agás o suposto exceptuado no artigo 7.3.e).
j) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro.
k) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
l) Declaración responsable de que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia están ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
m) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son certos.
A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación das bases reguladoras.
Documentación necesaria para a tramitación do procedemento.
Coa solicitude deberase achegar a seguinte documentación:
a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón:
https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados
b) Contrato de alugamento da vivenda, cunha duración mínima dun ano, con mención expresa da súa referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos.
c) Xustificante de empadroamento conxunto de todas as persoas integrantes da unidade de convivencia, expedido dentro dos tres meses anteriores á data da presentación da solicitude. As persoas integrantes desta unidade de convivencia deben constar empadroadas na vivenda obxecto do contrato de alugamento na data da presentación da solicitude.
d) Anexo II, de declaración responsable das persoas integrantes da unidade de convivencia da persoa solicitante e comprobación dos datos necesarios para a tramitación do procedemento, no caso de que a unidade de convivencia estea integrada por máis dunha persoa.
No caso de que unha unidade de convivencia estea composta por máis dunha unidade familiar, deberase cubrir un modelo de anexo II por cada unha delas.
e) Documentación xustificativa dos ingresos percibidos pola unidade de convivencia, no caso de non presentar declaración do IRPF ou percibir algunha das rendas exentas previstas no artigo 7 da Lei 35/2006, do 28 de novembro, acompañada da seguinte documentación:
– Certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas nas cales estivese de alta no devandito exercicio.
– Certificado de pensións ou prestacións periódicas, emitido polo correspondente organismo oficial, no caso de non ser outorgadas polo INSS.
– Certificados bancarios de rendementos do capital mobiliario.
– Certificado da contía percibida pola renda de integración social de Galicia.
f) No caso de ingresos obtidos no estranxeiro, copia da declaración similar á do IRPF, autenticada pola correspondente delegación consular e, de ser o caso, o certificado acreditativo de equivalencia en euros do importe declarado.
g) De ser o caso, convenio regulador de nulidade, separación ou divorcio, ou sentenza que acredite que a persoa solicitante non ten o uso da vivenda familiar, así como a documentación acreditativa de estar ao día no pagamento das pensións alimenticias e compensatorias, se for o caso, no caso das persoas separadas ou divorciadas.
h) No caso de familias numerosas, título de familia numerosa, no suposto de tratarse dun documento non expedido pola Xunta de Galicia.
i) Certificado de discapacidade da persoa solicitante e/ou das persoas que integran a súa unidade de convivencia, no suposto de tratarse dun documento non expedido pola Xunta de Galicia.
As solicitudes que no momento da súa presentación non vaian acompañadas dos documentos sinalados nas letras b), c) e d) do punto 1 deste artigo quedarán automaticamente inadmitidas.
Aquelas persoas que na solicitude indiquen que pertencen a algún dos colectivos preferentes especificados no artigo 12.5, deberán achegar a documentación xustificativa da circunstancia que lle é de aplicación, soamente cando lle sexa requirida pola Administración no caso de empate na puntuación que resulta da fórmula prevista no artigo 12 destas bases reguladoras.
Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo foron presentados. Presumirase que o acceso a estes documentos é autorizado polas persoas interesadas, salvo que conste neste procedemento a súa oposición expresa.
No suposto de que exista a imposibilidade material de obter o documento, o órgano instrutor poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos contidos a que se refire o documento.
A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, o IGVS poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo coa copia electrónica presentada.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e cos datos indicados no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente, de ser o caso, os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) da persoa solicitante e, de ser o caso, da súa persoa representante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia e da/s persoa/s arrendadora/s da vivenda.
b) Número de identificación fiscal da entidade representante da persoa solicitante.
c) Número de identificación fiscal da entidade arrendadora que figura no anexo III, de compromiso de someterse ás condicións do programa, no caso de que sexa unha persoa xurídica.
d) Certificado de empadroamento da persoa solicitante, así como das persoas que integran a unidade de convivencia.
e) Certificacións da Axencia Estatal de Administración Tributaria (en diante, AEAT), da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, correspondentes á persoa solicitante e ás persoas que integran a unidade de convivencia.
f) Certificado da renda expedido pola AEAT, da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia, correspondente aos datos fiscais que se establezan en cada convocatoria.
g) Certificado do nivel de renda expedido pola AEAT, da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia, correspondente aos datos fiscais que se establezan en cada convocatoria.
h) Datos catastrais correspondentes á persoa solicitante e ás persoas que integran a súa unidade de convivencia.
i) Certificación de titularidade de bens inmobles da Dirección Xeral do Catastro, onde conste que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da unidade de convivencia teñen en usufruto ou en propiedade outra vivenda en territorio español.
j) Consulta das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, incapacidade temporal e maternidade do Instituto Nacional da Seguridade Social, da persoa solicitante así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia.
k) Certificado das percepcións da renda de integración social de Galicia, da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia.
l) Consulta de inhabilitacións para obter subvenciones e axudas da persoa solicitante e dos restantes membros da unidade de convivencia que figuren no anexo II.
m) Consulta de concesión de subvencións e axudas da persoa solicitante e dos restantes membros da unidade de convivencia que figuren no anexo II.
Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
n) Permiso de residencia legal da persoa solicitante, cando sexa estranxeira.
o) Certificado de monoparentalidade expedido pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.
p) Importes das prestacións de desemprego percibidas pola persoa solicitante, así como polas persoas que integran a súa unidade de convivencia.
q) Título autonómico de familia numerosa da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia.
r) Certificado acreditativo da discapacidade, da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia, para o suposto de que o documento deba ser expedido pola Xunta de Galicia.
2. No caso de que a persoa solicitante, calquera das persoas que integran a súa unidade de convivencia e/ou a persoa arrendadora se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado nos anexos I, II, III e IV, respectivamente, e achegar os devanditos documentos.
3. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselle solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Prazo de resolución: Cinco meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 11 de agosto de 2020 pola que se dá publicidade das persoas beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 2 de agosto de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019, con carácter plurianual (códigos de procedemento VI432A e VI432B), e se lles notifica a resolución ás persoas a que se lles denegaron estas axudas (DOG nº 168 do 20 de agosto de 2020).
-
Orde do 17 de abril de 2020 pola que se modifica a Orde do 2 de agosto de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019, con carácter plurianual (códigos de procedemento VI432A e VI432B) (DOG nº 77 do 22 de abril de 2020).
-
Orde do 2 de agosto de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019, con carácter plurianual (DOG nº 172 do 11 de setembro de 2019).
-
-
Ámbito Estatal
-
Extracto da Orde do 2 de agosto de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019, con carácter plurianual (DOG nº 172 do 11 de setembro de 2019).
-
Real Decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021 (BOE nº 61 de 10 de marzo de 2018).
-
Outros procedementos relacionados
Inscrición/modificación do certificado de edificios de nova construción no rexistro de certificados de eficiencia enerxética de edificios.
Aberto todo o ano
Inscrición/modificación do certificado de edificios existentes no rexistro de certificados de eficiencia enerxética de edificios.
Aberto todo o ano
Programa "Avais para a adquisición de vivenda".
Prazo aberto: 01/04/2025 00:00 - 31/10/2025 23:59
Programa de axuda ás actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Prazo aberto: 08/05/2025 00:00 - 08/07/2025 23:59