Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TR351G
Subvención para o fomento do emprego no medio rural (Aprol rural).
Procedemento dirixido a: Entidades locais
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública en réxime de concorrencia non competitiva das axudas e subvencións que están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades locais rurais a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas para a realización de tarefas relacionadas maioritariamente coa prevención de incendios nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, como son a planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, a limpeza de montes, a xestión da biomasa (código do procedemento TR351G), co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.
Subvención: contía
1. A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será, para efectos salariais, a equivalente á necesaria para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos na mesma cantidade que a fixada para o salario segundo o convenio colectivo vixente no momento de formular a solicitude, por cada persoa traballadora desempregada contratada, cos seguintes máximos:
Para o grupo de cotización 1: 20.250 €.
Para o grupo de cotización 2: 16.500 €.
Para o grupo de cotización 3: 15.000 €.
Para o grupo de cotización 4: 14.250 €.
Para o grupo de cotización 5: 13.500 €.
Para os grupos de cotización comprendidos entre o 6 e o 10: 13.150 €.
Estes importes máximos incrementaranse nun 15 % no caso de que as contratacións se realicen nunha obra ou servizo solicitado conxuntamente, de acordo co número 2.3 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013.
2. Para os efectos destas subvencións, non se consideran custos salariais subvencionables o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.
3. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.
Poderán ser beneficiarios das axudas e subvencións previstas nesta orde os concellos rurais sempre que dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficiente para a execución dos correspondentes proxectos. Considérase concello rural aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada a nivel de parroquia (ZDP) segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística (https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl).
Para estes efectos, considéranse concellos rurais todos os concellos galegos agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.
Obrigas das entidades beneficiarias
As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:
a) Aceptación da subvención no prazo de 10 días, de conformidade co disposto no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Transcorrido o citado prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.
b) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.
c) Aboarlles ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes coa súa cualificación profesional e titulación.
d) Deberán, tamén, proporcionarlles a estas a roupa de traballo e os equipamentos de protección individual e asegurar que se realizará o seu mantemento.
e) Con independencia do cobramento ou non da subvención, deberán satisfacer con carácter mensual e mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas que deriven do funcionamento dos servizos subvencionados, especialmente as de carácter salarial.
f) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar a Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.
Para os efectos dun correcto seguimento do desempeño das tarefas subvencionadas, a entidade beneficiaria da subvención deberá manter unha planificación permanentemente actualizada e respecto de cada unha das persoas traballadoras contratadas, no relativo ao lugar de realización do servizo e distribución do tempo de traballo por día da semana. A dita planificación deberá estar á disposición da Administración actuante para achegala cando se lle requira.
g) Comunicarlle á Consellería de Economía, Emprego e Industria, nun prazo de 5 días desde que se produzan, aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que vaian desenvolver as persoas contratadas, co obxecto de que poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.
h) Comunicarlle á Consellería de Economía, Emprego e Industria a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.
i) Realizar, cando proceda, e por requirimento dos órganos competentes da Consellería de Economía, Emprego e Industria, unha valoración do nivel de competencia profesional, así como un informe global no cal se describan tanto os puntos fortes como as carencias das persoas mozas demandantes de emprego sen titulación que se incorporen ao mercado de traballo a través dos programas regulados nesta orde.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
Subdirección Xeral de Emprego
Servizo de Programas de Cooperación
San Lázaro, s/n - planta 2
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981544604 / 981544612 / 981545767
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Coruña
Servizo de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social da Coruña
Avda. Salvador de Madariaga, 9 1º Centro comercial de Elviña
15008 Coruña, A (Coruña, A)
Teléfono: 881881599 / 881881596
Fax: 981881581
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de Lugo
Servizo de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social de Lugo
Ronda da Muralla, nº 70 baixo
27071 Lugo (Lugo)
Teléfono: 982294241
Fax: 982294258
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de Ourense
Servizo de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social de Ourense
Avda. da Habana, nº 79- 7ª
32071 Ourense (Ourense)
Teléfono: 988386816 / 988386807
Fax: 988386770
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de Pontevedra (Vigo)
Servizo de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social de Vigo
Rúa Concepción Arenal, nº 8 – 2ª
36201 Vigo (Pontevedra)
Teléfono: 986817032 / 986817693
Fax: 986817010
Prazo de presentación: PECHADO
29/01/2020 00:00 - 28/02/2020 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Requisitos das obras ou servizos
As obras ou os servizos que se desenvolverán mediante a actividade das persoas traballadoras desempregadas deberán ser tarefas relacionadas maioritariamente coa prevención de incendios nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, como son a planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, a limpeza de montes, a xestión da biomasa e cumprir os seguintes requisitos:
a) Que sexan executados polas entidades locais en réxime de administración directa ou polos organismos, entes ou empresas públicas a que se encomende a súa execución.
b) Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e prácticas profesionais das persoas desempregadas.
c) Que a entidade local dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo das partidas orzamentarias non subvencionadas para a realización das obras ou servizos.
d) Que a duración dos contratos das persoas desempregadas que desenvolvan a prestación dos servizos sexa de 9 meses.
e) Que as contratacións sexan para xornada a tempo completo.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). Estes formularios só terán validez se están debidamente asinados por quen represente legalmente a entidade correspondente ou persoa debidamente acreditada.
2. As entidades solicitantes deberán presentar unha única solicitude.
3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras.
4. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento
1. Xunto co formulario de solicitude, anexo I, deberá anexarse a seguinte documentación:
a) Unha memoria da obra ou servizo que se vai realizar co detalle do perfil das persoas desempregadas que se pretenden contratar, no modelo que se publica como anexo II. A relación de traballadores, por orde de preferencia, debidamente formalizada por grupo de cotización, é a que se terá en conta para os efectos da adxudicación sucesiva dos contratos.
b) Certificación do secretario ou secretaria da entidade local en que consten os seguintes aspectos:
– A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude para o caso de que non se trate de quen teña a representación legal.
– A aprobación da solicitude de subvención.
– A disposición de financiamento para as partidas orzamentarias que sexan financiadas por aquela.
– As retribucións salariais brutas dos traballadores e traballadoras, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social, con referencia da publicación oficial do convenio colectivo que resulte de aplicación, xuntando as táboas salariais vixentes no momento da solicitude.
c) Para o caso de agrupacións de concellos baixo calquera modalidade: copia do convenio de colaboración, se é o caso, e memoria explicativa da prestación conxunta da obra ou servizo con indicación das achegas de organización, medios persoais e materiais ou recursos financeiros dos concellos agrupados, de acordo co número 1 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013.
d) Certificado conxunto da Fegamp e da Xunta de Galicia, expedido con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, no que se acredite a proposta de habilitación do concello como «Concello Emprendedor-Concello Doing Business» ou diploma no que se acredita como «Concello Emprendedor-Concello Doing Business».
2. Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén e que fai constar os aspectos seguintes:
a) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
b) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.
c) Que a entidade local cumpriu coa súa obriga de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas, de acordo co estipulado no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas. No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de concellos cada concello deberá cumprir coa citada remisión.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) DNI/NIE da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención.
b) NIF da entidade solicitante.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente, habilitado no formulario de inicio, e achegar os ditos documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/portada
- Fase de solicitude
- Solicitude (Anexo I)
- Memoria da obra ou servizo (Anexo II)
Prazo de resolución: Tres meses
Sentido do silencio: Negativo
- Fase de xustificación
- Declaración responsable de axudas (Anexo III)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Corrección de erros. Orde do 6 de maio de 2020 pola que se acorda a continuación de determinados procedementos relativos á concesión de subvencións indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos públicos desta consellería durante a vixencia do estado de alarma (DOG nº 96 do 19 de maio de 2020).
-
Orde do 6 de maio de 2020 pola que se acorda a continuación de determinados procedementos relativos á concesión de subvencións indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos públicos no ámbito desta consellería durante a vixencia do estado de alarma (DOG nº 90 do 11 de maio de 2020).
-
Orde do 20 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural (Aprol rural) e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2020 (código de procedemento TR351G) (DOG nº 18 do 28 de xaneiro de 2020).
-
Extracto da Orde do 20 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural (Aprol rural) e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2020 (código de procedemento TR351G) (DOG nº 18 do 28 de xaneiro de 2020).
-
Orde do 18 de febreiro de 2020 pola que se modifica a Orde do 20 de decembro de 2019, pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural (Aprol rural) e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2020 (DOG nº 37 do 24 de febreiro de 2020).
-
Outros procedementos relacionados
Declaración de concello emprendedor.
Aberto todo o ano
Colaboración entre a Xunta de Galicia e as corporacións locais para a realización de obras con cargo ao financiamento extraordinario para o plan HURBE.
Aberto todo o ano
Axudas para actuacións encamiñadas á protección dos animais de compañía abandonados en Galicia destinadas ás entidades locais.
Prazo aberto: 22/01/2025 00:00 - 12/09/2025 23:59
Declaración urxente de ocupación de bens de expropiación.
Aberto todo o ano