Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TU981A
Bolsas de formación práctica en diversas áreas da Axencia de Turismo de Galicia.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Esta resolución ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria de catorce (14) bolsas de formación práctica especializada, en réxime de concorrencia competitiva, nas oficinas de información turística dependentes da Axencia Turismo de Galicia para a promoción e información turística, mediante a realización de prácticas tuteladas en oficinas de información turística dependentes da Axencia Turismo de Galicia distribuídas da seguinte forma: 2 bolsas na Oficina de Turismo de Santiago de Compostela (praza de Mazarelos), 2 bolsas na Oficina de Turismo de Santiago de Compostela (Centro Internacional de Acollida ao Peregrino), 2 bolsas na Oficina de Turismo da Coruña, 2 bolsas na Oficina de Turismo de Pontevedra, 2 bolsas na Oficina de Turismo de Vigo, 2 bolsas na Oficina de Turismo de Lugo, 2 bolsas na Oficina de Turismo de Ourense (código de procedemento TU981A).
Poden solicitar a concesión das bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos:
Xunta de Galicia
Presidencia da Xunta de Galicia
Axencia Turismo de Galicia
Dirección de Competitividade
Área de Calidade e Proxectos Europeos
A Barcia. Estrada Santiago-Noia Km.3
15896 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981542567
Fax: 981546647
Email: proxectos.turismo@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
11/03/2022 00:00 - 11/04/2022 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
a) Nacionalidade: ter nacionalidade española ou ser nacionais de calquera Estado membro da Unión Europea.
b) Titulación: estar en posesión, antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes, dalgún dos seguintes títulos: grao en turismo; mestrado relacionado con turismo; técnico superior en guía, información e asistencia turísticas; técnico superior en axencias de viaxes e xestión de eventos. Só serán válidos os títulos obtidos a partir do 1 de xaneiro de 2017.
c) Idiomas:
c.1) Todas as persoas solicitantes deberán acreditar un coñecemento da lingua galega no nivel Celga 4, perfeccionamento ou título equivalente.
c.2) Inglés: para as bolsas de formación nas oficinas de información turística, deberase achegar certificado B1 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas ou superior, ou acreditación oficial de nivel equivalente ao B1 ou superior. De consideralo necesario, a Comisión de Valoración poderá realizar unha proba oral para a comprobación do nivel de idioma.
En ningún caso poderán ser persoas beneficiarias desta bolsa aquelas persoas solicitantes que fosen adxudicatarias dela en edicións anteriores. Quedarán tamén excluídas da convocatoria aquelas persoas solicitantes que foran adxudicatarias das bolsas en edicións anteriores e que renunciasen a elas durante o seu desenvolvemento.
As persoas adxudicatarias, no momento da súa incorporación á bolsa, non poderán ser perceptoras de salarios ou outros ingresos que impliquen vinculación contractual ou estatutaria. As bolsas son incompatibles coa percepción de prestación ou subsidio por desemprego.
Forma e lugar de presentación das solicitudes e das declaracións responsables.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para estes efectos, enténdese que queda acreditado que as persoas solicitantes gozan do acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios por razón da súa capacidade técnica e dedicación profesional en virtude do artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se así non o fixer, se lle terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
3. No caso de que a persoa solicitante actuase por medio de representante, deberá acreditar a representación por calquera medio válido en dereito. Na sede electrónica está dispoñible un modelo xenérico de representación.
4. As persoas ou entidades solicitantes deberán declarar responsablemente, tal e como consta no anexo II:
a) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
b) Que se compromete a cumprir a normativa estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións.
c) Que se compromete a cumprir as obrigas e requisitos que se sinalan no artigo 16 das bases reguladoras.
d) Que non ten ingresos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria ou percepción de prestación ou subsidio por desemprego no momento da incorporación á bolsa.
e) Que non foi beneficiaria desta mesma bolsa de formación en edicións anteriores nin renunciou a ela con posterioridade á súa aceptación.
f) Se, en relación con outras axudas ou bolsas, se solicitou, ou non; ou se recibiu, ou non, algunha outra/s axuda/s ou bolsa/s, para o mesmo período, procedentes das administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.
Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación, segundo o modelo do anexo II:
a) Certificación de pagamento dos dereitos de expedición dos títulos universitarios e certificación académica completa, de ser o caso. No caso de presentar título académico estranxeiro será preciso que estea debidamente validado pola Administración educativa española.
b) Certificación de pagamento dos dereitos de expedición dos títulos non universitarios e certificación académica completa, se fose o caso. No caso de presentar título académico estranxeiro será preciso que estea debidamente validado pola administración educativa española.
c) Declaración da orde de preferencia de destino das bolsas de oficinas de información turística segundo o anexo III.
d) Relación de méritos segundo o anexo V.
En ningún caso se achegará documentación relativa a méritos non susceptibles de valoración. Non serán computables aqueles méritos que non estean convenientemente xustificados.
e) Copia dos documentos acreditativos computables dos méritos alegados.
f) Copia dos títulos acreditativos do nivel de idiomas.
g) Certificado do Celga 4 ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.
Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Sen prexuízo do disposto no parágrafo 1, a Axencia Turismo de Galicia poderá requirirlle ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.
As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados por outras administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade representante.
d) Título oficial universitario.
e) Título oficial non universitario.
f) Certificado do Celga 4 ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Prazo de resolución:
Catro meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase de Xustificación
- Modelo de aceptación ou renuncia (Anexo IV)
- Declaracións (Anexo VI)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 25 de febreiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de catorce bolsas de formación práctica nas oficinas de información turística dependentes desta axencia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 48 do 10 de marzo de 2022).
-
Extracto da Resolución do 25 de febreiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de catorce bolsas de formación práctica nas oficinas de información turística dependentes desta axencia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 48 do 10 de marzo de 2022).
-
Outros procedementos relacionados
Inclusión nas listas para a cobertura temporal de postos.
Prazo aberto: 01/03/2025 00:00 - 30/04/2025 23:59
Tarxeta de identidade marítima náutica de lecer.
Aberto todo o ano
Permiso de apertura e inscrición da autorización de instalación dunha sala de bingo en Galicia.
Aberto todo o ano
Autorización modificación de sala de bingo.
Aberto todo o ano