Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TU981A
Bolsas de formación práctica en diversas áreas da Axencia Turismo de Galicia.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Esta resolución ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria de quince (15) bolsas de formación práctica, en réxime de concorrencia competitiva, en áreas dependentes da Axencia Turismo de Galicia (procedemento TU981A), distribuídas da seguinte maneira:
– Catorce (14) bolsas de formación práctica especializada para a promoción e información turística, mediante a realización de prácticas tuteladas en oficinas de información turística dependentes da Axencia Turismo de Galicia distribuídas da seguinte forma: 1 bolsa na Oficina de Turismo de Santiago de Compostela (praza de Mazarelos), 2 bolsas na Oficina de Turismo de Santiago de Compostela (Centro Internacional de Acollida ao Peregrino), 1 bolsa na Oficina de Turismo do Aeroporto de Santiago de Compostela, 2 bolsas na Oficina de Turismo da Coruña, 2 bolsas na Oficina de Turismo de Pontevedra, 2 bolsas na Oficina de Turismo de Vigo, 2 bolsas na Oficina de Turismo de Lugo, 2 bolsas na Oficina de Turismo de Ourense.
– Unha (1) bolsa de formación práctica especializada na Área de Estudos e Investigación para a realización de labores de investigación, tratamento e análise de datos en materia turística. O lugar de realización das prácticas tuteladas desta bolsa será na sede da área, nas oficinas da Axencia Turismo de Galicia da Barcia (estrada Santiago de Compostela-Noia, km 3, 15897 Santiago de Compostela).
Para poder ser persoa beneficiaria das bolsas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo IV desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 7 das bases reguladoras.
O programa formativo desenvolverase ao longo dos anos 2020 e 2021, coa seguinte duración:
• Bolsas de formación práctica especializada en oficinas de turismo: duración máxima 5 meses contados a partir da data de incorporación da persoa bolseira, que será, previsiblemente, o 1 de maio de 2020.
• Bolsa de formación práctica especializada na Área de Estudos e Investigación: duración máxima de doce (12) meses contados a partir da data de incorporación da persoa bolseira que será, previsiblemente, o 1 de marzo de 2020.
Poden solicitar a concesión das bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos:
Xunta de Galicia
Presidencia da Xunta de Galicia
Axencia Turismo de Galicia
Dirección de Competitividade
Área de Calidade e Proxectos Europeos
A Barcia. Estrada Santiago-Noia Km.3
15703 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981547406/ 981542567
Fax: 981546647
Email: proxectos.turismo@xunta.es
Prazo de presentación: PECHADO
10/12/2019 00:00 - 09/01/2020 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o derradeiro do mes.
1. Nacionalidade: española.
2. Titulación:
a) Para as bolsas de formación nas oficinas de información turística os candidatos deberán estar en posesión, antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes, dalgún dos seguintes títulos: grao en turismo; mestrado relacionado con turismo; técnico superior en guía, información e asistencia turísticas; técnico superior en axencias de viaxes e xestión de eventos. Só serán válidos os títulos obtidos a partir do 1 de xaneiro de 2014.
b) Bolsa de formación na Área de Estudos e Investigación: estar en posesión dunha titulación superior (calquera). Só serán válidos os títulos obtidos a partir do 1 de xaneiro de 2014. Tamén poderán presentarse a esta bolsa aquelas persoas que teñan a titulación mínima exixida e acrediten a súa condición de desempregado de longa duración no momento de remate de presentación das solicitudes.
3. Idiomas:
a) Todas as persoas solicitantes deberán acreditar un coñecemento da lingua galega no nivel Celga 4, perfeccionamento ou título equivalente.
b) Inglés: para as bolsas de formación nas oficinas de información turística deberá presentarse certificado B1 do Marco común europeo de referencia para as linguas ou superior, ou acreditación oficial de nivel equivalente ao B1 ou superior. De consideralo necesario, a Comisión de Valoración poderá realizar unha proba oral para a comprobación do nivel de idioma.
c) Para a bolsa da Área de Estudos e Investigación non é necesario acreditar o coñecemento de lingua estranxeira.
Presentación de solicitudes
As solicitudes (anexo IV) presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento
Para poder ser persoa beneficiaria das bolsas é necesario presentar a seguinte documentación:
1. Solicitude. Anexo IV. Neste anexo inclúense as seguintes declaracións responsables:
a) Declaración de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se presentan son certos.
b) Declaración responsable de non estar a persoa incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
c) Declaración de non atoparse a persoa incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
d) Declaración responsable de estar ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
e) Declaración responsable da persoa solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
f) Declaración responsable das axudas ou de bolsas solicitadas ou concedidas polas administracións públicas, ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades para o mesmo período.
2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Certificación de pagamento dos dereitos de expedición dos títulos universitarios e certificación académica completa, se fose o caso. No caso de presentar título académico estranxeiro será preciso que estea debidamente validado pola Administración educativa española.
b) Certificación de pagamento dos dereitos de expedición dos títulos non universitarios e certificación académica completa, se fose o caso. No caso de presentar título académico estranxeiro, será preciso que estea debidamente validado pola Administración educativa española.
c) Declaración da orde de preferencia de destino das bolsas de oficinas de información turística,segundo o anexo V.
d) Relación de méritos conforme os anexos VIII ou IX, segundo a modalidade de bolsa escollida:
• As persoas solicitantes das bolsas de formación práctica en oficinas de información turística achegarán a relación de méritos cubrindo o anexo VIII das bases reguladoras.
• As persoas solicitantes da bolsa de formación práctica especializada na Área de Estudos e Investigación achegarán relación de méritos cubrindo o anexo IX das bases reguladoras.
En ningún caso se achegará documentación relativa a méritos non susceptibles de valoración. Non serán computables aqueles méritos que non estean convenientemente xustificados.
e) Copia dos documentos acreditativos computables dos méritos alegados.
f) Copia dos títulos acreditativos do nivel de idiomas.
g) Copia do certificado do Celga 4 expedido polo centro educativo correspondente.
h) Copia dos cursos de informática realizados.
i) Copia dos contratos de traballo ou copia do certificado expedido polo organismo onde se realizaron as prácticas.
j) Copia do informe de vida laboral expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que haxa que presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tiver un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Comprobación de datos
Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) DNI da persoa solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade representante.
d) Título oficial universitario.
e) Título oficial non universitario.
f) Certificado do Celga 4 ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.
Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Se a solicitude non se cubrise en todos os seus termos ou non se xuntase a documentación que se menciona neste artigo, requirirase a persoa interesada para que nun prazo de dez días hábiles emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, considerarase que desiste da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirirse a persoa solicitante para que forneza cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.
- Fase de Solicitude
- Relación de méritos puntuables da persoa solicitante da bolsa da area de estudos e investigación (Anexo IX)
- Relación de méritos puntuables da persoa solicitante da bolsa de oficinas de información turística (Anexo VIII)
- Declaración da orde de preferencia de destino (Anexo V)
- Solicitude (Anexo IV)
Prazo de resolución: Cinco meses
Sentido do silencio: Negativo
- Fase de Xustificación
- Modelo de aceptación ou renuncia (Anexo VI)
- Declaración responsable (Anexo VII)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 28 de novembro de 2019 pola que se regulan as bases para a concesión de quince bolsas de formación práctica en diversas áreas para os anos 2020 e 2021, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 233 do 9 de decembro de 2019)
-
Extracto da Resolución do 28 de novembro de 2019 pola que se regulan as bases para a concesión de quince bolsas de formación práctica en diversas áreas para os anos 2020 e 2021, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 233 do 9 de decembro de 2019).
-
Resolución do 7 de maio de 2021 pola que se modifica parcialmente a Resolución do 28 de novembro de 2019 pola que se regulan as bases para a concesión de quince bolsas de formación práctica en diversas áreas para os anos 2020 e 2021, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 92 do 19 de maio de 2021).
-
Extracto da Resolución do 7 de maio de 2021 pola que se modifica parcialmente a Resolución do 28 de novembro de 2019 pola que se regulan as bases para a concesión de quince bolsas de formación práctica en diversas áreas para os anos 2020 e 2021, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 92 do 19 de maio de 2021).
-
Outros procedementos relacionados
Bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio e Consumo.
Prazo aberto: 26/04/2025 00:00 - 26/05/2025 23:59
Tarxeta de identidade marítima náutica de lecer.
Aberto todo o ano
Permiso de apertura e inscrición da autorización de instalación dunha sala de bingo en Galicia.
Aberto todo o ano
Autorización modificación de sala de bingo.
Aberto todo o ano