Guía de procedementos e servizos

TU501B

Subvencións a entidades locais para o apoio aos investimentos para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas.

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2019 - Prazo pechado: 30/11/2019 00:00 - 30/12/2019 23:59

Presidencia da Xunta de Galicia

Esta convocatoria queda sen efecto por causas sobrevidas derivadas do impacto do COVID-19 en virtude do disposto na Resolución do 8 de maio de 2020 pola que se deixan sen efecto por causas sobrevidas diferentes convocatorias de concesión de subvencións, bolsas e patrocinios (DOG nº 96 do 19 de maio de 2020).

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto o fomento da recuperación, da accesibilidade e da sinalización dos recursos turísticos no medio rural cara á consolidación da oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

3. Ao abeiro desta resolución, son subvencionables as seguintes accións:

a) Actuacións de embelecemento dos accesos aos recursos turísticos da entidade solicitante, que poderán incluír:

– Recuperación e tratamento paisaxístico do contorno dos recursos turísticos.

– Iluminación ornamental dos recursos turísticos, xa sexa primeira instalación ou mellora, ampliación ou substitución da existente. Non será subvencionable a iluminación urbana da entidade local.

– Recuperación e creación de miradoiros paisaxísticos, sendeiros, rutas ou outros elementos de interese turístico.

– Adecuación de espazos destinados ao estacionamento de vehículos dos visitantes cuxa finalidade sexa reducir o impacto negativo que estes producen.

b) Actuacións de embelecemento dos bens declarados de interese cultural ou cun procedemento de declaración xa iniciado, así como as que afecten o seu contorno de protección. Estas últimas poderán consistir en:

– Embelecemento de vías.

– Ocultamento de colectores de residuos.

– Eliminación de cableado aéreo e antenas de comunicacións.

c) Actuacións de posta en valor turístico dos recursos, que poderán incluír as seguintes:

– Rehabilitación ou restauración para a súa dedicación a usos turísticos distintos do aloxamento de persoas.

– Recuperación de elementos de interese etnográfico ou da arquitectura tradicional.

d) Actuacións de mellora da accesibilidade dos recursos turísticos:

– Eliminación de barreiras arquitectónicas no acceso aos bens, recursos e rutas turísticas.

– As destinadas a facilitar o acceso das persoas con algún tipo de discapacidade sensorial á información turística dos recursos.

En todo caso, deberá cumprirse a normativa vixente en materia de accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas.

e) Sinalización dos recursos turísticos.

A sinalización poderá comprender tanto a primeira instalación como a substitución da existente nos camiños e nas estradas das redes locais, provinciais e autonómica, así como nos núcleos urbanos, cando esta se atope deteriorada ou obsoleta nos seus contidos e/ou imaxe.

So será subvencionable a sinalización turística, que é a referida exclusivamente aos recursos e servizos turísticos.

Os paneis interpretativos deberán utilizar materiais resistentes ás inclemencias meteorolóxicas e ao vandalismo, e deberán harmonizar co contorno en que se instalen.

Os materiais e as características da sinalización deberán cumprir o disposto no manual oficial de sinalización turística da Xunta de Galicia, aprobado polo Decreto 85/2012, do 16 de febreiro (DOG núm. 47, do 7 de marzo), nos correspondentes manuais de homologación de sendeiros conforme a normativa da Federación Galega de Montañismo e a sinalización deseñada pola Axencia Turismo de Galicia para os centros BTT.

4. Só serán subvencionables as obras que utilicen materiais construtivos que permitan a integración harmónica e respectuosa co contorno en que se atopa o recurso. Neste senso deberá evitarse o uso de asfalto ou de formigón cando visualmente non se acomoden esteticamente co medio.

Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os requisitos establecidos nestas bases, as seguintes tipoloxías de entidades locais:

a) Concellos.

b) Mancomunidades e consorcios locais constituídos de acordo coa Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. Estas entidades supramunicipais deberán ter atribuídas competencias en materia de turismo.

c) Agrupacións de concellos, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Neste caso, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención aplicable por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación. Esta agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da citada lei.

Xunta de Galicia

Presidencia da Xunta de Galicia

Axencia Turismo de Galicia

Dirección de Competitividade

Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial

Estrada Santiago-Noia, Km. 3, A Barcia

15897  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981540146/ 981540261

Email: fomento.turismo@xunta.gal

Axencia Turismo de Galicia

Esta convocatoria queda sen efecto por causas sobrevidas derivadas do impacto do COVID-19 en virtude do disposto na Resolución do 8 de maio de 2020 pola que se deixan sen efecto por causas sobrevidas diferentes convocatorias de concesión de subvencións, bolsas e patrocinios (DOG nº 96 do 19 de maio de 2020).

Prazo de presentación: PECHADO

30/11/2019 00:00 - 30/12/2019 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

1. Non poderán participar nesta convocatoria as sete grandes cidades galegas: A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela, nin as entidades locais de carácter supramunicipal en que estean integradas.

2. Non se admitirán as solicitudes presentadas por consorcios locais dos cales forme parte a Xunta de Galicia e financie, en todo ou en parte, os seus gastos de funcionamento.

3. Os requisitos para ser beneficiarias deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

4. Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da entidade.

5. So poderá solicitarse unha axuda por concello, mancomunidade, consorcio ou agrupación.

Os concellos pertencentes a entidades locais supramunicipais ou agrupacións que soliciten axudas como integrantes destas poderán, pola súa vez, solicitar unha axuda para unha actuación diferente de maneira independente.

6. Os concellos solicitantes deberán ter remitidas as contas correspondentes ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes. No caso das agrupacións ou asociacións de concellos, deberán cumprir este requisito todos os concellos agrupados ou asociados, polo que o incumprimento por parte dalgún dos concellos participantes na solicitude de subvención suporá a súa inadmisión.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo II (TU501B), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

1.1. Declaración responsable asinada electronicamente pola persoa representante da entidade solicitante, incluída no anexo II desta resolución, na cal se faga constar:

a) O conxunto de todas as axudas solicitadas ou recibidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos e o compromiso de comunicar de contado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

b) Que o concello non está incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

c) Que o concello non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención, particularmente as referidas a estar ao día das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións.

Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que o concello está ao día das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedor por resolución de procedemento de reintegro.

d) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

e) Que se compromete a cumprir as obrigas e requisitos que se sinalan no artigo 20 das bases reguladoras.

Respecto ás declaracións contidas na solicitude, no caso das agrupacións de concellos, estas declaracións serán emitidas polo alcalde ou alcaldesa representante da asociación ou agrupación de concellos con base nas emitidas polos respectivos representantes de cada un dos concellos que a integran, para o cal poderán empregar o modelo de declaración que figura no anexo VIII. Estas declaracións orixinais deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.

1.2. Certificación emitida e asinada electronicamente polo/a secretario/a do concello solicitante no modelo do anexo III, na cal se faga constar:

a) O acordo do concello polo cal se solicita a subvención para a actuación que se pretende executar ao abeiro desta resolución, e se aceptan as condicións de financiamento e os demais requisitos establecidos nela, así como o compromiso de financiar o importe da actividade que non resulte subvencionado ao abeiro desta convocatoria ata o importe total da execución prevista, segundo a documentación achegada coa solicitude.

O acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

b) Que a entidade local cumpriu coa súa obriga de remisión das contas ao Consello de Contas de Galicia.

c) Que as obras non estaban iniciadas en data 1 de xaneiro de 2020.

d) A dispoñibilidade do concello sobre os terreos e inmobles en que se van desenvolver as actuacións, durante un período que, como mínimo, garanta o cumprimento das obrigas previstas no artigo 20.3.

O incumprimento dos requisitos recollidos nas alíneas a) a d) constituirá causa de inadmisión da solicitude.

1.3. No caso de agrupacións de concellos, certificación emitida pola secretaría do concello representante no modelo do anexo IV, na cal se faga constar, con base nos acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos agrupados e/ou nas certificacións emitidas polas secretarías dos concellos integrantes da agrupación:

a) Que todos os concellos integrantes da agrupación adoptaron o acordo polo cal se solicita a subvención para as obras ou equipamentos que se pretenden executar e se aceptan as condicións de financiamento e os demais requisitos establecidos nesta resolución, así como o compromiso de financiar o importe da actuación que non resulte subvencionado ao abeiro desta convocatoria ata o importe total da execución prevista segundo a documentación achegada coa solicitude, na proporción que corresponda a cada un deles.

Os acordos deberán estar adoptados antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

b) O nomeamento da persoa titular da alcaldía como representante con poder suficiente para cumprir con todas as obrigas que como entidade beneficiaria corresponden á agrupación, e que actuará como coordinador/a, interlocutor/a e perceptor/a da subvención.

c) Que todos os concellos participantes na solicitude cumpriron a súa obriga de remisión das contas ao Consello de Contas de Galicia.

d) Que as obras non estaban iniciadas en data 1 de xaneiro de 2020.

e) A dispoñibilidade dos concellos sobre os terreos e inmobles en que se van desenvolver as actuacións, durante un período que, como mínimo, garanta o cumprimento das obrigas previstas no artigo 20.3.

O incumprimento destes requisitos ou a falta da referencia expresa ao contido determinado nos números anteriores, aínda que afecte unha soa das entidades agrupadas, determinará a inadmisión da solicitude.

1.4. O instrumento xurídico que regule a agrupación, en que consten os compromisos de execución asumidos por cada membro, así como o importe de execución do proxecto asumido por cada un deles e a designación da persoa titular da alcaldía que actuará como representante da agrupación. A este representante corresponderalle asinar a solicitude e con el efectuaranse todas as actuacións a que o procedemento dea lugar.

1.5. Proxecto, anteproxecto ou memoria asinado por técnico competente que permita unha definición exacta da intervención que se vai realizar, que deberá incluír:

– Memoria explicativa e xustificativa da actuación que se vai desenvolver (cunha extensión máxima de 30 páxinas).

– Planos de localización do investimento.

– No caso de proxectos de sinalización, deberán indicarse as medidas dos sinais cuxa colocación se pretende, a súa localización, os recursos que se quere sinalizar, e, neste caso, os planos deberán ser en cor.

– Reportaxe fotográfica do ben sobre o cal se vai actuar: exteriores, interiores e da contorna.

– Planos descritivos do proxecto que se vai levar a cabo.

– Relación (indicando calidades) dos materiais e acabamentos propostos.

– Relación detallada dos mobles e equipamentos (débense indicar calidades, localización e número) que se van instalar.

– Orzamento detallado, agrupado por partidas, dos gastos necesarios para a execución do proxecto.

1.6. Memoria xustificativa sobre os diferentes aspectos que poidan ser puntuables en relación con cada un dos criterios de valoración recollidos no artigo 13 destas bases, para o que se empregará o modelo que figura no anexo V, acompañada da documentación acreditativa correspondente no caso dos criterios recollidos nas alíneas e) e f).

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial (gravado nun soporte físico tipo CD, DVD ou dispositivo extraíble) dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento das súas obrigas coa Consellería de Facenda.

– Consulta de concesións de subvencións e axudas.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos correspondentes.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada.

Esta convocatoria queda sen efecto por causas sobrevidas derivadas do impacto do COVID-19 en virtude do disposto na Resolución do 8 de maio de 2020 pola que se deixan sen efecto por causas sobrevidas diferentes convocatorias de concesión de subvencións, bolsas e patrocinios (DOG nº 96 do 19 de maio de 2020).

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 8 de maio de 2020 pola que se deixan sen efecto por causas sobrevidas diferentes convocatorias de concesión de subvencións, bolsas e patrocinios (DOG nº 96 do 19 de maio de 2020).

    • Resolución do 19 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas no medio rural e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2020 (DOG nº 228 do 29 de novembro de 2019).

    • Extracto da Resolución do 19 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas no medio rural e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2020 (DOG nº 228 do 29 de novembro de 2019).

Outros procedementos relacionados

PR477A

Autorización para espectáculos públicos e actividades recreativas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

TU400A

Declaración de municipio turístico.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

TU401A

Declaración de festa de interese turístico de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS304A

Cesión do uso de instalacións xuvenís da administración galega para a realización de programas de lecer educativo e de tempo libre.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 02/05/2025 00:00 - 12/05/2025 23:59