Guía de procedementos e servizos

TR331A

Subvencións a entidades para a contratación de persoal técnico de orientación laboral.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Cidadáns, Empresas e profesionais, Entidades locais

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 11/02/2021 00:00 - 10/03/2021 23:59

1. Esta orde ten por finalidade o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións ás entidades que presten servizos de orientación laboral para o emprego e asistencia para o autoemprego, articuladas en itinerarios personalizados para o emprego e dirixidas a mellorar as posibilidades de ocupación das persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, a través da contratación de persoal técnico de orientación laboral para o exercicio 2021, no ámbito da colaboración da Consellería de Emprego e Igualdade coas entidades locais e entidades sen ánimo de lucro, como instrumento para promover a configuración dunha rede especializada na mellora da empregabilidade e ocupabilidade das persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia (código do procedemento TR331A).

2. O financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo ás aplicacións orzamentarias 11.05.322A.460.4 e 11.05.322A.481.1 (código de proxecto 2015 00524) polos importes máximos de 2.700.000 e 4.112.189 euros, respectivamente, correspondentes a fondos finalistas recibidos do Servicio Público de Empleo Estatal, ao existir crédito adecuado e abondo no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 20 de novembro de 2020. De acordo coas normas que regulan a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, a concesión das subvencións queda sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e abondo no momento da resolución.

3. Os importes máximos recollidos no parágrafo anterior poderán ser obxecto de modificación como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos finalistas para o financiamento dos programas e servizos en materia de emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais, así como nos supostos previstos nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, logo da aprobación, se é o caso, da modificación orzamentaria que proceda. Os incrementos de crédito serán obxecto da oportuna publicación no Diario Oficial de Galicia.

Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas na presente orde:

a) As entidades locais, coa excepción das entidades de ámbito territorial provincial, ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha das anteriores, cuxa titularidade corresponda integramente a ela, sempre que por si soas ou asociadas entre concellos limítrofes teñan unha media de paro rexistrado no ano 2020 superior a 350 persoas, ou formen parte dunha agrupación que comprenda, cando menos, tres concellos limítrofes galegos (ou dous no caso de que un deles proceda da fusión de concellos).

Neste caso, un mesmo concello non poderá presentar solicitude por si só e en agrupación a través de convenio de colaboración.

b) As confederacións e asociacións empresariais e sindicais de Galicia, e as fundacións delas dependentes con experiencia na realización de accións de orientación laboral.

c) As entidades sen ánimo de lucro especializadas en atención a persoas con discapacidade, así como aquelas entidades que teñan por obxecto a atención a un colectivo específico de persoas en determinadas situacións de exclusión social (por razóns étnicas, adiccións, ex reclusos, etc.) que realicen accións de orientación laboral de acordo co previsto nestas bases reguladoras. A entidade solicitante deberá xustificar e cuantificar a súa atención a un número significativo de persoas na dita situación.

d) As entidades sen ánimo de lucro non incluídas na alínea anterior, que teñan entre as súas finalidades a atención a colectivos de persoas en risco ou situación de vulnerabilidade ou exclusión social que realicen accións de orientación laboral de acordo co previsto nestas bases reguladoras. A entidade solicitante deberá xustificar e cuantificar a súa atención a un número significativo de persoas na dita situación.

Para os efectos desta orde, entenderase como entidade sen ánimo de lucro aquelas entidades nas cales concorra a forma xurídica de asociación segundo a clasificación establecida pola Administración tributaria en relación co número de identificación fiscal.

Obrigas das entidades beneficiarias.

1. As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención de acordo co previsto na solicitude e na resolución de concesión, nesta orde e nos documentos de instrucións operativas que se porán á disposición das entidades beneficiarias na páxina web institucional da Xunta de Galicia no enlace https://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/direccion-xeral-de-orientacion-e-promocion-laboral?content=iniciativa_0040.html.

b) Retribuír ás persoas contratadas cos salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes a súa categoría profesional e titulación.

c) Con independencia do cobramento ou non da subvención, deberán satisfacer no momento do seu vencemento e mediante transferencia bancaria as obrigas económicas que deriven do funcionamento dos servizos subvencionados, especialmente as de carácter salarial.

d) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poida efectuar a Consellería de Emprego e Igualdade e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas e ás que poidan corresponder, se é o caso, á Comisión e ao Tribunal de Contas Europeo.

e) Comunicar, no prazo de 10 días hábiles, á Dirección Xeral de Formación e Colocación:

• As subvencións ou axudas solicitadas e/ou obtidas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

• Aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade a desenvolver polo persoal técnico contratado, co obxecto de que poida valorarse se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

f) Manter as condicións relativas ás instalacións e medios dedicados á realización das accións de orientación laboral e poñer á disposición do persoal técnico todos os medios materiais necesarios para o correcto desenvolvemento das súas funcións e, en particular, os equipamentos informáticos precisos, o acceso á internet e ao correo electrónico. Neste sentido deberán informar e, se é o caso, solicitar autorización, previamente e por escrito, sobre calquera cambio que se puider producir nos datos expresados pola entidade no inicio da súa colaboración, especialmente no que atinxe aos cambios de local.

g) Manter á disposición do Servizo Público de Emprego de Galicia e custodiar durante o período en que se executen as accións de orientación laboral o expediente completo de cada persoa usuaria. En caso de cesamento das súas actividades ou de perda da súa condición de entidade colaboradora do Servizo Público de Emprego de Galicia na área da orientación laboral, a entidade remitirá os expedientes das persoas usuarias á oficina de emprego que lle indique a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

h) Obter o consentimento das persoas usuarias para o tratamento automatizado dos seus datos persoais e facilitarlles información do estado dos seus datos de carácter persoal incluídos nos ficheiros automatizados en calquera das formas expresadas na Lei orgánica3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, adoptando as medidas técnicas e organizativas necesarias para garantir a seguranza dos datos.

i) Gardar o segredo profesional respecto dos datos contidos nos ficheiros automatizados de titularidade da Consellería de Emprego e Igualdade ou rexistrados en soportes físicos susceptibles de tratamento automatizado. Esta obriga subsistirá cando a entidade finalice a súa colaboración coa Dirección Xeral de Formación e Colocación.

l) Non percibir retribución económica ningunha das persoas usuarias pola realización das accións de orientación laboral desenvolvidas en colaboración coa Dirección Xeral de Formación e Colocación no marco desta disposición.

2. Ademais co fin de efectuar un seguimento adecuado da execución dos proxectos, a entidade beneficiaria deberá someterse ao cumprimento das seguintes obrigas:

I. Relacionadas coas medidas de información e publicidade:

a) No lugar onde se realicen as accións, deberá figurar, de forma visible, un cartel informativo, en modelo normalizado establecido e publicado pola Dirección Xeral de Formación e Colocación na web institucional da Xunta de Galicia no enlace: https://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/direccion-xeral-de-orientacion-e-promocion-laboral?content=iniciativa_0040.html, no cal constará o cofinanciamento por parte dos servizos públicos de emprego.

b) Deberán utilizar axeitadamente as identificacións segundo as instrucións da Dirección Xeral de Formación e Colocación e, en todo caso, incluír en toda a documentación relativa ás accións de orientación laboral os logotipos dos servizos públicos de emprego.

c) Deberán, ademais, obter autorización previa por parte da Dirección Xeral de Formación e Colocación para a difusión publicitaria das accións previstas no artigo 3 desta orde.

II. Relacionadas coas verificacións administrativas e sobre o terreo, e sen prexuízo da obriga de xustificación das subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na presente norma:

a) As entidades beneficiarias das axudas deberán manter un sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada de todas as transaccións realizadas con cargo aos proxectos subvencionados, referidos ás operacións da afectación da subvención á finalidade da súa concesión.

b) Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos.

c) Someterse ás actuacións de comprobación administrativas e sobre o terreo que se poidan acordar.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego

Subdirección Xeral do Servicio Público de Emprego de Galicia

Servizo de Orientación Laboral

Edificios Admvos. San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981545292

Fax: 981545765

Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego

Prazo de presentación: PECHADO

11/02/2021 00:00 - 10/03/2021 23:59

1. As entidades solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Dispoñer de locais con espazos diferenciados para a atención individual ás persoas demandantes de emprego e que reúnan as condicións de accesibilidade e calidade necesarias para o correcto desenvolvemento das actividades descritas no artigo 3 da presente orde. Os locais e espazos deberán atoparse completamente habilitados na data de inicio do período subvencionable.

b) Estar en condicións de habilitar unha conta de correo electrónico que actúe como caixa de correo do servizo (polo que na súa denominación deberá constar, necesariamente, o termo «orientación» e a denominación da entidade), para os efectos de realizar as comunicacións electrónicas coa entidade.

c) Dispoñer dos medios técnicos e materiais para habilitar unha conexión coa rede corporativa da Xunta de Galicia vía internet. O hardware de comunicación que posibilite a conexión á rede corporativa da Xunta de Galicia terá que cumprir os estándares definidos polo organismo xestor da dita rede.

d) Dispoñer dun ordenador persoal con protocolo TCP/IP. A conexión do ordenador á rede corporativa da Xunta de Galicia deberá ser exclusiva. Unha vez establecida esta, non se poderá acceder a través doutras canles de comunicación por elementos situados en redes alleas á propia entidade. A entidade para o seu acceso vía Internet deberá dispor dunha IP fixa. Tanto o software de base instalado como as características do hardware da estación de traballo deberán posibilitar o correcto funcionamento da aplicación informática cliente do Servizo Público de Emprego de Galicia.

e) Dispoñer de acceso a internet e correo electrónico e aplicar medidas de seguridade de nivel medio no tratamento da información de carácter persoal; as entidades que teñan acceso a datos de nivel alto deberán contar coas medidas de seguridade acordes á información que tratan. Ademais, deberase contar con software antivirus debidamente actualizado e con mantemento periódico en todas as estacións de traballo que teñan acceso á rede corporativa da Xunta de Galicia.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades que incorran nalgunha das prohibicións que establece o artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Presentación de solicitudes.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

Forma parte de cada solicitude a declaración responsable que se contén nela e que fai constar os aspectos seguintes:

a) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, incluído o de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

b) O cumprimento dos requisitos exixidos no artigo 2.2 desta orde.

c) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

d) A veracidade da documentación presentada xunto coa solicitude así como aquela que a entidade solicitante se obriga a presentar ante a Dirección Xeral de Formación e Colocación, logo de petición, e a documentación acreditativa dos puntos a que se refire a presente declaración responsable.

Documentación que se debe presentar.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo II, en que se recollen as accións e medidas realizadas pola entidade con relevancia para a aplicación dos criterios de valoración establecidos no artigo 12.3.

b) Anexo III, no que se recollerá información para cada un dos postos que foron financiados no exercicio anterior. Deberán presentar este anexo todas as entidades que fosen beneficiarias de subvención na convocatoria 2020.

As entidades que ao 31 de decembro de 2020 tivesen vixentes servizos de orientación subvencionados ao abeiro da convocatoria anterior poderán solicitar o mantemento provisional do servizo mentres non se resolva a convocatoria de axudas.

No caso de que os ditos servizos anteriores finalicen antes da presentación da solicitude de axuda para 2021, a petición de mantemento provisional acompañarase da información recollida na ficha que figura como anexo III desta orde. Para o resto dos casos, o mantemento provisional considerarase solicitado unha vez presentada a solicitude das axudas na modalidade de mantemento de servizo.

O Servizo de Orientación Laboral autorizará provisionalmente os servizos e non poderán exceder dos vixentes na data citada nin dos que se soliciten con cargo a esta convocatoria.

Esta autorización provisional non xerará dereitos de cara á resolución desta convocatoria de axudas, polo que se a entidade non resulta beneficiaria delas, en todo ou en parte dos servizos solicitados, entenderase revogada a autorización para o seu desempeño e non se xerarán dereitos económicos polos servizos prestados durante o tempo transcorrido desde a data de finalización do período subvencionado anterior.

c) Documentación acreditativa de representación legal para asinar a solicitude, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolucións, mandato, certificado expedido pola persoa que teña atribuídas as funcións de secretaría ou acta onde se determine a dita representación.

d) Só para o caso das entidades previstas no artigo 2.1 b), c) e d) desta orde, documento constitutivo e dos estatutos da entidade, onde conste que dispón de personalidade xurídica e carece de fins lucrativos.

e) Para o caso de agrupacións de concellos baixo calquera modalidade: convenio de colaboración e memoria explicativa, se é o caso, da prestación conxunta do servizo de orientación laboral con indicación das achegas económicas ou doutra índole dos concellos agrupados, o importe da subvención que se vai aplicar a cada un deles, así como o nomeamento da persoa representante ou apoderada única da agrupación, de acordo co exixido no artigo 8.3 in fine da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Coas solicitudes deberán achegarse os documentos ou informacións previstos nesta norma.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– NIF da entidade solicitante.

– DNI/NIE da persoa representante.

– Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT.

– Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día do pagamento das obrigas tributarias coa Atriga.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. Non será precisa a presentación e comprobación dos correspondentes certificados no caso de que a entidade opte por asinar a declaración responsable que ao respecto se contén no anexo I da orde.

Trámites posteriores.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 23 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2021 (DOG nº 27 do 10 de febreiro de 2021).

    • Extracto da Orde do 23 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2021 (DOG nº 27 do 10 de febreiro de 2021).

    • Corrección de erros. Orde do 23 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 202. (DOG nº 32 do 17 de febreiro de 2021).

    • Orde do 15 de outubro de 2021 pola que se realiza unha redistribución entre créditos orzamentarios para a concesión das axudas previstas na Orde do 23 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras da convocatoria pública para a concesión de subvencións co fin de contratar a persoal técnico para realizar actividades de orientación laboral no exercicio 2021 (DOG nº 214 do 8 de novembro de 2021)

    • Resolución do 23 de novembro de 2021, da Dirección Xeral de Formación e Colocación, pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 23 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2021 (DOG nº 232 do 2 de decembro de 2021).

Outros procedementos relacionados

DE500A

Remisión da declaración responsable para o inicio da formación de persoal adestrador en período transitorio (Orde ECD/158/2014)

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

DE500B

Remisión da documentación necesaria para o recoñecemento oficial da formación de persoal adestrador en período transitorio (Orde ECD/158/2014)

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IG402A

Axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (Programa Re-acciona), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027

Prazo aberto: 21/01/2025 09:00 - 17/11/2025 14:00

IN225A

Bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 26/04/2025 00:00 - 26/05/2025 23:59