Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TU900A
Subvencións a concellos declarados municipios turísticos para a contratación de persoal nas oficinas de turismo.
Procedemento dirixido a: Entidades locais
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a contratación de persoal nas oficinas de turismo dos concellos declarados municipios turísticos galegos e dos xeodestinos durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro (TU900A).
O dito persoal poderá contratarse no período comprendido entre o 15 de xuño e o 15 de setembro, ambas as dúas datas incluídas.
No caso de que solicite a subvención un concello, será requisito indispensable que o concello conte coa declaración de municipio turístico galego regulada no Decreto 32/2015, do 19 de febreiro, polo que se regula a declaración de municipio turístico (DOG núm. 41, do 2 de marzo).
No caso de que soliciten a subvención entidades que representen os xeodestinos ou subxeodestinos descritos no mapa oficial de xeodestinos de Galicia publicado pola Axencia Turismo de Galicia, deberá designarse o concello en que realizará o seu traballo o persoal contratado obxecto destas subvencións.
O persoal que se contrate deberá estar en posesión dalgún dos seguintes títulos: técnico superior en Información e Comercialización Turística ou técnico superior en Guía, Información e Asistencia Turística; técnico en Empresas e Actividades Turísticas, ou grao ou diplomado/a en Turismo ou equivalente homologado ou ben contar coa habilitación de guía de turismo.
Como medida de fomento do emprego, o persoal que se contrate deberá figurar como desempregado, ou demandante dunha mellora de emprego, no Servizo Público de Emprego de Galicia.
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles gastos que de forma indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e sexan efectivamente realizados entre o 15 de xuño e o 15 de setembro de 2018.
4. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os pague efectivamente. En ningún caso se subvencionarán os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.
1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os requisitos establecidos nestas bases, os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que conten coa declaración de municipios turísticos galegos.
2. Así mesmo, poderán ser beneficiarios destas subvencións os 18 xeodestinos e subxeodestinos descritos no mapa oficial de xeodestinos de Galicia, publicado pola Axencia Turismo de Galicia, que deberán estar representados por algunha das seguintes entidades:
– Mancomunidades e consorcios locais de Galicia constituídos de acordo coa Lei 5/1997, do 22 de xulio, de Administración local de Galicia. Estas entidades supramunicipais deberán ter atribuídas competencias en materia de turismo.
– Agrupacións de concellos, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Neste caso, deberá facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación. Esta agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da citada lei.
O órgano de representación destas entidades ou agrupacións será o encargado de designar o concello do xeodestino ou subxeodestino en cuxa oficina de turismo será desenvolvida a actividade de información, obxecto da subvención.
Xunta de Galicia
Presidencia da Xunta de Galicia
Axencia Turismo de Galicia
Dirección de Competitividade
Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial
A Barcia. Estrada Santiago-Noia Km.3
15703 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981547404 / 981546364
Fax: 981546371
Email: xerencia.turismo@xunta.es
Prazo de presentación: PECHADO
01/02/2018 00:00 - 28/02/2018 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
- Só poderá presentarse unha solicitude por concello, mancomunidade, consorcio ou agrupación.
Porén, os concellos cuxas oficinas de información acollan o informador/a designado/a polos xeodestinos ou subxeodestinos, poderán pola súa vez facer unha solicitude de maneira independente, sendo compatible, deste xeito, a condición de beneficiario dun concello de interese turístico con ser o concello cuxa oficina de turismo é designada polo xeodestino ou subxeodestino como a destinataria do/a informador/a obxecto de subvención.
- Os requisitos para ser beneficiarios deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.
- Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do concello.
Os interesados presentarán a seguinte documentación:
a) Solicitude segundo o modelo do anexo II subscrita polo órgano competente do concello ou entidade solicitante.
No caso de que presente a solicitude unha agrupación de concellos, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, deberá facerse constar naquela os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que aplicará cada un deles. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación.
Así mesmo, e para os efectos das declaracións contidas na solicitude, no caso das agrupacións de concellos, estas declaracións emitiranse con base nas emitidas polos respectivos representantes de cada un dos concellos que as integran. Estas declaracións orixinais deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.
b) Acreditación de que a entidade local cumpriu co seu deber de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas, de acordo co estipulado no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas. No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de concellos cada concello deberá acreditar a citada remisión.
c) Certificación do/a secretario/a da entidade local na que consten os seguintes datos:
Acordo de solicitar a subvención e de financiar o importe da actividade que non resulte subvencionado ao abeiro desta convocatoria ata o importe total da execución prevista segundo a documentación achegada coa solicitude.
Este acordo deberá adoptarse antes do vencemento do prazo de presentación das solicitudes. O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.
O número de traballadores que se van contratar e as súas retribucións salariais brutas, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, nas cales se inclúa a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social.
Así mesmo, e de forma imprescindible, deberá remitirse a referencia da publicación do convenio colectivo que se aplique, así como as táboas salariais vixentes no momento da solicitude.
No caso das agrupacións de concellos, presentarase unha certificación emitida pola secretaría do concello representante, na cal se faga constar con base nos acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos agrupados e/ou nas certificacións emitidas polos/as secretarios/as dos concellos integrantes da agrupación:
– Que todos os concellos integrantes da agrupación adoptaron o acordo polo cal se solicita a subvención e de financiar o importe da actividade que non resulte subvencionado ao abeiro desta convocatoria ata o importe total da execución prevista segundo a documentación achegada coa solicitude.
– O nomeamento do/a alcalde/sa representante con poderes suficientes para cumprir con todas as obrigas que como entidade beneficiaria corresponden á agrupación, e que actuará como coordinador/a, interlocutor/a e perceptor/a da subvención.
– Que todos os concellos participantes na solicitude remitiron as contas do concello ao Consello de Contas de Galicia. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas de Galicia se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.
Os acordos deberán estar adoptados e as contas remitidas antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes. O incumprimento destes requisitos ou a falta da referencia expresa ao contido determinado nos números anteriores, aínda que afecte unha soa das entidades agrupadas, determinará a inadmisión da solicitude.
d) O instrumento xurídico que regule a agrupación, o cal deberá incluír, en todo caso, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que vai aplicar cada un deles e a designación do/a alcalde/sa que actuará como representante da agrupación. A este representante corresponderalle asinar a solicitude e con el efectuaranse todas as actuacións a que o procedemento dea lugar.
Todo isto sen prexuízo de que se solicite documentación complementaria aclaratoria dos datos que figuren na solicitude.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que ten que presentar o/a solicitante, de forma electrónica, supere os tamaños límites establecidos ou en formatos non admitidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.
A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada.
- Fase de solicitude
- Solicitude (Anexo II)
Prazo de resolución: Cinco meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 2 de xaneiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a concellos declarados municipios turísticos e a xeodestinos de Galicia para a contratación de persoal nas oficinas de turismo nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 22 do 31 de xaneiro de 2018).
-
Extracto da Resolución do 2 de xaneiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a concellos declarados municipios turísticos e a xeodestinos de Galicia para a contratación de persoal nas oficinas de turismo nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 22 do 31 de xaneiro de 2018).
-
Resolución do 23 de maio de 2018 pola que se dá publicidade ás axudas concedidas ao amparo da Resolución do 2 de xaneiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a concellos declarados municipios turísticos e a xeodestinos de Galicia para a contratación de persoal nas oficinas de turismo nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 104 do 1 de xuño de 2018).
-
Outros procedementos relacionados
Autorización para espectáculos públicos e actividades recreativas.
Aberto todo o ano
Declaración de municipio turístico.
Aberto todo o ano
Declaración de festa de interese turístico de Galicia.
Aberto todo o ano
Subvencións a concellos para o apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia
Prazo aberto: 11/06/2025 00:00 - 11/07/2025 23:59