Guía de procedementos e servizos

TR358D

Programas de apoio ás entidades asociativas de cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción. Programa II: fomento e consolidación das asociacións de centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong

Convocatoria 2023 - Prazo pechado: 24/01/2023 00:00 - 23/02/2023 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións destinadas a sufragar os gastos de organización interna e funcionamento de entidades representativas da economía social, e proceder á súa convocatoria para o ano 2023.

Programa II. Fomento e consolidación das asociacións de centros especiais de emprego e de empresas de inserción (código de procedemento TR358D).

Finalidade

A finalidade deste programa de subvencións é o fomento e a consolidación das entidades representativas da economía social de Galicia, en concreto das asociacións de centros especiais de emprego e de empresas de inserción, subvencionando parcialmente os seus gastos de funcionamento.

Actividades e gastos subvencionables.

1. Considéranse gastos de funcionamento subvencionables os que se indican a continuación:

a) Alugamentos de locais e equipamentos.

b) Gastos de persoal da asociación. Neste concepto só se terán en conta o salario base, os complementos de antigüidade e os asociados á categoría profesional ou ao posto de traballo, as pagas extraordinarias, as cotizacións sociais e as cantidades retidas en concepto de IRPF.

c) Axudas de custo e desprazamento.

d) Gastos de subministracións eléctricas, de telefonía, de gas e auga.

e) Primas de seguros.

f) Material de oficina, comunicacións e publicacións diversas.

g) Mantemento da páxina web da asociación, e xestión de redes sociais, difusión e publicidade.

h) Servizos profesionais independentes, incluídos os gastos derivados do informe de auditoría da conta xustificativa a que se refire o artigo 38. En ningún caso serán subvencionables os gastos por servizos profesionais que poidan derivar da contratación dalgún membro dos órganos de goberno da entidade solicitante.

i) Cotas asociativas a entidades de intercooperación.

j) Gastos de organización ou participación en congresos, seminarios, xornadas e outras actividades de natureza semellante.

k) Gastos ocasionados pola elaboración de estudos e publicacións, pola realización de actividades de formación en Galicia ou pola implantación de proxectos ou programas de promoción dos centros especiais de emprego ou das empresas de inserción en Galicia.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións de centros especiais de emprego que asocien unicamente centros inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, así como as asociacións de empresas de inserción que asocien unicamente empresas inscritas como tales no Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social

Subdirección Xeral de Economía Social

Edificio Administrativo San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981545679

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Prazo de presentación: PECHADO

24/01/2023 00:00 - 23/02/2023 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Con carácter xeral, as entidades beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Estar legalmente constituídas e inscritas nos rexistros competentes e cumprir os requisitos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Estar ao día nas súas obrigas tributarias e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade autónoma.

c) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.

As entidades solicitantes, para ser beneficiarias, deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Teren personalidade xurídica propia e independente.

b) Estaren inscritas no Rexistro público correspondente da Comunidade Autónoma de Galicia e teren actividade acreditada.

c) Teren o seu domicilio social e a sede na Comunidade Autónoma de Galicia, entendendo por tal disporen dunha oficina permanente nela.

d) Estaren ao día no cumprimento das obrigas referidas ao depósito de documentos e inscrición de acordos nos rexistros competentes, segundo o establecido na normativa de aplicación.

e) Obteren un mínimo de 30 puntos nos criterios de valoración do artigo 37 desta orde.

- Non poderán solicitar as subvencións reguladas neste programa aquelas entidades que formen parte de confederacións, federacións e unións de asociacións que igualmente presentasen unha solicitude de axudas ao abeiro deste programa.

Forma e lugar de presentación das solicitudes e documentación complementaria.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible para cada programa (anexos I e IV) na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a documentación recollida nos artigos 29 e 36, segundo o programa que corresponda.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

3. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiaria da axuda, así como a aceptación da axuda.

Documentación complementaria

A documentación que se deberá xuntar á solicitude (anexo IV) é a seguinte:

a) Memoria asinada pola persoa que exerza a representación legal da entidade e que conteña:

1. Relación nominal das entidades socias. Especificaranse, se é o caso, as entidades resultantes dun proceso de integración.

2. Centros de traballo con que conta a asociación, o seu domicilio e horario de apertura, así como o número de persoas traballadoras adscritas, con indicación para cada unha delas do sexo, tipo de contrato e número de horas traballadas.

3. Breve descrición das actividades realizadas durante o ano 2022, así como das previstas para a súa realización no ano 2023.

b) Certificación do Rexistro público competente que acredite a súa inscrición nel e as inscricións efectuadas, así como que están ao día no cumprimento das obrigas referidas ao depósito de documentos.

c) Copia dos estatutos sociais e as súas modificacións, se é o caso.

d) Libro de rexistro dos centros ou empresas asociados á entidade, debidamente actualizado.

e) RLC (recibo de liquidación de cotizacións) e RNT (relación nominal de traballadores) do último mes, relativo ao persoal adscrito aos centros de traballo declarados na memoria, así como os documentos acreditativos da condición de persoa con discapacidade ou de persoa en situación ou risco de exclusión social, se é o caso.

f) Documentación acreditativa do plan de acción e implantación das medidas de responsabilidade social empresarial.

g) Balance social do ano 2022, se é o caso.

h) Relación individualizada dos gastos de funcionamento para os cales se solicita a axuda, cuantificados economicamente en todos os seus conceptos e co IVE desagregado.

i) Documentación acreditativa de que a entidade solicitante non pode recuperar o IVE soportado, se é o caso.

j) Documentación que acredite, por calquera medio válido en dereito, a representación con que actúa a persoa que asina a solicitude.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Número de identificación fiscal da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificación de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificación de estar ao día nas obrigas coa Atriga.

e) Certificación de estar ao día nas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

f) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os ditos documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás entidades interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 29 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas de cooperativas, de sociedades laborais, de centros especiais de emprego e de empresas de inserción, e se convocan para o ano 2023 (DOG nº 15 do 23 de xaneiro de 2023).

    • Extracto da Orde do 29 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas de cooperativas, de sociedades laborais, de centros especiais de emprego e de empresas de inserción, e se convocan para o ano 2023 (DOG nº 15 do 23 de xaneiro de 2023).

    • Resolución do 12 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, pola que se lles dá publicidade ás axudas concedidas ao abeiro da Orde do 29 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas de cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción, e se convocan para o ano 2023 (DOG nº 241 do 21 de decembro de 2023).

Outros procedementos relacionados

IN855A

Programa Ignicia proba de concepto.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 29/04/2025 00:00 - 28/05/2025 23:59

PR805B

Modificación da inscrición no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR805C

Cancelación da inscrición no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

SA463C

Declaración de interese para entidades colaboradoras do plan de Galicia sobre drogas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano