Guía de procedementos e servizos

TR341N

Programa de adaptación de postos de traballo e asistencia técnica nos Centros Especiais de Emprego.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2018 - Prazo pechado: 04/09/2018 00:00 - 03/10/2018 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Sobre o procedemento

Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria plurianual das subvencións aos centros especiais de emprego (CEE) establecidas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, co fin de garantir a empregabilidade das persoas con discapacidade, a través dos seguintes programas:

- Programa II: programa de axudas a proxectos de creación de postos de traballo de carácter indefinido, a adaptación dos postos e asistencias técnicas nos CEE, regulado no capítulo III.

O obxecto deste programa é incentivar a creación de postos de traballo indefinidos, financiar as adaptacións dos postos de traballo e as asistencias técnicas que precisen os CEE mediante o financiamento parcial de iniciativas ou proxectos técnica, económica e financeiramente viables que xeren emprego estable, para traballadores e traballadoras con discapacidade na Comunidade Autónoma de Galicia.

Dúas liñas de axudas:

- Subvención para adaptación de postos de traballo:

- Subvención por asistencia técnica, con catro modalidades:

a) Axuda para a contratación de persoal de dirección.

b) Axuda para a obtención das certificacións de calidade e as súas sucesivas renovacións.

c) Axudas de asistencia técnica consistentes en estudos, informes, asesoramento ou auditorías económicas e sociais.

d) Asistencia técnica para auditoría da conta xustificativa dos programas I e III.

Serán beneficiarios deste programa os CEE cualificados sen ánimo de lucro polo Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co artigo 10 do Decreto 200/2005, do 7 de xullo. Exceptúase o caso de asistencia técnica para informe de auditoría sobre a conta xustificativa recollida no artigo 40.d), a que poderán optar todos os CEE inscritos no Rexistro Administrativo de CEE da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, poderán ser beneficiarias aquelas entidades que na data de presentación da solicitude de axudas, teñan solicitado a súa cualificación como centro especial de emprego ou ampliación de novos centros de traballo. Consideraranse accións ou gastos subvencionables os realizados desde a data da solicitude de cualificación dentro do período que se estableza na convocatoria. En todo caso, para o seu pagamento será necesario acreditar a dita cualificación e a inscrición da entidade no Rexistro de Centros Especiais de Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para ser beneficiario, o CEE deberá acreditar o cumprimento da porcentaxe mínima do 70 % de persoas con discapacidade contratadas respecto do total do cadro de persoal. Nesta porcentaxe non se inclúe o persoal sen discapacidade dedicado á prestación de servizos de axuste persoal e social. Entenderase por servizos de axuste persoal e social os de rehabilitación, terapéuticos, de integración social, culturais e deportivos que procuren ao traballador ou traballadora con discapacidade do centro especial de emprego unha maior rehabilitación persoal e mellor adaptación da súa relación social.

Os CEE sen personalidade xurídica propia para seren beneficiarios terán que ter unha xestión diferenciada da súa entidade titular polo que deberán levar unha contabilidade separada da dita entidade e ter unha conta de cotización da Seguridade Social propia do CEE.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarios os CEE en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Tampouco poderán obter a condición de beneficiarios os CEE solicitantes que estean excluídos do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o disposto nos artigos 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

4. A xustificación por parte dos CEE solicitantes de non estaren incursos nas prohibicións contidas nos números 2 e 3 anteriores para obteren a condición de beneficiarios realizarase mediante declaración responsable no anexo de solicitude de cada tipo de axuda

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social

Subdirección Xeral de Economía Social

Servizo de Fomento do Emprego en Economía Social

San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981544716 / 981957727

Fax: 981544678

Email: secretaria-xeral.emprego@xunta.es

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

04/09/2018 00:00 - 03/10/2018 23:59

O prazo de presentación das solicitudes para cada un dos programas previstos nesta orde establecerase en cada convocatoria de axudas e será como mínimo dun mes.
O prazo de presentación de solicitudes comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes

A ADAPTACION DE POSTOS require que se acredite a necesidade da adaptación ou eliminación de barreiras arquitectónicas para manter o posto de traballo en atención á discapacidade da persoa pola que se solicita a subvención.

A necesidade da adaptación deberá contar co informe favorable da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

A ASISTENCIA TÉCNICA deberán prestala empresas ou persoas físicas especializadas que reúnan garantía de solvencia profesional. Poderá consistir nalgunha das MODALIDADES seguintes:

a) Contratación de persoal de dirección, sempre que o CEE teña como mínimo 10 persoas traballadoras. Esta axuda poderá concederse como máximo en dúas convocatorias.

b) Custes derivados da obtención das certificacións de calidade e as súas sucesivas renovacións. A axuda para a implantación quedará condicionada á obtención da certificación de calidade.

c) Nos casos de creación dun centro de traballo (creación dun novo CEE ou ampliación do centro de traballo, coa debida cualificación do Rexistro administrativo de CEE de Galicia) ou nos casos de diversificación da actividade do centro suficientemente acreditada poderán outorgarse axudas de asistencia técnica consistentes en:

- Estudos de viabilidade, organización, comercialización e outros de natureza análoga.

- Labores de asesoramento nas diversas áreas de xestión empresarial, excluídas as tarefas que, pola súa natureza, teñan carácter ordinario e continuado na actividade da empresa.

- Auditorías e informes económicos, sempre que estes non se realicen de xeito obrigatorio por unha disposición que así o esixa.

- Auditorías sociais que permitan a empresa avaliar a súa eficacia social e o seu comportamento ético en relación aos seus obxectivos, de maneira que poida mellorar os seus resultados sociais e solidarios e dar conta deles a todas as persoas comprometidas pola súa actividade.

d) Poderase conceder unha axuda para a realización do informe de auditoría sobre a conta xustificativa das axudas recollidas nos programas I e III desta Orde

Procedementos e servizos relacionados

Incluír o procedemento TR341E- Programa de axudas para a creación de postos de traballo nos centros especiais de emprego

 

1. Xunto coa solicitude das axudas recollidas neste capítulo (procedemento TR341E –anexo IV– e procedemento TR341N –anexo VI–) deberase presentar a seguinte documentación común:

a) Poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da entidade.

b) Memoria que recolla a titularidade do centro, enderezos dos centros de traballo, actividades e cumprimento ou non dos seus obxectivos económicos e de axuste persoal e social e, de ser o caso, as causas que motivaron o seu incumprimento.

c) Certificación de discapacidade das persoas traballadoras con discapacidade do CEE, no caso de que a discapacidade fose recoñecida fóra de Galicia.

d) Información sobre a comprobación de datos de todas as persoas traballadoras con discapacidade do CEE (anexo XI).

e) Orzamento detallado do gasto (ou facturas pro forma) con calendario de execución en que especificará claramente o gasto que se imputará a cada anualidade, en función do período subvencionable que se indique en cada convocatoria.

f) De ser o caso, as 3 ofertas e as memorias mencionadas no artigo 37, números 5 e 6.

2. Documentación específica para as subvencións de adaptación de postos de traballo (procedemento TR341N –anexo VI–):

a) Certificación da relación do cadro de persoal do CEE, segundo o modelo do anexo VII.

b) Memoria explicativa do obxecto da axuda e xustificación da súa necesidade, así como do investimento necesario.

3. Documentación específica para a axuda de asistencia técnica TR341N –anexo VI–):

a) Certificación da relación do cadro de persoal do CEE, segundo o modelo do anexo VII.

b) Memoria explicativa que conteña:

– Modalidade de asistencia solicitada.

– Xustificación da necesidade dos estudos, informes, asesoramento ou auditorías.

– Acreditación da diversificación da actividade, se é o caso.

– Cando se trate de estudos ou de asesoramento, un índice do seu contido.

c) Memoria da entidade e/ou currículo da persoa que vai prestar o servizo.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación dos procedementos regulados nesta orde consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Seguridade Social a entidade solicitante.

e) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a entidade solicitante.

f) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Axencia Estatal Tributaria a entidade solicitante.

g) Informe da vida laboral das persoas con discapacidade do CEE e informe da vida laboral das persoas traballadoras polas que se solicita a subvención, de ser o caso.

h) Inscrición como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego relativo ás persoas polas que se solicita a subvención e ás cales lles sexa de aplicación esta circunstancia.

i) Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia, relativo ás persoas polas que se solicita a subvención e ás persoas con discapacidade destinatarias finais da subvención, de ser o caso.

j) DNI ou NIE das persoas con discapacidade do CEE e das persoas traballadoras polas que se solicita a subvención, de ser o caso.

k) Certificado das prestacións que figuran no Rexistro de Prestacións Sociais Públicas das persoas con discapacidade do CEE cuxo certificado non sexa emitido pola Xunta de Galicia.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A comprobación do cumprimento dos requisitos das persoas traballadoras polas que se solicita a subvención efectuarase mediante a cesión de datos realizada pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social, polo Servizo Público de Emprego de Galicia e a Consellería de Política Social, de conformidade co previsto no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; nos artigos 11.2 e 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal; no artigo 10.4.c) do Regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, aprobado polo Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, e nos artigos 14.1.b) e 20.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Presentación solicitudes.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados (anexos I, IV, VI ou VIII, segundo o tipo de axuda de que se trate) dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De acordo co disposto no artigo 31 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, de acompañamento dos orzamentos para o ano 2017, a xustificación da concorrencia das circunstancias indicadas no devandito artigo para establecer a obriga de relacionarse electronicamente coa Administración na presentación das persoas físicas vén motivada polo feito de que as entidades beneficiarias a que vai dirixida esta orde de subvencións son as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídos os autónomos, as sociedades civís e as comunidades de bens, as asociacións, as fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro e os centros especiais de emprego. Todas elas, incluídas as persoas autónomas, exercen unha actividade económica e dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento, en calquera actividade comercial que realicen.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

As solicitudes de subvención deberán presentarse xunto coa documentación complementaria sinalada nesta orde para cada programa, e dirixiranse ao órgano competente para resolver.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave, Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Despois de presentar

Prazo de resolución: Tres meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 13 de agosto de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2018-2019 (DOG nº 167 do 3 de setembro de 2018).

    • Extracto da Orde do 13 de agosto de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2018-2019. Programa II: axudas para a creación de postos de traballo, a súa adaptación e asistencia técnica a CEE. (DOG nº 167 do 3 de setembro de 2018).

    • Orde do 18 de decembro de 2018 pola que fai pública a ampliación da dotación orzamentaria para a concesión das axudas establecidas na Orde do 13 de agosto de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2018-2019 (DOG nº 241 do 19 de decembro de 2018 ).

    • Resolución do 21 de xuño de 2019, da Secretaría Xeral de Emprego, pola que se dá publicidade ás axudas concedidas ao abeiro da Orde do 13 de agosto de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2018-2019 (DOG nº 138 do 22 de xullo de 2019).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

BS210A

Recoñecemento da situación de dependencia e da discapacidade

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS604A

Traslado en servizos prestados en centros propios ou concertados, no ámbito da atención á dependencia e da promoción da autonomía persoal.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS605A

Solicitude de estancias temporais nos servizos prestados en centros propios ou concertados, no ámbito da atención á dependencia e da promoción da autonomía persoal.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS611B

Expedición da tarxeta acreditativa do grao de discapacidade (nova tarxeta)

Tramitar en liña

Aberto todo o ano