Guía de procedementos e servizos

TR770A

Programa Muller 2022, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais

Convocatoria 2022 - Prazo pechado: 05/07/2022 00:00 - 30/09/2022 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, á convocatoria para o ano 2022 dos incentivos á contratación indefinida inicial de mulleres desempregadas que presentan desvantaxes e dificultades particulares para acceder ou permanecer no mercado de traballo (código de procedemento TR770A).

2. Os incentivos previstos nesta orde serán de aplicación ás contratacións indefinidas iniciais a tempo completo que se celebren desde o 1 de xaneiro de 2022 e ata o 30 de setembro de 2022 con mulleres desempregadas.

3. Para os efectos desta orde, entenderase por muller desempregada aquela que figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia no momento da súa contratación e que, pola súa vez, careza de ocupación segundo o informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, segundo certificado da mutualidade do colexio profesional, na data de alta no momento da súa contratación.

4. Esta orde regula e establece as bases para a concesión de subvencións do Programa muller, que constitúe unha actuación incluída no Investimento 4, Novos proxectos territoriais para o reequilibrio e a equidade, comprendida no Compoñente 23 Novas políticas públicas para un mercado de traballo dinámico, resiliente e inclusivo do Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia, aprobado por Acordo do Consello de Ministros do 27 de abril de 2021, e pola Decisión de Execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España (Council Implementing Decision-CID), do 13 de xullo de 2021.

5. As axudas previstas nestas bases reguladoras non constitúen unha axuda de Estado, nos termos previstos nos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE), pois a súa concesión non falsea nin ameaza falsear a competencia, favorecendo a determinadas empresas ou producións. Esta medida constitúe ademais unha medida de fomento do emprego.

6. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

1. Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as cooperativas e as sociedades laborais, que contraten por conta allea mulleres desempregadas, inscritas como demandantes de emprego, para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde. Tamén poderán ser beneficiarios dos incentivos os centros especias de emprego e as empresas de inserción laboral, excepto para facer contratos con persoas con discapacidade e contratos con persoas en situación ou risco de exclusión social respectivamente.

As empresas que teñan cincuenta ou máis persoas traballadoras deberán cumprir a cota de reserva para persoas con discapacidade, conforme se dea ocupación, polo menos, ao 2 % de traballadores e traballadoras con discapacidade sobre o total das persoas traballadoras ou, no seu defecto, as medidas de carácter excepcional establecidas no artigo 42 do Texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, e reguladas no Real decreto 364/2005, do 8 de abril (BOE núm. 94, do 20 de abril). Para o cómputo do número de persoas traballadoras da empresa teranse en conta as regras previstas na disposición adicional primeira do devandito real decreto.

2. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.

3. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

4. Tampouco poderán obter a condición de entidade beneficiaria as persoas solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Subdirección Xeral de Emprego

Servizo de Emprego por Conta Allea

San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981957731

Email: contaallea.emprego@xunta.gal

https://sede.xunta.gal/portada

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Prazo de presentación: PECHADO

05/07/2022 00:00 - 30/09/2022 23:59

O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación e rematará o 30 de setembro de 2022, respectando, en todo caso, o establecido no artigo 29 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que dispón que o prazo de presentación de solicitudes en ningún caso será inferior a un mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

A contratación realizada coa muller desempregada pola que se solicita a subvención deberá ser indefinida inicial, incluída a modalidade de fixos-descontinuos dun mínimo de 9 meses de duración, e cunha xornada a tempo completo.

As contratacións polas que se solicita subvención deberán estar comunicadas, a través da aplicación Contrat@ á oficina pública de emprego que corresponda, no momento da solicitude.

Solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónica a través do formulario normalizado dispoñible como anexo I, segundo o procedemento correspondente na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Deberán cumbrirse, necesariamente, todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, sendo únicamente válidas as solicitudes que se presente no modelo establecido.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiarias da axuda, así como a aceptación da subvención, de ser persoa beneficiaria dela.

3. As solicitudes e os anexos deste programa están dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, http://sede.xunta.gal

4. Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén e na que fan constar os aspectos seguintes:

a) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) Que a entidade beneficiaria comprométese a prever mecanismos de verificación do cumprimento do principio de «non causar prexuízo significativo» (principio «do non significant harm-DNSH») e medidas correctoras para asegurar a súa implementación.

c) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, así como das axudas concedidas en réxime de minimis.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Cando se actúe mediante representación, acreditación por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna. Quedan excepcionadas da dita presentación as persoas ou entidades inscritas no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia que garantan representación para este procedemento.

b) Declaración responsable de adecuación ao principio de «non causar prexuízo significativo», segundo o establecido no artigo 5 desta orde (anexo II).

c) Autorización para a comprobación de datos da persoa traballadora contratada (anexo III).

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente polo persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código do procedemento (TR770A) e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Administración Tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

f) Consulta de concesión pola regra de minimis.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

h) Consulta de inhabilitación para obter subvencións.

i) Información sobre o mantemento do emprego das persoas contratadas con cargo a esta axudas durante 2 anos.

j) DNI ou NIE da persoa traballadora contratada.

k) Informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social dos último 12 meses, da persoa traballadora contratada.

l) Contrato laboral da persoa traballadora pola que se solicita a subvención.

m) Certificado de inscrición no Servizo Público de Emprego da persoa traballadora contratada.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 20 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do Programa Muller 22, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea, NextGenerationEU, e se convoca para o ano 2022 (DOG nº 126 do 4 de xullo de 2022).

    • Extracto da Orde do 20 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do Programa Muller 22, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea, NextGenerationEU, e se convoca para o ano 2022 (DOG nº 126 do 4 de xullo de 2022).

    • Corrección de erros. Orde do 20 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do Programa Muller 22, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea, NextGenerationEU, e se convoca para o ano 2022 (DOG nº 158 do 22 de agosto de 2022)

Outros procedementos relacionados

IG402A

Axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (Programa Re-acciona), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027

Prazo aberto: 21/01/2025 09:00 - 17/11/2025 14:00

IN612A

Rexistro de entidades recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos no ámbito da seguridade industrial.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN612B

Memoria anual de actividades realizadas por entidades de formación no ámbito da seguridade industrial.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR462A

Homologación de cursos pola Academia Galega de Seguridade Pública

Tramitar en liña

Aberto todo o ano