Guía de procedementos e servizos

VI408L

Cualificación provisional para participar no programa de rexeneración e renovación urbana e rural no ámbito da ARI da Ribeira Sacra

Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais

Convocatoria 2022 - Prazo pechado: 30/03/2022 00:00 - 30/10/2023 23:59
TRAMITAR PRESENCIALMENTE

1. Esta resolución ten por obxecto regular o procedemento para participar no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural previsto no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021 (en diante, Plan 2018-2021), no ámbito da área de rehabilitación integral (en diante, ARI) da Ribeira Sacra, e abrir o prazo para solicitar a participación neste programa (códigos de procedemento VI408L y VI408M).)

2. Así mesmo, por medio desta resolución, apróbanse as bases reguladoras que rexerán na Comunidade Autónoma de Galicia a concesión das subvencións previstas para este programa nos acordos que se asinen entre o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e o Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) para o financiamento da ARI da Ribeira Sacra (código de procedemento VI408N).

Persoas ou entidades solicitantes da cualificación provisional

Poderán solicitar a cualificación provisional:

a) As comunidades de persoas propietarias e as agrupacións de comunidades de persoas propietarias constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.

b) As agrupacións de persoas propietarias.

c) As persoas físicas propietarias de edificios ou vivendas.

d) As administracións públicas con competencias neste ámbito para as actuacións sinaladas no punto 1.e) do ordinal décimo primeiro.

Xunta de Galicia

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo

Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)

Secretaría Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)

Servizo de Coordinación e Información en Materia de Vivenda

Área Central. Fontiñas

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981541981

Dirección Técnica de Axudas e Vivenda

1. Serán subvencionables as actuacións realizadas en vivendas unifamiliares, en edificios de vivendas de tipoloxía residencial colectiva ou nas vivendas situadas nestes edificios. Tamén serán subvencionables as actuacións sinaladas no punto 1.e) do ordinal décimo primeiro que se realicen nos espazos públicos situados nos ámbitos das ARI.

2. As actuacións deberán dispoñer de licenza municipal ou, se é o caso, someterse ao réxime de intervención municipal de comunicación previa, así como dispoñer de todas as autorizacións sectoriais preceptivas.

3. As actuacións deberán axustarse ao proxecto de execución das obras, presentado coa solicitude de cualificación provisional ou, se é o caso, á memoria elaborada para a súa execución. A memoria deberá estar asinada por un/unha técnico/a competente, este/a será o/a profesional con capacidade técnica suficiente para redactar o orzamento, dirixir ou executar a obra.

O proxecto ou a memoria técnica deberá conter todas as especificacións que xustifiquen as actuacións que se van executar, así como un resumo en capítulos dos tipos de obra que se vaian executar, e sinalará o seu importe. No suposto de que as obras supoñan unha mellora da eficiencia enerxética, deberase especificar a porcentaxe desa mellora respecto da situación de partida.

As actuacións que se vaian executar deberanse especificar de conformidade coa desagregación establecida no modelo de solicitude de cualificación provisional.

4. As actuacións de rehabilitación e renovación realizaranse de conformidade cos criterios fixados na Guía de cor e materiais elaborada pola Xunta de Galicia.

5. Na execución das actuacións de renovación exíxese a demolición da edificación orixinaria.

6. No caso de se realizaren actuacións en edificios de tipoloxía residencial colectiva, será requisito necesario o acordo validamente adoptado da comunidade de persoas propietarias ou da agrupación de comunidades de persoas propietarias, de executar as obras.

7. As actuacións non poderán estar iniciadas antes do 1 de xaneiro do ano en que se presente a solicitude de cualificación provisional e non poderán en ningún caso estar finalizadas na data da presentación desa solicitude.

8. O prazo máximo de execución da actuación virá determinado na resolución de cualificación provisional.

9. O custo de todas as actuacións subvencionables incluirá tamén os honorarios das persoas profesionais que interveñan, o custo da redacción dos proxectos, das direccións técnicas ou facultativas, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e calquera outro gasto similar, derivado da actuación, sempre que estean debidamente xustificados. No custo total das obras non se incluirán os gastos derivados de impostos, taxas e tributos.

10. O custo subvencionable das obras, incluídos os gastos sinalados no punto anterior, non poderá superar os custos medios do mercado que correspondan a tales actuacións, os cales se determinarán de conformidade coa última edición publicada da base de prezos da construción de Galicia ou normativa que a substitúa.

Serán causas de denegación da cualificación provisional, entre outras, as seguintes:

a) Que o edificio ou a vivenda que se pretende rehabilitar ou renovar ou, se é o caso, o espazo público en que se vaian realizar obras de mellora da calidade e sustentabilidade do medio urbano, non se atope no ámbito da ARI da Ribeira Sacra, segundo o establecido no ordinal décimo desta resolución.

b) Que a actuación prevista non se atope entre as actuacións de rehabilitación, renovación ou, se é o caso, de mellora da calidade e sustentabilidade do medio urbano recollidas neste programa.

c) Que a obra obxecto de execución xa estivese rematada na data da presentación da solicitude de cualificación provisional.

d) Que a solicitude se presentase fóra de prazo.

e) Que a actuación non se axuste ás determinacións do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo.

Forma de presentación das solicitudes de calificación

1. As solicitudes para as cualificacións provisional realizarase  mediante a presentación do modelo que se incorporan, como anexo III (código de procedemento VI408L)  desta resolución. Deberá dirixirse á área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda ou o edificio ou, de ser o caso, o espazo público en que se vaian realizar as obras de mellora da calidade e sustentabilidade do medio urbano.

2. As persoas físicas presentarán as solicitudes preferiblemente por vía electrónica, a través dos formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. Opcionalmente, poderán presentar as solicitudes de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. As persoas xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica, así como quen actúe na súa representación, deberán presentar as solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. No caso de presentar a súa solicitude de forma presencial, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

Documentación complementaria para a solicitude de cualificación provisional

1. Coa solicitude de cualificación provisional deberá achegarse a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa ou entidade solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/modelos-xenericos.

b) Documentación acreditativa da titularidade do inmoble, no caso de persoas físicas solicitantes e de agrupacións de persoas propietarias.

c) Acta de constitución da comunidade de persoas propietarias ou documento de constitución como agrupación de comunidades de persoas propietarias.

d) Certificado da comunidade de persoas propietarias, da agrupación de comunidades de persoas propietarias ou da agrupación de persoas propietarias, no cal se recolla tanto o acordo de participar neste programa como o nomeamento da persoa que represente na tramitación do expediente a comunidade ou a agrupación de comunidades de persoas propietarias ou a agrupación de persoas propietarias, conforme o modelo que se xunta como anexo V.

e) Proxecto de execución das obras ou, se non for preciso para a súa autorización, memoria descritiva das actuacións que se van realizar, que deberán identificar o edificio ou a vivenda, incluír fotografías onde se amosen os elementos que se rehabilitarán, así como o orzamento desagregado e detallado do investimento.

f) Certificado do inicio das obras, emitido pola persoa técnica responsable da obra, no caso de obras iniciadas con anterioridade á data da publicación desta resolución no DOG.

g) Licenza municipal de obras, no caso de que sexa necesaria pola actuación que se realice. No suposto de non contar aínda coa licenza, achegarase a correspondente solicitude de licenza.

h) Comunicación previa ao concello, cando a actuación non estea sometida á licenza. No caso de ter transcorridos máis de quince días hábiles, contados desde a data da presentación da comunicación previa ao concello, esta deberá vir acompañada dunha declaración responsable da actuación de non ter sido requirido para a súa emenda.

i) Plano de situación da vivenda ou do edificio ou, se é o caso, do espazo público en que se vaian realizar obras de mellora da calidade e sustentabilidade do medio urbano.

j) No caso de edificios ou vivendas declarados ben de interese cultural (en diante, BIC), catalogados ou que conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente, documentación xustificativa destas circunstancias.

k) Certificación da demanda enerxética ou do consumo de enerxía non renovable previa á actuación ou, de ser o caso, dos demais documentos xustificativos da situación previa para as actuacións previstas no artigo 36 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, do Programa de fomento da mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade en vivendas.

l) Anexo VI, no cal se relacionen as vivendas e os locais do edificio partícipes nas actuacións de rehabilitación ou renovación, no caso de que a solicitante sexa unha persoa física propietaria dunha vivenda unifamiliar ou dunha vivenda en edificio de tipoloxía residencial colectiva ou unha comunidade ou agrupación de comunidades de persoas propietarias ou agrupación de persoas propietarias.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa ou entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas ou entidades interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

3. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa ou entidade interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

3. As persoas e as entidades solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas. Excepcionalmente, o IGVS poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo coa copia electrónica presentada.

4. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica superar os tamaños máximos establecidos ou tiver un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial, sen prexuízo dos requirimentos que, para estes efectos, lle poida realizar o órgano instrutor.

A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Trámites posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas e ás entidades interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación da cualificación provisional (procedemento VI408L) consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro/a (NIE) da persoa solicitante.

b) Número de identificación fiscal (NIF) da entidade solicitante.

c) DNI ou NIE da persoa física representante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificación catastral de titularidade correspondente á persoa ou entidade solicitante ou, de ser o caso, ás persoas que sexan membros de comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou agrupacións de persoas propietarias.

f) Consulta descritiva e gráfica dos datos catastrais da vivenda ou vivendas en que se van levar a cabo as actuacións, que acredite o seu uso para as actuacións promovidas pola persoa ou entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a estas consultas, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado para tal efecto no anexo III e, ao mesmo tempo, achegar os documentos oportunos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Prazo de resolución:

Dous meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 22 de xuño de 2020 pola que se regula o procedemento para participar no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan estatal de vivenda 2018-2021, e se establecen as bases reguladoras das subvencións correspondentes á área de rehabilitación integral da Ribeira Sacra (códigos de procedemento VI408L, VI408M e VI408N) (DOG nº 130 do 2 de xullo de 2020).

    • Corrección de erros. Resolución do 22 de xuño de 2020 pola que se regula o procedemento para participar no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan estatal de vivenda 2018-2021, e se establecen as bases reguladoras das subvencións correspondentes á área de rehabilitación integral da Ribeira Sacra (códigos de procedemento VI408L, VI408M e VI408N) (DOG nº 80 do 29 de abril de 2021).

    • Resolución do 22 de marzo de 2022 pola que se acorda ampliar ata o 30 de xuño de 2025 o prazo para presentar as solicitudes de cualificación provisional e de cualificación definitiva para actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas no ámbito das áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, do Parque Nacional das Illas Atlánticas e da Ribeira Sacra, no marco do Programa de rexeneración e renovación urbanas do Plan de vivenda 2018-2021 (DOG nº 61 do 29 de marzo de 2022).

    • Resolución do 23 de outubro de 2023 pola que se modifica a Resolución do 22 de marzo de 2022 pola que se acorda ampliar ata o 30 de xuño de 2025 o prazo para presentar as solicitudes de cualificación provisional e de cualificación definitiva para actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas no ámbito das áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, do Parque Nacional das Illas Atlánticas e da Ribeira Sacra, no marco do Programa de rexeneración e renovación urbanas do Plan de vivenda 2018-2021 (códigos de procedemento VI408F, VI408G, VI408L e VI408M), e pola que se regula o procedemento para participar no programa de axudas ás actuacións de rehabilitación e renovación nas áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, do Parque Nacional das Illas Atlánticas e da Ribeira Sacra, se establecen as bases reguladoras das subvencións correspondentes ás citadas áreas de rehabilitación integral e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (DOG nº 206 do 30 de outubro de 2023).

    • Resolución do 3 de maio de 2024 pola que se dá publicidade á relación das persoas beneficiarias do Programa de axudas ás actuacións de rehabilitación e renovación nas áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, do Parque Nacional das Illas Atlánticas e da Ribeira Sacra (DOG nº 95 do 16 de maio de 2024).

Outros procedementos relacionados

IN413C

Inscrición/modificación do certificado de edificios de nova construción no rexistro de certificados de eficiencia enerxética de edificios.

Aberto todo o ano

IN413D

Inscrición/modificación do certificado de edificios existentes no rexistro de certificados de eficiencia enerxética de edificios.

Aberto todo o ano

VI402B

Programa "Avais para a adquisición de vivenda".

Tramitar en liña

Prazo aberto: 01/04/2025 00:00 - 31/10/2025 23:59

VI406A

Subvencións do programa de infravivenda.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 27/01/2025 00:00 - 03/06/2025 23:59