Guía de procedementos e servizos

TR341N

Programa de axudas á adaptación de postos de traballo e asistencia técnica para os Centros Especiais de Emprego.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2022 - Prazo pechado: 28/09/2022 00:00 - 27/10/2022 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Esta orde ten por obxecto fixar, con carácter indefinido, as bases reguladoras das subvencións aos centros especiais de emprego establecidas pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, co fin de garantir a empregabilidade das persoas con discapacidade, a través dos seguintes programas:

b) Programa II: axudas á creación de postos de traballo estables para persoas con discapacidade, adaptación de postos e asistencia técnica nos centros especiais de emprego, regulado no capítulo III (códigos de procedementos TR341E e TR341N).

O obxecto deste programa é incentivar a creación de postos de traballo estables, financiar as adaptacións dos postos de traballo e as asistencias técnicas que precisen os CEE no seu proceso de creación ou de mellora e diversificación produtiva. 

Adaptación de postos de traballo (TR341N).

Establécese unha subvención para a adaptación de postos de traballo e para a eliminación de barreiras arquitectónicas. Será requisito para a concesión desta axuda que se acredite a necesidade de adaptación ou eliminación de barreiras arquitectónicas para manter o posto de traballo en atención á discapacidade da persoa pola que se solicita a subvención.

A contía máxima desta axuda será de 2.000 € por cada posto adaptado.

A necesidade da adaptación ou dos medios especiais de protección persoal deberá contar co informe favorable da Inspección de Traballo e Seguridade Social, que será solicitado de oficio polo órgano instrutor.

Asistencia técnica (TR341N).

1. Establécese unha subvención para asistencia técnica prestada por empresas ou persoas físicas especializadas que reúnan garantía de solvencia profesional. Poderá consistir nalgunha das modalidades seguintes:

a) Contratación de persoal de dirección, sempre que o CEE teña, como mínimo, 10 persoas traballadoras. Esta axuda poderá concederse, como máximo, en dúas convocatorias.

b) Custos derivados da obtención das certificacións de calidade e as súas sucesivas renovacións. A axuda para a implantación quedará condicionada á obtención da certificación de calidade.

c) Nos casos de creación dun centro de traballo (creación dun novo CEE ou ampliación do centro de traballo, coa debida cualificación do Rexistro administrativo de CEE de Galicia) ou nos casos de diversificación da actividade do centro suficientemente acreditada poderán outorgarse axudas de asistencia técnica consistentes en:

– Estudos de viabilidade, organización, comercialización e outros de natureza análoga.

– Labores de asesoramento nas diversas áreas de xestión empresarial, excluídas as tarefas que, pola súa natureza, teñan carácter ordinario e continuado na actividade da empresa.

– Auditorías e informes económicos, sempre que estes non se realicen de xeito obrigatorio por unha disposición que así o exixa.

– Auditorías sociais que permitan a empresa avaliar a súa eficacia social e o seu comportamento ético en relación cos seus obxectivos, de maneira que poida mellorar os seus resultados sociais e solidarios e dar conta deles a todas as persoas comprometidas pola súa actividade.

d) Poderase conceder unha axuda para a realización do informe de auditoría sobre a conta xustificativa das axudas recollidas nos programas I e III desta orde.

2. As axudas por asistencia técnica teñen os seguintes límites para cada CEE:

– 15.000 € para as modalidades das letras a), b) e c) da epígrafe 1, no seu conxunto.

– 4.000 € para a modalidade da letra d) da epígrafe 1, segundo o número de persoas contratadas polo CEE:

•    Ata 10 persoas: 1.000€

•    Entre 11 e 20 persoas: 2.000 €

•    Entre 21 e 60 persoas: 3.000 €.

•    Máis de 60: 4.000 €.

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións que se regulan nesta orde os CEE que, na data da solicitude da subvención, figuren inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos para cada tipo de axuda nos capítulos II a IV desta orde. Igualmente, os centros de traballo para os cales se solicite subvención deberán contar coa autorización administrativa prevista no artigo 7 do devandito decreto.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarios:

a) Os CEE en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

b) Os CEE excluídos do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o disposto nos artigos 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

c) Os CEE que non cumpran coa porcentaxe mínima do 70 % de persoas con discapacidade contratadas respecto do total do cadro de persoal. Nesta porcentaxe non se inclúe o persoal sen discapacidade dedicado á prestación de servizos de axuste persoal e social.

d) Os CEE que, carecendo de personalidade xurídica propia, non teña unha xestión diferenciada da súa entidade titular. Para os efectos de ter unha xestión diferenciada, deberán levar unha contabilidade separada da dita entidade e ter unha conta de cotización da Seguridade Social propia do CEE.

e) Os CEE que non estean ao día nas obrigas rexistrais, segundo o establecido no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento.

3. A acreditación, por parte das entidades solicitantes, de que cumpren as condicións sinaladas nas letras a), b), c) e d) do punto 2 do artigo 3 desta orde para poder obter a condición de beneficiarias das axudas realizarase mediante declaracións responsables que se inclúen nos anexos de solicitude de cada procedemento (anexos I, II, III e IV).

O órgano xestor poderá comprobar en calquera momento a veracidade das ditas declaracións.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social

Subdirección Xeral de Economía Social

Servizo de Fomento do Emprego en Economía Social

San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981544716/ 981957727

Fax: 981544678

Email: secretaria-xeral.emprego@xunta.es

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Prazo de presentación: PECHADO

28/09/2022 00:00 - 27/10/2022 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será, como mínimo, dun mes e comezará a contar a partir do día seguinte á publicación da convocatoria. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.

Para seren beneficiarios das axudas de asistencia técnica contidas neste programa, os CEE deberán estar recoñecidos como CEEIS polo Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co artigo 10 do Decreto 200/2005, do 7 de xullo.

Exceptúase do anterior a axuda recollida no artigo 40.1.d) para a realización do informe de auditoría sobre a conta xustificativa, cuxos beneficiarios poderán ser todos os CEE inscritos no citado rexistro.

Solicitudes.

1. As solicitudes de subvención deberán presentarse por separado para cada un dos programas regulados nos capítulos II, III e IV desta orde.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados que se publicarán con cada convocatoria de axudas como anexos I, II, III e IV (segundo o tipo de axuda de que se trate) e que estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. As solicitudes de subvención deberán presentarse xunto coa documentación complementaria sinalada nesta orde para cada programa, e dirixiranse ao órgano competente para resolver.

4. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

1. Xuntarase coa solicitude a documentación complementaria sinalada nos artigos 32, 41 e 47, para cada un dos programas de axudas definidos nestas bases reguladoras.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a súa oposición expresa.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

3. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación destes de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaños máximos admitidos da documentación complementaria para cada procedemento.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código do rexistro.

Documentación complementaria. Programa II.

1. Xunto coa solicitude das axudas recollidas neste programa (anexo II para o procedemento TR341E e anexo III para o procedemento TR341N) deberase presentar a seguinte documentación común:

a) Poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da persoa ou entidade solicitante.

b) Orzamento detallado do gasto, conforme o modelo que consta na páxina https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego, debidamente asinado pola persoa representante do CEE, cun calendario de execución no que especificará claramente o gasto que se imputará a cada anualidade, en función do período subvencionable que se indique en cada convocatoria de axudas. Non será necesario este documento de axuda para asistencia técnica no artigo 40.1.d), de ser o caso.

c) O Orzamento detallado do gasto, indicado no parágrafo anterior en formato editable (folla de cálculo). Non será necesario este documento de axuda para asistencia técnica no artigo 40.1.d), de ser o caso.

d) Documentos relacionados nas letras b) e c). Segundo o tipo de axuda solicitada achegaranse orzamentos, facturas pro forma ou documentos que acrediten os custos salariais (incluídos os de seguridade social).

e) As tres ofertas e as memorias mencionadas no artigo 37 epígrafes 5 e 6, de ser o caso.

2. Documentación complementaria específica para as subvencións en función do investimento en activo fixo (procedemento TR341E –anexo II–).

a) Certificación, asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE, da relación do cadro de persoal con discapacidade con contratación indefinida na data de presentación da solicitude, segundo o modelo que consta na páxina web https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego

b) Relación certificada das novas persoas contratadas con carácter indefinido ou cuxos contratos se transformaron en indefinidos e polas cales se pide subvención, segundo o modelo que consta na páxina web https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego, asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE.

c) As certificacións indicadas nas letra a) e b) anteriores en formato editable (folla de cálculo).

d) Plan de investimentos en activos fixos, e xustificación da súa necesidade para a creación dos postos.

e ) Estudo económico-financeiro de viabilidade do proxecto.

f) Anexo V: autorización para a comprobación de datos de todas as persoas traballadoras con discapacidade do CEE contratadas con carácter indefinido na data de presentación da solicitude.

g) Certificación de discapacidade recoñecida fóra de Galicia, de ser o caso.

3. Documentación complementaria específica para as subvencións de adaptación de postos de traballo (procedemento TR341N –anexo III–):

a) Memoria explicativa do obxecto da axuda e xustificación da súa necesidade, así como do investimento necesario, asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE.

b) Certificación, asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE, da relación do cadro de persoal para o que se adaptan os postos conforme o modelo que consta na páxina web  https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego

c) A certificación indicada no parágrafo anterior en formato editable (folla de cálculo).

d) Anexo V: autorización para a comprobación de datos das persoas traballadoras para as que se adaptan os postos.

e) Certificación de discapacidade das persoas traballadoras para as que se adaptan os postos, no caso de que a discapacidade fose recoñecida fóra de Galicia.

4. Documentación complementaria específica para as axudas de asistencia técnica sinaladas no artigo 40.1. Procedemento TR341N (anexo III ):

a) Asistencia técnica do artigo 40.1.a):

- Memoria asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE sobre a xustificación da súa necesidade.

- Currículo da persoa que vai prestar o servizo.

- Anexo V: autorización para a comprobación de datos da persoa contratada.

b) Asistencias técnicas do artigo 40.1.b: Memoria, asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE, que conteña modalidade de asistencia solicitada e breve descrición do seu contido.

c) Asistencia técnica do artigo 40.1.c: Memoria, asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE que conteña:

- Modalidade de asistencia solicitada  e xustificación da súa necesidade.

- Acreditación da diversificación da actividade, se é o caso.

- Índice do contido dos estudos e informes, se é o caso.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban facer  trala presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta Cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación dos procedementos regulados nesta orde consultaranse automaticamente os datos que sexan necesarios para cada fase e tipo de axuda, de entre os incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Seguridade Social a persoa solicitante.

e) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Administración a Comunidade Autónoma de Galicia a persoa solicitante.

f) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Axencia Estatal Tributaria a persoa solicitante.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

i) Informe das contas de cotización asociadas ao NIF da entidade solicitante.

j) DNI ou NIE das persoas con discapacidade do CEE e das persoas traballadoras polas que se solicita a subvención, de ser o caso.

k) Consulta dos contratos de traballo das persoas polas cales se solicita a subvención e/ou das persoas con discapacidade destinatarias finais da subvención, de ser o caso.

l) Informe da vida laboral das persoas polas cales se solicita a subvención e/ou das persoas con discapacidade destinatarias da subvención, de ser o caso.

m) Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia, relativo ás persoas polas que se solicita a subvención e/ou ás persoas con discapacidade destinatarias finais da subvención, de ser o caso.

n) Certificado das prestacións que figuran no Rexistro de Prestacións Sociais Públicas das persoas con discapacidade do CEE destinatarias finais da subvención, de ser o caso.

ñ) Inscrición como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego relativo ás persoas polas que se solicita a subvención cando lles sexa de aplicación esta circunstancia.

o) Titulacións universitarias/non universitarias.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os devanditos documentos.

Cando así o esixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 13 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2022-2023 (DOG nº 184 do 27 de setembro de 2022).

    • Extracto da Orde do 13 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2022-2023. Programa II: axudas para a creación de postos de traballo estables, adaptación de postos e asistencia técnica para os CEE (DOG nº 184 do 27 de setembro de 2022).

    • Corrección de erros. Orde do 13 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2022-2023 (DOG nº 198 do 18 de outubro de 2022).

    • Orde do 26 de decembro de 2022 pola que se amplían os créditos establecidos para os programas I e II na Orde do 13 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2022 e 2023 (DOG nº 246 do 28 de decembro de 2022).

    • Corrección de erros. Orde do 26 de decembro de 2022 pola que se amplían os créditos establecidos para os programas I e II na Orde do 13 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2022 e 2023 (DOG nº 247 do 29 de decembro de 2022).

    • Resolución do 15 de febreiro de 2023, da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, pola que se dá publicidade ás axudas concedidas ao abeiro da Orde do 13 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2022 e 2023 (DOG nº 41 do 28 de febreiro de 2023).

Outros procedementos relacionados

BS210A

Recoñecemento da situación de dependencia e da discapacidade

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS604A

Traslado en servizos prestados en centros propios ou concertados, no ámbito da atención á dependencia e da promoción da autonomía persoal.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS605A

Solicitude de estancias temporais nos servizos prestados en centros propios ou concertados, no ámbito da atención á dependencia e da promoción da autonomía persoal.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS611B

Expedición da tarxeta acreditativa do grao de discapacidade (nova tarxeta)

Tramitar en liña

Aberto todo o ano