Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TR351F
Subvención para a contratación temporal polas entidades locais de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da Risga.
Procedemento dirixido a: Entidades locais
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública das axudas e subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia (Risga), co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral (código de procedemento TR351F), e a aprobación da súa convocatoria para o ano 2022.
2. A convocatoria das subvencións previstas nesta orde tramitarase de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Poderán ser beneficiarios das axudas e subvencións previstas nesta orde os concellos e as agrupacións de concellos baixo calquera fórmula, sempre que todos eles dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución do obxecto para o cal se concede a subvención.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Coruña
Servizo de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social da Coruña
Avda. Salvador de Madariaga, 9-1º
15071 Coruña, A (Coruña, A)
Teléfono: 881881585/ 881881596
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de Lugo
Servizo de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social de Lugo
Ronda da Muralla, nº 70
27071 Lugo (Lugo)
Teléfono: 982294241
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de Ourense
Servizo de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social de Ourense
Avda. da Habana, nº 79 - 6ª
32071
Teléfono: 988386816/ 988386807
Fax: 988838629
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de Pontevedra (Vigo)
Servizo de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social de Vigo
Rúa Concepción Arenal, nº 8
36201 Vigo (Pontevedra)
Teléfono: 986817768
Prazo de presentación: PECHADO
02/02/2022 00:00 - 01/03/2022 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.
1. Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En todo caso, a solicitude conxunta de subvención para o desenvolvemento dun servizo ou programa exclúe a posibilidade de solicitude individual.
Requisitos da contratación.
As contratacións deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) En todo caso, as contratacións polas cales se conceda a subvención deberán ser para a realización de obras ou servizos de interese xeral e utilidade social competencia das entidades locais.
b) Con independencia da duración do contrato, o período de contratación subvencionable será de nove meses. Os contratos deberán formalizarse no prazo e nos termos establecidos na resolución de concesión da subvención e, en todo caso, dentro do exercicio 2022.
Excepcionalmente, cando concorran causas debidamente xustificadas, a persoa responsable da respectiva xefatura territorial da Consellería de Emprego e Igualdade poderá autorizar a prórroga do dito prazo establecido na resolución de concesión, logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria.
c) A selección de persoas traballadoras que se contraten será realizada por un grupo mixto constituído, para tal fin, por representantes da Consellería de Emprego e Igualdade, da entidade beneficiaria e dos equipos de inclusión sociolaboral dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, cando o ámbito territorial da entidade beneficiaria estea comprendido dentro das súas demarcacións para a intervención, que actuará de conformidade cos principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.
d) As persoas traballadoras que se contraten deberán ser, en todo caso, persoas perceptoras da Risga e estar inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como persoas demandantes non ocupadas. Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato. Terán preferencia, en todo caso, as persoas perceptoras da Risga que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral, os maiores de 45 anos e os que teñan cargas familiares.
e) Calquera que sexa a entidade local que realice as contratacións, deberá solicitar as persoas demandantes non ocupadas necesariamente mediante a presentación da oferta específica do programa de contratación de persoas beneficiarias da Risga nas oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia. Excepcionalmente, mediante a autorización expresa da respectiva xefatura territorial, e logo da acreditación da condición de persoa beneficiaria da Risga por parte da entidade solicitante, poderán utilizarse ofertas especiais con vinculación nominal.
f) Efectuada a selección das persoas traballadoras, a entidade beneficiaria procederá á súa contratación utilizando necesariamente a modalidade de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social.
Presentación de solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado do anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén e que fai constar os aspectos seguintes:
a) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, especificamente, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
b) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.
c) Que a entidade local cumpriu coa súa obriga de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas, de acordo co estipulado no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas. No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de concellos, cada concello deberá cumprir coa citada remisión.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras.
4. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Certificación da persoa secretaria da entidade local en que consten os seguintes datos:
1º. A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude.
2º. A aprobación polo órgano competente da entidade local da obra ou servizo de interese xeral ou social para o cal se vai contratar a persoa traballadora obxecto de solicitude de subvención.
3º. A disposición de financiamento para as partidas orzamentarias que sexan financiadas por aquela.
4º. As retribucións salariais brutas das persoas traballadoras, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social, con referencia á publicación oficial do convenio colectivo que resulte de aplicación, xuntando as táboas salariais vixentes no momento da solicitude.
b) Para o caso de agrupacións de concellos baixo calquera modalidade: copia do convenio de colaboración, se é o caso, e memoria explicativa da prestación conxunta do proxecto con indicación das contribucións económicas e achegas dos concellos agrupados.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención.
b) NIF da entidade solicitante.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
- Fase de solicitude
- Solicitude (Anexo I)
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase de xustificación
- Declaración responsable de axudas (Anexo II)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 7 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia (Risga) e se aproba a súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 21 do 1 de febreiro de 2022).
-
Extracto da Orde do 7 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia (Risga) e se aproba a súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 21 do 1 de febreiro de 2022).
-
Outros procedementos relacionados
Inscrición/acreditación de centros de formación para o emprego.
Aberto todo o ano
Mantemento da inscrición / acreditación por cambio de titularidade dun centro de formación.
Aberto todo o ano
Habilitación do Libro de subcontratación para o sector da construción
Aberto todo o ano
Bono remuda das persoas traballadoras autónomas.
Prazo aberto: 24/01/2025 00:00 - 30/09/2025 23:59