Guía de procedementos e servizos

TR349S

Programa de incentivos transformación de contratos temporais en indefinidos.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2016 - Prazo pechado: 27/07/2016 00:00 - 30/09/2016 23:59
TRAMITAR PRESENCIALMENTE
Coa finalidade de favorecer o emprego estable e facilitar a inserción laboral dos parados e paradas de longa duración que presentan desvantaxes e dificultades particulares para permanecer no mercado de traballo, esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2016 dos incentivos á súa contratación por conta allea.

Serán subvencionables ao abeiro deste programa as transformacións en indefinidos de contratos temporais realizados con persoas desempregadas paradas de longa duración.

Serán subvencionables as transformacións de contratos temporais en indefinidos realizadas desde o 1 de xaneiro de 2016 ata o 30 de setembro de 2016, ambas inclusive.

Para os efectos deste programa, entenderase que se produce a transformación dun contrato temporal en indefinido en todos aqueles casos en que ambas as dúas modalidades contractuais se sucedan sen ruptura da relación laboral coa empresa, incluídos aqueles supostos en que o inicio da relación laboral indefinida teña lugar o día seguinte ao do fin da vixencia do contrato temporal de que deriva.

As bases que rexen este programa establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que, de acordo coa finalidade e obxecto do programa, non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión da axuda se realiza pola comprobación da concorrencia na persoa solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

As empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídos autónomos e autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten por conta allea persoas traballadoras desempregadas de longa duración, para prestaren servizos en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde para os distintos tipos de axudas e non incorran nas circunstancias previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As sociedades civís e comunidades de bens deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Subdirección Xeral de Emprego

Servizo de Emprego por Conta Allea

San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981957728/ 981544610

Email: secretaria-xeral.emprego@xunta.gal

Servizo de Emprego por Conta Allea

Prazo de presentación: PECHADO

27/07/2016 00:00 - 30/09/2016 23:59

Comezará o día seguinte ao da publicación desta orde e rematará o 30 de setembro de 2016. *Información do prazo de presentación de solicitudes no último parágrafo do apartado documentación.

1. Como consecuencia da transformación en indefinido dun contrato temporal, ten que incrementarse o cadro de persoal fixo da empresa, no ámbito territorial de Galicia, respecto aos tres meses anteriores ao mes de realización da contratación pola cal se solicita subvención.

No caso de que nos tres meses anteriores á contratación pola cal solicita a subvención coincida con períodos de inactividade de persoas traballadoras fixas-descontinuas, estas computaranse como persoal fixo.

Para o cálculo do incremento do cadro de persoal fixo non se computarán as persoas traballadoras fixas cuxas baixas se producisen por dimisión da persoa traballadora ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total ou absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas, ou por resolución do contrato de traballo durante o período de proba.

2. No caso de transformacións de contratos temporais a tempo completo, a xornada do novo contrato indefinido será a tempo completo (excepto as transformacións de contratos temporais en indefinidos na súa modalidade de fixo-descontinuo, que poderá ter unha duración inferior á xornada a tempo completo en cómputo anual).

Nos supostos de contratos temporais a tempo parcial, a xornada do novo contrato indefinido deberá ser, como mínimo, igual á do contrato que se transforma.

3. Non se incentivará a transformación dos contratos temporais en indefinidos sempre que transcorresen máis de 24 meses desde a súa celebración inicial, agás aquelas modalidades temporais cuxa normativa permita unha duración superior a este prazo; computaranse todas as modalidades contractuais celebradas sen ruptura de continuidade.

4. As contratacións polas cales se solicita subvención deberanse formalizar e comunicar á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

  • As solicitudes deberanse presentar no modelo normalizado que figura como anexo II-A, xunto coa seguinte documentación, orixinal ou copia compulsada ou cotexada:

    • No caso de non presentar a autorización para a consulta dos datos de identidade da persoa solicitante e/ou da persoa representante da entidade no Sistema de verificación de datos de identidade, de acordo co disposto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, copia do DNI ou do NIE.

    • Se o solicitante e persoa xurídica, poder suficiente da persoa representante e asinante da solicitude para actuar en nome da entidade e NIF da empresa, no caso de denegar expresamente a súa consulta para a súa verificación a traves do servizo de interoperabilidade correspondente no formulario de solicitude.

    • Declaración do cadro de persoal de todos os centros de traballo da empresa en Galicia nos tres meses anteriores ao mes de inicio da relación laboral da persoa traballadora contratada segundo o modelo II-B.

    • Relación nominal das persoas traballadoras polas cales se solicita subvención, con indicación do suposto e tipo de axuda que se solicita, na cal se inclúan os custos salariais totais anuais de cada persoa traballadora pola cal se solicita subvención (anexo II-C) e a nómina do mes de contratación.

    • Documentos TC2 ou documento equivalente expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social correspondentes ás tres mensualidades anteriores ao mes de realización da contratación e, se e o caso, documentos TC2 ou documento equivalente expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social correspondentes á mensualidade da contratación obxecto de solicitude de subvención.

      Se e o caso, documentos acreditativos das baixas previstas no artigo 27, punto 1. desta orde.

  • As solicitudes deberanse presentar preferiblemente por vía electrónica a traves do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

    Opcionalmente, tamen se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de rexime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • A documentación complementaria tamen se poderá presentar en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de rexime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

    As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan autenticas.

  • A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de rexime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

  • No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase o solicitante para que, nun prazo de dez (10) días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, se considerará desistido da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.

  • *- O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación.

    - As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas entre o 1 de xaneiro de 2016 e a data da publicación desta orde deberanse presentar no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día seguinte ao da publicación e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

    - As axudas previstas polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberanse solicitar ata o último día do segundo mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral indefinida pola cal se solicita subvención. Se o último día de prazo e inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

    - O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2016, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado nos parágrafos anteriores.

Prazo de resolución: Cinco meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 21 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación por conta allea das persoas desempregadas paradas de longa duración e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (DOG nº 140 do 26 de xullo de 2016).

Outros procedementos relacionados

MR203B

Carné de usuario profesional de produtos fitosanitarios.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR435D

Inspección periódica dos equipos de aplicación de produtos fitosanitarios.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR553C

Indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades

Tramitar en liña

Prazo aberto: 16/01/2025 00:00 - 28/11/2025 23:59

MR561A

Autorización de laboratorios de autocontrol de salmonelas nas explotacións gandeiras.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano