Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TR341L
Programa de emprego con apoio como medida de fomento de emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Coa finalidade de promover a integración laboral das persoas con discapacidade nas empresas ordinarias con centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria, para o ano 2017, das subvencións establecidas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para a integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, a través do seguinte programa:
- Programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo (capítulo III). Procedemento TR341L
A finalidade deste programa é favorecer a integración laboral das persoas con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral mediante a súa contratación en empresas con centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.
O obxecto deste programa é subvencionar ás entidades promotoras de proxectos de emprego con apoio para financiar os custos laborais e de seguridade social derivados da contratación dos preparadores e das preparadoras laborais que leven a cabo as accións de emprego con apoio.
1. As persoas destinatarias finais do Programa de emprego con apoio serán traballadores e traballadoras con discapacidade inscritos nos servizos públicos de emprego como demandantes de emprego non ocupados, así como traballadores e traballadoras con discapacidade contratados por centros especiais de emprego, sempre que, en ambos os dous casos, se atopen nalgún dos supostos que se describen a continuación:
a) Persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental ou persoas con discapacidade intelectual cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.
b) Persoas con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.
c) Persoas xordas e con discapacidade auditiva, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.
2. As ditas persoas traballadoras deberán ser contratadas por unha empresa do mercado ordinario de traballo para seren empregadas efectivamente na organización produtiva da empresa.
As empresas terán dereito aos beneficios previstos na normativa sobre contratación de persoas traballadoras con discapacidade nos termos establecidos nela e, en concreto, poderán solicitar as subvencións do Programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, regulado no capítulo II desta orde.
3. Poderán ser persoas destinatarias finais deste programa as sinaladas nas letras a), b) e c) do número 1 deste artigo que, estando empregadas mediante un contrato de carácter indefinido, requiran o desenvolvemento das accións de emprego con apoio previstas no artigo 38.2 desta orde, como consecuencia dunha alteración das condicións da prestación do seu traballo ou do seu contorno laboral que produzan problemas agudos de adaptación que ameacen a continuidade da súa actividade produtiva.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social
Subdirección Xeral de Economía Social
Servizo de Fomento do Emprego en Economía Social
Edificio Administrativo San Lázaro S/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981544682 / 981544716
Fax: 981544678
Prazo de presentación: PECHADO
22/06/2017 00:00 - 21/07/2017 23:59
O prazo de presentación de solicitudes do Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, regulado no capítulo III desta orde, é dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
1. Os proxectos de emprego con apoio deberán facer constar, polo menos, os seguintes aspectos:
a) Identificación da empresa que vai contratar as persoas traballadoras con discapacidade que van recibir apoio, así como o seu compromiso de contratación das ditas persoas traballadoras.
b) Identificación da entidade promotora que vai levar a cabo as accións de emprego con apoio a través dos preparadores e das preparadoras laborais que ten contratados ou que vai contratar, neste caso, deberá expresar o seu compromiso de contratación.
c) Número de persoas traballadoras con discapacidade que van recibir as accións de emprego con apoio, con indicación do tipo e grao de discapacidade, tipo e duración de contrato que se lles vai formalizar e do centro ou centros de traballo en que van efectuar a prestación laboral, así como a descrición de cada un dos postos de traballo.
d) Relación dos preparadores e das preparadoras laborais que lles van prestar o apoio ás persoas traballadoras con discapacidade con indicación do tipo e duración do contrato de traballo formalizado ou que van formalizar coa entidade promotora do emprego con apoio.
e) Descrición da previsión das accións de emprego con apoio que cada preparador ou preparadora vai prestar a cada unha das persoas traballadoras con discapacidade que lle corresponda atender, especificando a duración das ditas accións e a distribución temporal prevista nelas.
f) Nomeamento, por parte da empresa que vai contratar as persoas traballadoras con discapacidade que van recibir apoio, entre o seu persoal, da figura do coordinador ou coordinadora do proxecto con apoio, que desenvolverá accións para facilitar as relacións entre as persoas con discapacidade, os preparadores e as preparadoras laborais e o persoal da empresa, así como o seguimento e avaliación por parte da empresa.
g) Convenio ou convenios de colaboración a que se refire o artigo 42, no caso de que a entidade promotora sexa distinta da empresa que contrata as persoas traballadoras con discapacidade.
2. As accións de emprego con apoio desenvolveranse no marco de proxectos de emprego con apoio que, para os efectos desta orde, terán unha duración máxima dun ano, prorrogable ata outro ano máis.
Non obstante, no caso de persoas traballadoras co tipo e grao de discapacidade establecido no artigo 39.1.a), o prazo máximo de dous anos poderase ampliar ata seis meses máis, sempre e cando se detecten situacións de especial dificultade que exixan necesidades específicas de apoio.
3. As accións de emprego con apoio que teñan por persoas destinatarias finais as recollidas no suposto sinalado no artigo 39.3 desta orde poderanse desenvolver en proxectos de emprego con apoio cunha duración de entre un e seis meses.
As solicitudes deberanse presentar nos modelos normalizados que figuran como anexo III á orde e deberán ir acompañadas da seguinte documentación:
a) Se o solicitante é unha persoa xurídica, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da entidade.
b) Documento constitutivo da entidade promotora do proxecto de emprego con apoio e as súas posibles modificacións, xunto cos estatutos sociais.
c) Documentos acreditativos da inscrición da entidade no rexistro correspondente.
d) Memoria que permita valorar a competencia, experiencia e capacidade da entidade promotora, con indicación dos recursos materiais de que dispoñen para desenvolver as actuacións polas cales se solicita subvención.
e) Currículo dos preparadores ou preparadoras laborais, xunto cos documentos que acrediten a súa formación e experiencia profesional para a realización das accións de emprego con apoio.
f) Certificación de gastos relativos aos custos salariais e de seguridade social por conta da entidade promotora dos preparadores e das preparadoras laborais, en función da duración do apoio e da xornada realizada, referido ao período polo que se solicita a subvención, segundo o modelo do anexo VI. Presentarase un anexo por cada preparador ou preparadora e, se for o caso, incluirá relación dos gastos en concepto de desprazamento. Achegaranse copias de nóminas e documentos de transferencia bancaria que xustifiquen o pagamento, correspondentes a mensualidades xa aboadas na data da solicitude.
g) RNT correspondentes aos meses polos cales se solicita a subvención xa ingresados, conforme as normas da Seguridade Social, na data de solicitude.
h) Proxecto de emprego con apoio, que incluirá as accións que se vaian desenvolver, segundo o previsto no artigo 38 desta orde, así como os requisitos e duración, establecidos no artigo 41, e recollerá os obxectivos, recursos, orzamento, fases de implantación e sistemas de avaliación dos resultados. Deberase indicar expresamente se se trata da solicitude de prórroga dun proxecto de emprego con apoio conforme o previsto no artigo 41.2 desta orde.
i) Relación nominal dos traballadores e das traballadoras con discapacidade que van recibir as accións de emprego con apoio, con indicación do tipo e grao de discapacidade, do tipo, duración e xornada do contrato formalizado ou que se lles vai formalizar, e do centro ou centros de traballo en que efectúan ou van efectuar a prestación laboral, segundo o modelo do anexo IV.
j) Descrición de cada un dos postos de traballo que van ocupar os traballadores ou traballadoras con discapacidade (segundo o modelo do anexo VII), ou calquera outro que, respectando o contido mínimo, queira presentar a persoa ou entidade solicitante.
k) Relación nominal dos preparadores e preparadoras laborais que prestan ou van prestar o apoio ás persoas traballadoras con discapacidade con indicación do tipo, duración e xornada do contrato de traballo formalizado, ou que van formalizar coa entidade promotora do emprego con apoio, caso en que deberá expresar o seu compromiso de contratación (segundo o modelo do anexo V).
l) Descrición detallada das accións de emprego con apoio que cada preparador ou preparadora vai prestar a cada unha das persoas traballadoras con discapacidade que lle corresponda atender, especificando a duración das ditas accións e a distribución temporal prevista destas. Engadirase un cronograma cos apoios realizados ou que se van realizar no total do período que se subvencionará do 1 de outubro de 2016 ao 30 de setembro de 2017.
m) De ser o caso, acreditación das circunstancias que requiran a prestación das accións de emprego con apoio ás persoas con discapacidade no suposto dunha alteración das condicións da prestación do seu traballo, ou do seu contorno laboral que produzan problemas agudos de adaptación que ameacen a continuidade da súa actividade produtiva.
n) Certificado de discapacidade das persoas traballadoras con discapacidade polas que se solicita subvención (para os casos de discapacidade recoñecida fóra de Galicia).
ñ) No caso de que as persoas traballadoras polas que se solicita subvención pertenzan a unha familia en que todas as persoas que a compoñen están desempregadas:
Declaración responsable da persoa solicitante da subvención sobre a composición da súa unidade familiar, de acordo co modelo do anexo X.
Certificado de empadroamento conxunto da unidade familiar.
Copia do libro de familia.
o) Anexo XI cuberto para a comprobación de datos da persoa traballadora contratada e das persoas que compoñen a súa unidade familiar.
p) Convenio de colaboración entre a entidade promotora do emprego con apoio e a empresa empregadora, establecido no artigo 42 desta orde.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación dos procedementos regulados nos capítulos II e III desta orde consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.
b) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Seguridade Social a entidade solicitante.
c) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a entidade solicitante.
d) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Axencia Estatal Tributaria a entidade solicitante.
e) NIF da entidade solicitante.
f) Informe da vida laboral das persoas traballadoras polas que se solicita a subvención e das persoas con discapacidade destinatarias finais da subvención.
g) Inscrición como demandante de emprego no servizo público de emprego relativo ás persoas polas que se solicita a subvención e que lles sexa de aplicación esta circunstancia.
h) Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia relativo ás persoas polas que se solicita a subvención e que lles sexa de aplicación esta circunstancia.
2. Cando se faga constar no anexo X que pertence a unha familia na cal todas as persoas que a compoñen están desempregadas, consultaranse ademais os seguinte datos:
a) Documento nacional de identidade das persoas membros da unidade familiar maiores de 16 anos.
b) Informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social relativo ás persoas membros da unidade familiar maiores de 16 anos.
c) Certificado das prestacións e importes que figuran no Rexistro de Prestacións Sociais Públicas das persoas que integran a unidade familiar.
d) Certificado de inscrición no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia, se é o caso.
3. No caso de que as persoas destinatarias finais da subvención e, de ser o caso, as persoas integrantes da súa unidade familiar, se opoñan á consulta de datos deberán indicalo expresamente no anexo XI e achegar os documentos que correspondan.
4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Para o procedemento do programa regulado no capítulo III desta orde (TR341L), as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
De acordo co disposto no artigo 31 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, de acompañamento dos orzamentos para o ano 2017, a xustificación da concorrencia das circunstancias indicadas no devandito artigo para establecer a obriga de relacionarse electronicamente coa Administración na presentación das persoas físicas vén motivada polo feito de que as entidades beneficiarias a que vai dirixida esta orde de subvencións son as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídos os autónomos, as sociedades civís e as comunidades de bens, as asociacións, fundacións e outras entidades sen animo de lucro e os centros especiais de emprego. Todas elas, incluídas as persoas autónomas, exercen unha actividade económica e dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento, en calquera actividade comercial que realicen.
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirírase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.
As solicitudes de subvención deberán presentarse por separado para cada un dos programas desta orde, nos modelos de solicitude que figuran como anexos, xunto coa documentación sinalada nesta orde para cada programa, e dirixiranse ao órgano competente para resolver.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Para a presentación de solicitudes as persoas ou entidades beneficiarias poderán contar co asesoramento dos axentes de emprego e desenvolvemento local da rede coordinada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.
No caso de que algún dos documentos que vai presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación destes de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaños máximos admitidos da documentación complementaria para cada procedemento.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código do rexistro.
- Inicio
- Solicitude (Anexo III)
- Fase de solicitude
- Certificación da relación nominal das persoas traballadoras con discapacidade (Anexo IV)
- Declaración responsable da composición da unidade familiar (Anexo X)
- Certificación dos custos salariais e de seguridade social por conta da entidade das persoas preparadoras laborais (Anexo VI)
- Certificación da relación nominal das persoas preparadoras laborais que van prestar as accións de emprego con apoio (Anexo V)
Prazo de resolución: Tres meses
Sentido do silencio: Negativo
- Fase de xustificación
- Descrición do posto de traballo que vai ocupar a persoa traballadora con discapacidade (Anexo VII)
- Comprobación de datos da persoa traballadora contratada e das persoas que compoñen a súa unidade familiar (Anexo XI)
- Declaración da persoa traballadora de ter sido informada pola empresa da subvención concedida (Anexo VIII)
- Certificación dos custos salariais e de seguridade social por conta da entidade das persoas preparadoras laborais (Anexo VI)
- Declaración expresa doutras axudas (Anexo IX)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 5 de xuño de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de promoción da integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria e do Programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (DOG nº 117 do 21 de xuño de 2017).
-
Outros procedementos relacionados
Recoñecemento da situación de dependencia e da discapacidade
Aberto todo o ano
Traslado en servizos prestados en centros propios ou concertados, no ámbito da atención á dependencia e da promoción da autonomía persoal.
Aberto todo o ano
Solicitude de estancias temporais nos servizos prestados en centros propios ou concertados, no ámbito da atención á dependencia e da promoción da autonomía persoal.
Aberto todo o ano
Expedición da tarxeta acreditativa do grao de discapacidade (nova tarxeta)
Aberto todo o ano